Viaxes O Lóstregho


Furancho Oficial de Cabañas & Catoira Travels
A partir deste santo día de Nadal do ano 2006 este vai ser o Furancho Oficial da xa célebre axencia de viaxes perralleiros Cabañas & Catoira Travels. Este e-zulo está especialmente deseñado para todos aqueles infelices ós que xa non lles carbura ben o 4 Latas, que xa están cansos de viaxar con AirZambia ou que levan toda a vida facendo auto-stop en carromato. Chegamos a un punto onde a xente moderna quere viaxes modernas, opinións modernas e visións modernas. Pois ben, para estes últimos non é esta páxina. Estes deben ir á páxina da COPE. Neste "fotolog" haberá fotos das nosas viaxes, comentando diferentes aspectos e anécdotas vividas. Recomendaremos lugares e esperamos que todo o mundo o pase ben e teña ganas de repetir a visita.

O meu perfil
 CATEGORÍAS
 FOTOBLOGOTECA
 RECOMENDADOS
 BUSCADOR
 BUSCAR BLOGS GALEGOS
 ARQUIVO
 ANTERIORES

A Historia Interminable
Estiven vendo esta tarde en Paramount Channel unha película que me parece que non vira, a pesar de ter os seus anos.

Trátase de "A historia interminable", que xa é do ano 1984. A canción principal da película, creo que composta por Giorgio Moroder e cantada por un tal Limahl, sempre me pareceu chulísima, e lembro ter lido a novela do alemán Michael Ende e que me gustara moitísimo. Por desgraza, o libro non era meu, e non o teño, pero lembro que a cor da tinta era verde ou vermella dependendo de se a acción transcorría no mundo real ou en Fantasía.

Pois estívena vendo, e quitando o feito de que xusto a continuación botaban a 2º parte da película, pero xa con outros actores e equipo técnico, a película está ben, pero vaia, non é para botar foguetes, eu creo que o libro transmitía moito máis (ou sexa, o que pasa case sempre).

Igual que o outro día vin "Excalibur", case da mesma época, e deume a impresión de que era unha película totalmente británica, dame que esta debía ser basicamente alemá. Ningún dos actores e actrices se fixeron famosos mundialmente, no equipo técnico moitos nomes alemáns, Michael Ende eran alemán. Estou comezando a pensar que a comezos dos 80 moitos países europeos intentaron facer superproducións que competiran con Hollywood.

Saúdos.


Comentarios (0) - Categoría: Xeral - Publicado o 22-08-2013 18:58
# Ligazón permanente a este artigo
Monólogo de Víctor Grande
Por fin conseguín ver un espectáculo completo do amigo Víctor Grande. Ata agora só vira participacións conxuntas en galas con outros humoristas, de presentador, etc.

Pasamos unha boa noite coas súas cancións tan satíricas, e incluso rematou cun truco de maxia, porque parece que está asistindo a clases. Polo que me dixeron hai pouco, parece que saíu no programa do tonto de Risto Mejide, e parece que lle gustou moito, e non sei se iso hai que tomalo como unha loubanza ou todo o contrario.

O único punto negro da actuación foi unha espectadora que tiña moita ansia de protagonismo, pero que por sorte Víctor foi poñéndoa no seu sitio, sobre todo na segunda parte do espectáculo. E seguro que na súa casa se crerá graciosa, pero a verdade é que as caras e comentarios que se ouviron sobre ela non eran do máis favorables.

Saúdos.


Comentarios (0) - Categoría: Xeral - Publicado o 22-08-2013 18:45
# Ligazón permanente a este artigo
Viñetas dende o Atlántico 2013
Aínda que non estaba durante a semana oficial de celebración do mesmo, un ano máis, fun ver as exposicións de cómics que xiran en torno a el, xa que duran todo o mes.

Nos espazos habituais, ou sexa, no Concello, en Durán Loriga, en Palexco e no Quiosco Alfonso estiven vendo diferentes exposicións sobre autores, escolas, grupos de debuxantes de diferentes partes do mundo.

Deste ano, as que máis me gustaron foron as exposicións de Max e a de Jan, o creador de Superlópez, personaxe que coñezo pouco pero que ten moi boa pinta.

Aínda quedan varias semanas para velos.

Saúdos.
Comentarios (0) - Categoría: Xeral - Publicado o 22-08-2013 18:41
# Ligazón permanente a este artigo
Excalibur
Onte aproveitei, xa que no verán hai máis tempo dispoñible, para ver de novo no Paramount Channel unha vella película que ten unha certa aureola mítica: "Excalibur".

Rodada en 1981 e dirixida por John Boorman, a min onte deume a impresión de que a película envelleceu mal. Os efectos cantan moito, as loitas non están moi ben rodadas, etc. Eu vina porque o mito artúrico paréceme chulísimo (moitas historias que veñen dos tempos antigos son tan ricas que ningunha moderna foi capaz de superalas), pero deume esa amarga impresión.

Por outra banda, chamoume a atención que a maioría dos actores e actrices participantes non chegaron ao estrellato, cando seguramente pensábase que sería así.

Comezando por Nigel Terry, que fai de Rei Arturo, e que non me soa ter visto máis. Estiven mirando na IMDB e os únicos catro actores que despois tiveron algo de fama foron:

- Helen Mirren, que aquí fai de Morgana.

- Gabriel Byrne, que aquí fai de Uther Pendragon, o pai de Arturo.

- Liam Neeson, que aquí fai de Gawain, un secundario cun momento estelar na película, cando pon en dúbida a honorabilidade da raíña Xenebra.

- E Patrick Stewart, o capitán da nave de Star Trek, que aquí fai do pai de Xenebra.

Saúdos.


Comentarios (0) - Categoría: Xeral - Publicado o 19-08-2013 17:04
# Ligazón permanente a este artigo
Preparando o aPorto 2013
Despois da magnífica experiencia do ano pasado, este ano volvemos a aPorto, o curso de portugués para galegos (aí tedes o video promocional deste ano, onde incluso aparezo eu, non teño eu moi claro que esa sexa unha boa técnica de marketing, pero...).

Para prepararme, deime un atracón de portugués nos últimos días:

- Lin a novela (eles din "romance") "A cidade e as serras", de Eça de Queirós, recomendada por unha das profesoras do ano pasado.

- Lin o libro "101 falares con jeito", de Fernando Vasquez Corredoira, editado por Através, a editora da AGAL (Associaçom Galega da Língua).

- E estou a ler "Do Ñ para o NH", de Valentim R. Fagim, ex-presidente da AGAL.

A ver se chego alí cun bo ritmo de competición.

Saúdos.


Comentarios (0) - Categoría: Xeral - Publicado o 19-08-2013 16:48
# Ligazón permanente a este artigo
Novo micro-teatro en La Tuerka 27
O outro día fomos a unha nova quenda de micro-teatro na Tuerka 27. As obras, na orde de visionado, foron:

- Cornixa do 27: en castelán, con Jandro Darriba e Lucía Veiga. Continuación de "Piso 57", onde un suicida atopábase cunha inspectora de policía camuflada nun estraño lugar, pois esta vai do mesmo. Unha persoa que semella vai suicidarse dende a cornisa dun piso elevado dun rañaceos, atópase alí cunha estraña personaxe que lle fai dubidar de moitas cousas. Final sorprendente.

- Unha historia de chuvia nos cristais: en galego, con Xoán Carlos Mejuto e Paco Alvarellos. Dous homes atópanse nunha sala de espera (pero non está nada claro que esperan) e cóntanse parte das súas vidas, mentres intentan aclarar se terán que esperar moito máis para seren atendidos.

- O xogo do capitán: en galego, con Alberto da Sinda e Miguel Biurrun. Angustiosa obra, case a escuras, que fala de dous polisóns nun barco.

- Catro estacións: en galego, con Xosé Leis e Marita Martínez. Unha parella, que levan xa uns cantos anos de matrimonio, teñen que inventar retorcidas historias, para seguir mantendo a súa tensión sexual.

Saúdos.
Comentarios (0) - Categoría: Xeral - Publicado o 19-08-2013 16:42
# Ligazón permanente a este artigo
Viaxes O Lóstregho en Berlín

Viaxes O Lóstregho (na súa configuración actual) xa voltou exitosamente da súa recente expedición a Berlín (voando dende Bilbao).

Neste artigo comentaremos os aspectos básicos da viaxe, de xeito cronolóxico:

- Luns 5: Saímos da Coruña, chegamos a Bilbao sobre as 5 da tarde, e hospedámonos no Hotel Holiday Inn Express Bilbao, que está a 1 km do aeroporto (agora chamado Loiu, non Sondika, algún día explicaremos o cambio de nome). Baixamos ao Botxo a facer un primeiro recoñecemento.

- Martes 6: Pasamos todo o día pateando a cidade de Bilbao, comezando polo barrio de Atxuri e rematando polo de Begoña, e aparcando o coche (para non pagar) no barrio periférico de Txurdinaga, iso permitiunos coñecelo e tamén o máis popular de Santutxu. Eu saquei, só nese día e nesa cidade, 195 fotos, así que algo debe ter.

- Mércores 7: Voamos cedo dende Bilbao-Loiu ata o aeroporto berlinés de Tegel. Chegamos sobre as 12 da mañá. Instalámonos no hotel Best Western, que estaba moi céntrico, no barrio de Spittelmarkt (a 100 metros da parte sur da Illa dos Museos), e despois diso pasamos todo o día e noite dándolle unha primeira inspección a todo o máis importante da cidade (está bastante concentrado e tiñamos bastantes horas).

- Xoves 8:Dedicamos o primeiro día en Berlín á Illa dos Museos. Comezamos visitando pola mañá o Pérgamon (co Altar de Pérgamo, a porta do mercado de Mileto, e a porta de Ishtar-Babilonia) e o Neues Museum (onde destaca o famoso busto de Nefertiti). Despois de xantar caeron o Altes Museum (antigüedades gregas, etruscas e romanas) e a Alte National Galerie (pintura principalmente alemá do século XIX), que xa non nos deu tempo a ver completo, pero tampouco nos pareceu nada do outro mundo. Quedounos só sen ver o Bode Museum, que se dedica a escultura, arte bizantino e numismática.

- Venres 9: As visitas dese día foron a Torre de Televisión (as mellores vistas da cidade) e o divertido Museo da DDR, que explica como era a vida durante os 40 anos de existencia dese país. Aparte diso, visitamos a zona de Alexanderplatz, Nikolaiviertel, e os atractivos na parte norte da cidade, como a estación central de trens, Prenzlauer-Berg, e a zona do antigo barrio xudeu, onde agora hai casas okupas e os incribles patios do Hackesche Höfe.

- Sábado 10: Este foi un día moi completo. Subimos á cúpula do Reichstag cedo. E despois, visitamos todo o Mitte (a zona central), ou sexa, Unter den Linden, a Illa dos Museos (pero agora os edificios por fóra), Gerdarmenmarkt, e como daba tempo, tamén cubrimos a zona de Potsdamer Platz, e o parque de Tiergarten.

- Domingo 11: Pasamos boa parte do día no mellor museo de pintura de Berlín, a Gemaldegalerie. Despois visitamos o centro neurálxico da antiga Berlín Occidental, ou sexa, Kurfurstendamm, fomos aos xardíns do Palacio de Charlottenburg, e como xa chegamos ao centro de noite, sacamos unhas fotos nocturnas dalgúns dos monumentos emblemáticos.

- Luns 12: Foi o día máis “raro”. Pasámolo no Museo de Checkpoint Charlie (fala do Muro de Berlín) e no Topografie des Terrors (fala dos prolegómenos da II Guerra Mundial en Alemania). Despois púxose a chover, sobre as 8 da tarde, e xa non parou.

- Martes 13: Rematamos o noso periplo por Berlín cun paseo moi longo no que cubrimos as partes da cidade nas que non estivéramos, basicamente Kreuzberg e Friedrichshain. Baixamos primeiro ao Viktoria Park en Kreuzberg (o único monte que vimos en Berlín, e tampouco era para tanto) e despois fomos ao antigo aeroporto de Tempelhof, xigantesco, pechado ao tráfico aéreo en 2008, e que agora as súas pistas son un parque da cidade. Despois fomos visitar varias igrexas en Kreuzberg, e despois baixamos bordeando o río ata o impresionante Memorial Soviético no Parque de Treptow. Despois cruzamos o río Spree e visitamos a East Side Gallery, o fragmento de 1 quilómetro de Muro que foi decorado por graffiteiros de todo o mundo. E despois andivemos por aquel barrio para admirarnos da impresionante Karl-Marx-Allee, a avenida por onde antigamente o exército soviético facía os desfiles e demostracións de forza (ten cerca de 90 metros de anchura).

- Mércores 14: Collemos o avión que nos levou de Berlín-Tegel a Bilbao-Loiu. E pola tarde, tranquilamente, pola cornisa cantábrica, voltamos para A Coruña.

Aparte de todos os tópicos, eu definiría Berlín con dúas palabras: “obras” e “bicicletas”. Hainas por todas partes.

Saúdos.

Comentarios (0) - Categoría: Xeral - Publicado o 19-08-2013 16:32
# Ligazón permanente a este artigo
Novo micro-teatro en La Tuerka 27
Unha quenda máis de catro obras de micro-teatro houbo na Tuerka 27. Comentámolas na orde na que as vimos:

- Apagón: En castelán, a actriz Sara Fandiño escenifica unha opresiva peza, case en absoluta escuridade (coa única luz dunha lanterna, e non sempre), na que conta que está ali encerrada, polo seu "papi", está esperando aos seus "amigos".... que resulta moi enigmática e deprimente.

- No sétimo día: En castelán, Paco Alvarellos e Miguel Manzano representan a que máis me gustou das catro nesta ocasión. Basicamente trata da discusión entre Deus e o seu anxo máis querido (o futuro Satanás) despois da creación do mundo.

- Como Deus: En castelán, Lisi Linder e Alba Messa fan de dúas irmás que levan tempo sen verse, e unha delas non pode perdoarlle á outra que lle quitara o amor da súa vida, e que ademais provocara a súa morte.

- Conectadas: En galego, a máis divertida das catro, fala de dúas compañeiras de piso, e unha está moi preocupada porque a outra está sempre conectada ao móbil e xa non sae da casa.

Saúdos.
Comentarios (0) - Categoría: Xeral - Publicado o 02-08-2013 23:26
# Ligazón permanente a este artigo
© by Abertal