Viaxes O Lóstregho


Furancho Oficial de Cabañas & Catoira Travels
A partir deste santo día de Nadal do ano 2006 este vai ser o Furancho Oficial da xa célebre axencia de viaxes perralleiros Cabañas & Catoira Travels. Este e-zulo está especialmente deseñado para todos aqueles infelices ós que xa non lles carbura ben o 4 Latas, que xa están cansos de viaxar con AirZambia ou que levan toda a vida facendo auto-stop en carromato. Chegamos a un punto onde a xente moderna quere viaxes modernas, opinións modernas e visións modernas. Pois ben, para estes últimos non é esta páxina. Estes deben ir á páxina da COPE. Neste "fotolog" haberá fotos das nosas viaxes, comentando diferentes aspectos e anécdotas vividas. Recomendaremos lugares e esperamos que todo o mundo o pase ben e teña ganas de repetir a visita.

O meu perfil
 CATEGORÍAS
 FOTOBLOGOTECA
 RECOMENDADOS
 BUSCADOR
 BUSCAR BLOGS GALEGOS
 ARQUIVO
 ANTERIORES

Corazón entre desertos, de Tucho Calvo
Por fin, despois de moitos meses, volvín ler algo, non veía a chegada deste día. O libro elixido, algo lixeiro e non moi denso para comezar a coller velocidade, foi "Corazón entre desertos", de Tucho Calvo, reeditado por Biblos de novo o ano pasado, porque a primeira edición xa era de comezos do século XXI.

Uns cantos relatos curtos, sinxelos, amables, que se deixan ler con facilidade. Como sempre neste tipo de obras, hai niveis diferentes, algunhas historias que gustan máis e outras que gustan menos, é lóxico.

Podería salientar o que se titula "Corazón" (sospeito, por algunha frase do mesmo, que o título da obra saíu deste relato concreto), "Parados" e algúns que transcorren no sur de Chile e un par deles de "ciencia-ficción" que me sorprenderon.

Saúdos.
Comentarios (0) - Categoría: Xeral - Publicado o 30-07-2011 23:43
# Ligazón permanente a este artigo
Exposición de obxectos de películas de ciencia ficción Syfy
Este mes vai estar na Coruña unha exposición con obxectos que se utilizaron na gravación de películas de ciencia ficción. Parece que o organiza a canle de televisión Syfy e son dunha coleccionista particular.

Estívena vendo hoxe pola mañá e tampouco me parece tanta cousa:

- Por unha banda, é bastante pequena, ocupa unicamente a terceira planta da Fundación Caixa Galicia na Coruña, e cada un dos andares non é que sexa moi grande, que digamos.

- Por outra banda, e iso estrañoume, tivo unha certa repercusión na prensa, pero no propio edificio non vin que tivera nin o máis mínimo anuncio. Nin fóra, nos Cantóns, nin no panel do interior onde indican o que están expoñendo en cada andar consta que esta exposición está no edificio. Tiven que preguntar para enterarme. Raro.

- Está só un mes, cando normalmente as exposicións nesta sede duran bastante máis. Semella estar aquí aproveitando a afluencia de turistas á cidade.

- No que fai referencia á exposición en si, hai uns cantos obxectos dos que din que son "copias", "réplicas" ou "reproducións" das pezas orixinais. Supoño que sendo así perde bastante mérito.

- E o que máis hai son posters e fotos asinadas polas estrelas, que están ben pero que non me parece que teñan moito valor.

En definitiva, unha cousa simpática á que podes dedicarlle media hora, pero é que non dá para máis.

Saúdos.
Comentarios (0) - Categoría: Xeral - Publicado o 29-07-2011 19:17
# Ligazón permanente a este artigo
Gipuzkoa: Costa oriental

E, debido ao cambio de meteoroloxía que antes comentamos, fixemos mediocremente en dous días o que tiñamos previsto facer nun, visitar a tamén abraiante costa oriental, entre Donostia e o río Bidasoa.

Comezamos coa impresionante ría de Pasaia (Pasajes en castelán). O pequeno porto de Donostia é pesqueiro e, agora, tamén deportivo. Pero compleméntase co porto mercante que está na ría de Pasaia, tremendamente amplo para a estreita bocana que ten (resulta sorprendente ver os barcos que entran por ese lugar), dende logo debe ser ben protexido.

Se miramos de oeste a este, formando toda a ría están as seguintes poboacións: Pasai San Pedro, Trintxerpe, Pasai Antxo, Errenteria, Lezo e Pasai Donibane (Pasajes de San Juan en castelán). A primeira e a última forman a estreita boca da ría, unha a cada lado (chégase dunha a outra nun pequeno barquiño en pouco máis dun minuto).

De todas elas, segundo a opinión de moitos, a máis encantadora é Pasai Donibane. Non é un lugar moi extenso, senón máis ben alongado. Comeza xusto despois dunha central térmica (ou algo similar, porque neste lugar hai sitio incluso para iso) e chegado a un determinado punto, a vila convértese case unicamente nunha rúa. De feito, hai un semáforo á entrada que dá o paso alternativamente nas dúas direccións e que xa avisa que a espera pode ser de “10 minutos”. Ao outro estremo desa rúa está unicamente a pequena praza maior.

Tanto por Pasai San Pedro como por Pasai Donibane pode chegarse practicamente á boca da ría, xa no Cantábrico. Dun lado hai un faro, do outro unha pequena praia, a verdade é que esta pequena ría non deixa de sorprender. Déixovos cunha foto da boca da ría, onde entra o bravo mar.

E rematamos a viaxe en Hondarribia, fermosa vila que non puidemos percorrer coa extensión que nos gustaría debido á climatoloxía, unha vez máis. Pero aínda puidemos pasear algo polo casco vello, pola Kale nagusia, pola praza de Gipuzkoa, polo barrio da Mariña, algo polo paseo marítimo mentres as nubes nos deixaron.

E tamén fixemos unha breve visita a Errenteria, que estaba celebrando a festividade do Santiago, importante alí. Ten algunhas cousas moi xeitosas, pero pouco podían verse coa feira e a cantidade de xente que había por alí.

E acabouse a viaxe á provincia de Gipuzkoa.
Comentarios (0) - Categoría: Xeral - Publicado o 28-07-2011 18:48
# Ligazón permanente a este artigo
Gipuzkoa: Donostia

E que dicir de Donostia, que non se dixera antes. A vila enmarcada entre os montes Igeldo e Ulía, co Monte Urgull e a illa de Santa Clara no medio, coas praias de Ondarreta, a Concha e a Zurriola, cos barrios de Ondarreta, Benta Berri, o Antiguo, Aiete, a zona vella, Amara, Anoeta, Átotxa, Gros....

Recibiunos con chuvia, moi gris, pero cando estaba chegando o mediodía xa comezou a aclararse e no mediodía e na tarde fixo calor. Cando estaba poñéndose o sol, vimos que unha fronte de nubes descargaba sobre o mar e viña en dirección á cidade. Non volvimos ver o sol ata a nosa marcha.

A cidade non é moi grande, nin moi poboada (uns 180.000 habitantes) pero resulta difícil de ver nun único día. Ten tantos currunchos interesantes, que nunca dá tempo a nada. O noso percorrido foi máis ou menos o seguinte.

Aparcamos na zona da cidade universitaria, ao fondo do barrio de Ondarreta (aparcar gratis é un dos problemas nesta cidade, como noutras). Fomos ao Peine dos Ventos. Subimos a Igeldo no funicular, fotografiamos, paseamos e baixamos. Fixemos, obviamente, todo o paseo de Ondarreta e a Concha, parando algo no Antiguo, no parque de Miramar..... e fotografiando en todas direccións. Pasamos pola zona vella, queríamos xantar de pinchos, e como estaba cheo de xente, fixemos algo de tempo dando unha volta polo Paseo Novo que rodea o monte Urgull. Xantamos de pinchos na zona vella, ao segundo intento.

Subimos ao monte Urgull xusto despois de xantar, cando xa apretaba o sol, para baixar chicha. Seguimos de novo pola zona vella, a ribeira do río Urumea co Hotel María Cristina e o Teatro Victoria Eugenia, pasamos ao barrio de Amara onde se atopa a Catedral do Bo Pastor. Cruzamos o río Urumea e visitamos os barrios de Atotxa e Gros, e rematamos paseando pola praia da Zurriola.

Cousas que non nos deu tempo a facer: subir ao monte Ulía, visitar a zona de Aiete e fotografala, os parques de Cristina Enea e Lau Haizeta, etc. Nesta cidade nunca dá tempo a todo o que se desexa. Déixovos a típica foto dende o monte Igeldo.
Comentarios (0) - Categoría: Xeral - Publicado o 28-07-2011 18:47
# Ligazón permanente a este artigo
Gipuzkoa: Costa occidental

Pero sexamos sinceros, en Euskadi, e polo tanto, tamén en Gipuzkoa, é difícil igualar á costa, con paisaxes marabillosas. Neste 3º día de expedición, pretendemos darlle un repaso ás cousas máis importantes entre Orio e Mutriku. Xa adiantamos que a Mutriku non puidemos chegar, e tamén que unha das primeiras visitas non foi na costa, entramos lixeiramente no interior.

Comezamos facendo unha breve visita ao núcleo de Orio, visitando a súa rúa principal e as vistas sobre o río Oria. E de aí subimos ao Parque Natural de Pagoeta, que está bastante cerca, onde hai un grande xardín botánico, ferrerías, etc. Por certo, vimos un pequeno cervo pero non nos deu tempo a fotografalo, pillounos por sorpresa.

E a continuación, Zarautz. A señorial vila coa praia de 2,5 quilómetros, onde Argiñano ten o seu restaurante e hotel nun caserón de pedra a pé de praia. A vila xira en torno á praia, e resulta moi pracenteiro darse unha volta polo paseo marítimo, onde nós incluso xantamos nun chiringuito. Dende alí xa se veía o Rato de Getaria.

Eu non teño palabras para expresar o que sinto en Getaria. Xa era a segunda vez que estaba, e aínda flipei máis que a primeira. Esta pequena vila apretada entre a estrada da costa e o monte de San Antón (coñecido como o Rato de Getaria) esgota todos os adxectivos. En primeiro lugar, as vistas en todas direccións dende este monte son abraiantes. E a propia vila é unha milagre. Comezando porque a igrexa é “costa arriba” porque pasa unha rúa por debaixo do altar. Nos barrios máis altos, máis alá da estrada, hai escaleiras mecánicas á intemperie. E os viñedos de txakolí. Indescritible.

E despois vén Zumaia. A desembocadura do río Urola dá lugar a unhas estampas moi chulas, a praia, o faro, a igrexa rodeada de casas por todas partes e sobresaíndo claramente sobre todas elas. Un paseo marítimo moi agradable. Pero nada é comparable á praia de Itzurun. Pechada por acantilados de 30 ou 40 metros de altura e con formacións de “flysch” na propia praia (láminas de rocha que dan lugar a formas como coitelos), cunha pequena ermita nun lugar inverosímil, estreitos acantilados polos que se pode pasear. Déixovos unha foto onde se ve esta fantástica praia.

E rematamos o día en Deba, onde desemboca o río do mesmo nome, coa súa tamén fermosa praia. Alí ceamos e demos un paseo mentres se facía de noite.
Comentarios (0) - Categoría: Xeral - Publicado o 28-07-2011 18:46
# Ligazón permanente a este artigo
Gipuzkoa: Val dos ríos Urola e Deba

Comezamos o segundo día, con tempo tamén inestable, visitando a vila termal de Zestoa. Non nos chamou especialmente a atención, pero tampouco estaba entre as visitas máis importantes. A continuación, acompañados de bastante chuvia, visitamos o trío Azpeitia-Loiola-Azkoitia. Trátoos como trío porque están moi cercanos entre si e pódese ir andando perfectamente, aínda que nós non o fixemos porque chovía bastante.

En xeral, este trío decepcionou bastante, aínda que pode que a chuvia tamén axudara algo. A primeira das vilas, Azpeitia, gustounos bastante pouco. Poucas cousiñas se poden salientar, e o indicio de que na praza maior estivera todo cheo de coches aparcados non axudou. Despois fomos a Loiola, claramente o mellor elemento dos tres. Antes de entrar na basílica, caeunos un chaparrón considerable. E cando estabamos dentro disfrutando de marabillosa construción da basílica chegaron para avisarnos de que ían pechar. Tampouco íamos pasar o día alí dentro (ademais non é moi grande o lugar). Por sorte ao saír xa deixara de chover. Chegamos a Azkoitia. Algo mellor que Azpeitia está (hai moita rivalidade entre as dúas vilas, lóxico), pero tampouco é para botar foguetes. Está chula a praza da igrexa, onde hai varias casas históricas e pasa o río por un entorno algo coidado, pero nada do outro mundo. Déixovos unha foto da basílica de Loiola.

Despois de xantar, fomos visitar outras dúas vilas que están literalmente pegadas, só separadas polo río (e ás veces está canalizado, ou sexa, que estás cambiando de vila sen sabelo ao pasar por unha praza): Urretxu e Zumárraga. Pouca cousa que ver nelas, poderíamos salientar as prazas onde están as estatuas de Iparaguirre (o compositor do “Gernikako arbola”, oficioso himno de Euskadi) e de Miguel López de Legazpi (conquistador das Filipinas). Despois fomos a Legazpi a ver un interesante museo: o Museo do Ferro Vasco. Rematamos a xornada visitando dúas das vilas máis interesantes do val do río Deba: Arrasate e Bergara.

Arrasate non é unha vila moi interesante dende o punto de vista monumental e histórico, pero si dende o económico e social. Alí naceron a mediados do século XX algunhas das cooperativas máis exitosas do mundo, como Fagor ou Eroski, que son estudiadas como exemplo de dinamismo económico. Tanto é así, que fundaron alí a súa propia universidade. A vila conserva o trazado medieval, e varias das súas portas, pero poucos monumentos, mais creceu moitísimo.

Bergara si que conserva boa parte da súa historia, aparte de ter tamén un grande dinamismo industrial. Alí deuse o famoso “abrazo de Bergara”, entre Maroto e Espartero, que deu fin a unha das guerras carlistas. Tamén tiñan institucións moi avanzadas cientificamente, como o Real Seminario, onde os irmáns Elhúyar conseguiron, a finais do século XVIII, illar o tungsteno ou wolframio. Aínda se conservan moitas igrexas, mansións e casas señoriais en torno ao río Deba.

Comentarios (0) - Categoría: Xeral - Publicado o 28-07-2011 18:44
# Ligazón permanente a este artigo
Gipuzkoa: Val do río Oria e Oñati-Arantzazu

O día 1 da nosa expedición, con algo de chuvia, que ao final nos respetou bastante, decidimos visitar os puntos máis importantes do val do río Oria e algunha cousa máis. O río Oria percorre a parte oriental da provincia, e aproveitouse o seu val para facer (hai xa moitos anos) o tramo final da N-I, das máis sinousas que eu lembro.

A primeira parada pretendía ser en Andoain, para dar un paseíño polo fermoso val do río Leitzarán, pero a chuvia non o aconsellaba. Tiramos entón para Tolosa. Cando chegamos, deixou de chover, o ceo estaba moi gris pero aguantou moi ben. Tolosa é unha das vilas máis históricas de Gipuzkoa e a verdade é que é unha das vilas máis fermosas do interior da provincia, moi industrial todo el. A zona máis histórica da vila, pegada ao río, deixa unhas estampas moi fermosas.

Despois fomos a Ordizia e Beasain. Menciónoas xuntas porque están pegadas. De feito, aparcamos máis ou menos no medio das dúas, e desprazámonos andando a cada unha delas. En Ordizia había feira, por ser mércores, e víase moita animación. En calquera caso, tendo algunhas cousiñas salientables, non son dúas vilas das máis destacadas desta zona.

Despois de xantar achegámonos a unha pequena vila medieval chamada Ataun, á que incluso Kepa Junkera lle dedicou unha canción. Pero decepcionounos bastante. Unicamente tiña unha igrexa, o resto moi medieval non parecía. Despois diso fomos a unha vila que si xa destilaba ambiente doutra época, chamada Segura. Está só a uns 3 ou 4 quilómetros de Beasain, que é unha vila tremendamente industrial, e parecía estar no medio da nada, case non se escoitaba ningún ruído. Son tres ou catro rúas case paralelas cruzadas polas súas correspondentes transversais, onde case non hai coches, dá moito gusto pasear polo seu interior, ademais aínda conserva a súa estrutura dos séculos pasados.

E rematado o val do río Oria, saltamos a outra parte moi diferente: Oñati e o santuario de Arantzazu. Para chegar ao segundo, hai que pasar pola primeira.

O santuario de Arantzazu está encravado na aba da serra de Aitzkorri, mirando xa cara á provincia de Araba. A mediados do século XX reuniuse ao seguinte equipo: os arquitectos Sainz de Oiza e Luis de Laorga fixeron os planos, a fachada de Jorge Oteiza, as portas de Chillida, o retablo de madeira polícroma de Lucio Muñoz e as pinturas da cripta de Néstor Basterretxea. Xa existía como lugar de peregrinación dende finais do século XV. A obra é moi vangardista e o entorno impresionante. Déixovos unha foto onde se aprecia algo disto.

Oñati é unha das vilas máis importantes da historia de Gipuzkoa. Moitas casas nobres dan fe dese feito, pero a min o que máis me chama a atención é a existencia da Universidade do Sancti Spiritus, fundada no século XVI. Unha vila como esta, non moi grande, que tivera universidade hai xa case 500 anos, algo debía ter.

Comentarios (0) - Categoría: Xeral - Publicado o 28-07-2011 18:43
# Ligazón permanente a este artigo
Gipuzkoa: Ida, volta e visitas descartadas

Comezamos a viaxe dous dos expedicionarios de Viaxes O Lóstregho (un dos fundadores non puido vir por cuestións persoais) o martes 19 de xullo. Decidimos desprazarnos ata Gipuzkoa pola costa cantábrica, xa que a paisaxe é máis bonita. Comprobamos que a autovía transcantábrica segue sen estar rematada. Falta o tramo de Mondoñedo en Galicia, tres tramos ao comezo de Asturias e o famoso tramo final de Asturias, entre Llanes e Cantabria. Chegamos a Orio, onde tiñamos reservada habitación na casa rural Aizperro, sobre as 7 da tarde. Ese día simplemente baixamos dar un paseo pola vila e a cear un pouco. Deixamos unha foto da zona da praia.

Voltamos o martes 26 de xullo, principalmente porque a evolución meteorolóxica dos últimos días fora moi negativa. De novo pola costa cantábrica para casa, vimos o sol por primeira vez en Vilalba, para que vos fagades unha idea do tempiño que nos acompañou.

Esta exhaustiva exploración da provincia de Gipuzkoa non puido ser todo o completa que nos gustaría, e tivemos que deixar sen visitar “pezas menores” como Irún, Oiartzun, o parque natural de Aiako Harria, o monte Jaizkibel (que cruzamos baixo a mesta brétema). Pola densidade e ambición da nosa axenda, tampouco foi posible visitar outros lugares como Mutriku, Andoain, Eibar.... nin puidemos facer sendeirimo en varios lugares que nos chamaban moito a atención, como subir aos picos Txindoki e Aitzkorri. Quedará para outra vez, se cadra.
Comentarios (0) - Categoría: Xeral - Publicado o 28-07-2011 18:42
# Ligazón permanente a este artigo
The Wall, de Pink Floyd
Onte fun ver a última película que se emite este verán no ciclo "Cinenterraza" no vestíbulo do Fórum Metropolitano de A Coruña.

Foi a mítica película "The Wall" baseada no disco do mesmo título do grupo Pink Floyd, que para min é o mellor disco de rock da historia. Estanse xa cumprindo 30 anos da mesma, pero segue tendo unha forza visual tremenda.

Está claro que a miña opinión sobre a calidade musical dese disco xa me condiciona bastante á hora de falar desta película. E xa dixen que moitas das imaxes, tanto reais como de animación, seguen tendo unha potencia fascinante.

Pero a historia, como noutras películas similares, non é fácil de seguir. Supostamente conta a historia dun cantante dun grupo de rock chamado Pink (interpretado por Bob Geldof na idade adulta) que perde ao seu pai na 2ª Guerra Mundial, que ten unha infancia complicada por esa razón, que ten algunha relación sentimental fallida (como lle pasa a moita outra xente) e as frustracións que se derivan diso.

Polo que lin nalgures, hai moitas máis lecturas da trama, como: a alienación á que chegaran os seguidores dos grupos de rock, a guerra, a sobreprotección familiar, a pésima educación, a represión policial ou a tolemia, que no grupo coñecían ben pola historia do seu primeiro líder, Syd Barrett.

Polo que parece, o concepto de "muro" e "ladrillos" que tanto se utiliza nas letras fai referencia ao muro que separaba ao grupo dos seus seguidores, que os seguían con devoción e alienados a onde ían. E parece que tamén fai referencia á sociedade actual con moita xente gris onde se mira mal aos que son diferentes e saen dos carreiros establecidos.

En definitiva, unha película complexa, cunha mensaxe moi elaborado e poliédrica, e unha música (na miña opinión) excepcional e irrepetible.

Déixovos cun dos fragmentos máis espectaculares, onde aparece unha das animacións máis impactantes.

Saúdos.


Comentarios (0) - Categoría: Xeral - Publicado o 28-07-2011 13:57
# Ligazón permanente a este artigo
Maruja da Cansela, de Tonhito de Poi
O outro día na FNAC da Coruña estivo Tonhito de Poi presentando uns novos singles, entre os cales destacaba "Maruja da Cansela", que vos poño no seguinte video.

Atopei varios en Youtube, pero hai un deles nos que se pode ler a letra, e vou escoller este, porque ten moita miga. Polo que dixo Tonhito, en non sei que circunstancias atoparon unha carta dirixida en 1920 por un emigrante galego en New York á súa moza chamada Maruja da Cansela. El só engadiu a primeira estrofa, de presentación, o demais deixárono exactamente igual que no orixinal. Flipante.

Saúdos.


Comentarios (0) - Categoría: Xeral - Publicado o 16-07-2011 18:53
# Ligazón permanente a este artigo
1 [2]
© by Abertal