Viaxes O Lóstregho


Furancho Oficial de Cabañas & Catoira Travels
A partir deste santo día de Nadal do ano 2006 este vai ser o Furancho Oficial da xa célebre axencia de viaxes perralleiros Cabañas & Catoira Travels. Este e-zulo está especialmente deseñado para todos aqueles infelices ós que xa non lles carbura ben o 4 Latas, que xa están cansos de viaxar con AirZambia ou que levan toda a vida facendo auto-stop en carromato. Chegamos a un punto onde a xente moderna quere viaxes modernas, opinións modernas e visións modernas. Pois ben, para estes últimos non é esta páxina. Estes deben ir á páxina da COPE. Neste "fotolog" haberá fotos das nosas viaxes, comentando diferentes aspectos e anécdotas vividas. Recomendaremos lugares e esperamos que todo o mundo o pase ben e teña ganas de repetir a visita.

O meu perfil
 CATEGORÍAS
 FOTOBLOGOTECA
 RECOMENDADOS
 BUSCADOR
 BUSCAR BLOGS GALEGOS
 ARQUIVO
 ANTERIORES

Soria e Guadalajara
O martes 18 de agosto a primeira hora da mañá a alineación titular ao completo de Viaxes O Lóstregho parte nunha nova expedición.

Nesta ocasión tócalle o turno á última provincia de Castela-León que ficaba sen explorar (Soria) e a primeira de Castela - A Mancha (Guadalajara). Con estas, se non me saen mal as contas, serán 32 as provincias españolas visitadas con esmero. E todo o Portugal continental foi visitado con bastante detalle (aínda que todo pode mellorarse, claro).

Suponse que estaremos por aquí a finais deste mes (que remedio!!!).

A priori, semella que Soria ten algo máis que ver ca Guadalajara, pero non hai que deixarse levar por esas impresións, despois hai sorpresas.

Na provincia de Soria, ademais da propia capital e vilas como Ágreda, Burgo de Osma, San Esteban de Gormaz, Medinaceli, etc., hai pegadas de dinosaurios, está o Moncayo (limítrofe con Zaragoza, como non se puido subir no seu momento, haberá que subilo agora), os picos de Urbión coa Laguna Negra e as fontes do Douro (na foto), o cañón do río Lobos, as ruínas de Numancia (coido que non queda moito).

Na de Guadalajara, ademais dalgunhas cousas na capital, parece que están ben as vilas de Sigüenza, Atienza e Molina de Aragón. E seguro que atoparemos máis. En canto a perlas naturais, ten boa fama o Parque Natural do Alto Tajo, as serras do noroeste da provincia co monte Ocejón, de máis de 2000 metros, o faial de Tejera Negra, os encaixados vales dos ríos Henares e Jarama, etc.

Pois iso, que non nos imos aburrir. A ver se o calor non nos persegue demasiado.

Vémonos á volta. Saúdos.
Comentarios (1) - Categoría: Xeral - Publicado o 16-08-2009 21:01
# Ligazón permanente a este artigo
Homenaxes a Ánxel Casal e Alexandre Bóveda
Sempre a mediados do mes de agosto algúns rendemos homenaxe a dous dos máis insignes galeguistas da historia, que no convulso 1936 foron asasinados polos golpistas que despois (e un pouco aínda agora, ou será algo máis que un pouco?) mandaron nestes lugares durante longo tempo.

Xa celebramos o de Ánxel Casal, excepcional editor, no cemiterio de San Amaro.

E agora é a quenda de Alexandre Bóveda, economista e ideólogo do nacionalismo da II República, coas dúas homenaxes habituais en Oleiros e na Coruña.

A de Oleiros será o luns 17 de agosto ás 18:00 horas na Praza da Liberdade, en San Pedro de Nós, e contaremos coa colaboración da Asociación Cultural Vieiros, dese concello.

A da Coruña será en Catro Camiños, ao carón do monumento a Alexandre Bóveda, dúas horas máis tarde, ou sexa, ás 20:00 horas, coa colaboración da Concellería de Cultura e a actuación da Orquestra Tumbalobos.

Non debemos esquecer que este mesmo día os actos centrais celébranse en Pontevedra, onde foi fusilado, onde está soterrado, e incluso con presenza de varios membros da súa familia.

Nunca serán suficientes todas as homenaxes que se fagan a estes dous mártires que deixaron a súa vida por Galicia.

Saúdos. Os Mártires da Caeira.
Comentarios (0) - Categoría: Os Mártires da Caeira - Publicado o 16-08-2009 20:51
# Ligazón permanente a este artigo
A aventura de viaxar, de Javier Reverte
Acabo de rematar a lectura dun libro escrito por un deses autores que me engaiola. Ou polo menos, o facía. O que pasa é que cando te gusta moito o primeiro libro que les de alguén, a partir de aí a cousa raramente pode ir a mellor. A sorpresa inicial pérdese e parte do engado desaparece.

Falo de Javier Reverte, célebre polos seus libros de viaxes principalmente. Coido que el pretende tamén ser escritor de novelas e poesías, pero sospeito que nunca caerei nesa rede. Polo menos a da poesía. Polo que parece, as súas novelas están baseadas en persoeiros e problemáticas que foi coñecendo na súa vida de viaxeiro. Pero creo que a realidade supera con moito á ficción, polo menos no mundo que el retrata e que eu desexo coñecer.

Lin a obra "A aventura de viaxar", de hai poucos anos, e onde conta anécdotas de todos os anos que o leva facendo, que non son poucos, porque el xa ten 65 anos. Xa aviso que este artigo vai ser longo, porque fíxome pensar moitas cousas o libro. E eses millóns de lectores case anónimos que se negan a escribir van ter que sufrirme.

Recoñezo que nos primeiros capítulos me cabreei bastante. Independentemente da súa calidade literaria, que a ten, sorprendeume con varias cousas, sobre todo no primeiro capítulo, que me puxeron de moi mala ostia e que derrubaron o mito deste autor. Segundo avanzaba o libro xa foi recuperando o seu lugar pero está claro que cruzou algunhas líneas vermellas que eu non esperaba.

No primeiro capítulo conta como eran as excursións do colexio, que para el foron o mellor momento da súa infancia, xunto coas súas vacacións na serra. O que me molestou nesta parte foi, ao recoñecer que era moi mal alumno e que raramente duraba máis de dous ou tres cursos en cada colexio, que os colexios eran cárceres onde todo se facía mal e ao revés, e que el era un ser que tiña dereito a divertirse e a facer o que lle dera a gana e non aceptaba aquela autoridade nin tiranía.

Xa se me notará que eu traballo no ensino, o obviamente o ensino (en colexios relixiosos, polo que insinúa) no Madrid dos anos 50 non debía ser do máis progresista e ameno que un desexaría, seguro. Pero ese desprezo absoluto por todo ese sector e todo o que significaba non me parece moi lóxico. Sobre todo cando di que dende pequeno tiña claro que quería ser escritor, e que lle gustaría viaxar... Como lle pasaría a todo o mundo, unhas materias gustaríanlle máis que outras, os profesores ou curas que lle tocaran serían moi diferentes entre sí, cuns empatizaría máis que con outros, é lóxico. Pero negar absolutamente todo e dicir que non servía para nada todo o que recibiu alí (algo recibiría, digo eu, a parte de ostias) paréceme unha pose de progre desagradecido que pretende darlle leccións a alguén.

Ao final do capítulo aínda me puxo de peor humor, e eu xa ía quente. Fixeron na familia unha viaxe para ver o mar por primeira vez, que para el foi unha experiencia inesquecible. Tiñan algo de familia no interior da provincia de Pontevedra, e foron visitala, e de paso xa se achegaban ao mar.

Foron a unha aldea chamada Rubiós, do concello de LAS NIEVES (As Neves, parece que en Madrid algúns aínda non se enteraron da toponimia galega). Alí tiñan unha casa e, segundo unha lenda, estaba soterrado un tesouro dun bandido chamado Mariñás. Por esa razón a aquela zona chamábanlle o "Eido do Mariñás". Pois a continuación di, atención: "ALGO QUE SEGURAMENTE IGNORAN HOY LOS HABITANTES DEL PUEBLO". Pero como pode ter collóns a insinuar que EL SI sabe que existe esa lenda e ese topónimo (cando seguramente non volveu alí na súa vida) e pola contra OS QUE VIVEN ALÍ NON se enteraron desa lenda e dese topónimo. Pero que tipo de prepotencia é esa? Que pensa este tío, que os demais son unha manda de ignorantes que están esperando a que chegue el coa súa capacidade para enterarse de todo? Recoñezo que cando lin esta frase xurei en arameo.

E para rematar o conto, uns días máis tarde collen un bus que os leva a Vigo para ver o mar. Pasan por PUENTEAREAS, e chegan a Vigo, báñanse, e beben el e o seu irmán a auga do mar, para comprobar que é salgada. Pero o máis glorioso é cando a continuación glosa o olor do CANTÁBRICO. Joder, un tío tan viaxado coma este dicindo que Vigo está no Cantábrico. Non é para darlle unhas ostias!!! Ben, todas estas perlas no primeiro capítulo.

No segundo conta o seu periplo durante algún tempo (non sei se unha ou dúas semanas) nun cruceiro de luxo de Río de Janeiro a Miami. Comenta que tiña moita curiosidade en facer unha viaxe dese estilo e decide dedicarlle todo un capítulo. O que eu xa non teño tan claro é que a lexión de seguidores dos seus libros teñamos interese nesa aventura. Pero hai que recoñecer que algunha das cousas que conta resulta atraente.

Outra cousa que me enervou dese capítulo é un persoeiro que aparece, que se apodera de moito protagonismo. É unha catalana de nome Francisca, pero que o cambiou por Margot, que tiña moito máis glamour, que se dedica a viaxar dese xeito, a comprar compulsivamente alá onde vai e a visitar os seus amigos e amigas por todo o mundo. Pareceume entender que era viúva dun editor catalán que se fixo de ouro varias décadas atrás. Indescritible. Polo que di o autor, se eu coñecera en persoa a esa señora, resultaríame difícil non intentar matala cada 5 minutos.

A partir de aí o libro xa comeza a coller o nivel que se espera dun autor como este. Hai algún capítulo, como o que relata as súas viaxes cos reis e presidentes do goberno, que deixa ben claro que nesas expedicións ninguén a rasca e que son máis ben competicións de xogo e coctelería. Dos representantes públicos xa o sabíamos, el confirma que no caso dos xornalistas tamén é así.

Un colega que le este blog con avidez pero que se nega a participar activamente díxome que cara ao final o libro vai perdendo calidade. Estou bastante de acordo. Eu achácoo a que comeza a falar das viaxes que decidiu facer para ambientar as súas novelas. Como é propio neste país, vou falar sen saber. Non lin ningunha novela súa, pero sospeito que nunca o vou facer (non por nada persoal, o tempo non dá para tanto) pero dubido bastante que supere aos seus libros de viaxes.

Aclararei este último argumento, xa que o utilicei varias veces. Só lin o seu libro "Los caminos perdidos de África". Creo que é o terceiro dunha triloxía sobre o continente. Ese concretamente percorre os tres países que baña o río Nilo: Etiopía, Sudán e Exipto. Paseino tan ben lendo ese libro, sobre todo o que conta de Etiopía, que supoño que nunca quererei ler ningún outro xénero diferente a este autor. E segundo me dixeron algúns, os outros dous da triloxía son mellores aínda. Para que ler novela ou poesía??

Saúdos.
Comentarios (4) - Categoría: Xeral - Publicado o 13-08-2009 21:25
# Ligazón permanente a este artigo
Viñetas dende o Atlántico 2009
Estiven hoxe vendo as exposicións do Salón do Cómic que se celebra todos os meses de agosto na Coruña, chamado Viñetas dende o Atlántico.

Como a todo o mundo, sempre me chamou moita atención o cómic pero nunca (agás na infancia) lle dediquei moito tempo. Non teño moi claro que o que nós chamabamos "tebeos" (pola revista TBO) poida caer no que agora se ve neste tipo de certames. Si, suponse que vén sendo o mesmo, pero un non ve moitas conexións intelectuais.

Do que estiven vendo atraeume especialmente unha exposición sobre unha obra de Scott McCloud, que fala sobre a forma de entender os cómics. Polas páxinas salteadas que alí vin, semella un manual con exemplos para interpretar mellor os cómics actuais. Ao comezo semellaba dun nivel asequible, sospeito que segundo avanzaba ía subindo. Pareceume ver que debía ter máis de 200 páxinas. Vaia manual!!!

A ver se podo darlle outro paseíño ás casetas, pero coido que este ano tampouco vou mercar nada, apenas teño tempo para ler (aínda que non o pareza no mes de agosto).

Saúdos.
Comentarios (0) - Categoría: Xeral - Publicado o 12-08-2009 18:41
# Ligazón permanente a este artigo
O eloxio da lentitude

Rematei de ler outro libro breve ao que lle tiña ganas dende hai tempo (estou cobrando moitas débedas pendentes este verán, e o que aínda falta).

Trátase do "Elogio de la lentitud", do xornalista anglo-canadiano Carl Honoré, publicado polo Círculo de Lectores. Por algunhas cousas que pón, o libro xa debeu ser escrito hai 5 ou 6 anos, pero debeu ser reeditado hai pouco. Coido que vai tardar moito tempo en perder actualidade.

Básicamente describe o movemento Slow, que está en marcha dende os anos 80, un dos seus puntos máis fortes é en Italia, e que predica que a vida hai que tomala con tranquilidade e que non hai que deixarse levar polas presas continuas ou o estrés que nos impón a vida moderna no mundo occidental. Ou, polo menos, que hai que saber combinalo con outros momentos de máis placidez e menor ritmo e saber controlar o tempo en todo momento.

Estou pensando a cara que poñerá algun/ha que eu sei cando me vexa falar disto, supoñendo que algunha vez se digne a ler este modesto blog.

O libro está ben, pero sen pasarse. Por momentos parece un libro de auto-axuda (coidado con ese abismo), a min non me parece que teña un rigor científico demasiado alto (iso para min é un grave defecto), pero ofrece algúns exemplos interesantes. Pero tamén ofrece outros que non o son tanto. Fala demasiado -para o meu gusto- de disciplinas orientais, tendencias máis ou menos modernas como medicinas alternativas, nas que eu non confío demasiado ou nada e cousas polo estilo.

Cando a receta é ben simple: toma as cousas con máis calma, párate a pensar, non todo é velocidade.

Saúdos.
Comentarios (1) - Categoría: Xeral - Publicado o 10-08-2009 19:02
# Ligazón permanente a este artigo
Monbars o Exterminador
Onte mesmo pola noite rematei de ler unha nova novela. Unha á que lle tiña moitas ganas. Foi "Monbars o Exterminador" de Hixinio Puentes.

Tíñalle moitas ganas porque trataba de piratas, dos míticos, de verdade, dos que estaban na Illa Tartaruga no século XVII.

E tíñalle algunhas máis porque hai pouco, nunha cea, tiven o privilexio de coñecer (por pura casualidade) ao seu autor, Hixinio Puentes. Home con moita cultura mariña e que ademais vive no Barqueiro, un dos lugares de Galicia con máis sabor a mar.

Xa que foron varios os escritores galegos ou portugueses que me fixeron o grandísimo favor de escribir neste blog ao ver reseñas dos seus libros, a ver se temos sorte e Hixinio se engade ao clube.

A novela trata sobre o "retiro" dun sanguinario pirata francés na illa de Jersey, no Canal da Mancha, un lugar que pertence a Inglaterra pero que ten un estatus un tanto peculiar ao estar entre os dous países.

Contrata a un rapaz mariñeiro da costa francesa e lévao a vivir con el como criado na súa mansión. Alí dedícanse a cazar e pescar, e á licenciosa vida con dúas negras caribeñas que tiña amancebadas, que viñeran con el da Illa Tartaruga cando decidiu deixar a arriscada vida e gozar das súas ganancias.

Alí conta historias da súa animada vida anterior e aínda sofren algunhas aventuras derivadas da súa actividade ou do seu tormentoso pasado.

Penso que é unha lectura bastante recomendable.

Saúdos.
Comentarios (0) - Categoría: Xeral - Publicado o 09-08-2009 22:26
# Ligazón permanente a este artigo
Josep Renau: Arte e Propaganda en guerra
Fun o outro día ver unha curiosa exposición no Arquivo do Reino de Galicia, a carón do Xardín de San Carlos, na Coruña.

Trata sobre Josep Renau, un gran cartelista valenciano da primeira metade do século XX, que chegou a ser Director Xeral de Bellas Artes durante a Guerra Civil.

Debeu ser, polo tanto, o responsable da organización dunha curiosa operación da que teño ouvido falar. Sería a conservación e traslado do máis importante do patrimonio nacional que estaría en Madrid (sobre todo no Museo do Prado) para ser levado a Valencia (ás Torres de Serranos) e despois a Barcelona, onde foi fuxindo o governo republicano.

Iso, aparte da súa arte nos carteis, cuxo estilo me soaba xa a moi coñecido. Déixovos cun cartel anunciado unha película soviética.

Saúdos.
Comentarios (0) - Categoría: Xeral - Publicado o 09-08-2009 22:17
# Ligazón permanente a este artigo
Cándido Pazó contacontos
Onte pola noite fun ver ao Fórum Metropolitano da Coruña ao fenomenal contacontos Cándido Pazó. Era a última actuación dun ciclo de tres días consecutivos onde podía verse actuar de balde a tres grandes da escena galega: Carlos Blanco, Avelino González. Casualmente o único que non puiden ver foi a Avelino, a quen aínda non tiven a posibilidade de ver actuar. Dixéronme que a súa actuación foi moi boa. A ver se á próxima é posible.

Pois nada, Cándido moi ben, coma sempre. Déixovos un vídeo cun breve número que fai con frecuencia, onte tamén.

O que pasa é que vou ter que ir descansando un pouco del, coido que o vin 5 veces nos últimos dous anos.

Saúdos.

Comentarios (0) - Categoría: Xeral - Publicado o 07-08-2009 16:07
# Ligazón permanente a este artigo
Circo Acrobático Nacional de Pequín
Impresionante. Onte fun ver ao Pazo da Ópera da Coruña ao Circo Acrobático Nacional de Pequín.

Abraiantes todos ou case todos os números que fixeron. Seguro que esquezo moitos: pratos xirando sobre variñas, saltos a través de aros, lanzamento de todo tipo de obxectos ao aire (un deles fixo acrobacias cos SEIS raquetas de tenis), e moitos máis que non son capaz de lembrar agora.

Encarecida recomendación: se actúan por cerca, non o dubidedes, van ser dúas horas de diversión absoluta.

Esta actuación que vedes xa é de hai uns cantos anos, pero a calidade do vídeo é boa. Atopei outros máis recentes pero de moita menor calidade visual.

Saúdos.



Comentarios (2) - Categoría: Xeral - Publicado o 06-08-2009 15:00
# Ligazón permanente a este artigo
Carlos Blanco contacontos
O outro día fun ao Fórum Metropolitano na Coruña a ver ao excepcional contacontos Carlos Blanco. Segundo el dixo ao comezo xa había 15 meses que non actuaba aquí, supoño que se refire cando estivo con Manecas Costa (a iso tamén fun, obviamente).

Como podedes intuir, a actuación foi marabillosa, Carlos nunca decepciona. Déixovos un pequeno vídeo del. O comezo, onde fala das manifestacións de Nunca Máis, tamén o fixo o outro día. E aproveitou para meterlle moita caña ao novo Goberno galego, e á Voz (veñen sendo case a mesma cousa).

Saúdos.

Comentarios (0) - Categoría: Xeral - Publicado o 06-08-2009 14:52
# Ligazón permanente a este artigo
1 [2]
© by Abertal