Viaxes O Lóstregho


Furancho Oficial de Cabañas & Catoira Travels
A partir deste santo día de Nadal do ano 2006 este vai ser o Furancho Oficial da xa célebre axencia de viaxes perralleiros Cabañas & Catoira Travels. Este e-zulo está especialmente deseñado para todos aqueles infelices ós que xa non lles carbura ben o 4 Latas, que xa están cansos de viaxar con AirZambia ou que levan toda a vida facendo auto-stop en carromato. Chegamos a un punto onde a xente moderna quere viaxes modernas, opinións modernas e visións modernas. Pois ben, para estes últimos non é esta páxina. Estes deben ir á páxina da COPE. Neste "fotolog" haberá fotos das nosas viaxes, comentando diferentes aspectos e anécdotas vividas. Recomendaremos lugares e esperamos que todo o mundo o pase ben e teña ganas de repetir a visita.

O meu perfil
 CATEGORÍAS
 FOTOBLOGOTECA
 RECOMENDADOS
 BUSCADOR
 BUSCAR BLOGS GALEGOS
 ARQUIVO
 ANTERIORES

Doa e A fronda dos cervos
Onte, nos xardíns de Méndez Núñez da Coruña, puidemos gozar dun concerto do magnífico grupo Doa, facendo de novo a música medieval do disco "A fronda dos cervos" que presentaron o ano pasado.

Botei en falta a presenza de Xaquín Blanco pero, a pesar diso, o grupo resultou tan exitoso coma sempre.

Déixovos co video dunha peza moi coñecida da lírica medieval galego-portuguesa, que eles arranxaron para este último disco.

Saúdos.


Comentarios (0) - Categoría: Xeral - Publicado o 10-08-2012 14:46
# Ligazón permanente a este artigo
Sendeirismo en Carral

Seguindo con esta magnífica xeira sendeirista das últimas semanas, onte fomos facer o Roteiro Mariñán no concello de Carral.

A rota parte da igrexa de Paleo, en cuxo cementerio están os restos dos mártires de Carral. Deben ser algo así como fosas comúns, xa que os fusilados foron uns 14 ou 16 (agora mesmo non lembro a cifra exacta) e tumbas dos mártires só vimos 3.

Baixa a rota cara ao río Barcés, crúzase e prosegue no entorno duns dos seus afluentes, o río Abelleira, tendo como epicentro a magnífica área recreativa da Costa da Égoa, cos seus muíños e a súa casa de turismo rural, a foto é deste lugar.

Tamén pasa pola capela de San Pedro de Rubieiro e a súa área recreativa.

Saúdos.
Comentarios (0) - Categoría: Xeral - Publicado o 10-08-2012 14:43
# Ligazón permanente a este artigo
Viñetas dende o Atlántico 2012
Estiven hoxe visitando as principais exposicións que conforman a edición do 2012 de Viñetas dende o Atlántico.

Como sempre, un bo feixe de personaxe, autores interesantes e de retrospectivas. Por exemplo, Batman, Frank Quitely, Dragon Ball, José Domingo, Rubén Pellejero, etc.

Sempre se descubren autores moi creativos e orixinais, historias moi sorprendentes, que non deixan indiferente.

Unha das que me chamou a atención foi "Aventuras dun oficinista xaponés" de José Domingo. Trata dun gris oficinista xaponés que un día sae de traballar e, de camiño a casa, pásanlle todo tipo de cousas sorprendentes. Do pouco que eu vin, era que no primeiro semáforo, cruzábase con dúas bandas mafiosas que ían en cadanseu coche protagonizando un tiroteo. Escapando diso, pasaba a carón dun chiringuito onde un dos clientes estaba vomitando. E increiblemente, o seu vómito convertíase nun monstro que ía perseguindo a todos os transeúntes. E iso era a primeira páxina.

Tamén había unha antoloxía dos autores e editoriais principais actualmente na BD galega. E entre os moitos bos que hai, serviume para lembrar o fantástico labor de Kiko da Silva e a súa revista Retranca. Moito rin coas súas portadas, como esta que vos poño aquí.

Saúdos.
Comentarios (0) - Categoría: Xeral - Publicado o 08-08-2012 15:50
# Ligazón permanente a este artigo
Sendeirismo en Laxe

Seguimos facendo pequenas escapadas sendeiristas á magnífica Costa da Morte. Hoxe foi o turno de Laxe.

Acompañado de varias persoas que, en certo xeito, teñen alí a súa orixe, fixemos unha pequena pero moi fermosa ruta polo monte da Insua, que é o que está a continuación da vila, e onde se atopa o faro. Simple, dase a volta a esa península, vaise por un lado e vóltase polo outro, non ten máis ciencia, pero xa se atopan aí recunchos dunha grande beleza.

Despois de xantar, visitamos a ermita de Santa Rosa, que preside a vila dende as alturas, fomos á magnífica praia de Soesto, inzada de surfistas de moitas nacionalidades, e rematamos na salvaxe praia de Traba.

A foto é da ermita de Santa Rosa, porque ademais diso, vese moito máis. Pola dereita vese Laxe co seu porto, e pola esquerda o monte da Insua hoxe percorrido e, ao fondo, o impresionante cabo do Roncudo, en Corme.

Saúdos.
Comentarios (0) - Categoría: Xeral - Publicado o 08-08-2012 00:39
# Ligazón permanente a este artigo
Viaxes O Lóstregho na Toscana

Hai varias semanas chegamos dunha das expedicións máis exitosas de Viaxes O Lóstregho. Visitamos o berce do Renacemento, concretamente as cidades de Florencia, Pisa e Siena. A base estaba en Florencia, onde pasamos catro días, e nas outras dúas vilas pasamos un día en cada unha delas, desprazándonos en tren dende o campamento base. A continuación fago unha presentación esquemáticas das nosas visitas.

- Día 1: pasamos un bo feixe de horas visitando a Galería dos Uffizi, un dos mellores museos de pintura e escultura do mundo, e a continuación visitamos o moi cercano Palazzo Vecchio, concello actual e que foi un dos moitos bastións da poderosísima familia dos Médicis. A suntuosidade deste palacio é indescritible. Despois subimos ao magnífico mirador de Piazzale Michelangelo, dende onde sacamos a foto que vedes.

- Día 2: Pola mañá estivemos vendo a Galleria dell' Accademia, outro magnífico museo onde destaca o orixinal do famoso "David" de Michelangelo. Despois de xantar, visitamos o Duomo, subimos á súa Cúpula, o magnífico Baptisterio e o Campanile Giotto, o campanario da catedral. Nesta visita, coas tonterías, subimos (e baixamos) uns 900 escalóns.

- Día 3: fomos a Pisa, de primeiro subimos á célebre Torre Pendente, despois visitamos a maxestosa Catedral (por dentro, moitísimo mellor que a de Florencia, que non ten case nada) e o Baptisterio. Despois demos unha volta pola cidade, na que descubrimos algunha pequena xoia que non esperabamos.

- Día 4: fomos a Siena. Visitamos o Palazzo Pubblico e a súa altísima torre, chamada Torre del Mangia (outras 400 escalóns), e despois tamén a marabillosa catedral e baptisterio. A Siena, cidade con moitísimas costas, non como Pisa e Florencia, que son moi chás, tamén lle demos un bo paseo.

- Día 5: Fomos ao Museo do Bargello, con moi interesantes esculturas principalmente, despois ao convento de San Marco, onde está boa parte da obra de Frá Angélico, que foi monxe alí, e despois ao xigantesco Palazzo Pitti, con outros centos de señoriais salóns con milleiros de obras de arte.

- Día 6: E rematamos visitando as alucinantes capelas mortuorias dos Médici, a aledaña igrexa de San Lorenzo, a igrexa de Santa María Novella (que dá nome á importante estación de tren adxacente) e o colofón final foi a igrexa da Santa Croce, onde din que a Stendhal lle deu o famoso síndrome que leva o seu nome.

Algunhas cousiñas máis que contar. Como xa fixemos noutra ocasión, voamos a Italia dende Santander, e a noite anterior a voar pasámola nun hotel na fermosa localidade de Somo, que se atopa ao outro lado da baía de Santander. Un sitio moi chulo, un bo paseo ata Pedreña nunha tarde magnífica, xa presaxiaba que todo ía saír moi ben.

E rematamos dicindo que estivemos aloxados nun hotel modesto pero moi resultón. É un "bed & breakfast" chamado "Home in Florence", está a 400 metros do Ponte Vecchio, pero está na parte sur do río, que é a máis pequena e a onde pouca xente pasa, a non ser para visitar o Palazzo Pitti, que estaba a 2-3 minutos do noso hotel. Unha relación calidade/prezo fantástica para o lugar.

Saúdos.
Comentarios (0) - Categoría: Xeral - Publicado o 06-08-2012 18:47
# Ligazón permanente a este artigo
OK Corral en Tombstone
Hai uns días merquei un novo televisor pequeno, aínda que nos últimos anos non é que o mire moito. A causa principal era a xubilación do anterior, tras 25 anos de servizo.

E por razóns que non veñen ao caso (pero que xa eran coñecidas por min, faltaría máis) comecei a recibir moitos máis canais que ata ese momento. A maioría deles non valen para nada, pero apareceron varios cos que non contaba, que botan cine clásico, e penso que os vou gozar bastante.

O mesmo día da compra, instalación e configuración, decidín darme o gustazo de ver pola noite unha película nun deses canais, e a experiencia, obviamente, foi máis ca satisfactoria. A ver se me vou reconciliar con ese trebello do carallo!!!

A película elixida recibiu en español o título de "Duelo de titanes". Foi dirixida por John Sturges no ano 1957, e coido que foi das primeiras en reflexar a mítica historia do tiroteo en OK Corral, ás aforas de Tombstone, entre Wyatt Earp (o salvaxe sheriff), os seus irmáns e o xogador John Doc Holliday, contra a banda dos Clanton e outros granxeiros e foraxidos da zona.

Os dous papeis principais foron para Burt Lancaster como Wyatt Earp, que non me gustou demasiado, pareceume moi pouco expresivo (se cadra o seu papel era así); e para Kirk Douglas como Doc Holliday. Este personaxe era moitísimo máis rico, comezando porque era un dentista que nalgún momento da súa vida, por causas descoñecidas, decidiu facerse xogador. E a expresividade de Kirk Douglas, a variedade de rexistros, esa ambigüidade que non sei eu como se entendería no Hollywood dos anos 50. Non era nin bo nin malo, ía por libre.

Saúdos.


Comentarios (0) - Categoría: Xeral - Publicado o 06-08-2012 18:23
# Ligazón permanente a este artigo
Contos completos de Edgar Allan Poe (Volume II)
Xa rematei de ler o segundo volume dos contos completos de Poe en galego, parece que vou collendo velocidade.

Neste volume xa había moitos dos que xa son célebres, como "Descenso ao Maelström", "Eleonora", "O retrato oval", "A mascarada da morte vermella", "O foxo e o péndulo", "O corazón delator", "O gato negro", e os de investigación como "O escaravello de ouro" e os protagonizados polo intelixentísimo Auguste Dupin, "Os crimes da rúa Morgue" e "O misterio de Marie Rogêt".

Aínda así, segue chamándome a atención o afilado humor que ten noutros contos moito menos coñecidos.

Déixovos un vídeo subtitulado da interpretación de Vincent Price de "O corazón delator".

Saúdos.


Comentarios (0) - Categoría: Xeral - Publicado o 06-08-2012 18:13
# Ligazón permanente a este artigo
O convidado de Drácula
A ver se dou explicado cunha certa concisión en que consistía o marabilloso espectáculo que unhas poucas persoas puidemos gozar hai pouco (podía telo feito máis xente, sitio había, pero non foi así).

"O convidado de Drácula" é un relato corto de Bram Stoker (o creador tamén da obra de Drácula, que morreu hai 100 anos). Supostamente sería o primeiro capítulo da célebre obra, pero os editores orixinais optaron por suprimilo.

Nel, un xoven inglés (non se di, pero suponse que é o mesmo que protagoniza "Drácula", Jonathan Harker) vai camiño de Transilvania, onde ten unha cita co Conde, pero para en Munich na noite de Walpurgis. Alí pásanlle varios episodios moi misteriosos, que están a piques de rematar coa súa vida, pero semella que había algo ou alguén que a preservaba.

Na Fundación Luís Seoane levan algún tempo cunha exposición sobre Bram Stoker, co gallo do centenario da súa morte, e Drácula. Pois en varias ocasión, de noite xa ben entrada, fíxose unha leitura dramatizada deste relato a cargo da excelente escritora, cantante, actriz (e moitas máis cousas) Estíbaliz Espinosa, acompañada pola Coral Follas Novas, que interpretou pezas de Prokofiev, Carl Orff ou Fauré.

Alucinante. Recoñezo que non sabía moi ben a que ía, aínda que transmitía moi boas vibracións, e saímos de alí totalmente flipados. Foi no patio da Fundación, facía unha magnífica noite.

Déixovos "In trutina", unha das moitas pezas de "Carmina Burana" de Carl Orff, xa que foi unha das pezas interpretadas neste curioso e orixinal acto.

Saúdos.


Comentarios (0) - Categoría: Xeral - Publicado o 06-08-2012 18:05
# Ligazón permanente a este artigo
Sendeirismo por Malpica, Ponteceso e Corme
Nestes últimos días saímos facer algo de sendeirismo pola Costa da Morte, e non se descarta que repitamos en breves datas.

O primeiro día saímos de Malpica pola costa en dirección oeste, pasando por San Adrián e chegamos á zona de Barizo. O segundo día fomos de Ponteceso a Corme, por unha ruta homologada, a ida foi pola costa e a volta máis polo monte. Os dous días estiveron ben, pero estivo mellor o segundo, sobre todo o tramo de costa que vai de Ponteceso á praia de Balarés, con xunqueiras, o esteiro do río Anllóns, as illas da zona... Déixovos unha foto xusto dese tramo, dende a aba do Monte Branco vese a praia da Barra, que forma o esteiro do río Anllóns e a Illa Tiñosa, na súa desembocadura.

Saúdos.
Comentarios (0) - Categoría: Xeral - Publicado o 06-08-2012 17:45
# Ligazón permanente a este artigo
[1] 2
© by Abertal