Viaxes O Lóstregho


Furancho Oficial de Cabañas & Catoira Travels
A partir deste santo día de Nadal do ano 2006 este vai ser o Furancho Oficial da xa célebre axencia de viaxes perralleiros Cabañas & Catoira Travels. Este e-zulo está especialmente deseñado para todos aqueles infelices ós que xa non lles carbura ben o 4 Latas, que xa están cansos de viaxar con AirZambia ou que levan toda a vida facendo auto-stop en carromato. Chegamos a un punto onde a xente moderna quere viaxes modernas, opinións modernas e visións modernas. Pois ben, para estes últimos non é esta páxina. Estes deben ir á páxina da COPE. Neste "fotolog" haberá fotos das nosas viaxes, comentando diferentes aspectos e anécdotas vividas. Recomendaremos lugares e esperamos que todo o mundo o pase ben e teña ganas de repetir a visita.

O meu perfil
 CATEGORÍAS
 FOTOBLOGOTECA
 RECOMENDADOS
 BUSCADOR
 BUSCAR BLOGS GALEGOS
 ARQUIVO
 ANTERIORES

A fuxida
E para rematar o ciclo de peliculas que vimos este mes no vestíbulo do Fórum Metropolitano da Coruña, onte fomos ver a mítica "A fuxida", dirixida por Sam Peckimpah, e protagonizada por Steve McQueen e Ali MacGraw.

Oíra falar moito desta película pero non a vira ata agora. Non está mal, aínda que a trama tampouco ten moitas voltas, está a típica violencia desmedida das películas de Peckimpah, nas que os personaxes teñen serias dificultades para acabar todos vivos, e todos morren de forma bastante violenta, e conta con dous actores principais magníficos.

Trata dun convicto que é sacado do cárcere pola súa moza coa axuda dunha persoa con moitas influencias para perpetrar un atraco a un pequeno banco en Texas. A parella ten que ir escapando dos seus cómplices na trama, que querían máis parte da que lle tocaba, e do ricachón que lles axudou, ao que a moza mata xa que parece que lle obrigou a deitarse con el para sacar ao protagonista do cárcere.

Debido a iso, dase toda unha serie de incidentes coa policía, con algúns estafadores e outros delincuentes que se cruzan polo camiño.

Déixovos cunha pequena escena do comezo da película, cando o protagonista sae do cárcere, é citado polo que conseguiu sacalo, e é recollido pola súa moza.

Saúdos.


Comentarios (0) - Categoría: Xeral - Publicado o 27-07-2012 16:19
# Ligazón permanente a este artigo
Gli Appassionati
O outro día fomos a un concerto algo singular. Protagonizouno un coro chamado Gli Appassionati, formado por 8 homes e 8 mulleres menores de 30 anos, que cantan cancións ben coñecidas do cine e da música popular das últimas décadas. Non podo aseguralo, pero por cousas que veñen no folleto e na súa web, sospeito que deben ser de Vigo, aínda que en ningún lugar consta explicitamente.

Fixeron un concerto con dúas partes. Na primeira houbo pezas como "Blue moon", "Stand by me" e "Moon river". E na segunda varios temas dos Beatles e de Queen, por exemplo. Todas estas cancións en inglés, claro. E remataron cun bis que eran un "popurri" de fragmentos de Mary Poppins, curiosamente en galego.

Hai un ano que se formou o coro, e iso nótase. Non está mal, son moitos e xa teñen preparadas moitas pezas, pero aínda se lle ven carencias. Nalgunhas voces o coro non parece brillar demasiado e as súas coreografías aínda requiren moito ensaio.

Si, falei ben, dixen coreografías. Supoño eu que por ser un coro de voces novas, queren ser innovadores na posta en escea, e están cambiando continuamente de posición en todas as pezas, non manteñen a mesma posición como sucede nos coros clásicos. Eu non entendo moito disto, pero tiña entendido que a posición fixa nos coros era para manter mellor os tonos, e que a xente non se movera do seu e así contribuír á maior calidade do son. Pero neste grupo cambian moito de posición, incluso durante as pezas, e supoño que iso aínda debe facer a cousa máis complicada.

Saúdos.


Comentarios (0) - Categoría: Xeral - Publicado o 15-07-2012 20:09
# Ligazón permanente a este artigo
Que tan lonxe
O outro día fomos ver ao Fórum Metropolitano da Coruña unha nova edición de Cine en Terraza. Nesta ocasión foi a quenda de "Que tan lejos", película ecuatoriana (aínda que consta como coprodución con España) de 2007.

Trata unha historia estraña. Unha turista española que está en Ecuador coñecendo o país, atópase cunha rapaza que tamén está cruzando o país, aínda que por razóns ben distintas. Segundo avanzan de Quito cara á cidade de Cuenca, van atopando persoas polo camiño que tamén se unen á súa marcha, todo iso aderezado por un paro indíxena que corta estradas. Ou sexa, unha película de estrada onde van pasando cousas.

Por ese lado non está mal, vaise levando, pero a min afectoume unha cousa coa que non contaba demasiado. Todo transcurre en Ecuador e, agás a turista española, todos son ecuatorianos. Pois ben, non sabería cifralo, pero facilmente a terceira parte dos diálogos, non fun capaz de entendelos. Algunhas cousas as ía pillando polo contexto, pero recoñezo que ao non estar nada afeito a eses acentos e léxicos, perdinme bastantes frases polo camiño. E supoño que iso debe significar algo.

Aí tedes o video da película enteira, por se queredes vela.

Saúdos.


Comentarios (0) - Categoría: Xeral - Publicado o 14-07-2012 17:56
# Ligazón permanente a este artigo
MUNCYT
Estes días estiven visitando o MUNCYT (Museo Nacional de Ciencia e Tecnoloxía), cuxa delegación na Coruña acaba de abrir hai un par de meses. Se non teño mal entendido, este museo ten a sede central en Madrid (creo que na antiga estación de tren de Delicias) e acaba de abrir esta segunda delegación na Coruña, como promesa de Zapatero cando as cousas ían mellor. Non sei eu se abriran máis. Creo que ten uns fondos tremendos, e queren abrir sitios para que se poidan visitar.

A historia do edificio que o acolle, chamado o Prisma de Cristal, tamén é curiosa. Construiuno a Deputación da Coruña hai uns anos, ía ser un museo de artes plásticas e un conservatorio de danza, e ao final chegou a un acordo do Goberno central para convertelo nisto. A estrutura do edificio é bastante complexa e pouco convencional, pero hai que ter en conta que foi deseñado inicialmente para ser outra cousa totalmente diferente e, segundo me contaron nunha visita guiada por arquitectos hai varios anos, realmente ían ser dous edificios nun, sen comunicación entre eles. Pero deberon reformalo para que puidera acoller este museo finalmente.

En canto aos contidos, pois como todos os museos científicos, e tendo en conta os fondos dos que pode facer uso, pois está moi ben. Iso si, para os que estean afeitos á interactividade dos museos científicos que hai na Coruña, que se esquezan, este é eminentemente expositivo e case non hai ningún elemento interactivo.

Vexamos en detalle as partes que ten, comezando por abaixo:

- Sala Miscelánea: Vai haber un pequeno espazo, que se vai ir cambiando, onde se vai amosar información dalgún outro museo do país. Agora está o da Automoción de Salamanca. Hai outro pequeno espazo con tipos de martelos, outra con todo tipo de trebellos que solucionan problemas, un espazo que fala sobre as patentes e algunhas curiosidades dalgunhas delas, outro con pezas dun laboratorio (onde están os dous robots) e finalmente un espazo interactivo (supoño que pensando nos rapaces) onde poderás desmontar todo tipo de pequenos aparellos e máquinas.

- Sala Maiúsculas: Sala grande onde hai antigos alambiques, surtidores de gasolina, a lanterna da Torre de Hércules, un locomóbil (algo así como unha máquina de vapor transportable), unha pianola, proxectores de cine, un volante de inercia, o primeiro acelerador de partículas que houbo en España e o primeiro ordenador que chegou a España.

- Na Sala Patrimonio hai unha serie de obxectos científicos históricos moi valiosos, como un reloxo de sol do século XVI, un astrolabio do século XVII, sextantes, microscopios, esferas armilares, etc.

- Sala Innovación Española: Hai tres seccións que me pareceron moi interesantes, foi onde máis tempo pasei, pero creo que á maioría da xente lle pasa o contrario. Por unha banda hai unha grande cantidade de tubos deseñados por Mónico Sánchez, que a comezos do século XX creo unha importante factoría nunha vila de Ciudad Real. Está a Galería de Inventores, cun ordenador onde se pode acceder á breve biografía dos 100 inventores españois máis destacados. E, por último, hai uns "stands" con cada un dos galardonados co Premio Rei Jaime I de Investigación Básica, organizado pola Fundación Valenciana de Estudios Avanzados.

- A Sala Iberia ten a cabina do Boeing 747 Jumbo que trouxo o "Guernica" de volta a España, ten tamén unha das súas turbinas, parte dunha á, e algunhas outras cousas deste avión.

- Hai unha sala de exposición temporais arriba, que agora ten unha chamada Querty, onde basicamente hai máquinas de escribir.

- E están montando unha chamada Século XX, onde pretenden poñer un invento ou artiluxio representativo de cada un dos cen anos dese século.

En definitiva, unha visita ben aproveitable. Agora mesmo é de balde, non sei ata cando, pero supoño que cando deixe de selo a entrada non podería ser moi cara, xa que como dixen, o museo é basicamente expositivo, non debería ter uns moi grandes gastos de mantemento.

Saúdos.


Comentarios (0) - Categoría: Xeral - Publicado o 14-07-2012 17:41
# Ligazón permanente a este artigo
Contos completos de Edgar Allan Poe (Volume I)
Teño intención de ler este verán os contos completos de Edgar Allan Poe en galego, que foron publicados por Galaxia nos últimos anos.

E xa rematei o primeiro dos tres volumes, nos que xa aparecen algúns dos seus mellores contos. Pero a edición é cronolóxica e aínda faltan moitos dos mellores.

Por exemplo, neste volume xa están títulos como "Metzengerstein", "Berenice", "Morella", "Ligeia" e "A caída da Casa Usher".

Como curiosidades, direi que o primeiro que publicou, o conxunto de relatos do "Club Folio", consiste nun grupo de once persoas que se xuntan para relatarse contos entre eles, e precisamente os seguintes once relatos son os que forman esa xuntanza, lembrando lonxanamente ao Decamerón, polo plantexamento inicial da obra.

E tamén chama a atención que hai varios relatos tremendamente humorísticos e irónicos, que dende logo non están moi relacionados coa fama que se estendeu deste escuro e tenebroso autor.

Déixovos cunha parte do relato de "Morella", un dos varios relatos centrados na figura dunha muller marabillosa que acaba obsesionando ao narrador.

Saúdos.


Comentarios (0) - Categoría: Xeral - Publicado o 14-07-2012 17:16
# Ligazón permanente a este artigo
O chapeu de tres picos
O outro día fomos ver unha obra de teatro clásico español, titulado "El sombrero de tres picos".

A min soábame bastante o título, pero non sabía de que ía o tema. É unha obra de finais do século XIX, escrita por Pedro Antonio de Alarcón. É a típica obra de equívocos, por iso e pola súa fama eu pensaba que era do Século de Ouro, e pola temática lembra aquela época.

Manuel de Falla fixo unha obra baseada neste texto, e coido que tamén hai espectáculos de danza relacionados con el.

Representouna Morfeo Teatro Clásico, unha compañía que se dedica a representar este tipo de obras con grande veracidade en vestuarios e épocas. Non a vira ata agora, non sei de onde son, pero mirando na súa web deduzo que poderían ser de Burgos, xa que moitas críticas en prensa son de alí, e semella que estrean moitas das súas obras por alí. Non o fixeron mal, pero nestas lides para min son insuperables os de Teatro Corsario, de Valladolid que, por certo, hai tempo que non suben por esta zona.

Unha das dúbidas que despexei nada máis comezar, é a que fai referencia o título. Os correxidores debían ser algo así como xuíces da época, e tocábanse cun chapeu triangular, que polo tanto tiña tres picos, un para diante e dous para a parte lateral e posterior.

A trama ten que ver con dúas parellas: o correxidor e a correxidora por unha banda, e o muiñeiro e a muiñeira por outra, cun alguacil que axuda ao correxidor pero máis ben é un liante e un borrachín incompetente (ou sexa, algo moi visto neste país). O correxidor pretende á muiñeira e fai o que sexa para verse con ela, e prodúcese un equívoco debido a esas tretas.

Déixovos un fragmento de vídeo dunha película mexicana dos anos 40 que tratou esta obra.

Saúdos.


Comentarios (0) - Categoría: Xeral - Publicado o 08-07-2012 22:55
# Ligazón permanente a este artigo
Eduardo Barreiros, o Henry Ford español
O outro día fun ver unha moi interesante película (feita para TV) que proxectaban no CGAI da Coruña, aínda que non era da súa programación senón que eran algúns dos premios Mestre Mateo deste ano.

Titúlase "Eduardo Barreiros, o Henry Ford español". Ten partes en galego (máis ben ao principio) e en español (máis frecuentes ao final, cando xa teñen a factoría en Madrid e negocian cos americanos).

Resulta curiosa a súa traxectoria como industrial, a súa capacidade de iniciativa e, se é certo o que sae nesta cinta, a mezquindade dalgúns "políticos" (por chamarlle dalgún xeito) da Ditadura, aínda que sobra dicir que todos os que estaban nesas esferas xa debían ser bastante imbéciles de por si.

Na película vén ata o momento no que quebra a empresa pola nefasta alianza coa Chrysler, no ano 1969. Polo visto, pouco despois marchou para Cuba, gañou de novo algúns concursos industriais da illa, e pasou alí as últimas décadas da súa vida.

Saúdos.


Comentarios (0) - Categoría: Xeral - Publicado o 08-07-2012 22:44
# Ligazón permanente a este artigo
Carlos Blanco en Teño días
Onte pola noite vimos no Teatro Colón da Coruña, unha vez máis, ao fantástico contacontos e monologuista Carlos Blanco.

Ultimamente xa se está facendo algo pesado en que recurre moito a nomes de grupos de Facebook e anuncios por palabras, por dicir algún dos seus recursos, pero está claro que aínda así, os seus espectáculos están moi por enriba da media.

Onte, como sempre, tratou de moitísimos temas diferentes, pero os que más tocou foron, ao principio, Belén Esteban facendo o subnormal na Illa de Arousa (territorio que el coñece moi ben) e sobre todo, o Códice Calixtino, que hai que recoñecer que dá moito de si.

Déixovos un video dun dos seus pequenos monólogos nun programa da TVG.

Saúdos.


Comentarios (0) - Categoría: Xeral - Publicado o 07-07-2012 19:55
# Ligazón permanente a este artigo
Rebelde sen causa
Un ano máis, no Fórum Metropolitano da Coruña, durante o verán, botan películas de diferente tipo en versión orixinal no vestíbulo, comodamente sentados en sillas e mesas de terraza, nas que incluso podes tomar algo se queres.

Este ano comezou o ciclo coa mítica "Rebelde sen causa", onde case todo o protagonismo recae en James Dean e, algo menos, na fantástica Natalie Wood.

Aquí vos deixo o video dunha das esceas máis famosas.

Saúdos.


Comentarios (0) - Categoría: Xeral - Publicado o 06-07-2012 14:56
# Ligazón permanente a este artigo
A cantante calva
O outro día fun ver ao Ágora da Coruña a gala final de curso da Escola de Teatro Manicómicos. Atrevéronse nada menos que con "A cantante calva" de Eugene Ionesco, unha das obras cumio do teatro do absurdo.

Non estivo mal a cousa, tendo en conta que se vai ver unha obra que non ten nin pés nin cabeza, pero boa parte da súa "graza" reside niso.

Saúdos.


Comentarios (0) - Categoría: Xeral - Publicado o 06-07-2012 14:49
# Ligazón permanente a este artigo
1 [2]
© by Abertal