Viaxes O Lóstregho


Furancho Oficial de Cabañas & Catoira Travels
A partir deste santo día de Nadal do ano 2006 este vai ser o Furancho Oficial da xa célebre axencia de viaxes perralleiros Cabañas & Catoira Travels. Este e-zulo está especialmente deseñado para todos aqueles infelices ós que xa non lles carbura ben o 4 Latas, que xa están cansos de viaxar con AirZambia ou que levan toda a vida facendo auto-stop en carromato. Chegamos a un punto onde a xente moderna quere viaxes modernas, opinións modernas e visións modernas. Pois ben, para estes últimos non é esta páxina. Estes deben ir á páxina da COPE. Neste "fotolog" haberá fotos das nosas viaxes, comentando diferentes aspectos e anécdotas vividas. Recomendaremos lugares e esperamos que todo o mundo o pase ben e teña ganas de repetir a visita.

O meu perfil
 CATEGORÍAS
 FOTOBLOGOTECA
 RECOMENDADOS
 BUSCADOR
 BUSCAR BLOGS GALEGOS
 ARQUIVO
 ANTERIORES

Cabanillas, segundo Francisco Fernández Rei
No mes de maio veu á Agrupación Cultural Alexandre Bóveda o académico Francisco Fernández Rei para falar sobre "Cabanillas e o mar de Arousa".

Contounos cousas ben interesantes sobre Cabanillas e a súa poesía dedicada ao mundo do mar de Arousa, que tan ben coñece tamén Fernández Rei.

E non vos digo nada sobre a cea de despois -sempre son tan interesantes ou máis que as propias charlas-, onde nos falou de Cambados e todos os seus mundos. E cando digo todos, quedo dicir TODOS.

Saúdos. Os Mártires da Caeira.
Comentarios (0) - Categoría: Extremadura - Semana Santa 2002 - Publicado o 08-07-2009 18:48
# Ligazón permanente a este artigo
A fume de carozo
Durante o mes de maio participei con algúns dos meus alumnos dunha experiencia innovadora: fixemos un programa de radio.

Foi os catro martes de maio, de 17:00 a 18:00, en CUAC FM, 103.4, que se colle, máis ou menos, na comarca coruñesa e incluso chega a zonas de Ferrolterra. O programa chamouse "A fume de carozo".

Esperamos que a experiencia siga nos vindeiros anos, porque quedamos todos moi contentos, pero a verdade é que dá moito curro.

Saúdos. Os Devotos de Santa Clara.
Comentarios (0) - Categoría: Os Devotos de Santa Clara - Publicado o 08-07-2009 18:43
# Ligazón permanente a este artigo
Festas da Lingua

Últimamente participei ou asistín a varios eventos chamados Festa da Lingua.

No primeiro deles, organizado polos equipos de normalización lingüística dos colexios relixiosos, boto unha man na súa celebración, e este ano foi a entrega de galardóns da V Edición do Premio Literario Frei Martín Sarmiento, que xa comeza a coller certo nome.

Os ganadores foron:
PRIMEIRA CATEGORÍA (1º e 2º de primaria)
RIVADULLA CORCÓN O sorriso de Claudia. Sotelo Blanco
SEGUNDA CATEGORÍA (3º a 5º de primaria)
CASALDERREY, Fina. A lagoa das nenas mudas.Xerais
TERCEIRA CATEGORÍA (6º a 2º de ESO)
CASTRO, Francisco. O ceo dos afogados. Xerais
CUARTA CATEGORÍA (3º de ESO a Bacharelato)
FERNÁNDEZ PAZ, AGUSTÍN.O único que queda é o amor. Xerais

A entrega destes foi en Vilagarcía o 30 de abril.
Na quinta categoría, para lectores adultos, ganou Marina Mayoral con "Case perfecto" e entregouse nos Salesianos de Ourense o 29 de maio.

A mediados de maio asistín na Coruña a outra gala que tamén recibe o mesmo nome dende o ano pasado, é organizada polo Concello pero non se parece en nada á anterior. Consta normalmente dunha actuación de humor e dunha musical. Neste caso foron José Touriñán (unha das pandereteiras de Ardebullo, non sei se é Mucha ou Nucha) e despois o grupo Malvela.

Que o galego siga sendo unha festa. Saúdos.
Comentarios (2) - Categoría: Os Devotos de Santa Clara - Publicado o 08-07-2009 18:35
# Ligazón permanente a este artigo
25 de abril en Portugal
Na Agrupación Cultural Alexandre Bóveda temos intención de afianzar os nosos lazos do país veciño e coa lusofonía.

Por esa razón, este ano volvemos celebrar algún acto relacionado co 25 de abril.

Chamamos a dúas lectoras de portugués da UDC, Ana Bela e Joana, coas que temos algún contacto, e pedímoslles que nos falaran sobre o significado dese día no seu país, especialmente para elas, rapazas novas que aínda non naceran cando sucedeu a revolución dos cravos.

A ver se estreitamos máis os lazos con Portugal.

Saúdos. Os Mártires da Caeira.
Comentarios (0) - Categoría: Os Mártires da Caeira - Publicado o 08-07-2009 18:09
# Ligazón permanente a este artigo
As dunas, do CDG
Hai xa uns meses fun ver a última producción do Centro Dramático Galego. Foi "As dunas", unha obra de Manuel Lourenzo dirixida por Quico Cadaval.

Deixoume bastante frío. Normalmente Quico Cadaval sempre é unha garantía ("Noite de reis" foi o seu último e clamoroso éxito no CDG). Pero esta vez non puido ser. Sospeito que os abstractos mundos e dramas de Manuel Lourenzo venceron na batalla.

Era unha estraña historia entre sentimental e inmobiliaria, coa corrupción dun político. Tiña tamén algo de musical. Pero as cousas que están a medio camiño de varios sitios, normalmente non acaban chegando a ningún deles.

Saúdos.
Comentarios (0) - Categoría: Xeral - Publicado o 08-07-2009 18:02
# Ligazón permanente a este artigo
A Torre de Hércules
Nos últimos meses nesta cidade moito se falou da Torre de Hércules, que finalmente foi designada Patrimonio da Humanidade.

Na Agrupación Cultural Alexandre Bóveda xa lle dedicamos certa atención. Sempre acompañados dunha das persoas que máis sabe sobre a Torre, o arqueólogo Xosé María Bello.

Primeiro foi unha conferencia no noso local. Despois foi un "faladoiro e farra" sobre o tema no Club do Mar, agora que volvemos celebralos.

Nos dous casos pasou o que sucede sempre con Bello, que veu pouca xente pero os que fomos saímos moi contentos, xa que é unha delicia ouvilo falar e é tremendamente didáctico na súa exposición.

Que podería lembrar das cousas que nos contou eses días?

O que máis me impactou é que case todo o que se conserva é romano, aínda que non o pareza. A restauración do s. XVIII deixou unha pel duns 40 ou 60 cm. de espesor, pero iso é o que se ve. Realmente todo o interior é orixinal romano.

E que os romanos puxeron aquí un faro e unha guarnición para resgardar os barcos que saían de aquí ou pasaban por aquí que ían camiño de Inglaterra. Para que? para levarlle algo aos exércitos romanos que era absolutamente esencial para eles: aceite de oliva para cociñar.

Saúdos. Os Mártires da Caeira.
Comentarios (0) - Categoría: Os Mártires da Caeira - Publicado o 08-07-2009 17:28
# Ligazón permanente a este artigo
Eraserhead
Hai xa algún tempo -acumulei CERTO retraso neste blog- fun ver unha película moi desconcertante.

Últimamente teño bastante tendencia a ver películas moi raras de Dios. Neste caso vin unha da que xa ouvira falar hai tempo e que me causaba moita curiosidade.

Titúlase orixinalmente "Eraserhead" ("Cabeza borradora" na traducción ao español, neste caso é a correcta). Foi a primeira longametraxe de David Lynch. Se agora, co éxito e fama que ten, fai as cousas raras que fai, imaxinade o que faría cando non era famoso.

Máis curiosidades sobre a película. Fun vela nun ciclo que botaban nun museo coruñés, por suposto de balde. Cando sucede iso, non sei por qué, a media de idade dos asistentes sube. Nunca vin ningún acto cultural onde se fora tanta xente polo medio da "actuación". Xa case dende o primeiro minuto o goteo foi continuo. Aparte da extremada rareza da película, a aparición do fillo (chamémoslle así a ese estraño enxendro) do protagonista principal non axuda a quedarse.

De que trata? Buf, iso si que é un compromiso. Vén sendo algo así como un señor que se casa cunha rapaza (aparentemente de "penalty") e que teñen un fillo, por chamarlle dalgunha forma.

Atopei o fragmento final en video. Non dura moito, para que vos fagades unha idea pode valer. Pero xa vos aviso que se ven cousas desagradables, que vos poderían facer entender por qué moita xente non soporta o visionado da película.

Saúdos.

Comentarios (0) - Categoría: Xeral - Publicado o 08-07-2009 17:25
# Ligazón permanente a este artigo
[1] [2] [3] 4
© by Abertal