Viaxes O Lóstregho


Furancho Oficial de Cabañas & Catoira Travels
A partir deste santo día de Nadal do ano 2006 este vai ser o Furancho Oficial da xa célebre axencia de viaxes perralleiros Cabañas & Catoira Travels. Este e-zulo está especialmente deseñado para todos aqueles infelices ós que xa non lles carbura ben o 4 Latas, que xa están cansos de viaxar con AirZambia ou que levan toda a vida facendo auto-stop en carromato. Chegamos a un punto onde a xente moderna quere viaxes modernas, opinións modernas e visións modernas. Pois ben, para estes últimos non é esta páxina. Estes deben ir á páxina da COPE. Neste "fotolog" haberá fotos das nosas viaxes, comentando diferentes aspectos e anécdotas vividas. Recomendaremos lugares e esperamos que todo o mundo o pase ben e teña ganas de repetir a visita.

O meu perfil
 CATEGORÍAS
 FOTOBLOGOTECA
 RECOMENDADOS
 BUSCADOR
 BUSCAR BLOGS GALEGOS
 ARQUIVO
 ANTERIORES

Espertar, de Lino García Salgado e Helena Robledo
Onte fun ao Liceo de Betanzos ver a presentación do libro de poemas de Lino García Salgado ilustrado coas fotografías de Helena Robledo.

Resultou unha interesante exposición rematada cun video que amosaba as dúas partes da obra, e o acto foi organizado pola activa asociación cultural Eira Vella, de Betanzos, que tamén editou a obra na súa colección de poesía.

Saúdos.
Comentarios (0) - Categoría: Xeral - Publicado o 04-07-2010 17:32
# Ligazón permanente a este artigo
Retrospectiva de Pepe Galán
E rematei a mañá visitando a exposición retrospectiva do escultor Pepe Galán no Kiosko Alfonso da Coruña.

Estivo connosco no programa de radio "Recendo" da Agrupación Cultural Alexandre Bóveda hai poucas semanas.

Traballa principalmente con ferro, aceiro cortén e vidro. Podemos salientar a maleta que deseñou para unha multitudinaria manifestación de Nunca Máis, as obras dos últimos anos con parabrisas ou a serie Mayday, que consiste en cilindros de metal que están unidos por bandas onde hai ocos que dan lugar a palabras.

Na foto aparece Pepe Galán cunha maqueta do monumento que fixo para os mortos do Portiño, concurso que foi convocado pola Comisión pola Memoria Histórica da Coruña.

Saúdos.
Comentarios (0) - Categoría: Xeral - Publicado o 02-07-2010 16:36
# Ligazón permanente a este artigo
Anticorpos dos Irmáns Campana
Pasei pola Fundación Barrié a visitar a exposición "Anticorpos" dos irmáns Fernando e Humberto Campana, deseñadores brasileños.

Como case sempre que vou a unha exposición de deseño, saín bastante desconcertado. Está ben buscar novas alternativas, intentar sorprender, pero ás veces dame a impresión que hai moita xente ociosa que non sabe a que dedicar o tempo. Será que son de ciencias e estas cousas me superan.

Unha das súas obras máis coñecidas é a Cadeira Vermelha, que vedes na foto, e que podedes probar na exposición.

Saúdos.
Comentarios (0) - Categoría: Xeral - Publicado o 02-07-2010 16:28
# Ligazón permanente a este artigo
Galileo e a Astronomía
Hoxe pola mañá vin unha exposición moi interesante, da que xa oíra falar pero non puidera visitar, e que xa se vai clausurar o domingo 4 de xullo.

Titúlase "Galileo e a Astronomía", está na Fundación Barrié da Coruña e creo que é un dos primeiros actos do MUNCYT (Museo Nacional de Ciencia e Tecnoloxía) que vai ter unha das súas principais sedes na Coruña.

Antes de falar da exposición, habería que dedicar algún tempo a mencionar varias controversias sobre persoas e cousas.

En primeiro lugar, non está excesivamente claro se a sede que vai ter o MUNCYT na Coruña vai ser a principal (como din algúns por aquí) ou vai ser unha máis das varias que vai haber por toda España (como din por moitos outros sitios). Non é algo que me quite o sono, pero dá a impresión que é outra destas tácticas de Zapatero de intentar deixar contentos a todos, cousa que habitualmente é imposible, e ademais a xente acaba decatándose. Acabo de ir á páxina do MUNCYT e en ningún sitio di onde se atopa físicamente. Só conseguín ler no folleto dunha das exposicións que organizan que está no Paseo das Delicias en Madrid. Non é o que se chama unha información moi transparente.

En segundo lugar, o director do MUNCYT é un personaxe de prestixio científico pero con algo de controversia na cidade da Coruña. Si, o MUNCYT a nivel estatal está dirixido por Ramón Núñez Centella, que puxo en marcha xa hai 25 anos a Casa das Ciencias, e que grazas a iso e a moitas outras cousas fíxose un oco importante na divulgación científica deste país. Pero tamén é certo que todo ese gran apoio institucional tívoo por ser amigo persoal dun inefable alcalde coruñés, moi dado aos personalismos e que non permitía que ninguén baixo a súa sombra destacase máis do debido.

En terceiro lugar, o edificio. A sede coruñesa do futuro MUNCYT (coido que a apertura está prevista, como moi pronto, no 2011) estará en Labañou, nun edificio moderno moi premiado, PERO QUE FOI DESEÑADO PARA MUSEO DE BELAS ARTES E ESCOLA DE DANZA DA DEPUTACIÓN. Unha vez máis, a mediocridade dos nosos políticos, fixo que un edificio encargado por unha administración para uns usos, fora cedido ou vendido a outra administración diferente para uns usos totalmente diferentes, coa conseguinte reforma e gasto adicional. Patético.

Agora que xa puxemos pingando a medio planeta, podemos falar desta gran exposición

Consiste en cinco grandes paneis onde nos vai contando, moi por enriba, as achegas de Galileo á historia da astronomía, xa que tamén fixo investigacións noutros campos. E o máis importante é que hai moitos documentos orixinais de hai 400 anos, que foi cando fixo os principais descubrimentos neste disciplina. Incluso está o libro onde consta a abxuración de Galileo ante a Inquisición.

Resumiremos a historia. A principios do século XVII creouse en Roma a primeira asociación científica da historia, a "Accademia dei Lincei" de Federico Cesi. Apoiaron a diferentes científicos, entre eles Galileo que entre 1609 e 1610 comezou a facer experimentos con lentes e telescopios, e a ver cousas que ninguén vira antes. Incluso contaban co beneplácito do Papa Urbano VIII, e para conseguilo un determinado ano publicaron varias obras que trataban sobre as abellas, símbolo heráldico da familia Barberini, á que pertencía este Papa. Pero uns anos máis tarde, coas observacións que facía, Galileo comezou a apoiar as teorías heliocéntricas de Copérnico, morreu Federico Cesi, e o Papa pensou que nalgunha obra de Galileo o ridiculizaban. A Inquisición denunciouno e o Papa non fixo nada por defendelo. Para que te fíes dalgunha xente.

Saúdos.
Comentarios (0) - Categoría: Xeral - Publicado o 02-07-2010 16:23
# Ligazón permanente a este artigo
[1] 2
© by Abertal

Warning: Unknown: Your script possibly relies on a session side-effect which existed until PHP 4.2.3. Please be advised that the session extension does not consider global variables as a source of data, unless register_globals is enabled. You can disable this functionality and this warning by setting session.bug_compat_42 or session.bug_compat_warn to off, respectively in Unknown on line 0