Viaxes O Lóstregho


Furancho Oficial de Cabañas & Catoira Travels
A partir deste santo día de Nadal do ano 2006 este vai ser o Furancho Oficial da xa célebre axencia de viaxes perralleiros Cabañas & Catoira Travels. Este e-zulo está especialmente deseñado para todos aqueles infelices ós que xa non lles carbura ben o 4 Latas, que xa están cansos de viaxar con AirZambia ou que levan toda a vida facendo auto-stop en carromato. Chegamos a un punto onde a xente moderna quere viaxes modernas, opinións modernas e visións modernas. Pois ben, para estes últimos non é esta páxina. Estes deben ir á páxina da COPE. Neste "fotolog" haberá fotos das nosas viaxes, comentando diferentes aspectos e anécdotas vividas. Recomendaremos lugares e esperamos que todo o mundo o pase ben e teña ganas de repetir a visita.

O meu perfil
 CATEGORÍAS
 FOTOBLOGOTECA
 RECOMENDADOS
 BUSCADOR
 BUSCAR BLOGS GALEGOS
 ARQUIVO
 ANTERIORES

O mapa do tempo
Acabo de rematar a lectura da que, supoño que será, última obra que lerei no tempo oficial do verán. Agardo poder ler máis aínda que en poucos días xa me incorporarei de novo ao traballo, pero obviamente será máis difícil.

Titúlase "O mapa do tempo" (traducín o título, xa que a novela está en castelán", e foi escrita por Félix J. Palma, e foi editada por Círculo de Lectores (a que teño eu, orixinalmente debeu ser outra).

Xa aviso, antes de nada, que é unha ficción científica que xira en torno a unha máquina do tempo e saltos temporais. Así que a xente que precise aferrarse á realidade tamén na literatura será mellor que non se adentre nesta novela, porque lle vai resultar moi complexo entender as esceas protagonizadas por personaxes de diferentes épocas temporais, esceas nas que algo está sucedendo para unha das persoas, pero para a outra aínda non, etc. É dicir, que a xente que non teña a flexibilidade e cintura mental para aceptar ese tipo de situacións, será mellor que non o intente, porque podería sufrir bastante.

Como a trama é moi complexa, e non quero desvelar moito da mesma, direi o básico. En xeral, a trama transcurre en 1896, un ano despois de que Londres principalmente ficara marabillado coa publicación de "A máquina do tempo", de Herbert George Wells (na foto), que é un dos principais personaxes da novela. E tamén dunha empresa que nese intre di ofrecer viaxes ao futuro, concretamente ao ano 2000.

Aparte duns cantos personaxes de ficción bastante interesantes que se moven na dimensión temporal dun xeito suxerente, tamén aparecen na novela personaxes secundarios que realmente vivían no Londres daquela altura, como Jack o Destripador, Joseph Merrick (O Home Elefante), Henry James e Bram Stoker (famosos escritores).

Pásase moi ben lendo esta novela, pero xa aviso que a complexidade dalgunas esceas e a capacidade do autor para retorcer temporalmente as situacións esixe unha boa concentración para non perderse en determinados momentos.

Saúdos.
Comentarios (0) - Categoría: Xeral - Publicado o 31-08-2012 17:13
# Ligazón permanente a este artigo
Crime perfecto
Seguindo coa fantástica xeira cinéfila que levo en Paramount Channel, onte foi o turno da magnífica "Crime perfecto" de Alfred Hitchcock. Como curiosidade, direi que acabo de enterarme que o título orixinal en inglés foi "Dial M for Murder", cousa moi lóxica xa que a escea do crime (que podedes ver no vídeo) comeza cunha chamada de teléfono na que o primeiro burato no que hai que meter o dedo (estamos nos anos 50) serve para a letra M, N e para un número.

Para os que non o saiban, a película é do ano 1954, e os papeis principais foron representados por Ray Milland e Grace Kelly (que gran perda para o cine que se casara cun membro dunha familia real europea, que mágoa!!).

O caso é que Ray Milland (o marido) descubre que a súa muller (Grace Kelly) ten unha aventura cun amigo seu, que é escritor de novelas policíacas. Cando este vén de visita, o marido planea un minucioso asasinato da súa muller que será levado a cabo por un antigo compañeiro de universidade, ao que estivo espiando. E todo desencadearase cando o marido chame á súa casa por teléfono. Pero a cousa non sae tan ben como estaba previsto e dá un xiro moi curioso que pode acabar nun final semellante, pero en nada parecido.

En definitiva, un guión maxistral (deses xa non se fan, por desgraza), do que non vos vou destripar demasiado, se non a vistes, xa que é un exercicio de virtuosismo, especialmente retorcido e con moitos cabos abertos que propician xiros da trama moi sorprendentes.

Saúdos.


Comentarios (0) - Categoría: Xeral - Publicado o 30-08-2012 15:09
# Ligazón permanente a este artigo
Un lugar no sol
Onte vin en Paramount Channel outro clásico do cine aos que tanto me estou aficionando. Neste caso, foi "Un lugar no sol", dirixida por George Stevens en 1951, e protagonizada por Montgomery Clift, Elizabeth Taylor e Shelley Winters.

A cousa vén sendo que un rapaz chamado George Eastman (M. Clift), humilde e sen recursos consegue un traballo nunha industria debido a que é o sobriño do magnate que a dirixe. Forma parte dunha parte da familia coa que non tiñan moito contacto, pero aínda así, conséguenlle un emprego, pero no nivel máis básico da empresa. Alí coñece a unha compañeira de traballo (S. Winters) coa que comeza a saír, pero en segredo, xa que unha norma interna da empresa prohibe as relacións entre empregados.

O magnate preocúpase pouco por el, e non lle permite entrar no seu círculo social, cousa que a el tampouco lle interesaba, pero aínda así, coñece e queda fascinado (e o contrario tamén, que iso si é máis raro) por unha pija aristócrata chamada Ángela Vickers (E. Taylor, no cumio da súa mítica beleza). Esta relación comeza a avanzar moi ben en paralelo coa outra e, como era previsible, el decántase por esta e non pola súa compañeira de traballo, moito menos rica e agraciada, e que ademais na propia película tamén semella como que existe menos paixón e amor.

Pero claro, as cousas complícanse, debido a que na primeira noite de amor coa súa compañeira de traballo, que empaquetaba bañadores da empresa, deixouna embarazada. Xusto cando recibe esa noticia é cando a relación con Ángela comeza a ir vento en popa e cando lle están permitindo entrar nese círculo social, que el creía vetado. Non sabe como reaccionar e leva a Alice (a compañeira de traballo) a un encantador lago nas montañas que lle ensinara Ángela para afogala. Unha vez alí sufre un terrible tormento interior entre a idea de matala, e a de non facelo, pero o caso é que hai un accidente na barca, ela acaba morrendo e el sálvase de milagre, pero intenta ocultar todo o caso.

Descúbrese o tema, e hai un xuízo onde se intenta esclarecer a verdade. Xa vos destripei bastante a película, polo menos non direi o que acabou pasando.

Ben, a película gustoume un pouco, pero tampouco me apaixou. Nun portal de cine na Internet lin unha crítica terrible que di que é "unha tontería soporífera que levou moitos Oscars e que llos quitou a outros directores e películas moito máis merecedores deles que se facían naqueles anos". Eu non diría tanto, pero creo que algo ou bastante de acordo podo estar. Non sei con que películas competía pero non me parece que a película fora tan fantástica, moi romántica e melodramática, pero non é o xénero que máis me atrae, nin moito menos. E claro, xoga ao seu favor que están Montgomery Clift e Liz Taylor no cumio do seu mito romántico-erótico, así que millóns de espectadores de todos os sexos posibles estarán na súa salsa, pero non é o meu caso.

Saúdos.



Comentarios (0) - Categoría: Xeral - Publicado o 29-08-2012 11:18
# Ligazón permanente a este artigo
CUAC está ante un reto maiúsculo e precisa axuda
CUAC FM está, 16 despois anos do seu nacemento, intentando conseguir a súa licenza, porque é a primeira vez que lle deixan intentalo.

Dende logo, as condicións son moi difíciles, xa que estamos loitando contra xigantes, pero non nos renderemos facilmente.

Para iso precísanse cartos, e creouse en GOTEO, unha das plataformas de crowdfunding (a xente pode donar cartos para as causas que queira apoiar), un proxecto co que podes axudar á emisora.

No enlace que vedes xusto ao pé do artigo explícase todo o tema e o que hai que facer para donar cartos para este interesante proxecto.

Saúdos e moitas grazas.
Proxecto na plataforma de crowdfunding GOTEO
Comentarios (0) - Categoría: Xeral - Publicado o 28-08-2012 00:33
# Ligazón permanente a este artigo
aPorto 2012
Nestes últimos días participei nunha actividade da que me chegaran noticias ao longo deste verán, que apuntaba moi boas maneiras, e que unha vez realizada, podo dicir que incluso mellorou as expectativas que levaba.

Trátase de aPorto, os cursos que as asociacións AGAL e ANDAIME organizan no Porto, e que consisten nun curso de portugués para galegos dunha semana de duración. As clases son pola mañá na FLUP (Facultade de Letras da Universidade de Porto) e polas tardes hai actividades lúdico-culturais organizadas por esta mesma xente, que son tanto ou máis interesantes que as da mañá.

Por comentar algúns aspectos da loxística da viaxe, fomos dende a Coruna a Porto en autobus directo de ALSA (algo caro, pero tranquiliza moito que che solucionen todo o tema do transporte nun só medio e cun só billete). E aloxámonos no Hotel Douro, un hotel de 3 estrelas que está a carón da rotonda da Boavista, entre a parada de autobus onde nos baixabamos e a Facultade onde eran as clases. É un hotel un pouco caro para o que se estila en Porto (e en Portugal, supoño), pero as instalación son fantásticas e estaba moi ben ubicado para esta actividade concreta.

E agora imos co curso. As clases da mañá eran moi levadeiras, de 9:00 a 12:15. Lembrade que o xantar en Portugal é entre as 12:30 e as 14:00, aínda que finalmente as clases sempre remataban sobre as 12:45. O grupo estaba dividido en dous, o noso, de nivel básico, estaba formado por 6 persoas, e o outro, de nivel algo máis avanzado, estaba formado por 7 persoas.

A nosa profesora chamábase Inés (a outra creo que era Joana) e, dende logo, a nosa, era fantástica (da outra tamén me deron moi boas referencias). Facíanos intervir e falar moito (para iso fomos, para aprender e practicar portugués), e aproveitaba calquera situación para, de forma amena, ir introducindo novo léxico, formacións sintácticas, gramática, fonética, etc.

En cada sesión facíamos fonética, trabalinguas, leíamos ou cantabamos poemas, tiñamos que recitar breves poemas que aprendéramos antes, etc., todo de forma moi amena. Foi un curso de lingua nada pesado, ten moito mérito o seu traballo. E, ademais, cada día, había un "tema central" que sempre estaba relacionado coas actividades da tarde. Eses temas centrais foron, por orde: "Portugal de punta a punta" (coñecer as principais cidades), "O teatro", "A literatura", "A música" e "A gastronomía".

Pero para min, que levo anos metido en actividades culturais, o que me resultou alucinante foi o das tardes (non sei se tería ido se fora simplemente un curso de portugués). Paso agora a detallar o que fixemos polas tardes:

- Luns: primeiro unha visita guiada a Porto cun home chamado Pedro Marques que, aparte de ser moi amable e de falar un portugués moi facilmente comprensible para nós, nos tivo catro horas pateando pola cidade descubrindo lugares flipantes. E ao rematar, unha cea con racións e pratos típicos de Portugal nun local autodenominado Tasca-Gourmet. Pataniscas de bacalhau, cenouras á moda do Algarve, feixóns, chourizos picantes, etc. De todo, e en cantidades industriais, e todo por 11 euros.

- Martes: primeiro, unha visita guiada a Serralves, museo de arte contemporánea encravado nun magnífico enclave natural na cidade de Porto. Despois, collemos un barco para unha aldea chamada Afurada, que está na zona de Gaia, ao sur do río, e alí tomamos un magnífico "arroz ao tamboril" (tamboril é como lle chaman ao rape en Portugal). E por último asistimos a unha obra de teatro case para nós, titulada "A fiandeira".

- Mércores: esta foi unha tarde das máis libres, e a única actividade foi unha velada poético-musical na UNICEPE, unha cooperativa libreira de estudantes, que ten unha librería moi céntrica e un moi activo centro cultural.

- Xoves: primeiro asistimos a unha interesantísima charla a cargo dun dos "capitáns de abril" (os capitáns do exército portugués que deron a Revolución dos Cravos do ano 1974), que agora xa é coronel. Despois fomos a un interesante taller sobre música tradicional portuguesa a cargo de Blandino Soares. E para rematar este fantástico día, no mesmo lugar do taller musical, tivemos unha cea con dous pratos africanos: "Cachupa" de Cabo Verde, e "Muamba de galinha" de Angola, cociñados pola gran Filomena.

- Venres: e para rematar o curso, ao mediodía, despois da última clase, fixemos un picnic os alumnos con Inés (a outra profesora non puido vir) e Antonio, o organizador das actividades das tardes. Foi no Palacio de Cristal, un fermoso xardín cerca do centro de Porto. Toda a semana fixera moi bo tempo, pero ese día amenceu gris, foise cubrindo, e xusto cando rematamos o noso xantar, púxose a chover bastante, aguantou xusto o tempo suficiente.

Conclusión: unha experiencia fantástica, que lle recomendo a todo o mundo. Eu intentarei ir o ano que vén, pero xa a un nivel intermedio, para seguir progresando. E espero seguir en contacto con Portugal e a súa lingua e cultura durante este ano, para non perder o moito que avancei.

Saúdos.


Comentarios (0) - Categoría: Xeral - Publicado o 28-08-2012 00:28
# Ligazón permanente a este artigo
In & Out
Pois con este novo costume relacionado co novo televisor que acabo de mercar, algunhas noites, antes de durmir, vexo cine, sobre todo en Paramount Channel e TCM Autor.

O outro día tocou "In & Out", unha película coa que non me facía grandes ilusións, pero que sempre me chamou a atención como podía desenvolverse, xa que o punto de partida resulta simpático.

Para completar a presentación, diremos que foi dirixida por Frank Oz no ano 1997, que foi protagonizada no papel principalísimo por Kevin Kline, pero que está ben secundado por Matt Dillon, que fai poucas aparicións pero estelares, Tom Selleck, Joan Cusack e Debbie Reynolds (a encantadora bailarina de "Bailando baixo a chuvia", non sabía que fixera cine con idade tan avanzada).

Para os que non o saiban, o tema principal da película, que foi o que levaba anos chamándome a atención, consiste en que un novo actor estrela de Hollywood orixinario dun pequeno lugar, recibe un Oscar por facer dun soldado homosexual, e no discurso de agradecemento, fai mención do seu profesor de literatura na escola, en quen se inspirou, ao ser tamén homosexual.

Na vila da que falamos, ninguén o sabía, e ademais ese profesor íase casar uns días máis tarde con outra profesora do mesmo centro. Obviamente, a conmoción na pequena comunidade é total, e comezan todo tipo de desmentidos e comentarios. Aínda que é destripar a película, a situación semella que se reconduce ata que, diante do altar, o profesor recoñece ser gay, cousa que incluso nos sorprende a nós, os espectadores, xa que nada na película parecía indicalo.

É unha comedia bastante lixeira, onde tamén se atopan críticas á industria de Hollywood e, en xeral, á hipocresía social con respecto a temas como a homosexualidade, pero tamén a outros.

Pero chama a atención o tema do homosexualidade, como non podía ser doutro xeito. Tal como acaba a película, parece ser un canto á tolerancia, pero en moitos momentos da película non queda moi claro, xa que parecen tomarse o tema bastante a chirigota (as imaxes da película pola que lle dan o Oscar son algo burlonas). E insisto, o que máis me chamou a atención é cando diante do altar recoñece que, si, finalmente, é gay. Cando parecía estar (na película, polo menos) deixando claro que non o era, e que os que así opinaban o facían influenciados por prexuízos tontos que todos coñecemos.

En definitiva, unha comedia simpática, pero que non pasará á historia do cine, nin moito menos, é que por momentos resulta ata confusa. Se pretendían emitir algún tipo de mensaxe sobre a homosexualidade (ao mellor non o pretendían), ao rematar de ver a película non teño moi claro cal é.

Por certo, non sei se o director ou o guionista comentaron que a idea xurdiu cando Tom Hanks gañou o Oscar por "Philadelphia", e fixo un agradecemento similar. Pensaron: e que pasaría se ese comentario fora falso?

Saúdos.


Comentarios (0) - Categoría: Xeral - Publicado o 27-08-2012 23:53
# Ligazón permanente a este artigo
A vida é bela
Estiven vendo hoxe no Paramount Channel un clásico dos últimos anos que, aínda que soe raro, aínda non vira: "A vida é bela", película italiana na que case todo xira en torno a Roberto Benigni.

Hai que recoñecer que a historia está moi ben, o guión está moi ben tramado, e que transmite un optimismo vital moi interesante. Xa o era no momento no que se fixo a película, a mediados dos 90, non digamos agora.

Pero sobre todo ao comezo da película cansoume un pouco o "pallasismo" do protagonista. Paréceme que segundo avanza a película se vai atenuando (lóxico, xa que está nun campo de concentración).

Casualmente, na última viaxe de Viaxes O Lóstregho, a que fixemos á Toscana o mes pasado, actúa este tipo durante quince días seguidos na praza da Santa Croce. Parece que no país é un auténtico ídolo. A min nunca me chistou demasiado, e se boa parte da súa fama procede desta película, tampouco me estraña demasiado. Por certo, un día que el actuaba, estivemos só escoitando parte da súa actuación, e aínda que non entendíamos case nada, non se escoitaba nin a máis mínima risa. O espectáculo era algo así como "Tutto Dante", e non teño nin idea de se o espectáculo era de humor ou non, pero sendo el supoño que si o sería. En Italia se cadra tampouco están para moita risa.

Déixovos o video da película completa en español.

Saúdos.


Comentarios (0) - Categoría: Xeral - Publicado o 19-08-2012 00:13
# Ligazón permanente a este artigo
Bonnie & Clyde
Estiven vendo en Paramount Channel a versión cinematográfica máis coñecida de "Bonnie & Clyde". Dirixida por Arthur Penn en 1967, e con Faye Dunaway e Warren Beatty nos dous papeis estelares.

Había xa moitos anos que non a veía. E esta vez gustoume menos, semella que a tiña máis mitificada. Non sei, había escenas que me parecía que estaban mal rodadas, e xa non digo as persecucións ou os atracos, senón diálogos entre eles dous onde parecía que faltaban planos ou fotogramas. Tendo iso en conta, a actuación deses dous actores non me gustou demasiado. E no resto dos actores e película, o mesmo, pero eles protagonizaban moito máis ca os outros, como é lóxico.

Resulta curiosa a mitificación que fan os americanos de toda a súa historia, incluída a dos seus delincuentes. Esta banda tiñan un "halo" como de Robin Hood, porque atracaban bancos pero intentaban non perxudicar a traballadores e obreiros, pero tamén atracaban comercios. Tiñan como unha imaxe romántica, pero parece que eran bastante sanguinarios. Din que intentaban non matar a ninguén, pero o caso é que nos seus atracos e persecucións mataron a bastante xente, sobre todo policías, claro.

O seu apoxeo foi breve, entre 1931, cando se coñeceron, e 1934, cando os asasinaron nunha emboscada acordada cos familiares dun membro da banda. Sacábanse fotos que enviaban a prensa, ou sexa, que eran moi descarados. Polo que din, Bonnie colaboraba a nivel loxístico pero non interviña nos tiroteos.

Saúdos.


Comentarios (0) - Categoría: Xeral - Publicado o 15-08-2012 23:44
# Ligazón permanente a este artigo
Contos completos de Edgar Allan Poe (Volume III)
E por fin rematei a lectura do terceiro volume dos Contos completos de Edgar Allan Poe en galego, magníficamente editados por Galaxia.

Neste terceiro volume hai tamén bastantes contos coñecidos (pero creo que no 2ª é onde máis se concentran eses), como "A carta roubada" (outra aventura máis do sagaz Auguste Dupin), "A realidade do caso de M. Valdemar", "A esfinxe" ou "A barrica de amontillado".

De novo me chama a atención a presenza de contos satíricos e moi divertidos e un par deles que falan do seu interese pola paisaxe, e a descrición das súas paisaxes ideais dende o punto de vista poético.

Déixovos un par de videos con dúas das historias máis destacadas deste volume.

Como saberedes, Poe naceu en Boston en 1809 e morreu en Baltimore en 1849, aparentemente alcoholizado. Tivo unha existencia bastante penosa, os seus pais morreron ao pouco de nacer el, foi acollido por un rico industrial, John Allan, que lle deu o apelido pero nunca o adoptou e que axiña o abandonou. Casou cunha curmá cando ela tiña 14 anos, pero ao pouco tempo ela contraeu a tuberculose e morreu desa doenza un par de anos antes ca el. É moi probable que moitas das imaxes tebrosas que transmitíu en moitos dos seus contos teñan orixe na súa terrible vida.

Saúdos.





Comentarios (0) - Categoría: Xeral - Publicado o 15-08-2012 23:28
# Ligazón permanente a este artigo
Galicia caníbal
E para rematar un fantástico día, un grupo de xente moi xeitoso fomos ver o musical "Galicia caníbal", producido por Antón Reixa e dirixido por Quico Cadaval, que recrea a movida galega dos anos 80.

Música fantástica, aínda que iso non sorprendeu a ninguén, interpretada por un grupo de cinco virtuosos músicos que "cravaron" as cancións, unha tras outra, co difícil que debía ser iso xa que eran de grupos diferentes, pero soaban como as orixinais. Tendo en conta que este espectáculo xoga moito coa nostalxia dos que eramos rapaces ou adolescentes daquela, é importante que as cancións soen igual.

En canto á historia, está moi ben. É moi fluída, áxil, divertidísima, pero isto é lóxico se pensamos que os responsables da adaptación teatral foron Quico Cadaval e Evaristo Calvo, dous clásicos da escena cómica galega. Tiñamos todos algo de medo a que o musical fora unha sucesión de cancións exitosas sen moita argamasa entre elas, pero disipáronse axiña.

En definitiva, un espectáculo do máis recomendable, deberíades ir se tedes a posibilidade.

Saúdos.


Comentarios (0) - Categoría: Xeral - Publicado o 10-08-2012 15:04
# Ligazón permanente a este artigo
1 [2]
© by Abertal