Viaxes O Lóstregho


Furancho Oficial de Cabañas & Catoira Travels
A partir deste santo día de Nadal do ano 2006 este vai ser o Furancho Oficial da xa célebre axencia de viaxes perralleiros Cabañas & Catoira Travels. Este e-zulo está especialmente deseñado para todos aqueles infelices ós que xa non lles carbura ben o 4 Latas, que xa están cansos de viaxar con AirZambia ou que levan toda a vida facendo auto-stop en carromato. Chegamos a un punto onde a xente moderna quere viaxes modernas, opinións modernas e visións modernas. Pois ben, para estes últimos non é esta páxina. Estes deben ir á páxina da COPE. Neste "fotolog" haberá fotos das nosas viaxes, comentando diferentes aspectos e anécdotas vividas. Recomendaremos lugares e esperamos que todo o mundo o pase ben e teña ganas de repetir a visita.

O meu perfil
 CATEGORÍAS
 FOTOBLOGOTECA
 RECOMENDADOS
 BUSCADOR
 BUSCAR BLOGS GALEGOS
 ARQUIVO
 ANTERIORES

O medo aos bárbaros, de Tzvetan Todorov
Acabo de ler un moi interesante libro do filósofo francés de orixe búlgara Tzvetan Todorov, que foi Premio Príncipe de Asturias de Ciencias Sociais en 2008.

Titúlase "O medo aos bárbaros", foi editado polo Círculo de Lectores, e presenta as seguintes cinco seccións:

- Primeiro fala sobre os conceptos de barbarie e de civilización.

- Despois fala das identidades colectivas, de todo tipo.

- Despois fala da "guerra dos mundos" e sobre todo da polarización anti-islámica de parte do mundo occidental.

- Despois fala dos problemas de convivencia que xurden coa comunidade musulmá. Expono a través de tres exemplos: o asasinato de Theo Van Gogh, as caricaturas de Mahoma nun xornal danés, e o discurso de Bieito XVI en Ratisbona.

- E por último fala sobre a posible identidade europea, resaltando que o valor principal deste continente é o respecto á diversidade.

Déixovos unha entrevista que atopei na rede e que está traducida ao español. Seguro que con isto xa vos faredes unha idea da altura intelectual deste persoeiro.

Saúdos.


Comentarios (0) - Categoría: Xeral - Publicado o 31-08-2011 19:39
# Ligazón permanente a este artigo
Atraco a las 3
O outro día estiven vendo en "La 2" (para min, con moita diferenza, a mellor cadea de televisíón, polos seus contidos culturais e a ausencia de publicidade) a fantástica película española "Atraco a las 3".

Non sei se algunha vez a vira enteira, é posible, pero seguro que non lembraba toda a trama, pero tampouco ten tantas complicacións, aínda que resulta tremendamente divertida.

Dirixida por José María Forqué no ano 1962 (vaia, véndoa pensei que era anterior, dende logo a imaxe do país era bastante patética) os actores están espléndidos. O guión parece que é de Vicente Coello, Pedro Masó e Rafael Salvia. Como actores, destacan José Luis López Vázquez, Gracita Morales, Cassen, Agustín González, Alfredo Landa e Manuel Alexandre como "atracadores", e noutros papeis Katia Loritz, José Orjas, Manuel Díaz González, Rafaela Aparicio, José María Caffarel, etc.

Para quen non o saiba, trata dun grupo de empregados dunha sucursal bancaria, que enfadados polo cambio de director ("xubilan" a unha persoa cunha gran humanidade e poñen no seu lugar a un tirano burócrata) deciden urdir un plan para atracar a propia sucursal ao estilo dun atraco perfecto.

Saúdos.


Comentarios (0) - Categoría: Xeral - Publicado o 26-08-2011 12:40
# Ligazón permanente a este artigo
Brothers in band
Onte pola noite estiven vendo boa parte da actuación do grupo coruñés Brothers in Band, banda tributo a Dire Straits, na praza de María Pita.

Oíra falar deles e vira parte dalgún concerto seu na cidade, e xa sabía que eran moi bos. Estiveron tocando dúas horas e media e o nivel que amosan é moi aceptable. Obviamente, o máis esixido é o guitarrista e cantante (esixido no primeiro deses dous labores, no segundo menos) Óscar Rosende, que fai un Mark Knopfler moi digno.

Resulta algo emotivo (pero só un pouquiño) ver actuar a un grupo así, porque durante un par de anos na miña adolescencia practicamente non escoitei outra música que non fora a deste grupo, ao que coñecín cando acababa de sacar o disco "Brothers in arms", no ano 1986.

Por certo, esta banda tributo tamén toca algunhas cancións dos discos que sacaron nos 90, cando volveron xuntarse despois de terse separado. Precisamente separáronse algún tempo despois deste disco do ano 86 e, polo tanto, para min é o último "canónico" que sacaron. Os posteriores están moi por debaixo do nivel inicial. Creo que só foron 5 discos en estudio e o fantástico directo "Alchemy", pero son un tesouro abundante. Para min, o mellor grupo desa década, por enriba de U2 e Queen, por exemplo.

Déixovos con dous videos en directo, os dous grupos tocando "Sultans of swing" para que poidades facer comparacións, pero non sexades moi malévolos. Entre outras cousas, porque o vídeo de Dire Straits é o do disco en directo e en formato HD.

Saúdos.






Comentarios (0) - Categoría: Xeral - Publicado o 21-08-2011 13:33
# Ligazón permanente a este artigo
Día da Galiza Mártir
Un ano máis, celebráronse por toda Galicia, a mediados de agosto, diferentes actos de lembranza a Alexandre Bóveda, asasinado polos golpistas fascistas que despois mandaron durante 40 anos (e aínda teñen moito peso neste país) o 17 de agosto de 1936, é dicir, que este ano cumpríanse os 75 anos daquel fatídico acontecemento.

Non hai que deixar de lembralo, basicamente porque aínda existe na nosa sociedade actual moita xente que ten moito poder (e que acaba de conseguir máis nas últimas eleccións municipais) que añora aquela época e ese réxime dictatorial apoiado na violencia e na ignorancia.

Saúdos. Os Mártires da Caeira.
Comentarios (0) - Categoría: Os Mártires da Caeira - Publicado o 20-08-2011 13:32
# Ligazón permanente a este artigo
Viñetas dende o Atlántico

Estiven vendo as exposicións do Salón do Cómic da Coruña "Viñetas dende o Atlántico", que xa está na súa edición número XIV. Casualmente, lembro que ás dúas primeiras edicións non puiden asistir porque xusto coincidíu coas dúas primeiras expedicións de Viaxes O Lóstregho ao norte de Portugal, aínda no século XX. Como pasa o tempo!!!

Do que hai este ano, chamáronme a atención varias cousas, pero sobre todo os debuxos que vin de Blacksad. Soábame o personaxe de telo visto en edicións anteriores por algures, pero pareceume moi boa idea que todos os personaxes da serie teñan a cabeza dun animal, seguramente dando unha idea das súas cualidades persoais.

Saúdos.
Comentarios (0) - Categoría: Xeral - Publicado o 11-08-2011 11:51
# Ligazón permanente a este artigo
En el país de los méritos
Onte fun á presentación dun libro na última xornada da Feira do Libro da Coruña.

Consistía na presentación de "En el país de los méritos" do bo amigo Pedro A. Ramos.

O libro é en papel, como todos, pero a presentación é un espectáculo audiovisual bastante divertido. Por exemplo, neste poema que podedes ver abaixo, proxectábase o vídeo e el mesmo ía recitando os versos. Tamén nos deu unha etiqueta ao entrar, e ía pedindo que algunha persoa do público se achegara ao escenario, cun lector de código de barras leía a súa etiqueta e iso provocaba que o ordenador lanzara un video-poema ou outro.

Saúdos.

Comentarios (0) - Categoría: Xeral - Publicado o 11-08-2011 11:46
# Ligazón permanente a este artigo
Bailarei sobre a túa tumba
Outra novela que lin hoxe, tamén de Biblos, pero neste caso a gañadora da IV Edición Biblos Pazos de Galicia, foi a titulada "Bailarei sobre a túa tumba" de Berta Dávila.

Hai que lembrar que este interesantísimo premio está destinado para novos creadores galegos menores de 25 anos, que cando gañan teñen a posibilidade de pasar un mes na Casa Grande do Bachao (fantástica casa de turismo rural cerca de Santiago) tutelados por un autor ou autora galega de prestixio. Por exemplo, neste caso, o titor foi Agustín Fernández Paz, un privilexio para esta gañadora.

Pero en calquera caso, o currículum gañador de Berta Dávila xa era moi extenso antes deste premio, principalmente en poesía. Mais non hai que negar que para a prosa tamén parece estar moi dotada, tendo en conta que cando escribiu esta obra tiña só 21 anos.

A historia non é moi complexa nin extensa, basicamente trata da vida dun grupo de amigos, centrada principalmente nunha delas, Mercedes, que marcha a estudar Xornalismo a Madrid, e todas as relacións e cambios que hai entre eles debido a iso e a outras cousas.

Pero o máis novedoso é o estilo de narración, con longas frases encadeadas moi fluídas, que lonxe de facer a lectura pesada, conseguen que resulte moi plácida e expresiva, sendo capaz de contar moitas cousas en pouco espazo. Sorprendeume que unha rapaza tan nova fora capaz de escribir xa dese xeito, teoricamente algúns dos grandes autores conségueno cando xa teñen algo de experiencia e traxectoria ás súas costas.

Saúdos.
Comentarios (0) - Categoría: Xeral - Publicado o 04-08-2011 22:08
# Ligazón permanente a este artigo
Medea dos fuxidos e outras pezas
Estiven lendo un volume da colección Mandaio de Biblos Clube de Lectores, no que se compilan seis obras de teatro da autoría do gran Manuel Lourenzo.

A única que aparece co seu título no volume é "Medea dos fuxidos", moi dramática. Pero a min a que máis me gustou, se cadra polo seu tono de utopía-distopía de ciencia-ficción, foi "Memoria da cidade opaca".

En calquera caso, as seis son obras bastante breves e fanse moi levadeiras, con personaxes que teñen un caracter moi marcado a pesar das poucas páxinas que teñen para presentarse.

Saúdos.
Comentarios (0) - Categoría: Xeral - Publicado o 04-08-2011 22:00
# Ligazón permanente a este artigo
Toporgrafías
Tamén na Fundación Luís Seoane da Coruña, pero penso que cun plantexamento moito menos interesante que o de Lois Pereiro, está a exposición "Toporgrafías" que trata sobre a obra do debuxante francés Roland Topor.

Digo o de "menos interesante" porque na exposición non fun quen de saber practicamente nada sobre o autor. Acabo de documentarme en Internet ao chegar á casa. Ningún panel explicativo sobre a súa vida e obra, cousa que penso bastante necesaria, sobre todo falando dun autor tan peculiar coma el.

Polo visto formaba grupo (na exposición menciónase algo diso) con Fernando Arrabal e Alejandro Jodorowski.

Neste video pode verse algo dos seus surrealistas debuxos, e creo que algo do seu cine, que fixo varias películas, pero non é precisamente cine comercial.

Saúdos.


Comentarios (0) - Categoría: Xeral - Publicado o 03-08-2011 22:35
# Ligazón permanente a este artigo
Lois Pereiro
Seguen os homenaxes e as glosas de Lois Pereiro, poeta ao que se lle dedicou o Día das Letras Galegas.

Inaugurouse hai pouco, e estará ata finais de setembro, unha gran mostra sobre a súa obra na Fundación Luís Seoane, que xa teño dito aquí que seguramente é o espazo expositivo que máis me gusta. Seguramente porque non está nada masificado.

Aparte de moito material, paneis, e outras cousas, como habitualmente se fai nesta fundación, hai varios espazos onde se proxectan audiovisuais. E nun deles vese esta interesantísima entrevista que lle fixo Gaioso.

Tamén hai outro audiovisual moi interesante onde se ve o desembarco cultural galaico do ano 1986 na UIMP no Palacio da Magdalena en Santander, con Lois, o seu irmán Xosé Manuel e outros persoeiros da vangarda cultural galega cantando "Galicia, jran carallo de sal" e discutindo cos poetas do sur da península sobre a diferenza entre o atlantismo e o mediterranismo.

Saúdos.


Comentarios (0) - Categoría: Xeral - Publicado o 03-08-2011 22:27
# Ligazón permanente a este artigo
1 [2]
© by Abertal