Viaxes O Lóstregho


Furancho Oficial de Cabañas & Catoira Travels
A partir deste santo día de Nadal do ano 2006 este vai ser o Furancho Oficial da xa célebre axencia de viaxes perralleiros Cabañas & Catoira Travels. Este e-zulo está especialmente deseñado para todos aqueles infelices ós que xa non lles carbura ben o 4 Latas, que xa están cansos de viaxar con AirZambia ou que levan toda a vida facendo auto-stop en carromato. Chegamos a un punto onde a xente moderna quere viaxes modernas, opinións modernas e visións modernas. Pois ben, para estes últimos non é esta páxina. Estes deben ir á páxina da COPE. Neste "fotolog" haberá fotos das nosas viaxes, comentando diferentes aspectos e anécdotas vividas. Recomendaremos lugares e esperamos que todo o mundo o pase ben e teña ganas de repetir a visita.

O meu perfil
 CATEGORÍAS
 FOTOBLOGOTECA
 RECOMENDADOS
 BUSCADOR
 BUSCAR BLOGS GALEGOS
 ARQUIVO
 ANTERIORES

O exército de fume
Nos últimos tempos Manuel Gago tamén se está lanzando a escribir novelas, como esta titulada "O exército de fume". Manuel Gago é un dos mellores divulgadores da cultura galega, así que xa un certo interese tiña gañado para min.

Cando vin de que trataba a novela, non o tiven demasiado claro. Parecía que trataba de moitas cousas e de ningunha. Ambientada nun lugar e época que non tiña moi claro se me ía interesar (sobre todo a época, claro), na Galicia dos anos 40, coa Segunda Guerra Mundial aínda en xogo, e coa posibilidade de que houbera nazis por aquí. Había cousas que me atraían, pero outras que non tanto, pero pola lei que lle teño a este autor e divulgador, lanceime.

E resulta que o produto final é moi interesante, o formato de novela resulta moi cómodo, con moitos capítulos pero máis ben curtos (entre 4 e 10 páxinas, máis ou menos). E porque a selección de personaxes e ambientes é moi interesante. A ver por onde comezo.

En primeiro lugar, unha xoven mestra acepta o seu primeiro destino nunha aldea da Costa da Morte. É unha petición do seu pai, que tiña contactos como para conseguir que o seu posto fora na cidade da Coruña, onde eles vivían. Pero el, vello e influínte republicano, pídello como favor persoal, e ela accede. E pídelle tamén que lle conte todas as cousas "estrañas" que vexa por alí. Se a novela fora só iso, non sería para tanto.

Ao mesmo tempo, o pintor Urbano Lugrís está en Vigo, malvivindo como sempre, e recibe un encargo para pintar un mural da cidade no Fogar Alemán de Vigo. Non lle fai demasiada graza, pero a cifra que lle ofrecen é altísima, así que acepta. Pero por avatares do destino, descubre que un alto mando alemán está buscando á mestra anterior, que é filla dunha muller da que el estivo namorado. Ademais, dase a circunstancia de que Lugrís é o meu pintor preferido, así que a novela comeza a subir puntos.

Tamén está implicado un guerrilleiro ao que na novela lle chaman Ramallo. Parece ir bastante por libre e non se leva nada ben cun novo guerrilleiro chamado Camilo, que pertence ao Partido Comunista. Este Ramallo ten moito prestixio, atribúenlle moitas cousas que el non fixo, e incluso nalgúns momentos disfrázase de cura para ir ver os partidos do Deportivo. Todo parece indicar que este personaxe está inspirado en Foucellas, o máis mítico dos guerrilleiros galegos. Outro punto máis para a novela.

E que teñen estas tres persoas en común na novela? Pois que nunha mina de titanio que está situada nun lugar chamado Valdareas (pola descrición que fan do lugar, creo que falan de Valarés ou un sitio similar) deixaron de extraer o mineral, botaron a todo o persoal dun día para outro, e trouxeron a presos republicanos a traballar, e o control da mina colleuno o exército nazi, aínda que non é doado de descubrir, porque a Garda Civil segue controlando o acceso. Estamos a mediados de 1942, avanza a Segunda Guerra Mundial, Franco di que España é neutral, pero está claro que os nazis lle caen mellor que os aliados.

O que sucede é que os nazis levan tempo buscando na zona sur de Europa un lugar onde instalar unha posible base de submariños, porque as que teñen na costa francesa quédanlle algo lonxe. Interésalle máis na península ibérica, para pode atacar o Estreito de Xibraltar e controlar o Mediterráneo máis facilmente. E un dos homes fortes do réxime nazi, o arquitecto Albert Speer, moi intelixente e moi escurridizo, que non se deixa ver demasiado na compañía dos outros líderes, visita Valdareas e chega á conclusión de que é o sitio perfecto para instalar esa base.

Os espías ingleses descubren ese movemento de Albert Speer, aínda que non o entenden ao comezo, a mestra colabora na súa localización case sen querelo, contactan con Ramallo para intentar voar a base submariña, e vaise facendo un pequeno e efímero exército (exército de fume, suponse) con algúns cidadáns da zona que queren colaborar na acción, porque non están nada contentos coas consecuencias do que está pasando.

En definitiva, unha construción moi coral e penso que unha historia ben tramada e interesada. Ao final gustoume máis do que pensaba ao comezo, noraboa.

Saúdos.


Comentarios (0) - Categoría: Xeral - Publicado o 21-07-2019 12:28
# Ligazón permanente a este artigo
Banda tributo a David Bowie na Mardi Gras
Un día destes entereime, non sei como, de que tocaba na Sala Mardi Gras da Coruña unha banda tributo a David Bowie. Pareceume ver que a banda era coruñesa e que se chamaba Bowie's Bar Vinyls & Tapes. Se pos ese nome en Google ou en Youtube, apenas aparece nada, simplemente un perfil ou páxina de Facebook na que non parece haber gran cousa. De todo isto, deducín que deben estar comezando, pero recoñezo que non o sei, é unha pura especulación.

Así que me acheguei á Sala, porque a obra de David Bowie me gusta moito, pero recoñezo que non as tiña todas comigo. Cheguei xusto cando estaban tocando xa a primeira canción e nada máis entrar xa nos avisaron que tivéramos coidado, porque o día anterior se estropeara o aire acondicionado, e o calor que facía dentro era moi sofocante. Efectivamente, así era, así que estiven sempre no entorno da porta, que aínda corría un pouco o aire.

Eu case nunca vira vídeos das actuacións de David Bowie, así que non tiña moi claro que formación é necesaria para interpretar o seu repertorio. Pero o que vin sobre o escenario pareceume algo raro. Había un cantante, ao que non lle vin tocar ningún outro instrumento. Había un baixista (creo que tocaba baixo, non guitarra). Había un batería e había outra persoa co teclado. E había dúas coristas, que ademais non cantaban en momentos nos que eu penso que perfectamente poderían facelo. Acabo de ver un vídeo doutra banda tributo a David Bowie, e ademais de todo isto e non ter coristas, tiñan dous guitarristas, que xa me parece algo máis normal (polo menos ter un). En definitiva, a formación non me convencía.

O son tampouco me convenceu. Aparte de que nalgúns momentos puntuais se escoitaron algúns acoples feos (pero iso pasa nas mellores familias), a mestura de son non soaba demasiado limpa. Por exemplo, costoume moitísimo recoñecer "China girl", porque o piano non se escoitaba, só se escoitou uns segundos ao final, cando o resto de instrumentos baixaron a súa presenza. O que digo, as coristas cantaban en determinados momentos, non se lles escoitaba demasiado, pero é que había momentos en que todos lembrábamos que aí entraban os coros, e elas non o facían. A voz do cantante convenceume máis ao final que ao principio, pero iso é lóxico, a voz vai quecendo segundo avanza o concerto. Penso que a súa voz non se asemella demasiado á de Bowie, pero xa digo, cara ao final, daba o pego bastante ben.

Pero insisto, dáme a impresión de que están comezando, e creo que teñen bastante que mellorar aínda. Outro indicio de que o son non debía estar demasiado ben é que, en varios momentos, o cantante e o baixista comentaron algo ou presentaron algún tema, e na parte de atrás non entendíamos practicamente nada do que dicían. Non estaban cantando, estaban falando, e nesa sala teño comprobado moitas veces que si se entende perfectamente e que o son é bo.

Déixovos un vídeo doutra banda tributo diferente (sospeito que americana) que si soa como a banda de Bowie. E nada menos que lembran o "Under pressure" con Freddie Mercury, no que un dos guitarristas o imita coa voz, de forma bastante digna. Isto xa é outra cousa.

Saúdos.


Comentarios (0) - Categoría: Xeral - Publicado o 21-07-2019 11:46
# Ligazón permanente a este artigo
Anatomía dun asasinato
Pois nada, parece que neste mes de xullo estou moi interesado no "cine de xuízos", pero é totalmente casual. Neste caso, vin a película "Anatomía dun asasinato", clásico dirixido por Otto Preminger en 1959 e protagonizada por James Stewart, moi ben secundado por un bo feixe de actrices e actores americanos.

O caso trata dunha muller que é violada polo dono dun bar onde ela e o seu marido ían con certa frecuencia, por quedar cerca de onde vivían. Cando se entera, o marido vai buscar ao violador e mátao.

O avogado protagonizado por James Stewart, que leva unha vida algo relaxada e non ten moitos casos, pero tampouco semella preocuparse demasiado por ese tema, recibe unha chamada da muller para que defenda ao seu marido. Inicialmente, el non está moi enterado do tema, pero un bo amigo del, avogado irlandés bastante alcoholizado, recoméndalle que acepte o caso.

Comeza entón a entrevistarse coas persoas implicadas, principalmente a muller e o marido, aínda que tamén fala con outros personaxes secundarios na historia, para facerse unha posible idea da estratexia da defensa.

E para min aí xurde xa un dos puntos máis conflitivos da historia, porque o matrimonio non me parece a min que sexa demasiado convencional. Viven nunha caravana nun camping. Ao mellor nos Estados Unidos dos 50 é algo normal, pero visto dende aquí, xa soa algo raro, por razóns que comentarei despois.

Ela é unha muller moi atractiva, e ademais parece ter unha actitude vital bastante provocativa. Apenas se lle ve xunto ao seu marido na película (obviamente, porque el está no cárcere) pero ela normalmente está flirteando con moitos homes no seu entorno e divertíndose mentres se celebra o xuízo. De feito, o avogado recoméndalle que leve unha vida algo máis discreta durante o xuízo, pode virlles ben. A actriz que encarna este papel é Lee Remick.

O marido é interpretado por Ben Gazzara. É militar, aínda que parece que o seu salario non debe ser moi alto, pero aínda así, chámame a atención que un militar viva coa súa familia nunha caravana dun camping, pero ao mellor alí era normal. Parece bastante atractivo e engreído, e nalgún momento recoñece que xa ten asumido que a súa muller é moi atractiva e que a miran moito os homes. Pero tamén se ve como ten algunha pequena pelexa cun compañeiro de celda no cárcere por algunhas insinuacións sobre a beleza da súa muller, así que non parece que o teña tan asumido.

A historia trata de que unha noite que o marido chegou tarde á caravana do traballo, e se puxo a durmir, a súa muller foi andando ata o bar, estivo tomando algo, e o propietario ofreceuse a levala ao camping de novo, porque era de noite e dicían que había osos pola zona. Ela accedeu e cando xa estaban moi cerca do camping, cambiou de traxectoria, parou nun descampado cercano, e violouna no coche. Cando ela chegou á caravana, espertou ao marido, e este, cheo de furia, subiu ata o bar, e matou ao propietario, que estaba de novo alí.

A partir dese momento ten lugar o xuízo coas súas estratexias e sutilezas habituais. Pola parte da Fiscalía, aparte do fiscal previsible, xúntase outro fiscal de recoñecida traxectoria que vén dunha cidade máis grande, protagonizado por George C. Scott.

E como remate curioso desta "estraña" película (agora entenderedes o adxectivo), ganan o caso, e cando os avogados van ao camping para que o cliente lles asine o "pagaré" da súa minuta, descubren que a noite anterior escaparon coa caravana. E aos avogados tampouco lles parece demasiado mal. Ou sexa, un militar que estivo no cárcere unhas semanas por un asasinato que cometera, queda libre, e escapa do camping no que vivía, sabe Dios se para ir a un sitio coñecido ou non, coa nosa dúbida razonable de se poderá seguir dedicándose á súa profesión. Non sei, a min todas estas cousas parécenme un pouco estrañas.

Saúdos.


Comentarios (0) - Categoría: Xeral - Publicado o 21-07-2019 11:23
# Ligazón permanente a este artigo
Muralismo en Carballo
Hai unhas semanas fun á cercana vila de Carballo, porque tiña moito interese en ver todas ou moitas das obras de tipo mural que se instalaron alí nos últimos anos.

Hai xa un bo feixe delas, unhas 60 ou 70, e pertencen a dous certames ou programas diferentes, "Derrubando muros con pintura" e "Rexenera Fest", que non sei exactamente en que se diferencias, se son en diferentes épocas do ano, se son diferentes formatos... O caso é que dan lugar a uns fermosos murais que embelecen unha vila que non era demasiado fermosa, e agora comeza a ser bastante máis atractiva.

Paseino ben, saquei boas fotos de todos, e ademais, decateime despois que me serviu para coñecer a vila, porque agora xa a coñezo bastante mellor que antes, porque cheguei a zonas nas que non estivera nunca.

Saúdos.


Comentarios (0) - Categoría: Xeral - Publicado o 21-07-2019 10:55
# Ligazón permanente a este artigo
O misterio dos mil soles
Seguindo coa política xeral de evasión veraniega, estes días lin outra novela de fácil dixestión e baixo nivel de esixencia intelectual, aínda que o autor se cadra pretendía o contrario, polo que puiden deducir. A novela en cuestión foi "O misterio dos mil soles", escrita polo aragonés Fernando Baztán.

O follón é bastante considerable e xira arredor da primeira expedición de Colón a América e sobre un libro moi controvertido que leva uns estraños símbolos que poderían agochar unha importantísima mensaxe para o mundo, que semella que moitas persoas están intentando conseguir por todos os medios.

Por esa razón, un fraile que está perdendo a fe, e que está a piques de morrer en Francia nunha secretísima misión, consegue escapar e por unha estraña carambola, acaba en Palos de la Frontera en 1492. É o personaxe principal da novela, e chámase Fray Genaro de la Cruz.

O que fora supostamente o seu superior, fray Macario de Osma, é sacado do seu mosteiro de Veruela, onde tiña un cargo importante, e fanlle un encargo bastante estraño. Ten que ir ao mosteiro de San Xoán da Peña, cerca de Jaca, coller o único exemplar que alí queda dun importante libro que é un manual para realizar torturas, que utiliza moito a Inquisición española, e levalo a Palos de la Frontera tamén. Que casualidade!! Ademais, hai exemplares dese libro en case todos os mosteiros, pero a el estráñalle moito que lle manden xusto levar o que está en Jaca.

Por se non chegara con iso, un pintor murciano vai a Perugia para aprender unhas novidosas técnicas artísticas, pero cando está alí, o prestixioso pintor do que ía aprendelas, e parte dos seus compañeiros, son asasinados. El non entende por que, pero nalgunhas conversas que ten alí, comprende que hai un asunto moi misterioso detrás de todo iso. De feito, el tamén está a piques de morrer e, escapando de todo iso, onde remata? Pois mira ti, en Palos de la Frontera.

Como estamos nesa época, finais do século XV, cousas que pasan na península ibérica e na itálica, pois temos a ese feixe de históricos personaxes, como Fernando de Aragón, Isabel de Castela, Torquemada, Colón e os que o acompañaron na primeira expedición a América, e algúns outros máis. Estase expulsando aos árabes da península ibérica, estase pensando en botar tamén aos xudeus e facer caixa coas súas posesións.

Supostamente a trama xira en torno a unha críptica e estraña mensaxe que apareceu na tumba dun papa e que tamén aparece nalgúns libros, que non se sabe o que significa, pero intúese que é moi importante. Pois esta xentiña enrólase na expedición a América, e despois de estar en varias illas caribeñas, o pequeno grupo de protagonistas, ten serios problemas con algúns dos expedicionarios, que eran moi pendencieros, e acaban no Yucatán, buscando un lugar que lles indica esa críptica mensaxe.

Cando chegan alá, coñecen Chichén Itzá e algunha outra das míticas cidades maias, e viven máxicos rituais da man dalgúns dos seus chamáns. Incluso se atopan alí con Giovanni Pico della Mirandola, un importante teólogo que propuxo unhas teses que poderían ser consideradas o principio do ateísmo. E el di que realmente Deus non existe, senón que é unha construción da mente humana, e que todas as civilizacións da historia tiveron sempre inquedanzas parecidas no aspecto relixioso e teolóxico, pero con diferenzas que deixan claro que non existe ningún Deus canónico. Obviamente, iso non gusta nada, especialmente nas xerarquías eclesiásticas católicas, por exemplo a personaxes como Torquemada.

Deume a impresión que a novela era unha mestura de moitas cousas imposibles e bastante pretenciosas. Seguramente a intención era boa, pero ao final coido que a historia se desinfla bastante. De feito, en ningún momento está demasiado claro que está pasando, cal é o motor da novela, e cando se retoma o tema, semella estar case sempre estancado.

Saúdos.
Comentarios (0) - Categoría: Xeral - Publicado o 15-07-2019 11:41
# Ligazón permanente a este artigo
Guía para o descenso enerxético
Hai uns anos asistín na A. C. Alexandre Bóveda a unha charla bastante interesante, na que incluso colaborei algo na organización.

Era impartida por María Castelo e Begoña de Bernardo, en representación da Asociación Véspera de Nada, que se dedican a difundir como podería ser a sociedade (especialmente a galega, pero en xeral toda) cando chegue o declive do petróleo, tan anunciado por algúns, e xa non sexa posible o despregue enerxético que vivimos nestes días.

A visión é bastante apocalíptica e, a pouco que se cumpra, penso que algunha xente do planeta (especialmente os que vivimos a todo tren no primeiro mundo) imos pasalo moi mal con tantas privacións.

Basicamente o acto consistíu na presentación do libro de cabeceira desta asociación galega, que será unha extrapolación do que se está falando do tema en todo o mundo. Titúlase a "Guía para o descenso enerxético".

Eu non son un fanático deste tema, pero o que si teño claro é que os recursos do planeta son finitos, e case todo o mundo está vivindo e crecendo como se non o foran. Antes ou despois, ese choque vai ser brutal, e irse mentalizando de que, se cadra, pode pasar, non me parece mala idea.

Saúdos.


Comentarios (0) - Categoría: Xeral - Publicado o 11-07-2019 11:41
# Ligazón permanente a este artigo
A conspiración
Como xa debín dicir aquí unhas cantas veces, Estados Unidos é un país que detesto, e a súa historia interésame bastante pouco. Por outra banda, tampouco me gusta nada o Dereito, e todo (ou case) o que ten que ver con esa disciplina me produce alerxia.

Entón, por que podería interesarme unha película que basicamente trata do xuízo que se fixo ás persoas que estiveron implicadas no asasinato de Lincoln (as que aínda quedaban vivas e foran apresadas)?

Primeiro, non me gusta nada o Dereito, pero está claro que as películas ou novelas (se é que hai algunha, que supoño que si) sobre xuízos xa resultan algo máis amenas e menos áridas que o mesmo Dereito. E creo que non son a única persoa á que lle pasa.

E con respecto a Lincoln e o seu asasinato, pois hai moita chicha moi interesante. En primeiro lugar, Lincoln parece que era un tipo moi interesante, un grande orador, non sei se tan bo político, e que fixo unha fortísima aposta anti-esclavista que provocou unha guerra civil nun país que se di moi unido, pero que aínda segue tendo uns niveis de racismo e desigualdade moi grandes, e non moi diferentes dos que se daban daquela, pero que só pasaron 150 anos (para Estados Unidos é moitísimo, porque o país non cumprira aínda 100 anos, pero para outras zonas do mundo é unha época curta).

Eu sabía que Lincoln fora asasinado nun teatro por un actor, pero pouco máis sabía do tema, así que enterarme, grazas a unha película, de toda a conspiración que había detrás, gustoume. Tamén é certo que é normal que para eles este tema sexa importantísimo, para min non. Gustoume coñecelo pero seguramente o esquecerei axiña ante a chegada de historias máis interesantes para min.

Nesta película, titulada en España "A conspiración" (o título orixinal fala "dos conspiradores"), e dirixida en 2011 por Robert Redford, faise ver que o xuízo militar estivo moi falto de garantías procesais, e que o poder foi asumido por Edward Stanton, Ministro da Guerra, quen fixo e desfixo o que lle deu a gana.

O xoven avogado Frederick Aiken, que fora soldado do norte na guerra que estaba a piques de rematar, intenta demostrar isto e vaise atopando de fronte con toda a maquinaria do Estado, a quen a xustiza non é que lle interese demasiado. Está protagonizado por un actor chamado James McAvoy, a quen eu non coñecía de nada ata agora.

Por certo, non tiña nin idea de que, ademais de asasinar a Lincoln (que é o que sabemos todos), tamén intentaron matar ao vicepresidente e ao Secretario de Estado, pero non o conseguiron. Era un intento de revitalizar unha guerra que o Sur tiña practicamente perdida, e de feito, rematou pouco despois. Así que a morte de Lincoln non serviu para nada, pero inaugurou as mortes de presidentes americanos, que parece un deporte nacional.

Saúdos.


Comentarios (0) - Categoría: Xeral - Publicado o 05-07-2019 12:17
# Ligazón permanente a este artigo
A viaxe ao poder da mente
Lin estes días o último libro de Eduardo Punset que me faltaba por ler da miña biblioteca. Titúlase "A viaxe ao poder da mente" e foi publicado no 2010.

Hai uns 8-10 anos, ou se cadra algo máis, eu era un grande seguidor de Eduardo Punset. Estaban nos últimos anos de emisión do seu programa de televisión "Redes", do que eu oíra falar, e algunhas veces que conseguín velo, me fascinou. Despois comecei a ver os capítulos na súa páxina web, para liberarme dos seus horarios de emisión.

Era un comunicador moi singular, non o mellor que vin, nin moito menos, pero gustábame moito o enfoque que lle daba ao seu programa e os convidados tan interesantes que levaba, tanto españois como, sobre todo, estranxeiros. Supoño que o programa debeu cancelarse porque debía ser bastante caro. Pero tristemente o programa non debía ter demasiada audiencia (aínda que todo o mundo dicía que o veía con regularidade, que raro), e aínda había bastante xente que se burlaba del e da súa peculiar forma de falar, deixando así clara a súa ignorancia.

Pois daquela tamén mercaba os seus libros, e incluso algúns de prestixiosos científicos que saían no seu programa. Varios destes linos nos últimos anos, e resultáronme bastante áridos e aburridos. Os del resultaron bastante máis amenos, e este era o último que me quedaba, ficara no andel case esquecido.

Pero en xeral creo que xa estou un pouco canso do estilo de escritura de Eduardo Punset. Xa non me convence demasiado. É demasiado grandilocuente, e vende moito fume, para despois chegar a conclusións que, ou son moi controvertidas e dubidosas, ou son bastante menos impactantes do que el anunciara.

Comeza moitos parágrafos con frases como "o descubrimento científico máis grande dos últimos mil anos é...." e cando o acaba desvelando, non te convence demasiado. E cando ves que di algo como iso cada 2-3 páxinas, acaba perdendo todo o seu efecto.

E non digamos xa coa súa teima de que todo o que aprendemos os humanos, na escola ou fóra, é totalmente inútil (suponse que el ten os paradigmas perfectos do que si debemos aprender), e que é máis importante "desaprender". A estas alturas, xa estou un pouco canso de tantos gurús que coñecen perfectamente todos os erros que cometen os demais, que ademais son moitos, pero que non está tan claro cales son as súas solucións máxicas para resolver os problemas da sociedade, que polo visto din coñecer, pero non saben aplicar nin se ven mostras diso.

Así que nada, estivo ben mentres durou, seguramente volverei ver vídeos do seu programa, que resultaba moi interesante, pero sospeito que xa non mercarei ningún libro máis del. Está claro que o feito de que morrera hai un mes será determinante, pero creo que últimamente publicaba bastante menos. Teño a sensación de que o interesante do seu programa eran máis os convidados e os temas que el mesmo, que intentaba ter moito protagonismo, máis do necesario nun comunicador.

Saúdos.


Comentarios (0) - Categoría: Xeral - Publicado o 04-07-2019 00:53
# Ligazón permanente a este artigo
10 anos da Orquestra Gaos
Onte a Orquestra Gaos actuaba no Teatro Colón da Coruña para celebrar os seus 10 anos de existencia. Como sempre, houbo unha boa entrada e a xente saíu moi satisfeita deste grupo que dá saída ás inquedanzas en música clásica de moita xente nova da nosa cidade.

Nesta ocasión, como é habitual, o programa estaba dividido en dúas partes. Na primeira parte tocaron o Concerto para violonchelo e orquestra en si menor Opus 104 de Antonin Dvorak. O solista no violonchelo era o coruñés Iván Siso Calvo. Case todo o que oín de Dvorak gústame, vou ter que prestarlle algo máis de atención.

A segunda parte estaba formada por pezas do americano George Gershwin. Primeiro tocaron a banda sonora de "Un americano en París", película que, casualmente, vin hai uns meses, así que a tiña bastante fresca. A segunda peza foi a "Abertura cubana" que, nos seus ritmos e na percusión, evocaban claramente á música dese país, non había dúbida.

Déixovos cun vídeo da Orquestra Gaos que subiron hai pouco a Youtube, no que se ve un "medley" de varias pezas do grupo sueco Abba, co coro instalado nos palcos laterais do Teatro Colón, para que vexades que son moi versátiles.

Saúdos.


Comentarios (0) - Categoría: Xeral - Publicado o 01-07-2019 10:51
# Ligazón permanente a este artigo
© by Abertal