Viaxes O Lóstregho


Furancho Oficial de Cabañas & Catoira Travels
A partir deste santo día de Nadal do ano 2006 este vai ser o Furancho Oficial da xa célebre axencia de viaxes perralleiros Cabañas & Catoira Travels. Este e-zulo está especialmente deseñado para todos aqueles infelices ós que xa non lles carbura ben o 4 Latas, que xa están cansos de viaxar con AirZambia ou que levan toda a vida facendo auto-stop en carromato. Chegamos a un punto onde a xente moderna quere viaxes modernas, opinións modernas e visións modernas. Pois ben, para estes últimos non é esta páxina. Estes deben ir á páxina da COPE. Neste "fotolog" haberá fotos das nosas viaxes, comentando diferentes aspectos e anécdotas vividas. Recomendaremos lugares e esperamos que todo o mundo o pase ben e teña ganas de repetir a visita.

O meu perfil
 CATEGORÍAS
 FOTOBLOGOTECA
 RECOMENDADOS
 BUSCADOR
 BUSCAR BLOGS GALEGOS
 ARQUIVO
 ANTERIORES

Unha pequena historia da filosofía
Hai uns días lin un libro que trataba sobre unha pequena historia da ciencia, e na mesma colección, acabo de ler "Unha pequena historia da filosofía", escrito por Nigel Warburton.

De lectura moi sinxela e áxil (tratando deste tema hai que ter moito coidado, claro), en 40 breves capítulos vai falando sobre diferentes filósofos que aportaron ideas importantes á humanidade. Claro, seguro que faltará algún importante, e que a alguén lle sobrará algún dos que aparecen (nos últimos capítulos veñen varios moi modernos, alguns deles aínda vivos).

Pero nada, sigo tendo a mesma idea sobre este tema. O obxecto da filosofía segue sendo tan amplo e desmesurado, que as grandes preguntas que se levan facendo os filósofos dende a Antigüidade a min fánseme directamente inmensas. E as súas disquisicións non me transmiten case nada en ningún caso, parécenme como discutir sobre o sexo dos anxos. Está ben culturizarse e coñecer a persoas que fixeron avanzar o pensamento da humanidade, pero recoñezo que a miña cabeza non dá para tanto, ou polo menos que non está nada cómoda nese tipo de terreos.

Como algunha curiosidade, recoñezo que oín falar por primeira vez de Pirrón, polo que parece o primeiro filósofo da historia que DUBIDABA DE TODO (temos asociada esa idea a Descartes, pero este é moi anterior, grego).

E tamén recoñezo que, unha vez máis, gustoume moito o que lín de Voltaire, un personaxe que me atrae moitísimo e do que teño excepcionais referencias, pero que aínda non me puxen a investigar. Cada vez está máis preto o momento no que merque un libro sobre el ou algo similar, xa vai tocando.

Saúdos.
Comentarios (0) - Categoría: Xeral - Publicado o 24-07-2015 14:03
# Ligazón permanente a este artigo
Outro ano
Tiven referencias dunha película que botaban na 2, que non tiña mala pinta, e animeime.

Titúlase "Outro ano" (aínda que o título seguía no inglés orixinal, non sei por que), do director británico Mike Leigh, é do ano 2010, e polo visto foi candidata ao Óscar nalgunha categoría.

Nas breves sinopses que vin na prensa e na rede dicían que un matrimonio maduro estaba moi preocupado porque o seu único fillo seguía solteiro.

Despois de vela, diría que trata dun matrimonio maduro, coa vida resolta e feliz, ao redor do cal xiran familiares e amigos con existencias máis infelices, que se apoian neles debido á gran estabilidade, confianza e fortaleza que transmiten.

A película gustoume, podería definila como unha "historia sobre persoas normais", e non lla recomendo en absoluto ás persoas que están afeitas ao cine acelerado de Hollywood, porque non a soportarán máis de 15 segundos, ten un ritmo moi moi lento.

Saúdos.


Comentarios (0) - Categoría: Xeral - Publicado o 19-07-2015 12:34
# Ligazón permanente a este artigo
Unha pequena historia da ciencia
Por fin, despois de moito tempo, conseguín atopar algún tempo para dedicalo a un dos meus grandes vicios, a lectura.

Neste caso, foi un libro que levaba tempo por casa e ao que lle botei unha ollada casual un día destes. Gustoume o estilo e ventileimo en poucos días.

Titúlase "Unha pequena historia da ciencia", do médico inglés William Bynum, investigador do University College of London.

Vai presentando, en breves capítulos, avances signficativos na historia da ciencia. Como sempre nestas obras, pode que alguén quede fóra e se cadra entra alguén controvertido, pero seguramente se aprende moito e coñeces a alguén importante do que non sabías nada ou case nada.

Aparte do feito de que as mulleres aparecen pouco, e máis ben ao final, no século XX, chamoume a atención a figura de Vesalio, médico da zona do que hoxe é Bélxica e que foi quen máis avanzou no coñecemento da anatomía humana porque comezou a facer diseccións do corpo humano.

O libro foi editado por Galaxia Guttenberg, e teño outro desa serie que fala sobre a historia da filosofía, coido que vai ser o seguinte en caer.

Saúdos.
Comentarios (0) - Categoría: Xeral - Publicado o 19-07-2015 12:27
# Ligazón permanente a este artigo
V de Vendetta
Onte tiven a oportunidade de ver esta película, que había anos que tiña ganas de visionar. É do ano 2005 e da factoría dos Irmáns Wachowski, así que xa intuiredes que a psicomotricidade dalgunhas peleas e batallas e simplemente imposible.

Como noutras películas deles (especialmente "Matrix"), o tono apocalíptico e conspiranoico é moi elevado, e vai unido a un guión fantásticamente urdido que che fai dubidar de todo.

Pero é que ademais aquí se apoian nun feito histórico moi interesante. Casualmente no ano 2005 eu tamén visitei Londres, un mes despois dos atentados no metro. E na Torre de Londres vin unha exposición sobre algo que para os ingleses será importantísimo, pero que eu descoñecía por completo: o Motín ou Conspiración da Pólvora (Gunpowder Plot), liderado por Guy Fawkes, que pretendía botar abaixo o Parlamento de Westminster o 5 de novembro de 1605, cando estiveran os deputados reunidos. Por certo, os atentados de 2005no metro foron en xullo, para que evitedes paralelismos.

Pois trata dun tipo que sobreviviu de milagre a un incendio nun "escuro" cuartel militar dun Reino Unido dictatorial dirixido por un presidente que lembra bastante a Hitler (non na súa figura, pero si no deseño dos seus actos). Como sempre, coa excusa da seguridade (sóavos de algo?).

E semella estar á fronte dunha conspiración para botar abaixo o sistema. Como o seu corpo debeu quedar dañado polo incendio, agáchase tras unha capa, unha peluca e unha máscara que, polo visto, representa a Guy Fawkes. Creo que dende esta película, o grupo Anonymous utiliza estas máscaras para identificarse.

Os discursos anti-sistema deste tipo son auténticamente maxistrais, seguro que tiñan sentido no momento no que se fixo a película, e dende que comezou a crise na que estamos (uns anos máis tarde), nin vos conto. En calquera caso, sempre hai que ter coidado cos discursos conspiranoicos e apocalípticos, que tamén os utiliza xente de extrema dereita para chegar ao poder.

Polo que pon na ficha técnica, o papel principal (aínda que non se lle ve a cara nunca, por razóns obvias) é para Hugo Weaving que, coas coñas, se está facendo unha carreira no cine alucinante. Tamén está Natalie Portman, que o fai moi ben, coma sempre, pero na miña opinión está nun papel algo estraño. Xa o colmo é ao final, cando V recoñece que se namorou dela e que todo o seu plan pasa a estar nas súas mans.

Saúdos.


Comentarios (0) - Categoría: Xeral - Publicado o 13-07-2015 16:31
# Ligazón permanente a este artigo
O ladrón (Sen escape)
Como xa pasou anteriormente, o tempo libre do verán permite facer cousas que non me desagradan, como ver películas interesantes na televisión. Iso si, teñen que ser en horas xeitosas, e a poder ser, sen publicidade.

Onte vin na 2 unha película que, segundo eles, titulábase "O ladrón", pero que en Youtube acabo de ver titulada como "Sen escape". É unha película austríaco-alemana do ano 2010, e está baseada nun feito real.

O caso é que hai un home austríaco, polo visto adicto á endorfina, que ademais de ser un magnífico corredor de maratóns, atraca bancos. A película comeza no cárcere, onde estivo 6 anos cumprindo condena por un atraco anterior, e a dúbida é se conseguirá reinsertarse na sociedade.

Semella que adestra moi duro, e consegue algúns resultados atléticos notables en maratóns, pero o seu vicio de atracar bancos non o pode deixar. Atópase de novo cunha amiga anterior coa que ten unha relación, pero esta tampouco consegue que deixe o "vicio".

A policía vaino cercando, é moi escurridizo e moi difícil de coller, pero comete un erro e chega ao seu final dun xeito bastante peculiar.

Bo cine europeo, sen moitos efectos, pero con moi boas historias detrás.

Saúdos.


Comentarios (0) - Categoría: Xeral - Publicado o 12-07-2015 14:02
# Ligazón permanente a este artigo
Cría corvos
Xa comezou o verán, e hai máis tempo para dedicalo a cousas que noutras épocas do ano me resultan máis complicadas, como ver películas, aínda que sexan na televisión.

O outro día vin "Cría corvos", película dirixida por Carlos Saura en 1975. Trata sobre unha familia pudente que vive no centro de Madrid, formada por un militar non moi fiel e bastante vividor, unha nai atormentada que sufre moito, e tres nenas do matrimonio.

O protagonismo recae na nai (Geraldine Chaplin, que tamén interpreta por momentos o papel da filla que imos mencionar a continuación, pero 20 anos máis tarde) e a filla mediana (Ana Torrent), cos seus impresionantes ollos que xa amosou nalgunha outra película desa década como "O espírito da colmena".

Película moi reflexiva, que pretende dicir moito, pero que non teño moi claro que o consiga, entre outras cousas porque envelleceu regular. A rapaza está moi obsesionada coa morte, lembra moito á nai morta (hai unha sucesión de flash-backs que non resulta moi doada de seguir) e desexa a morte da súa tía, que vén a intentar suplir á nai, despois de que morrera esta.

Déixovos un anaco no que sae a canción que máis se escoita e que resulta moi significativa na cinta.

Saúdos.


Comentarios (1) - Categoría: Xeral - Publicado o 03-07-2015 16:49
# Ligazón permanente a este artigo
© by Abertal