Viaxes O Lóstregho


Furancho Oficial de Cabañas & Catoira Travels
A partir deste santo día de Nadal do ano 2006 este vai ser o Furancho Oficial da xa célebre axencia de viaxes perralleiros Cabañas & Catoira Travels. Este e-zulo está especialmente deseñado para todos aqueles infelices ós que xa non lles carbura ben o 4 Latas, que xa están cansos de viaxar con AirZambia ou que levan toda a vida facendo auto-stop en carromato. Chegamos a un punto onde a xente moderna quere viaxes modernas, opinións modernas e visións modernas. Pois ben, para estes últimos non é esta páxina. Estes deben ir á páxina da COPE. Neste "fotolog" haberá fotos das nosas viaxes, comentando diferentes aspectos e anécdotas vividas. Recomendaremos lugares e esperamos que todo o mundo o pase ben e teña ganas de repetir a visita.

O meu perfil
 CATEGORÍAS
 FOTOBLOGOTECA
 RECOMENDADOS
 BUSCADOR
 BUSCAR BLOGS GALEGOS
 ARQUIVO
 ANTERIORES

Nova expedición de Viaxes O Lóstregho ao noroeste de Huesca

O venres 19 de agosto de 2010 Viaxes O Lóstregho emprende a súa primeira expedición de PIRINEÍSMO.

Imos situarnos nos tres vales que están máis ao noroeste da provincia de Huesca, os vales de Ansó, Echo e Aragúes, facendo base na vila de Echo.

E dende alí, nunha semana, imos abordar os lugares máis bonitos e espectaculares desa zona: a serra de Alano, a Peña Ezcaurre, o Castelo de Acher, o Bisaurín (cumio da zona con 2.669 metros de altura), os ibones (lagos de montaña) de Estanés e Acherito e algúns outros obxectivos máis.

Como mostra, déixovos unha foto do impresionante Castelo d'Acher, non o máis alto pero seguramente si o pico máis espectacular da zona a explorar.

Saúdos. Viaxes O Lóstregho.
Comentarios (0) - Categoría: Xeral - Publicado o 19-08-2010 11:36
# Ligazón permanente a este artigo
Día da Galiza Mártir
Hoxe, 17 de agosto de 2010, cumpríronse 74 anos do fusilamento de Alexandre Bóveda na Caeira (Poio) a mans dos golpistas.

Como todos os anos, conmemorouse a data cuns discursos e ofrenda floral no lugar onde está o monumento conmemorativo (coido que o lugar exacto onde o fusilaron non é exactamente aí, pero non está lonxe e é complicado chegar agora alí). Foi a última hora da mañá.

A continuación houbo un xantar no Pazo da Cultura de Pontevedra, cunhas 85 persoas, onde se homenaxeaba ás xuventudes do Estatuto do 36, concretamente nas persoas dos catro que aínda seguen vivos: Avelino Pousa Antelo, Isaac Díaz Pardo, Xaime Illa Couto e Francisco Fernández del Riego. Só os dous primeiros puideron asistir (e xa teñen os seus achaques propios da moita idade) mentres que os dous últimos xa nin sequera puideron. Comentaron por alí que entre os catro sumaban 377 anos de vida.

A media tarde houbo unha misa na pequena capela do cemiterio de San Mauro, e a continuación outro discurso de Camilo Nogueira e ofrenda floral no panteón onde está o seu corpo.

E pola tarde (aí xa non puiden asistir) había a última homenaxe do día na Praza de Curros Enríquez, como todos os anos. Penso que ía falar o alcalde de Pontevedra.

O día anterior a Agrupación Cultural Alexandre Bóveda fixera a súa homenaxe en Catro Camiños, na Coruña, onde está o monumento conmemorativo (feito por Pérez Porto) e a carón do paseo que leva o nome do galeguista. E o mesmo día 17, en Oleiros, tamén fixemos outra pequena homenaxe en Oleiros xunto co BNG da localidade e a Asociación Cultural Vieiros.

Saúdos. Os Mártires da Caeira.
Comentarios (0) - Categoría: Os Mártires da Caeira - Publicado o 17-08-2010 23:34
# Ligazón permanente a este artigo
Obabakoak, de Bernardo Atxaga
Pois nada, este verán de 2010 estou facendo moi ben os deberes lectores. Acabo de merendarme nun par de días a célebre "Obabakoak" de Bernardo Atxaga.

Poderíamos falar comezando coa edición, de Faktoría K de Libros, a división de novela estraxeira traducida da excepcional editorial galega Kalandraka. A traducción foi de Ramón Nicolás, dende a edición castelá traducida polo propio Bernardo Atxaga.

Habería que comezar dicindo que tamén é estraña a obra, sobre todo a estrutura. Tamén o dixen dalgunha das últimas que lin, penso que de "A encantadora de Florencia" de Salman Rushdie. Pero a estrañeza neste caso vai por outros camiños, principalmente estrutura, estilos e tamén algo de atmósfera máxica na aldea de Obaba.

Basicamente poderíamos dicir que é un conxunto de contos, case todos ambientados en Obaba, ese lugar imaxinario. Aparentemente son moitos deles inconexos entre sí. Pero en calquera caso moitos deles (non todos, iso é a verdade) son moi atraíntes, máxicos, teñen moita sustancia.

Pódese dicir que ten tres partes:
- A primeira, con catro cantos independentes entre sí, onde xa se contan historias algo curiosas e misteriosas, onde eu destacaría o primeiro, "Esteban Werfell", que xa te sorprende bastante para comezar.
- A segunda parte, onde falan dun habitante de Obaba que vai pasar uns meses a un lugar de Castela, pola zona de Palencia, polo que parece (aínda que tamén será imaxinario, supoño). O lugar chámase Villamediana, e o visitante cóntanos curiosas historias dos seus habitantes e forma de vida.
- A terceira parte, a máis redonda na miña humilde opinión. Ocupa máis da metade da obra (máis de 200 páxinas nesta edición) e é un prodixio de fluidez, versatilidade e cambio de estilo. Son uns 20 contos, unidos por un curioso fío conductor. Basicamente un home recibe unha ampliación dunha antiga fotografía onde aparece con todos os seus compañeiros de escola. A partir dun detalle que só foi capaz de ver coa foto ampliada, comeza a facer unha investigación informal, que lle "obriga" a volver a Obaba, e visitar ao seu tío, teórico da literatura co que periódicamente mantén debates e amenas xornadas sobre ese tema. Iso provoca a creación e relato dunha serie de contos, moi variados, ambientados en todo tipo de lugares e épocas diferentes, que lle dan un encanto especial ao libro.

Si, entendo. Seguramente os que esteades lendo esta terceira parte non entendades como un argumento aparentemento tan estraño, absurdo e estúpido pode dar tanto de sí. Pero podo asegurarvos que as sorpresas son continuas e a estrutura interna desa extensa terceira parte é complexísima. Pero é tan fluída e amena a súa lectura que raramente decepciona.

A conclusión está clara, a recomendación para lelo é urxente.

Déixovos cun trailer da película que fixo Montxo Armendáriz no ano 2005 baseada nesta obra, que nin me imaxino como pode ser. Teño moitas ganas de vela, a ver como mesturou as historias de toda estraña aldea.

Saúdos.


Comentarios (0) - Categoría: Xeral - Publicado o 17-08-2010 00:25
# Ligazón permanente a este artigo
Monte Louro, de Luís Rei Núñez
Seguindo con este empeño que me entrou nos últimos tempos de merendarme novelas longas que tiña por casa, acabo de rematar "Monte Louro" de Luís Rei Núñez, que gañou o Premio Blanco Amor no ano 2009, e que tiña case 700 páxinas.

Antes de nada a miña valoración: Non está mal, pero por momentos, sobre todo ao principio, fíxoseme algo pesada, e paréceme algo longa de máis. Se cadra hai partes onde se extendeu demasiado e outras onde aínda podería ter detallado algo máis. Pero en xeral a valoración é boa. Como pasa sempre con estas novelas longas, vaslle collendo o gusto cando vas avanzando e ves como encaixan as pezas que ao comezo semellaban inconexas. A ver se agora consigo explicar a trama, sen extenderme eu tampouco demasiado.

Basicamente conta a historia dun tipo. Na miña humilde opinión, un perdedor, que se pasou boa parte da súa vida fuxindo, e que só tivo uns poucos anos de felicidade a carón dunha muller, e que tiña unha certa tendencia innata para meterse en problemas, e sobre todo para crealos cando non había ningunha necesidade e a vida parecía querer sorrirlle.

Naceu como Delio en Muros (de aí o título de "Monte Louro" e a constante evocación desa máxica paisaxe), nun diminuto lugar, ao seu pai case non chegou a coñecelo porque tamén fuxiu a EE.UU. por un asunto algo turbio; a súa abnegada e traballadora nai ía malvivindo cunha fráxil saúde mental. Despois dalgún outro episodio turbio de tipo sexual, algún desengano amoroso e uns conflitos cuns rapaces da súa idade que presumían de matóns, marcha da aldea con 16 anos con destino descoñecido.

Vai para Barcelona e cambia de identidade, pasa a chamarse Artemio. A súa vida alí tamén ten luces e sombras, e consegue un traballo como recadeiro nunha emisora de radio da cidade. Cando a cousa parece que podía comezar a ir ben, rexeita unha moi prometedora relación cunha muller guapa e traballadora, e líase cunha vella figura da radio catalá que está casada. O final da historia é bastante tráxico.

Marcha de novo, esta vez para Bos Aires, e cun novo nome: Iago. Alí pasa polos típicos altos e baixos (típicos para todos e máis para el, que acostuma a provocar "baixos" cando comezaba a disfrutar de "altos", debido á súa tendencia innata). Despois de ir sobrevivindo en moitos lugares e traballos, coñece a Inés, a muller da súa vida, e consegue a estabilidade durante algúns anos (non moitos).

O final da novela, que finalmente acaba durando uns cantos anos, está cheo de sucesos relacionados, en parte, co seu denso pasado.

Volve a Muros cando recibe e noticia da morte da súa nai, alí encóntrase con moitos fantasmas do seu pasado, entérase de que tamén morreu o pai do que non souberan nada, tamén lle informan de que fora pai en Barcelona, a súa muller vai a España pensando atoparse con el para coñecer ese estraño pasado que sempre lle ocultara, entra nunha crise que o leva a un manicomio, a súa filla vén algún tempo despois para coñecelo e intentar sacalo do mesmo....

Pois iso, unha historia interesante, con moitos personaxes, moitas tramas entrelazadas, un pasado con moitos recunchos, que colle velocidade segundo avanza.

Saúdos.
Comentarios (0) - Categoría: Xeral - Publicado o 15-08-2010 00:23
# Ligazón permanente a este artigo
O home que amaba os cans, de Leonardo Padura

Nos dous últimos días deime unha moi agradable "paliza" para dar lido un novelón de máis de 600 páxinas. Titúlase "El hombre que amaba a los perros" e o autor é o cubano Leonardo Padura. Que eu lembre, é a novela que máis me gustou nos últimos tempos.

É un complexo relato que narra os últimos anos da vida de Trotski e a traxectoria de Ramón Mercader, o seu asasino, seguindo tres vías:
- Por unha banda, está o relato pormenorizado dos últimos anos da vida de Trotski, unha vez que é expulsado da Unión Soviética, e o seu exilio por Turquía, Francia, Noruega e finalmente México.
- Por outra, cóntase a vida de Ramón Mercader e a súa absorbente nai, Caridad del Río, e como o adestran durante varios anos para levar a cabo o asasinato.
- E a parte máis ficcional debe ser a dun fracasado escritor cubano que, casualmente, paseando por unha praia no inverno, coñece a un vello que ten dous cans dunha peculiar raza rusa, e que lle conta unha engaiolante historia que lle fai pensar en volver a ser escritor.

Maxistral.

Saúdos.
Comentarios (0) - Categoría: Xeral - Publicado o 09-08-2010 13:39
# Ligazón permanente a este artigo
Los Planetas no Noroeste Pop-Rock 2010
Onte rematou o controvertido Noroeste Pop-Rock 2010 na Coruña. Despois de que o Concello dixera que non se podía facer por falta de cartos, e despois de que o concelleiro incompetente que se encarga de organizalo o ano pasado trouxera a Raphael, deixáronlle deseñalo, en parte, á plataforma de seguidores que querían darlle un cambio de rumbo. Tamén deberían cesar aos concelleiros incompetentes que non serven nin para facer o seu traballo.

Foron dous días, con grupos locais e grupos elixidos por un xurado, e dúas estrelas, Loquillo o primeiro día e Los Planetas o segundo.

Eu preferín ir o segundo día, porque Los Planetas é un grupo que non me apaixoa pero me parece moi interesante. E en directo soan bastante ben.

Déixovos cun vídeo dunha das súas cancións máis coñecidas, e na páxina tamén está a letra, ben curiosa.

Saúdos.


Comentarios (0) - Categoría: Xeral - Publicado o 06-08-2010 14:09
# Ligazón permanente a este artigo
Visita ao Centro Internacional da Estampa Contemporánea de Betanzos
O outro día asistín a unha visita guiada ao CIEC de Betanzos xunto con outra xente da Fundación Wenceslao Fernández Flórez.

A estampa é o resultado final do proceso de gravado artístico. Xa nos últimos tempos faláramos alí, na Fundación, dos diferentes métodos de gravado, e xa chegáramos á conclusión de que era bastante complicado.

Pero o outro día, aproveitando os cursos de verán que se fan no CIEC, puidemos comprobalo en persoa. Que cousa máis complexa!!!!

Hai catro tipos de gravados: sobre madeira (xilografía), sobre nailon (serigrafía), sobre pedra (litografía) e sobre metal, cobre ou cinc (gravado calcográfico). Os cursos que están facendo agora son sobre madeira e metal.

Moi interesante a visita, sobre todo para confirmar que as miñas cualidades son absolutamente nulas para esa disciplina, terá que quedar para xente máis capaz.

Saúdos.
Comentarios (0) - Categoría: Xeral - Publicado o 06-08-2010 14:02
# Ligazón permanente a este artigo
A encantadora de Florencia, de Salman Rushdie
A novela que lin nos últimos días é algo-bastante estraña, pero vale moito a pena. Titúlase "A encantadora de Florencia" e o autor é o célebre Salman Rushdie, gran autor que tristemente se fixo famoso pola "fatwa" que decretou contra el o Ayatollah Jomeini a finais dos 80.

Recoñezo que eu aínda non lera nada del, pero as sensacións que me transmitía eran bastante boas, polas temáticas, tramas, etc. Tendo en conta os meus marcados gustos románticos-decimonónicos polas historias ambientadas en países exóticos e en épocas diferentes da que estou vivindo, esta novela tiña todos os boletos para gustarme. A ver se son capaz de explicar, sen desvelar nada importante, a trama desta.

Está ambientada principalmente en Florencia entre os séculos XV e XVI (hai varias historias que tocan a varias xeracións diferentes) e o imperio mogol do século XVI, que tiña a capital en Sikri, cerca da hoxe cidade india de Agra, e que tiña como emperador ao gran Akbar. Como vedes, exotismo non falta.

No século XV en Florencia había tres amigos:
- Os pais dun del morreron da peste e marchou a buscar a vida polo mundo adiante, pero xa deixou claro que non lle importaría chegar a ser un mercenario dos turcos, e estivo ás ordes do mítico Andrea Doria (nas enciclopedias parece un servidor de reis pero na novela píntano como un auténtico pirata, eu non vexo incompatibilidade ningunha). Triunfa e nunha das súas conquistas faise cun curioso botín: unha muller e a súa criada (moi parecida a ela) que son as mulleres máis fermosas coñecidas ata aquel intre. Esa muller é a "encantadora de Florencia".
- Outro é un comerciante que non ten a máis mínima intención de saír de Florencia na súa vida, pero nos últimos tempos da súa vida vaise á América recén descuberta coas dúas mulleres antes mencionadas.
- O terceiro queda en Florencia e chega a ter un posto importante no goberno da cidade, pero despois cae en desgracia e retírase ao campo a reflexionar e descansar.

Pois o caso é que un descendente dalgúns dos personaxes mencionados aparece na corte do rei Akbar varias décadas despois e conta a historia deles centrada na imaxe da fermosa muller, e o emperador queda intrigado durante moito tempo, e ese mensaxeiro chega a ter un importante papel na vida da corte mogol.

Penso que deste xeito vaise amosando que a trama e os personaxes son tremendamente ricos. Agora que estaba documentándome para escribir isto acabo de comprobar que as datas coinciden e os personaxes existiron (a maioría deles). Sorpresa final: un dos tres personaxes dos que vos falei é Nicolás Macchiavello, e o curmán doutro deles foi Amérigo Vespucci. Como vedes, historia e ficción mesturadas con mestría.

Saúdos.
Comentarios (0) - Categoría: Xeral - Publicado o 06-08-2010 13:57
# Ligazón permanente a este artigo
Cores do Atlántico, de Socorro Lira
Ao pouco de chegar do sur de Francia, mergulleime nun cruceiro polo Atlántico lusófono.

Actuaba na Coruña a cantante brasileira Socorro Lira (é do estado de Paraiba), e presentaba unha obra que tivo certa sona por estas terras nos últimos tempos. Titúlase "Cores do Atlántico" e é unha versión brasileiro-tropical do cancioneiro medieval galego-portugués.

A min non me chama especialmente a música lusófona, pero a ocasión parecía irrepetible porque o elenco artístico era moi amplo:
- A propia Socorro Lira e a cantante Luanda Cozetti dende o Brasil.
- A cantante Nancy Vieira dende Cabo Verde.
- A gaiteira Teresa Paiva e o cantante Joao Afonso dende Portugal, aínda que este último naceu en Mozambique.
- A cantante Uxía Senlle de Galiza.
- Os músicos brasileiros Sérgio Tannus, Serginho Sales, Paulo Lima e Norton Daielo, maxistrais.

Pois o que dicía, a min esta música non me chama moito pero a ocasión parecía especial, e a fe que o foi, saín moi satisfeito e merquei o libro-disco, que dará grandes alegrías, seguro.

Déixovos cun video dunha das pezas, baseada nunha das poesías máis coñecidas deste célebre cancioneiro.

Saúdos.


Comentarios (0) - Categoría: Xeral - Publicado o 05-08-2010 16:30
# Ligazón permanente a este artigo
SUDOESTE DE FRANCIA: IPARRALDE e PIRINEOS (día 7)

E rematamos a visita con este último día, que tampouco foi dos mellores e onde as paradas foron claramente tres: Lourdes, as grutas de Bétharram e Pau. Ou sexa, a cidade na que durmíramos, que ten algunha cousiña interesante (e moitas outras que non), a cidade de Pau, a máis grande da zona, e as grutas de Bétharram, que están xusto de camiño de unha á outra.

Lourdes. Poderíanse escribir enciclopedias sobre este lugar. Eu non o vou facer, intuíde a miña opinión sobre o mesmo. Pasa o río de Pau por alí, dá lugar a algunhas paisaxes interesantes. O lugar onde está a famosa basílica está moi ben acondicionado e coidado, non está mal. Outra cousa é o que se ve alí. Aparte diso, ten algunha igrexa xeitosiña, como a parroquial, un concello ben chulo (lembroume algunha obra de Gaudí) e un impoñente castelo no alto, convertido en museo etnográfico dos Pirineos.

Non están mal as grutas de Bétharram, merecen claramente a visita. Pero hai que recoñecer que os franceses son algo fantasmas para algunhas cousas. Como as grutas son bastante longas, o aparcadoiro está na saída da gruta, e lévanche eles en autobús á entrada. Por algunha razón que descoñezo, non te cobran antes de subir ao autobús, senón ao chegar á entrada, despois dese traxecto colectivo.

Hai un longo percorrido a pé pola gruta, sobre todo hai unha grande sala que dá moito de si e que ten moitas formacións xeolóxicas moi interesantes. Despois de moitas subidas e baixadas, explicacións durante máis dunha hora, chégase a un embarcadeiro. Porque presumen que parte do traxecto é en barca. Pero é todo unha chorrada. O traxecto que se fai sobre a auga debe ser duns 100 metros, a barca (con mascarón de drakkar vikingo) vai sobre uns raíles (si, vense claramente cando te baixas) e creo que hai unha pasarela paralela ao canal pola que se podería ir andando en caso de necesidade. Conclusión: unha pallasada. Ao rematar este tramo “marítimo”, súbese a un pequeno tren destes de feira, que este si, percorre máis dun quilómetro e nalgúns tramos a bastante velocidade.

Tamén diremos que os guías van vestidos cun colorido traxe e levan boina. Diríxense ao público en francés, español e inglés, e hai en moitos puntos gravacións neses tres idiomas. O guía que nos tocou a nós tiña un estraño humor, unha risa bastante contaxiosa e estúpida, e moitos sospeitamos das sustancias que tería inxerido esa mañá.

E rematamos o día en Pau, a cidade máis poboada e importante desta zona que visitamos, que coincide algo co antigo territorio da Gascuña (o que nós coñecemos como Golfo de Vizcaya, os franceses chámano Golfo de Gascuña).

É unha cidade bastante normaliña. Ten un palacio de congresos moi chulo, nun parque, algunhas prazas e igrexas interesantiñas e un castelo moi chulo, que vedes na foto. Tamén poderíamos falar do Museo Bernadotte, dedicado a un xeneral do exército francés de principios do s. XIX que foi nomeado rei de Suecia e Noruega a petición deses dous países, xa que non conseguían resolver o problema da súa sucesión dinástica cos propios do lugar. Os actuais reis de Suecia pertencen a esta “orixinal” dinastía.

E poderíamos rematar co curioso Boulevard dos Pirineos. Dende Pau, na lonxanía, vense os picos dos Pirineos mirando cara ao sur. Toda a avenida que ocupa ese punto cardinal, está elevada sobre as rúas inferiores que están á beira do río, e son un mirador natural sobre a serra, se non hai nubes, claro, que é raro.

Léramos nalgún sitio que alí había a típica mesa de orientación que che indicaba cal era cada pico. Por moito que andabamos non a veíamos en ningures. Cando xa dabamos por desaparecida a mesa, vimos que nalgúns puntos da barandilla había unhas pequenas placas. E o comprendimos. Resulta que na longa barandilla metálica (pode medir facilmente un quilómetro, aínda que non toda está orientada ás montañas) hai unhas muescas e unhas placas que indican o nome dun pico e a súa altura, ou unha vila e distancia á que se atopa. Se alineas a muesca cunha antena que estaba colocada no alto dunha chimenea nunha antiga fábrica á beira do río, atopas no horizonte o lugar indicado na placa metálica. Comodísimo e sinxelo de entender.

E rematou aquí esta fantástica viaxe coa que comezamos a nosa exploración terrestre do país francés (só coñecíamos París ata o momento).

Saúdos e ata a próxima. Viaxes O Lóstregho.

Comentarios (0) - Categoría: Xeral - Publicado o 05-08-2010 00:36
# Ligazón permanente a este artigo
1 [2]
© by Abertal