Viaxes O Lóstregho


Furancho Oficial de Cabañas & Catoira Travels
A partir deste santo día de Nadal do ano 2006 este vai ser o Furancho Oficial da xa célebre axencia de viaxes perralleiros Cabañas & Catoira Travels. Este e-zulo está especialmente deseñado para todos aqueles infelices ós que xa non lles carbura ben o 4 Latas, que xa están cansos de viaxar con AirZambia ou que levan toda a vida facendo auto-stop en carromato. Chegamos a un punto onde a xente moderna quere viaxes modernas, opinións modernas e visións modernas. Pois ben, para estes últimos non é esta páxina. Estes deben ir á páxina da COPE. Neste "fotolog" haberá fotos das nosas viaxes, comentando diferentes aspectos e anécdotas vividas. Recomendaremos lugares e esperamos que todo o mundo o pase ben e teña ganas de repetir a visita.

O meu perfil
 CATEGORÍAS
 FOTOBLOGOTECA
 RECOMENDADOS
 BUSCADOR
 BUSCAR BLOGS GALEGOS
 ARQUIVO
 ANTERIORES

Juan Carlos Moreno Cabrera
Ola.

Sen que sirva de precedente, imos poñer aquí unha entrevista a unha das persoas (na miña opinión) máis intelixentes, serias e rigorosas que debe quedar polo centro da Península, unha das poucas que quedan xa.

É o lingüísta Juan Carlos Moreno Cabrera, profesor da Universidade Autónoma de Madrid. Na rede poderedes atopar varias conferencias e entrevistas del dos últimos tempos.

Esta que vos poño aquí dura 35 minutos, que ninguén pense que é unha cousa lixeiriña para o verán, non. Iso si, desmonta moi ben os argumentos de todos os estúpidos (políticos ou non) que pululan por Galicia nos últimos tempos. Fala claramente de que o máis perigoso que existe é o nacionalismo lingüístico español. Lembramos, é un señor de Madrid.

Saúdos.

Comentarios (0) - Categoría: Xeral - Publicado o 02-08-2009 16:50
# Ligazón permanente a este artigo
De Simón a Ratzinger
Hoxe linme un libriño publicado pola xa falecido escritor e editor noiés Xosé Agrelo Hermo, fundador da editorial Toxosoutos, que tan excepcional traballo fixo (el) e segue facendo (a editorial) pola divulgación cultural dende o Barbanza.

Non só foi publicado pola súa editorial, senón que el foi o autor, dun ameno repaso a todos os Papas da Igrexa Católica.

Está estruturada de xeito moi sinxelo. Hai un capítulo para cada século. Hai unha breve interrupción dos avatares históricos da Igrexa nese século, a continuación unha pequena ficha cunha breve biografía e gravado, cadro ou fotografía de cada pontífice e, ao final, un cadro onde se repasan os principais fitos históricos en Galicia e no mundo.

Como é de moi doada lectura, levoume unhas poucas horas esta tarde, nas que aprendín moitas cousas. Son moitos séculos de moitos persoeiros, conflitos e batallas que dan para moito.

A listaxe de anécdotas e feitos dá para moito. Sen concretar moito:
- Os primeiros séculos nos que case todos eran perseguidos e asasinados polos emperadores romanos.
- Despois do Edito de Milán de Constantino iso practicamente remata, pero comeza o intento de influencia dos gobernantes na igrexa, e viceversa.
- Nalgúns séculos, como o X, ou o final da Idade Media, coa chegada, por exemplo, dos Borgia, hai un índice de corrupción altísimo.
- As mortes e avatares dalgúns son do máis curioso: un morreu porque lle caeu enriba unha biblioteca (é que os libros sempre foron fatais para a saúde), outro colleu un resfriado o día que o elixiron e morreu dez días despois...
- E despois o fenómeno dos antipapas, que rematou no s. XVI, como proba que era un cargo máis político que outra cousa.

Independentemente das crenzas relixiosas que teña ou non teña cada un, moi interesante este libro.

Por certo, por razóns que descoñezo, ao final veñen as profecías de Malaquías, un "santo" irlandés do s. XI e XII. Se non lin mal, o actual Papa é o último ou penúltimo antes do Derradeiro. Despois del non está claro se chega a fin do mundo ou simplemente a fin da Igrexa tal como a coñecemos. Mira que como teña razón!!!!!!

Saúdos.





Comentarios (0) - Categoría: Xeral - Publicado o 01-08-2009 22:15
# Ligazón permanente a este artigo
[1] 2
© by Abertal