Viaxes O Lóstregho


Furancho Oficial de Cabañas & Catoira Travels
A partir deste santo día de Nadal do ano 2006 este vai ser o Furancho Oficial da xa célebre axencia de viaxes perralleiros Cabañas & Catoira Travels. Este e-zulo está especialmente deseñado para todos aqueles infelices ós que xa non lles carbura ben o 4 Latas, que xa están cansos de viaxar con AirZambia ou que levan toda a vida facendo auto-stop en carromato. Chegamos a un punto onde a xente moderna quere viaxes modernas, opinións modernas e visións modernas. Pois ben, para estes últimos non é esta páxina. Estes deben ir á páxina da COPE. Neste "fotolog" haberá fotos das nosas viaxes, comentando diferentes aspectos e anécdotas vividas. Recomendaremos lugares e esperamos que todo o mundo o pase ben e teña ganas de repetir a visita.

O meu perfil
 CATEGORÍAS
 FOTOBLOGOTECA
 RECOMENDADOS
 BUSCADOR
 BUSCAR BLOGS GALEGOS
 ARQUIVO
 ANTERIORES

Benvenuti al sud
No ano 2008, en Francia fíxose unha película titulada "Benvidos ao Norte" que tivo moitísimo éxito. Como habitualmente, explotaba un feito do máis normal nos estados dun tamaño máis ou menos grande, que é o feito de que nas diferentes rexións hai climas, acentos, gastronomías e costumes moi diferentes. E é moi normal que os habitantes que sempre viven nunha zona determinada, se sintan moi diferentes aos que viven noutra zona, sobre todo se está afastada.

Dous anos máis tarde, no ano 2010, os italianos non tiveron mellor idea que "copiar" a película, trasladándoa a Italia, obviamente. Neste caso, titulouse "Benvidos ao Sur", pero a historia é basicamente a mesma, copia burdamente. O máis gracioso é que un dos produtores da película italiana tivo o valor de dicir que "a súa lle parecía a orixinal e que a francesa lle parecía un remake algo forzado". Hai que ter cara!!!

Pois si, a idea foi burdamente copiada ata o extremo. Un director de oficina de Correos dunha pequena vila da Lombardía quere conseguir o traslado para Milán, metrópoli que o namora. Pero sempre que ten que competir, sempre hai alguén que se lle adianta, por exemplo por ser discapacitado. Entón decide finxir que é discapacitado, para ter máis posibilidades de conseguir a praza, pero cando vén un inspector para comprobalo (porque fixo solicitudes nas que non o era, e outras nas que si), o descubren. É sancionado e trasladado dous anos a unha pequena vila da Campania, a poucos quilómetros de Napoli.

Obviamente, vense o seu mundo abaixo, e non digamos á súa pija e estirada muller e ao seu superprotexido fillo de 8 anos. Colle camiño cara o sur, e repítese escena por escena, incluso cando libra da multa de tráfico por ir moi lento, cando a policía se entera de que foi destinado á Campania.

E nada, chega alí, e ao comezo, entre a diferenza do dialecto, as diferentes costumes, a temperatura, que os primeiros días durme na casa dun empregado que é pirotécnico, etc., danse toda unha serie de divertidos equívocos.

Pero ao pouco tempo xa comeza a sentirse moi a gusto, e ten que mentirlle á muller, que está desexando escoitar que está sufrindo moito. Pero hai outro equívoco máis, e a súa muller decide baixar a axudalo.

E aí xurde o lío máis grande, porque todos teñen que simular que o lugar é absolutamente salvaxe, que é o que conta el cando sube á Lombardía algúns fin de semana. Recuperan unha aldea cercana que estaba abandonada, e intentan facerlle crer á muller que o lugar é moi atrasado, pero ao final descúbrese todo.

Obviamente, ao final a muller e o seu fillo están encantados cando van ao sur, e dóelles moito cando dous anos despois consegue o ansiado traslado a Milán.

En definitiva, como dicíamos, unha burda copia do orixinal francés, con algunhas pequenas variacións. Incluso Dany Boon, o autor da orixinal francesa, facendo un pequeno cameo na oficina de Correos. Como vin a película en versión orixinal, todo me parecía "comanche".

Uns anos máis tarde de todo isto, en España pasou algo parecido, pero semella que o fixeron un pouco máis variado polo menos. No ano 2014, fíxose a película "Oito apelidos vascos", no que se xoga co contraste entre Andalucía e Euskadi. Aínda non vin esa película, e non teño moita presa por vela, que iso xa me cae máis cerca e non sei se me vai gustar o que vou ver.

Saúdos.



Comentarios (0) - Categoría: Xeral - Publicado o 01-07-2017 20:46
# Ligazón permanente a este artigo
Exit
Como dicía, cheira a vacacións, e fun á Sala Mardi Gras para disfrutar dun fantástico espectáculo que pode verse por alí con certa frecuencia, pero ao que, precisamente por iso, case nunca vou.

EXIT é o nome da banda residente da Mardi Gras. Por exemplo, no pasado mes de xuño, tocaron un par de veces. Non sei con canta periodicidade tocan, pero andará máis ou menos nesa.

Tocan clásicos do rock, blues, rock-duro, etc. Eu fun velos un par de veces. Ás veces fan concertos de homenaxe a un grupo concreto, e outras veces, como esta á que asistín eu, tocan clásicos variados.

Nesta ocasión, así que eu lembre a bote pronto, tocaron cancións de Sex Pistoles, Ramones, Creedence, Black Sabbath, Barón Rojo, Led Zeppelin, AC/DC, etc.

Tocan moi ben, cravan as versións, e o cantante ten un rexistro vocal bastante interesante, que lle permite imitar timbres de voces moi diferentes. Por exemplo, esta vez tocaron "Communication breakdown" de Led Zeppelin, e a voz daqueles anos de Robert Plant era bastante máis aguda que moitas outras que se escoitan no rock, pero chegou perfectamente.

Se tedes a posibilidade de ir, non o perdades, creo que normalmente a entrada é libre. Pero no concerto de onte, estaba a sala bastante chea.

Saúdos.


Comentarios (0) - Categoría: Xeral - Publicado o 01-07-2017 20:26
# Ligazón permanente a este artigo
Orquesta Gaos
Pois como case todas as agrupacións musicais e de artes escénicas, a finais de xuño tamén a coruñesa Orquesta Gaos ofrecía o seu concerto fin de tempada, concretamente no Teatro Rosalía de Castro.

A primeira parte do concerto era o "Concerto para óboe e pequena orquestra", de Richard Strauss, no que a solista era a xovencísima Iria Folgado, de 21 anos.

A segunda parte consistía nas "Variacións concertantes op.23" de Ginastera, e as "Danzas fantásticas op.22" de Joaquín Turina.

Ao final fixeron un breve e frenético bis dunha peza que non recoñecín (lóxico tendo en conta a miña incultura en música clásica) que encantou ao teatro, que estaba ateigado.

Saúdos.


Comentarios (0) - Categoría: Xeral - Publicado o 01-07-2017 20:05
# Ligazón permanente a este artigo
Coro da UDC
Xa cheira a vacacións, e recoñezo que asisto a eventos culturais nos que non sería moi doado verme, pero hai moitas ganas de folgar. E neste caso ademais coñezo a varias das persoas que cantan neste Coro da Universidade da Coruña, así que aínda había máis razóns para acudir.

A Universidade da Coruña ten case 30 anos, e xa tivera Coro anteriormente, pero polo que teño entendido, pasaron algunhas "cousas raras" e disolveuse. Hai uns seis anos, púxose de novo en marcha o Coro, nesta ocasión dirixido por Rupert Twine.

Pois alí fomos, ao magnífico Paraninfo da Universidade, coas cortinas abertas, polas que podíamos ver o magnífico mar da ría do Burgo. Tristemente non había moito público, pero o importante é que disfrute as persoas que asistan, aínda que non sexan moitas.

O repertorio foi moi variado: cancións en latín, en inglés, en galego, en castelán, en catalán, en francés e en italiano.

O coro non é moi numeroso, había 5 homes e unhas 10 mulleres, aproximadamente. Polas súas intervencións en solitario, destacaron dous solistas, Marta López e Andrés Meléndrez.

Saúdos.


Comentarios (0) - Categoría: Xeral - Publicado o 01-07-2017 19:59
# Ligazón permanente a este artigo
[1] 2
© by Abertal