Viaxes O Lóstregho


Furancho Oficial de Cabañas & Catoira Travels
A partir deste santo día de Nadal do ano 2006 este vai ser o Furancho Oficial da xa célebre axencia de viaxes perralleiros Cabañas & Catoira Travels. Este e-zulo está especialmente deseñado para todos aqueles infelices ós que xa non lles carbura ben o 4 Latas, que xa están cansos de viaxar con AirZambia ou que levan toda a vida facendo auto-stop en carromato. Chegamos a un punto onde a xente moderna quere viaxes modernas, opinións modernas e visións modernas. Pois ben, para estes últimos non é esta páxina. Estes deben ir á páxina da COPE. Neste "fotolog" haberá fotos das nosas viaxes, comentando diferentes aspectos e anécdotas vividas. Recomendaremos lugares e esperamos que todo o mundo o pase ben e teña ganas de repetir a visita.

O meu perfil
 CATEGORÍAS
 FOTOBLOGOTECA
 RECOMENDADOS
 BUSCADOR
 BUSCAR BLOGS GALEGOS
 ARQUIVO
 ANTERIORES

Faros: a luz nunca se debería apagar

Estiven vendo onte unha moi interesante exposición sobre faros que está na sede coruñesa da ¿Fundación Abanca? (como cambia tanto de nome, xa non sei cal é o actual).

Ocupa dous andares do edificio e fala sobre como comezou a planearse a construción e funcionamento dos faros na península a mediados do século XIX. Tamén hai moitas mostras de pezas e mecanismos de antigos faros, fotografías de moitos faros de toda a península, información sobre a durísima profesión de fareiro, etc.

Déixovos unha fotos dun dos máis impresionantes de Galicia, Cabo Vilán. Contan na exposición que este é o segundo faro, o primeiro estaba xunto ao edificio principal, pero o peñasco que tén ao carón (enriba do cal está construído este segundo faro) molestaba tanto ao feixe de luz, que despois de varias voaduras, construíron o segundo sobre o peñasco. Efectivamente, eu non lembro ningún outro no que a posición do edificio e da torre sexan tan distantes.

Saúdos.
Comentarios (0) - Categoría: Xeral - Publicado o 22-07-2014 16:04
# Ligazón permanente a este artigo
O reino dos ceos
Onte estiven vendo "O reino dos ceos", superprodución do ano 2005 dirixida por Ridley Scott.

Trata dun ferreiro que vive en Francia, moi triste porque perdeu ao seu fillo e a súa muller acaba de suicidarse por esa mesma razón. Pois resulta que lle aparece diante o que di ser seu pai, un cruzado que vén de Terra Santa e que vai volver alí axiña. Esta parte foi rodada no fantástico castelo de Loarre, en Zaragoza.

Ao principio négase, pero despois dun incidente decide unirse á expedición e converterse en cabaleiro. Tras moitas aventuras e complicacións, chega a Xerusalén (o pai morreu polo camiño).

Alí reina Balduino IV, que ten lepra e oculta a súa cara tras unha máscara dourada. En Damasco está o mítico sultán Salahadinne. Moitos dos cabaleiros cruzados queren a guerra, a pesar dos maiores efectivos dos sarracenos, a súa maior preparación e a astucia do seu líder.

E a película transcorre entre as intrigas dos que queren a guerra, os que ven que é mellor a paz, e que Xerusalén siga sendo a cidade sagrada das tres relixións monoteístas.

Deixoume unha sensación estraña. Por unha banda, transmite un certo eurocentrismo porque o protagonista principal, Balián de Íbemil (Orlando Bloom), cando vai á súa terra, comeza a construír enxeños de clara influencia europea e o que era unha vila morta no deserto convértese nun feraz oasis. Aparte de ser un cabaleiro perfecto, ben parecido, ou sexa, que non tiña defecto coñecido.

Acabo de ler que o que vin foi a versión comercial, que duraba pouco máis de 2 horas. Pero que a versión do director duraba 1 hora máis. E podería ter sentido, porque efectivamente deume a sensación de que en bastantes momentos sucedían escenas moi precipitadas e que non había unha boa fluídez nas mesmas. Ao mellor na hora que non vimos había esceas intermedias que facilitaban esa comprensión.

Saúdos.


Comentarios (0) - Categoría: Xeral - Publicado o 21-07-2014 11:49
# Ligazón permanente a este artigo
Malas cartas
Acabo de ler a novela "Malas cartas", escrita por Manuel Pereira Valcárcel, profesor estradense pero residente en Madrid.

Foi publicada xa hai varios anos (tres ou catro) por Biblos e no seu momento foi presentada na súa vila natal polo meu amigo e colega Miguel Louzao.

Trata dunha historia ambientada nunha aldea galega nos anos 50, tempos de grande miseria, na que acusan a un home da morte dunha señora que vivía e traballaba con eles.

Ninguén sabe nada en torno á morte da señora, pero a novela xira en torno á falsa acusación de culpabilidade, que fai que o home estea tres meses na cadea. Semella que unha non moi grande débeda contraída xogando ás cartas na taberna (de aí, en parte, o título da obra), e as ansias dalgúns señoritos de aldea e vila por parecer importantes e poderosos planea na trama.

Saúdos.
Comentarios (0) - Categoría: Xeral - Publicado o 20-07-2014 16:13
# Ligazón permanente a este artigo
A néboa amarela (Black Diamond Bay)
Acabo de ler unha breve obra de teatro galego titulada "A néboa amarela (Black Diamond Bay)" escrita a catro mans por César Candelas e Rubén Ruibal. Foi editada por Biblos no ano 2010.

César Candelas é bibliotecario (se non lembro mal) e Rubén Ruibal é un excelente autor teatral galego que estivo case "retirado" da circulación durante moitos anos, vivindo na súa casa e traballando a terra, ata que un importante premio teatral español o recuperou para a profesión.

Tamén escribiron xuntos unha magnífica obra de teatro radiofónico que hai uns anos ganou o premio do Diario Cultural da Radio Galega, titulábase "Peter Buckley", e trataba sobre un vello boxeador. Como me dixeron algunha vez, esa historia sacárona dun xornal deportivo, pero no mundo da cultura resulta moi complicado xustificar que se len xornais deportivos.

Esta obra da "néboa amarela" é bastante críptica, estraña, supoño que surrealista. Aparentemente, está baseada na canción "Black Diamond Bay" de Bob Dylan, que vos deixo no vídeo.

Saúdos.


Comentarios (0) - Categoría: Xeral - Publicado o 18-07-2014 21:06
# Ligazón permanente a este artigo
Homenaxe a Luísa Villalta
Hoxe asistimos na Galería de arte Atlántica, na Coruña, a unha homenaxe a Luísa Villalta, polos 10 anos da súa morte.

Recitaron poemas dela moitos dos poetas galegos que a coñeceron e que viven na Coruña, como Fernán-Vello, Seoane, Valcárcel, Penas, Patiño, Veiga, Luz Pozo, Fernández Naval, Torneiro, etc., e rematou o recital cun poema musicado e interpretado por César Morán á guitarra e á voz e Xosé Taboada ao saxofón.

Déixovos cun vídeo que atopei sobre ela en Internet.

Saúdos.


Comentarios (0) - Categoría: Xeral - Publicado o 17-07-2014 00:06
# Ligazón permanente a este artigo
O can do hortelán
Non tendo eu nada claro que a tradución óptima ao galego sexa a que puxen no título, vin onte a película que no ano 1996 dirixiu Pilar Miró, baseada na obra clásica de Lope de Vega.

Eu xuraría que xa a vin no seu tempo, pero non lembraba demasiado (máis ben nada) da trama. Xa se sabe, un típico enredo amoroso do Século de Ouro español.

Unha condesa moi rica e guapa, pretendida por todos os potentados do Nápoles da época, entérase casualmente de que unha criada súa vese cun criado seu.

Cando sabe que home é, como xa se fixara nel, éntranlle os ciumes e comeza a argallar para que a parella se desfaga, e para intentar conseguir a ese home. E o home, cando sabe que nada menos que a condesa o pretende, esquece o outro amor "de menos nivel" e intentar conseguir o maior.

O final é moi pasteloso, con non sei cantas vodas, fillos "aparecidos" despois de 20 anos sen saber deles, etc. En calquera caso, a boa ambientación e o verso fan dela unha película agradable de ver.

Saúdos.


Comentarios (0) - Categoría: Xeral - Publicado o 16-07-2014 12:27
# Ligazón permanente a este artigo
Gomorra
Onte vin na televisión a película baseada no fantástico libro "Gomorra", que o escritor italiano Roberto Saviano escribiu hai uns anos.

Xa non lembro moitas cousas do libro, pero si que me impactou e que me fixo ver con claridade que a Camorra (a mafia napolitana) chegara a un nivel de impunidade dificilmente soportable. E moitas mentiras non deben contar nese libro, porque dende que se publicou o autor vive baixo protección policial.

Polo que me pareceu entender, para a película colleron varias das historias que se contaban no libro e entrelazáronas. Ou mellor dito, foron poñendo esceas de cada unha mesturada coas outras, pero nunca chegan a tocarse os personaxes.

Está a historia de dous "golfetes" que van ao seu aire dando atracos en zona perigosa, e a pesar dos varios avisos, non aprenden, e o seu final é tráxico (xa vos imaxinades como).

Está tamén a do deseñador de moda ou máis ben patronista que traballa explotado por un empresario, e que recibe unha oferta dun empresario chinés que lle paga moi ben unhas clases na súa fábrica para que lle ensine aos seus obreiros a traballar con calidade. Ao seu "patrón" non lle gusta demasiado a noticia, cando se entera.

Ou o terrible fraude na xestión dos residuos tóxicos, cun empresario que aparentemente é moi eficaz e dilixente no seu traballo, pero realmente almacena os bidóns en canteiras abandonadas. E incluso contrata a nenos para conducir camións cando hai unha folga pola falta de medidas de seguridade.

En definitiva, como xa dixen na crítica do libro, non vola perdades. A película xa impresiona suficiente (acabo de ver que tamén hai serie sobre isto), pero o libro é auténticamente tétrico, sobre todo cando te decatas de que Nápoles e a Campania funcionan así.

Saúdos.


Comentarios (0) - Categoría: Xeral - Publicado o 15-07-2014 13:25
# Ligazón permanente a este artigo
Encallados
Onte fomos ver ao Teatro Colón da Coruña unha máis das xiras de presentación da película galega "Encallados".

Está dirixida por Alfonso Zarauza, que previamente rodou "A noite que deixou de chover" (á que se alude satíricamente nesta cinta). Dura 65 minutos (menciónase na película unhas cantas veces) e está rodada en branco e negro. É unha película moi barata que se rodou en 10 días, con catro actores, e varios cameos de xente coñecida.

Os actores son Xulio Abonjo, Federico Pérez, Ricardo de Barreiro e Farruco Castromán. E aparecen como cameos Luís Tosar, Patricia Vázquez e Marcos Pereiro, aínda que Farruco tamén fai de sí mesmo.

É unha metapelícula curiosa, simpatica e circular. Trata dun grupo de guionistas contratado por un produtor que ten moi poucos cartos para facer unha película. É recursiva porque a película trata sobre o que fixeron para crear a propia película. É circular porque a última escena do filme é a primeira, cando o produtor está falando con alguén da Xunta que lle vai dar unha subvención para contratar aos guionistas.

Teóricamente, a película ía ser unha barata produción sobre o Prestige, pero ese motivo apenas aparece (claro, encarecería moito a produción), pero si aparecen as xoldas que se corren os guionistas para intentar ter algunha idea brillante.

Saúdos.


Comentarios (0) - Categoría: Xeral - Publicado o 11-07-2014 15:25
# Ligazón permanente a este artigo
Sisters in the house
Onte no Garufa Club da Coruña (onde hai anos estaba o añorado Cine Valle-Inclán, xunto á praia de Riazor), actuou o grupo coruñés Sisters in the house.

Está formado agora por 21 rapazas, que basicamente son a cantante Carmen Rey (que toca o piano), Ángeles Dorrio e as súas alumnas, todas mulleres.

Onte presentaban o seu primeiro disco, do mesmo título que o grupo. Estaba o local cheo ata os topes (e xa cabe xente) e, polo que me dixeron ao final, quedaron unhas 50 persoas fóra sen poder entrar.

No vídeo vedes unha actuación veraniega de hai un par de anos en Cambre. Onte ían vestidas todas de negro con toques plateados, a agora ata teñen un broche e un abano corporativo, co logotipo do grupo.

Aparte dos clásicos do soul, jazz, pop internacionais, tamén tocan algunha peza galega, como "Negra sombra".

Saúdos.


Comentarios (0) - Categoría: Xeral - Publicado o 05-07-2014 11:19
# Ligazón permanente a este artigo
O Coro da Rá
Hai uns días entereime, case de casualidade, que un grupo compostelán do que oín falar algún tempo ían actuar na Coruña. O grupo é un coro chamado O Coro da Rá.

Eu oín falar del hai un par de anos, pero polo visto naceron en 1993, hai xa máis de vinte anos. Está dirixido por Ramón Bermejo, e polo que el mesmo di, cando comezaron non soñaban con chegar ao nivel de popularidade que están acadando.

Está formado por unhas 60 persoas, aínda que na actuación de onte na Coruña só estaban unhas 40 (pareceume contar 24 mulleres e 17 homes), ademais do director.

Como moitos coros destes, cantan gospel, cancións do jazz, soul, pop, que se fixeron máis ou menos populares nas últimas décadas, case todas en inglés, claro. Das que escoitei onte, había unha de Queen traducida ao galego (eu non a coñecía nin en versión orixinal), estaban "All you need is love" dos Beatles (é a do vídeo), unha de Stevie Wonder moi famosa cuxo título non lembro neste intre, e moitas máis.

Saúdos.


Comentarios (0) - Categoría: Xeral - Publicado o 04-07-2014 12:21
# Ligazón permanente a este artigo
1 [2]
© by Abertal