Viaxes O Lóstregho


Furancho Oficial de Cabañas & Catoira Travels
A partir deste santo día de Nadal do ano 2006 este vai ser o Furancho Oficial da xa célebre axencia de viaxes perralleiros Cabañas & Catoira Travels. Este e-zulo está especialmente deseñado para todos aqueles infelices ós que xa non lles carbura ben o 4 Latas, que xa están cansos de viaxar con AirZambia ou que levan toda a vida facendo auto-stop en carromato. Chegamos a un punto onde a xente moderna quere viaxes modernas, opinións modernas e visións modernas. Pois ben, para estes últimos non é esta páxina. Estes deben ir á páxina da COPE. Neste "fotolog" haberá fotos das nosas viaxes, comentando diferentes aspectos e anécdotas vividas. Recomendaremos lugares e esperamos que todo o mundo o pase ben e teña ganas de repetir a visita.

O meu perfil
 CATEGORÍAS
 FOTOBLOGOTECA
 RECOMENDADOS
 BUSCADOR
 BUSCAR BLOGS GALEGOS
 ARQUIVO
 ANTERIORES

SUDOESTE DE FRANCIA: IPARRALDE e PIRINEOS (día 6)

E chegou o sexto día da viaxe, outro tamén bastante glorioso, aínda que por outras razóns. Como xa dixemos, estaba previsto facer estas visitas o día anterior, pero como íamos estar a bastante altura e o tempo non era bo, e o tempo ía mellorando segundo pasaban os días, decidimos demoralo, e foi moi boa idea.

Basicamente trataba de ir subindo a estacións de esquí e portos de montaña míticos no Tour de Francia. E a visita estrela era a subida en teleféricos ao Pic du Midi (de Bigorre, na crónica de hai varios días xa expliquei a diferenza entre os varios picos de nome similar), onde se atopan unha grande antena, uns observatorios astronómicos e unha marabillosa vista por enriba das nubes.

Comezamos coa subida á estación de esquí de Hautacam. Ben, era bastante cedo, non había unhas vistas moi impresionantes, e o teito de nubes non andaba lonxe.

Despois subimos á estación de esquí de Luz Ardiden. As vistas xa eran algo mellores, pero xa non subimos ata os últimos puntos da estación, porque a brétema xa estaba alí, tocándose. Hai que ter en conta que xa andamos a uns 1700 metros de altura.

Despois viña unha das perlas da viaxe. A subida de 18 quilómetros de lonxitude e 1400 metros de altitude da vertente máis dura do impresionante Col du Tourmalet. Despois baixámolo pola outra vertente, que non é tan dura, aínda que a diferenza é bastante pequena. Hai que ter en conta que cando chegas arriba estás xa a máis de 2100 metros de altura. As vistas xa son abraiantes e, no momento de chegar, a visibilidade era moi ampla.

A continuación baixamos ata a estación de esquí de La Mongie, onde está a estación inferior do teleférico que sube aos observatorios do Pic du Midi, unha experiencia inesquecible. E para que non o esquezas, o billete de teleférico custa 30 euros. Podes subir andando dende o Tourmalet (nós non o sabíamos, enterámonos arriba) pero aínda debe cansar un pedazo, queda para outra ocasión.

Para empezar, diremos que a subida en teleféricos (si, en plural, porque hai que coller dous) non é nada recomendable para xente con vertixe. É unha obviedade, pero incluso os que non teñan vertixe poden pasalo mal. Cando subimos había nubes xa case na estación. Os edificios máis altos da estación xa non tiñan á vista a parte superior. Emociona moito subir nun teleférico do que non ves o final dos cables. Despois de pasar cada torreta, a cabina balanceábase un pouco, o que provocaba algúns suspiros. E cando íamos polos 2300 metros de altitude, chegamos ao final do percorrido do teleférico. Nós, que sabíamos que o pico estaba a case 2900, non entendíamos nada. Ata que nos baixamos e nos fixeron subir a unha segunda cabina. E esta era moito máis divertida. Faltaban por subir 600 metros de desnivel e o pouco que veíamos dos cables (alí a brétema xa era moi mesta) era que saían cara abaixo e xiraban alá adiante cara arriba. De feito, ao comezar este segundo tramo, “caía” un pedazo e comezaba a subir. O máis impresionante deste segundo tramo é que só hai unha torreta intermedia, e está a 50 metros do final. Coa brétema non vimos nada, pero non quero pensar o abismo que debe haber aí debaixo. Para os que teñan vertixe, non sei se é mellor que haxa brétema ou que non a haxa.

E que dicir de chegar a uns 2870 metros de altura, e estar por enriba do mar de nubes. Incluso algunha nube estaba por enriba de nós nalgún intre, tapando algo da antena, por exemplo.

Non sei os compañeiros, pero dende logo eu foi o único momento no que me botei a crema bronceadora, cando estás a tanta altura e por enriba das nubes o sol golpea con moita forza.

Moi interesante o museo astronómico, as vistas dende os diferentes miradores, a vista do Lago Oncet, que está debaixo pero que só se veía ás veces, a impresión de ver as cabinas do teleférico desaparecer na brétema.

Baixamos de novo, xantamos xa moi tarde, e emprendemos a última subida ciclista, o Col d’Aspin, que tamén nos deixou algunhas fermosas vistas.

Obviamente, a foto que vos poño é dende o Pic du Midi, véndose un dos observatorios astronómicos (hai algo así como uns 9 ou 10) sobre o mar de nubes, e algún pico destacando ao fondo.

Saúdos. Viaxes O Lóstregho.
Comentarios (0) - Categoría: Xeral - Publicado o 05-08-2010 00:07
# Ligazón permanente a este artigo
SUDOESTE DE FRANCIA: IPARRALDE e PIRINEOS (día 5)

Este quinto día, xunto co sétimo e último, foi dos máis frouxos da viaxe. Xa o sospeitabamos, iso podía pasar nunha viaxe onde había algúns puntos tan vistosos, ese nivelazo non se pode manter eternamente. Pero tamén haberá que lembrar que aos poucos minutos (case segundos) de saír do hotel cambiamos de plan sobre a marcha. Este quinto día estaba previsto o Tour ciclista pirenaico que veredes no sexto día, pero o ceo estaba tan nublado e as nubes tan baixas, que cando nos decatamos, cambiamos de dirección e fixemos o que estaba previsto para o día seguinte, non tan dependente da climatoloxía e sobre todo das nubes. Dirixímonos para un val que nos quedaba algo lonxe, o val do Alto Garona, que nace no Val d’Arán catalán.

Iso fixo que nos cruzáramos co fermoso castelo medieval de Mauvezin, moi coidado e cunha empalizada de madeiras moi xeitosa, e unhas marabillosas vistas sobre os vales circundantes. Nunca oíramos falar deste sitio, vimos un cartel á saída de Lourdes, e casualmente estaba na estrada que percorríamos. Iso é o que se chama casualidade.

Despois chegou a primeira das visitas previstas: Saint Bertrand de Comminges. Cidade moi antiga, importante na Idade Media, e con considerables restos romanos. O lugar non está mal, pero é que ademais chegamos nun día algo especial. Era xusto o 25 de xullo e alí celebran eses días unha festa medieval. Foi bastante cómico como unha das rapazas vestida á moda medieval e que estaba na entrada (porque cobraban entrada por subir ao pobo, non por aparcar abaixo, curioso), nos convencía en español de que iso se facía un día ao ano, que era unha festa macanuda, que arriba había centos coma estes (sinalando para un grupo de músicos), etc. En definitiva, aquelo tiña pinta de ser a típica convención de perro-flautas e dixemos “por un día non vai pasar nada, padiante”.

E alí estivemos. A catedral non se podía visitar ata pola tarde, a vila non está mal, tampouco había tanta mega-super-festa como dicían, pero que lle imos facer.... Os restos romanos están, pero tampouco é que quede moito.

E marchamos para Bagneres de Luchon. Importante vila termal que se atopa moi cerca da Val d’Arán. É de supoñer que por esta zona se fala o gascón (do outro lado da fronteira chámanlle aranés) e é oficial no val de Arán. A quinta lingua oficial de España. A verdade é que Bagneres tampouco lle quita o hipo a ninguén. Interesantes as termas, a igrexa, as montañas de arredor e pouco máis.

Subimos á estación de esquí de Superbagneres, pero , xa o intuídes?? Obviamente, cuberto de nubes. Na baixada, fixemos unha breve visita ao Val de Lys, ao final do cal había unha fervenza que emocionaría a moita xente pero que a nós deixounos bastante indiferentes. E despois subimos o Col do Pourtillon, e pasamos ao Val d’Arán, concretamente a Bossóst. E dende alí collemos cara ao norte para volver a Lourdes por autopista.

Unha anécdota curiosa é que pensabamos que nos últimos quilómetros de estrada española no Val de Aran habería algunhas gasolineiras, xa que é máis barato o carburante que en Francia. Pero estaban moi mal sinalizadas e non puidemos parar e, como era previsible, unha vez cruzada a fronteira pasaron moitos quilómetros ata que vimos outra.

A foto é da Catedral de Saint Bertrand de Comminges.

Saúdos. Viaxes O Lóstregho.
Comentarios (0) - Categoría: Xeral - Publicado o 04-08-2010 23:35
# Ligazón permanente a este artigo
SUDOESTE DE FRANCIA: IPARRALDE e PIRINEOS (día 4)

E chegou o cuarto día, segundo nos Pirineos, un dos días con sensacións más marabillosas que recordo en moito tempo (vese que somos moi de monte). Estaba previsto este día facer algo de sendeirismo, aínda que só foran un par de rutas cortas, pero productivas. Así se fixo, e o resultado foi dos que non se esquecen.

Pola mañá subimos polo val de Cauterets. Esta é unha vila cunha importante estación de esquí. A partir de alí subimos a un importante punto de excursionismo pirenaico, chamado Pont d’Espagne. Un inmenso aparcamento para varios miles de coches do que parten rutas en todas direccións e con obxectivos moi diversos: vales, cascadas, lagos....

Para empezar, a simple estrada que sube a Pont d’Espagne xa está inzada de fervenzas. É parar o coche nun aparcadoiro máis ou menos formal, e alí aparece unha caída de auga de non sei cantos metros de altura, das que non se ven en todas partes. Podo asegurarvos que cando chegamos a Pont d’Espagne xa descartamos facer unha ruta de cascadas dispoñible porque xa estabamos cheos delas.

Optamos entón pola segunda ruta en preferencia, o lago de Gaube. Na crónica da introducción da viaxe xa vos puxen unha foto dese máxico lugar. Pois nada, unha ruta non moi complicada, o único era que case toda a ruta era de pedra, cousa bastante habitual na montaña, que sempre fai a subida e a baixada algo máis perigosa e lenta, xa que hai que ir bastante atento, as caídas e tropezóns son máis frecuentes e perigosos.

Baixamos a xantar a Cauterets e pola tarde fomos ao que prometía (e non decepcionou) ser unha das visitas máis especiais da viaxe (e se cadra da nosa vida): o Cirque de Gavarnie. Acabo de cambiar o meu fondo de escritorio e puxen a foto que estades vendo (se algúen quere a foto orixinal, con máis resolución, que ma pida), espero que me acompañe durante moito tempo.

Por onde empezar? Para quen non o saiba, un circo (cirque en francés) é algo así como un semicírculo (ou parte dun círculo) de montañas, dunha altura considerable, que forman algo así como un teatro ou anfiteatro. Nos Pirineos hai uns cantos.

Chegar ao de Gavarnie é bastante doado. Tanto, que a aldea de Gavarnie ten os aparcadoiros e leira-parkings “petados” e toda a aldea parece vivir do turismo. Déixase alí o coche e vaise andando durante unha hora, máis ou menos, sen grandes esforzos, ata un hotel que xa ten unha vista privilexiada do lugar. Aínda que en canto chegas ao pobo, as vistas xa son de impresión. A que vos poño na foto é da metade do camiño. E como vedes, o val polo que se pasea é fermosísimo, o camiño é ancho e hai bastante xente (si, esa franxa clara que hai a media altura é a pista que hai que percorrer).

Pero aínda pode irse máis alá do hotel. A partir dalí a cousa complícase un pouco, hai que pasar por enriba duns bloques de xeo e neve que hai enriba do río (tranquilos, pasa todo Dios, non ten perigo, aparentemente) e a pendente xa se incrementa un pouco, aí xa non é tan cómodo.

Dimensións? O camiño faise, máis ou menos, a uns 1500 metros de altitude, e os picos máis altos andan un pouco por enriba dos 3000, así que o circo anda polo quilómetro e medio de altura, que se di axiña, pero cando o ves diante ficas sen palabras. Coido que se distingue bastante ben unha fervenza (hai varias, pero esa é a máis alta de todas e vese dende quilómetros de distancia). Non atopamos o dato exacto, pero por diferentes referencias que atopamos nos paneis informativos, debe andar polos 500 ou 600 metros de altura.

Os compañeiros que ían comigo chegaron algo máis cerca da fervenza ca min, pero podo asegurarvos que a uns 200 metros de distancia xa comezaban a mollarte as gotas da mesma, alucinante. Os que se achegaban máis tiñan que poñer chuvasqueiro.

Moi cerca deste hai outro circo, chamado de Troumouse, que parece que tamén está moi ben, pero non tanto. En primeiro lugar non é tan visitado porque a estrada para achegarse é de peaxe. Descoñezo a razón. Por falta de tempo xa non puidemos visitalo.

Rematou así un dos días máis impresionantes de sendeirismo da nosa vida. Aínda que hai que recoñecer que as dúas rutas son moi asequibles, de feito había bastante xente nas dúas (sobre todo no Cirque de Gavarnie). A ver se temos tantos éxitos coma estes.

Saúdos. Viaxes O Lóstregho.
Comentarios (1) - Categoría: Xeral - Publicado o 04-08-2010 23:01
# Ligazón permanente a este artigo
SUDOESTE DE FRANCIA: IPARRALDE e PIRINEOS (día 3)

Chegado o terceiro día era o momento de deixar a costa e o Pays Basque para meterse de cheo nos Pirineos Franceses, que xa lles tiñamos ganas dende había uns cantos anos.
Había unha serie de vales paralelos entre si e perpendiculares á fronteira, e a idea era visitalos comezando polos máis occidentais e rematando polos máis orientais. Agás algunha excepción debida á meteoroloxía, seguimos ese plan. Como algún dos expedicionarios é ademais grande experto en ciclismo e nos cumios pirenaicos do Tour de Francia, fomos cambiando a traxectoria sobre a marcha cando apareceu algunha sorpresa coa que non contabamos.
Este primeiro día percorremos os dous primeiros vales: o de Aspe e o de Ossau.
O primeiro deles, o val d’Aspe, resultou un dos máis pobres, como xa sospeitábamos. Ningún dos portos importantes está aquí, os pobos non teñen un especial interese, as alturas aínda non marean demasiado. Case poderíamos dicir que os principais atractivos deste val están do lado español. Pódese cruzar polo quilométrico túnel de Somport, e do outro lado está Astún, Candanchú, Canfranc.... Pero como xa o coñecíamos de hai anos (e quen sabe se non voltaremos axiña por alí) e non lle dedicamos moita atención.
Para pasar ao seguinte dos vales, moito máis interesante, tivemos que cruzar un porto de montaña ben interesante. Aínda que non ten grande altura, xa se pasou unhas cantas veces no Tour, e xa aporta algunhas vistas interesantes. É o Col de la Marie Blanque. E na baixada hai outra desas cousas que nos Pirineos e nas altas montañas en xeral quitan a respiración. É habitual que, de cando en vez, aparezan chairas a certa altura que parecen case imposibles máis abaixo, con gando libre, unha herba excepcional, e unhas masas de árbores impresionantes, e rodeadas con outeiros suaves que suben cara aos cumios. Neste porto estaba o Plateau de Bénou (plateau significa “meseta” en francés, entre outras cousas).
Chegamos ao val d’Ossau, iremos rapidiño. En Béon hai unha aula da natureza onde poden verse imaxes en directo dos niños de buitres (hai anos colocaron cámaras nos niños) e a capital do val está en Laruns.
Pero a partir de alí súbese o impresionante Port de Pourtalet, que no lado español chega á estación de Formigal, a vila de Sállent de Gállego, ao val de Tena onde se atopa o desvío para Panticosa.....
As vistas dende o alto, a fronteira, son alucinantes. Para comezar, a moi pouca distancia e sen obstáculos (a non ser as nubes, claro) está o impresionante pico Midi d’Ossau. Nós xa o víramos hai anos cando subíramos á fronteira andando dende a estación de esquí de Astún, e impoñía moito. Dende aquí xa é outra perspectiva, pero tamén impón o seu, aínda que case non puidemos ver o cumio máis que uns segundos, as nubes sempre estaban rondando. Por certo, a altura deste xigante é de 2885 metros.
Haberá que aclarar que nesta zona hai dous picos que reciben o nome de Midi. Son este, o Midi d’Ossau e o Midi de Bigorre. Pero cando se fala do “Pic du Midi” casualmente estanse referindo ao outro, que ten uns poucos metros menos. Estivemos alí un par de días máis tarde.
Tamén pode dicir alguén que as alturas das que falamos tampouco son para tanto, porque os picos máis altos dos Pirineos españois superan os 3400 metros, e non lle faltaría razón. O pico máis alto dos Pirineos franceses é o Vignemale, de 3298 metros, pero non hai demasiados que pasen de tres mil. Dende ese punto de vista os Pirineos españois semellan máis altos. Pero os dous Midis, sendo máis baixos, están situados nuns lugares onde destacan tanto e teñen un porte tan maxestoso que compensan esa falta de altura.
Na subida deste porto de montaña hai algúns “falsos túneles” feitos para que os torrentes pasen por enriba deles e non corten as estradas. En todos eles pon a data de construcción e algúns son moi recentes.
Na baixada fixemos unha breve parada no Lago de Fabrèges. Alí sae un teleférico que chega a unha estación de onde sae un pequeno tren que sube ao Lago de Artouste, a grande altura. Tampouco puidemos chegar a tempo para collelo, e de novo, as nubes cubrían aqueles montes. Nunha foto que sacamos, o último que se veía era estación superior do teleférico.
O lago ao que si puidemos subir foi o de Bious-Artigues, ao que se chegaba por unha empinada estrada. Era artificial (había un muro de contención) pero as paisaxes nestos lugares sempre son de impresión.
E emprendemos o camiño de volta ao hotel, pasando por unha chea de portos de montaña ata Lourdes. O máis importante de todos era o Col d’Aubisque, mítico do Tour, pero xa nin paramos porque había unha brétema tan mesta que non se veía un burro a tres pasos, nin tres burros a un paso. E burros non había, pero vacas e cabalos si, no medio da estrada, así que había que pasar amodiño.

A foto é dende o medio da baixada do Port de Pourtalet, de novo cara ao interior de Francia. É un val, pero lembra a eses “plateaus” da montaña das que falamos antes. O lago que está ao fondo é o de Fabrèges, aquel dende o que saía o teleférico para o tren.....

Saúdos. Viaxes O Lóstregho.
Comentarios (0) - Categoría: Xeral - Publicado o 04-08-2010 22:25
# Ligazón permanente a este artigo
SUDOESTE DE FRANCIA: IPARRALDE e PIRINEOS (día 2)

O segundo día tamén o dedicamos ao Pays Basque, pero nesta ocasión ao interior. A primeira visita, frustrada neste caso, é un tren de montaña que sube a La Rhune, un monte que está a uns 10 quilómetros de Saint Jean de Luz. O monte mide uns 900 metros de altura, e ten unhas moi boas vistas da costa vasca (dos dous lados da fronteira), pero como o día estaba nuboso e tapaba o cumio, decidimos non subir. Non é o único caso de trens que suben a montes nos Pirineos.
A continuación fomos ás covas de Sare. Non teñen unhas grandes formacións xeolóxicas, pero tamén aproveitan para falar do paleolítico, dos antigos habitantes da zona, da orixe do pobo vasco, etc.
Por aquela zona abundan as aldeas pintorescas e fermosas. A primeira que visitamos foi Ainhoa, que ten fama de ser unha das máis bonitas de Francia. Está ben pero perde bastante polo feito de que pasa unha estrada asfaltada polo medio (de feito, boa parte da aldea repártese nas beiras desa estrada) e de que hai coches aparcados en moitos lugares onde non debería.
E a segunda que visitamos, que en principio partía con menos puntuación, gustounos moito máis. Trátase de Espelette. Empezando en que é case toda peonil e que hai aparcamentos grandes e gratuítos nas entradas para fomentar que non entren os coches na vila, aí xa saímos gañando. E se lle sumamos a grande fama dos pementos da vila, e que os poñen a secar ensartados en longas “brochetas” nas fachadas das casas, a verdade é que o efecto queda moi pintoresco. Iso xa o víramos na noite anterior nalgunha casa en Saint Jean de Luz pero non tiñamos nin idea do que era.
Despois collemos camiño da suposta visita estelar da xornada, pero antes paramos para facer unha visita que tamén nos resultou moi agradable, a aldea de Saint Ettiene de Baïgorry. É a capital do val de Baïgorry, xa case en Navarra, onde se fai un viño apreciable. É unha vila non moi grande, pero si bastante longa xa que vai seguindo a estrada, con impoñentes montes ao seu redor, un fermoso río, unha ponte medieval, unhas casas e unhas mansións moi chulas. Preparounos ben para a seguinte e desexada parada.
E chegamos por fin a Saint Jean de Pied de Port (Donibane Garazi en euskera). Cando se fala de facer o Camiño de Santiago na península, algunhas fontes din que pode comezarse en Orreaga/Roncesvalles ou tamén nesta etapa anterior (debe haber uns 15 ou 20 km de distancia). Non sei a razón, non sei se ten algún poder simbólico maior. No medio das dúas, xusto na fronteira (iso si podería ter moito valor simbólico) está Luzaide/Valcarlos, e todo o mundo pasa dela.
O caso é que Donibane Garazi é un sitio bastante chulo. Pasa por alí o río Nive. A vila antiga está subida a un outeiro, conserva toda a muralla (tampouco é que a vila vella sexa moi grande), xusto enriba hai unha cidadela militar, e a zona amurallada ten un evidente toque medieval e está coidada con moito gusto.
Na foto vese a rúa principal (e case única) da zona vella, que baixa cara o río, pasa a carón da igrexa e sae por unha das portas cara a Roncesvalles.
A verdade é que é un sitio ben chulo, pero con tanta xente por ser ano xacobeo, perde algo, claro. Acabo de lembrar que vimos alí unha cousa que me chamou a atención. Unha casa particular que data do ano 1510, é dicir, que está agora cumprindo medio milenio, que se di axiña. Non lembro agora se algunha vez vin algunha casa particular de tal antigüidade que se mantivera en perfecto estado de uso (está ten no baixo unha tenda de arte, non sei o que hai na única pranta enriba pero non dá sensación de abandono, en absoluto). Igrexas e obras públicas si, pero casas da xente.............

Saúdos. Viaxes O Lóstregho.
Comentarios (2) - Categoría: Xeral - Publicado o 04-08-2010 21:48
# Ligazón permanente a este artigo
SUDOESTE DE FRANCIA: IPARRALDE e PIRINEOS (día 1)

Dedicamos o primeiro día da nosa expedición a coñecer a costa do País Vasco Francés. É curiosa esta última denominación. Francia ten fama de ser un país bastante centralista, non fomenta o máis mínimo xa non a autonomía das diferentes zonas, senón as linguas propias como o euskera aquí, o bretón na Bretaña, o occitano no surleste, o gascón (chamado aranés no Val d’Arán e oficial en Catalunya, que diferenza de trato). Pero non me consta que en ningún lugar oficial conste o nome de Pays Basque. Vese en rótulos e carteis, pero non nos oficiais. O mesmo que os nomes en euskera dos lugares nin carteis nesa lingua. Ao departamento que ocupa Iparralde chámanlle, se non lembro mal, Pirineos Atlánticos, e a verdade é que por aquela zona hai montañas, pero tampouco son nada “pirenaicas”, parece como se quixeran ocultar a riqueza histórica e diferencial do lugar.
Pois como dicía, íamos visitar a costa de Iparralde, e a verdade é que a franxa de terreo non é moi extensa, e hai gran densidade de poboación. Poderíamos enumerar, de norte a sur, Bayonne, Anglet, Biarritz, Bidart, Guéthary, Saint Jean de Luz, Ciboure, Socoa, Hendaye.... Pero obviamente, só puidemos visitar varias delas, concretamente Bayonne, Biarritz e Saint Jean de Luz e Ciboure (estas dúas están xuntas).
Antes de nada, comentar que as referencias previas que tiña eran que a mellor de todas era Bayonne (que está considerada a cidade máis vasca da zona), que toda a zona en xeral é bastante burguesa e o nivel de vida é bastante alto. Isto último non me facía moita gracia pero veremos en qué ficou todo.

Comezamos con Bayonne. En primero lugar debe dicirse que Bayonne, Anglet e Biarritz están pegadas, e que polo tanto forman unha “conurbación” chamada BAB duns 110.000 habitantes. Como efectivamente a zona é moi burguesa e non hai moitos edificios de vivendas, case todo son casas unifamiliares e chalets (algúns verdadeiramente impoñentes), esa poboación, que tampouco é tan grande, ocupa unha superficie considerable.
Bayonne é unha cidade chula, está na confluencia de dous ríos, o Adour (o principal, un dos eixos principais da zona), e o seu afluente o Nive, que vén dos Pirineos máis cércanos. Iso divide a cidade en tres zonas: Saint Esprit, a máis pequena ao norte, a Grand Bayonne que é a zona máis vella e máis grande tamén, e a Petit Bayonne que é a zona máis vasca (a zona máis vasca na capital máis vasca do Pays Basque, imaxinádeo). En todo caso, gustoume pero tampouco me marabillou, quedou eclipsada por algunha outra cousa que vimos despois.

A continuación marchamos para Biarritz. Os indicios non eran moi bos, xa que ten fama de ser unha cidade moi “pija”. Imaxinade como será, que foi o primeiro lugar de Europa onde se fixo surf, e alí é case unha relixión. O día era algo malo, estaba cuberto, e durante a comida nunha curiosa crepería aproveitou para chover bastante, tivemos moita sorte niso. Pero mira ti por onde, a min persoalmente, pareceume un lugar chulísimo. Iso si, se obviamos as mansións señoriais (quedan moi ben nas fotos, pero case prefiro non coñecer aos inquilinos) e todo iso. Pero está nun marco natural impresionante. Lembroume algo á praia do Sardinero en Santander, pero algo máis agreste no mar.

Nunha punta ten un faro enriba dun acantilado, que dá unhas vistas marabillosas da vila e do entorno. Na outra punta (aínda queda algo máis de vila para alá, pero este é o centro neurálxico) ten unhas rochas onde puxeron unha imaxe da virxe, con pasarelas para chegar a diferentes rochas, paisaxes de todo tipo. Entre elas varias praias, paseos, pequenos portos pesqueiros, etc.

Insisto, a min gustoume moito, pero centreime en mirar o mar e a fachada marítima, non me interesa demasiado a arquitectura do lugar e moito menos as xentes, cada un é como é.

E rematamos o día en Saint Jean de Luz (Donibane Lohizune), lugar onde xa estivera hai uns 10 ou 12 anos de xeito bastante casual. Recibiunos cunha chuvia intensa que durou tres minutos, e despois xa nos deixou tranquilos. Ten unha praia moi agradable, e é unha vila moi agradable, está ben. A desembocadura do río Nivelle sepáraa de Ciboure, pequena vila que está ao cruzar a ponte sobre o río. Pero penso que non me engaiolou porque ese día quedei fortemente impactado por Biarritz.

Collemos de novo a autopista que o día anterior nos fixera chegar a Lourdes e voltamos para casa xa pola noite.

Obviamente, a foto de hoxe é de Biarritz.

Saúdos. Viaxes O Lóstregho.
Comentarios (0) - Categoría: Xeral - Publicado o 03-08-2010 20:55
# Ligazón permanente a este artigo
SUDOESTE DE FRANCIA: IPARRALDE e PIRINEOS (introducción)

Poderíamos comezar cunha breve explicación de como fixemos o desprazamento ata o sudoeste de Francia, onde nos aloxamos e algunhas cousas máis da operatoria típica de Viaxes O Lóstregho.
En primeiro lugar, poderíamos pensar como é a mellor forma de chegar de Galicia á fronteira de Irún-Hendaye.
Dadas as obras da autovía transcantábrica, moi atrasadas en Galicia, avanzando pero aínda algo lentas en Asturias, era unha boa opción evitar esa parte da costa cantábrica.
Outra posible opción era ir ata Tordesillas, alí coller cara ao norte e unirnos á N-I en Burgos, ata a fronteira. Ademais de darse un gran rodeo, a N-I sempre ten moito tráfico.
Como habitualmente, Viaxes O Lóstregho non fixo nada que se poida considerar convencional e fixemos todo o traxecto por autovía ou autopista, a un bo ritmo, como xa di o noso nome.
Saímos dende Lugo ás 8:30 da mañá. Fomos pola N-VI ata Astorga. Alí collemos a AP-71 que leva ata as aforas de León. Alí enganchámonos uns poucos quilómetros na A-66, que vai de Oviedo a León e que a partir daquel punto marcha para Benavente. Ao pouco tempo, unha vez máis, apareceu a nosa querida A-231, a Autovía do Camiño de Santiago, que cruza o norte de Castela León, de gran trazado e pouco tráfico. Fomos por ela ata a localidade palentina de Osorno La Mayor, onde collemos en dirección norte a A-67 que une Santander con Palencia. Chegamos á algo caótica circunvalación de Santander á altura de Torrelavega, e dende alí xa fomos polas autovías e autopistas da costa norte ata a fronteira. Ao entrar en Francia tiramos polas dúas autopistas concatenadas que levan á zona de Pau, e percorren todo o sur de Francia, e chegamos a Lourdes un pouco antes das 6 da tarde.
Outra posible pregunta é: por que collemos o hotel en Lourdes? Pois basicamente porque é segunda cidade de Francia en número de hoteis (non haberá que dicir cal é a primeira, non si?) e queda bastante céntrica na zona que íamos visitar. Nós preferíamos Pau, pero non puido ser.
Ademais a nosa idea era aloxarnos nun hotel dalgunha das cadeas de hoteis económicos que hai en Francia, pero non poñen moi fácil o de aloxar a tres persoas, pero en Lourdes atopamos un hotel (e unha cadea) que si o contemplan.
E a cadea “premiada” é a Premiere Classe, a gama máis barata de LouvreHotels. Cando chegamos ao hotel preocupámonos un pouco. Meten 3 persoas (cando teñen posibilidade) nas habitacións que teñen habilitadas para minusválidos (que son algo máis amplas). Había tres camas, algo estreitas pero válidas, non había armario nin nada que se lle parecera, e o baño non tiña ningún tipo de barreira arquitectónica, nin portas, nin mamparas, todo eran cortinas. O chan do baño non tiña ningún resalte nin recipiente, pénsamos que inundaríamos todo, pero non, estaba lixeiramente inclinado e cun canal que daba ao desaugue, todo moi ben pensado.
E o prezo, case inigualable en Francia. Os primeiros días custaron 65 euros (sospeitamos que foi pola coincidencia co Tour deses días, estaba o hotel cheo) e os últimos 43. É moi difícil atopar ese prezo en Francia, e case en España.
Varias curiosidades sobre o hotel:
- As habitacións para discapacitados non as tiñan por estar o hotel en Lourdes (supoñemos). Pasamos por diante doutro da mesma cadea en Biarritz e era exactamente igual. Suponse que os hoteis son case prefabricados.
- Na publicidade dicían que o prezo da habitación era para 1, 2 ou 3 persoas, é parece certo. Todas as habitacións son iguais. Se che dan unha das “pequenas”, cóbranche igual por 1 ou 2 persoas. E se pides 3 camas, métenche nunha das reservadas para minusválidos (se está dispoñible, claro), e cóbranche o mesmo prezo.

A volta foi polo mesmo camiño. Así que dedicamos un día á ida, outro á volta, e sete días no medio para visitar a zona.
A miña idea é ir facendo unha crónica de cada día poñendo unha foto representativa. Como houbo un día (especialmente) cunhas visitas tan espectaculares onde resulta tan difícil decidir, ilustrarei esta introducción cunha foto daquel día.
O que vedes na foto é lago de Gaube, nun dos puntos máis fermosos dos Pirineos Franceses. É certo que dá a impresión de que a auga pode estar sucia, pero é simplemente imposible. Debe tratarse dalgún alga ou vexetal que faga ese efecto, porque é un lago a máis de 1700 metros de altura unicamente rodeado de montañas pirenaicas, así que a contaminación ou os verquidos son practicamente imposibles.
Outro día seguimos coa crónica da viaxe.

Saúdos. Viaxes O Lóstregho.
Comentarios (0) - Categoría: Xeral - Publicado o 02-08-2010 18:02
# Ligazón permanente a este artigo
[1] 2
© by Abertal