Viaxes O Lóstregho


Furancho Oficial de Cabañas & Catoira Travels
A partir deste santo día de Nadal do ano 2006 este vai ser o Furancho Oficial da xa célebre axencia de viaxes perralleiros Cabañas & Catoira Travels. Este e-zulo está especialmente deseñado para todos aqueles infelices ós que xa non lles carbura ben o 4 Latas, que xa están cansos de viaxar con AirZambia ou que levan toda a vida facendo auto-stop en carromato. Chegamos a un punto onde a xente moderna quere viaxes modernas, opinións modernas e visións modernas. Pois ben, para estes últimos non é esta páxina. Estes deben ir á páxina da COPE. Neste "fotolog" haberá fotos das nosas viaxes, comentando diferentes aspectos e anécdotas vividas. Recomendaremos lugares e esperamos que todo o mundo o pase ben e teña ganas de repetir a visita.

O meu perfil
 CATEGORÍAS
 FOTOBLOGOTECA
 RECOMENDADOS
 BUSCADOR
 BUSCAR BLOGS GALEGOS
 ARQUIVO
 ANTERIORES

Vida y destino, de Vasili Grossman
Acabo de rematar a lectura dun novelón de 1.100 páxinas. Non estivo mal. Non é o mellor que lin na miña vida, pero pode considerarse unha boa experiencia.

Titúlase "Vida y destino" e foi escrito por Vasili Grossman. É a novela máis coñecida do seu autor. Escribiuna en 1960 e el morreu pouco despois. Non chegou a vela publicada, foi censurada en Rusia e saíu en microfilm nos anos 80 e publicada no estranxeiro.

Está collendo moita fama e moita xente a compara coas grandes novelas rusas. Ten moitos personaxes, escenarios e está ambientada na Segunda Guerra Mundial, principalmente no ano 42 cando Alemania quería invadir Rusia e estaba atascada en Stalingrado.

Xira principalmente en torno á familia Shaposhnikov. Tamén aparece bastante o entorno profesional dun dos membros, que é un físico teórico bastante exitoso pero enfrontado ao réxime. Tamén hai un campo de concentración alemán, un campo de traballo ruso, os traballadores, construtores e vítimas dunha cámara de gas, a prisión da Lubianka, fragmentos en Kúibishev, Ufá... Moitas das escenas de guerra están ambientadas en Stalingrado.

Aparecen personaxes históricos do exército ruso, como Yeremenko, Zajárov, Chuikov, Krilov, Gúrov, Pozharski, Batiuk, Guriev e Rodímtsev, e outros alemáns, como Paulus, Schmidt e Adam.

O que se di un novelón. Saúdos.
Comentarios (0) - Categoría: Xeral - Publicado o 22-08-2008 19:26
# Ligazón permanente a este artigo
A verdadeira voz do profesor
Curioso vídeo extraído dunha serie xaponesa (creo) para reflexionar.

Saúdos.

Comentarios (0) - Categoría: Xeral - Publicado o 22-08-2008 18:56
# Ligazón permanente a este artigo
Joshua Bell e o seu stradivarius
Hai algún tempo o xornal Washington Post fixo un experimento. Puxo a un gran violinista americano chamado Joshua Bell a tocar un stradivarius nunha boca de metro, para ver a reacción que provocaba entre o público. Neste vídeo tedes a resposta.


Comentarios (1) - Categoría: Xeral - Publicado o 21-08-2008 22:58
# Ligazón permanente a este artigo
Sendeirismo en Aranga

Un grupo de persoas que nos coñecemos a través da Agrupación Cultural Alexandre Bóveda, que teño a honra de presidir, fomos o outro día facer sendeirismo a Aranga, concello limítrofe coa provincia de Lugo, e a pouca distancia da Coruña.

Foi por unha fraga escondida, unha das poucas que queda por esa zona. Baixamos polo rego da Palanca, chegamos ao punto onde se une ao rego da Ponte das Ovellas e subimos por este río ata un encoro e voltamos ao coche. Vimos varias pozas con fervenzas, desas máxicas onde hai meigas e mouras.

En total, unhas cinco horas de lecer, paz e diversión, pero dun xeito moi diferente ao habitual nestes días.

Saúdos.
Comentarios (3) - Categoría: Os Mártires da Caeira - Publicado o 19-08-2008 12:33
# Ligazón permanente a este artigo
Os Gaiteiros de Lisboa
Ao pouco de volver de Girona houbo un concerto na praza de María Pita con actuacións de Pepe Vaamonde Grupo, Susana Seivane e os Gaiteiros de Lisboa.

Por razóns que non veñen ao caso, non puiden asistir aos dous primeiros grupos, aínda que como xa teño discos deles e son ben coñecidos tampouco pasa nada.

Puiden chegar só ao último, que ademais era o que máis me interesaba, por menos coñecido. Pero as referencias eran moi boas. Eu lembraba ter ouvido unha canción deles no Xabarín Club xa hai anos, e gustárame moito.

Non puiden ver todo o concerto. O que vin gustoume, pero tampouco me entusiasmou. Esperaba algo máis. Non sei se no Xabarín ouvira a súa mellor canción, pero aquel estilo que me cativara duramente uns minutos pouco o lembrei no concerto do outro día.

En calquera caso, déixovos un vídeo deles en Youtube. Espero que funcione porque, por razóns descoñecidas, hoxe en Youtube todos os vídeos páranseme cando levan 2 segundos. Non sei se é problema do meu ordenador (todo parece funcionar normalmente) ou de Youtube.

Saúdos.

Comentarios (3) - Categoría: Xeral - Publicado o 19-08-2008 12:26
# Ligazón permanente a este artigo
Irina Palm
Entre as actividades alternativas que nos buscamos en Girona para pasar os mellores días que nos tocaba esperar pola reparación do coche, atopamos un cine de barrio destes con programación non comercial. Chámase o Cinema Truffaut. Como por alá todo está máis caro, non nos estrañou demasiado que o prezo se parecera bastante ao do cine comercial por aquí.

Fomos ver "Irina Palm". Básicamente porque só tiña unha sala e esa era a película que proxectaban. Non había onde escoller. Pero estivo ben.

Trata dunha muller duns 50 ou 60 anos, inglesa, que ante a grave enfermidade do seu neto, e que as posibilidades de cura están desaparecendo, busca ingresos adicionais para poder pagar o traslado e estancia en Australia (xa que a operación é gratuíta).

Vai a varios lugares onde ofrecen traballo, e o único onde a aceptan é un club nocturno onde ten que ganarse a vida masturbando aos clientes que van a unhas determinadas cabinas.

Ten que aprender o oficio dunhas compañeiras xoves (ela di que xa perdeu a práctica) pero adquire tanta destreza que convértese na principal atracción do local, e ten ofertas moi tentadoras da competencia.

Non pensedes que se ve "nada" que a converta en película porno. A temática é a que é pero pode vela todo o mundo, por se alguén ten problema con escenas explícitas.

Obviamente todo xira en torno ao personaxe desa muller, protagonizado por Marianne Faithfull.

Bastante recomendable, aínda que ao ser do ano pasado e ter pouco percorrido comercial será algo difícil de atopar.

Saúdos.
Ficha da película na Internet Movie Database
Comentarios (3) - Categoría: Xeral - Publicado o 19-08-2008 12:17
# Ligazón permanente a este artigo
Xa voltamos da Costa Brava e arredores

Pois si, xa hai tempo que voltamos de alá. Máis tarde do que pensabamos. Nunha estrada local preto de Girona, unha señora embestiu o noso coche por detrás. O golpe non foi moi grave pero si o suficiente como para que algunhas pezas interiores da defensa rozaran coa roda, polo que era necesaria unha reparación. Iso demorou a nosa saída catro ou cinco días, pero finalmente a cousa acabou ben.

En canto ao ambicioso programa, cumpriuse en moitos dos seus puntos. Vexamos aquí un repaso:
- O primeiro día dedicámolo a chegar alá, concretamente á Pobla de Segur. É unha pequena localidade situada no centro da provincia de Lledia, nudo de estradas perfecto para visitar esa provincia. O que pasa é que alí xa están os Pirineos cerca e as estradas son máis reviradas do que sinalan os mapas, por bos que sexan estes.
- O segundo día subimos ao Parque Nacional de Aigüestortes e Estany de Sant Maurici. Fixemos unha ruta moi chula, a máis típica de alí, que sube a varios lagos, e que chega aos 2.300 metros de altitude. Despois diso baixamos á Val de Arán e ceamos en Vielha.
- O terceiro día dedicámolo básicamente á Vall de Boí, co seu impresionante románico catalán.
- O cuarto día baixamos ao sur da provincia, con clima e orografía mesetaria. As paradas principais foron Balaguer, Lleida e o mosteiro de Vallbona de les Monges. Marabilloso o pobo medieval de Montfalcó Murallat.
- O quinto día vimos o nordeste da provincia de Lleida e noroeste de Girona: La Seu d'Urgell, Andorra (onde xantamos por 9 euros, incrible), Puircerdá e Llívia (enclave catalán xa en territorio francés).
- O sexto día trasladámonos ata Girona capital, onde fixamos o segundo campo base, para visitar a provincia. Ata chegar aí, vimos Ripoll, Sant Joan de les Abadesses e Olot. Olot está no Parque Volcánica da Garrotxa. Dentro da vila de Olot hai catro volcáns, e subimos ao máis céntrico. Chégase en 10 minutos andando dende o centro da vila, alucinante.
- O sétimo día íamos cara a Figueres cando tivemos o percance automobilístico. Levamos o coche ao concesionario e pola tarde visitamos a fermosa cidade de Girona, onde íamos pasar bastantes máis días dos previstos.
- O oitavo día fomos, en coche alugado, a Figueres. Básicamente vimos o Museu Dalí. O día non deu para máis.
- O noveno día fomos á Costa Brava. Comezamos co mosteiro de Sant Pere de Rodes. Alí xantamos, cunhas espectaculares vistas. Despois baixamos ao Cap de Creus. Fixemos unha pequena rota de sendeirismo. Despois chegamos á marabillosa Cadaqués (na foto). E rematamos o día ceando en Roses, vila bastante destrozada xa polo turismo.
- O décimo día fomos a Castelló d'Empuries, ao parque natural de Aigüamolls de l'Empordá e pola tarde visitamos as ruínas de Empúries.
- O undécimo día fomos ao poboada ibérico de Ullastret, aos pobos medievais de Peratallada e Pals, a Begur, á marabillosa Calella de Palafrugell e rematamos en Palamós, tamén moi destrozada polo turismo.
- Os seguintes días xa non tiñamos o coche alugado e agardamos a que rematara a reparación. Aproveitamos para darlle un bo repaso á fermosa vila de Girona.

Ou sexa que cumprimos boa parte da ameaza que prometemos antes de marchar.

Saúdos. Viaxes O Lóstregho.
Comentarios (3) - Categoría: Xeral - Publicado o 19-08-2008 12:07
# Ligazón permanente a este artigo
© by Abertal