Viaxes O Lóstregho


Furancho Oficial de Cabañas & Catoira Travels
A partir deste santo día de Nadal do ano 2006 este vai ser o Furancho Oficial da xa célebre axencia de viaxes perralleiros Cabañas & Catoira Travels. Este e-zulo está especialmente deseñado para todos aqueles infelices ós que xa non lles carbura ben o 4 Latas, que xa están cansos de viaxar con AirZambia ou que levan toda a vida facendo auto-stop en carromato. Chegamos a un punto onde a xente moderna quere viaxes modernas, opinións modernas e visións modernas. Pois ben, para estes últimos non é esta páxina. Estes deben ir á páxina da COPE. Neste "fotolog" haberá fotos das nosas viaxes, comentando diferentes aspectos e anécdotas vividas. Recomendaremos lugares e esperamos que todo o mundo o pase ben e teña ganas de repetir a visita.

O meu perfil
 CATEGORÍAS
 FOTOBLOGOTECA
 RECOMENDADOS
 BUSCADOR
 BUSCAR BLOGS GALEGOS
 ARQUIVO
 ANTERIORES

V Premio Biblos-Pazos de Galicia

O outro día, supoño que por ser presidente da A. C. Alexandre Bóveda, fun invitado a asistir á entrega da V edición do Premio Biblos - Pazos de Galicia.

Consiste nun certame no que galegos e galegas de menos de 25 anos teñen que presentar un proxecto de novela. Un xurado escolle uns finalistas e finalmente un ganador. Ese ganador, que se decreta por estas datas do ano, ten dereito a pasar un mes xunto cun titor (escritor xa consagrado) nunha casa de turismo rural galega para perfilar a obra.

Esa casa de turismo rural, a mesma na que se celebrou a entrega de premios, é a Casa Grande do Bachao. Está nun remoto lugar do concello de Santiago, pero a só 12 quilómetros da capital. O lugar é paradisíaco.

O ganador deste ano é un xornalista de Arzúa chamado Pablo García Martínez. Nas palabras que dixo xa se ve moita arte. A moitos soounos aos xeitos de Xurxo Souto. E o seu titor vai ser Manolo Rivas. O proxecto sobre unha xeración de adolescentes promete e xa está en marcha.

A deliciosa cea que tivo lugar a continuación da entrega do premio e do concerto de música de cámara a cargo do cuarteto Xerión redondeou a noite. Cheguei a casa ás dúas e media, pero valeu a pena.

Saúdos.
Comentarios (2) - Categoría: Xeral - Publicado o 13-07-2009 23:30
# Ligazón permanente a este artigo
El Desencanto
Sigo coa miña teima de ver cine raro. Pero o desta vez xa cruza moitas liñas vermellas. Ouvira falar desta película xa hai tempo, e tíñalle moitas ganas. Cando vin que en Google Videos había películas antigas enteiras dixen "esta é a miña". E foi. Que se absteñan os impresionables.

Existiu unha vez un poeta astorgán chamado Leopoldo Panero. Polo visto, era alcohólico e un dos poetas oficiais do réxime franquista. E morreu a comezos dos anos 60, non lembro se se suicidou ou foi máis ben produto do seu alcoholismo, pero de morte natural non foi, seguro. Era moi amigo de Luis Rosales.

Uns anos máis tarde, na súa vila natal decidiron poñerlle unha estatua a carón da catedral (estiven alí pero non lembro tela visto, mirarei a próxima vez con máis interese, seguro).

Pois aproveitando esta ocasión, o director Jaime Chávarri e o produtor Elías Querejeta fixeron un documental sobre a familia, entrevistando á súa muller Felicidad Blanc e aos tres fillos: Juan Luis, Leopoldo María e Michi Panero.

Resumo rápido: presenta o derrubamento do franquismo (foi censurada), o declive da familia, pero tamén é certo que resulta algo difícil saber quen está máis chalado na familia. O pai non sae e a nai parece a única mínimamente sensata, pero non sempre.

Podo asegurarvos que as declaracións de calquera dos tres fillos son para flipar. Leopoldo María xa estaba daquela internado en psiquiátricos. Aos outros tampouco lles faltaba tanto.

Mirando agora pola rede, acabo de enterarme que hai unha continuación desta película, dirixida por Ricardo Franco no 1994 que se titula "Después de tantos años". E que Michi morreu de cancro no ano 2004, provocado pola intensísima vida nocturna da que facía gala.

Saúdos.
"El Desencanto" en Google Videos
Comentarios (2) - Categoría: Xeral - Publicado o 13-07-2009 22:42
# Ligazón permanente a este artigo
Novoa Santos
Nos últimos días asistín á tertulia mensual que ten lugar na Fundación Wenceslao Fernández Flórez (Villa Florentina, Cecebre) en torno a un persoeiro da cultura.

Esta vez era o turno de Roberto Novoa Santos (sigo sen saber se o primeiro apelido é Nóvoa, coido que si). Seguramente o mellor médico galego da historia.

Naceu a finais do s. XIX, e morreu con menos de 50 anos, aparentemente dunhas hemorraxias internas, aínda que nalgúns foros insinúase se habería suicidio ante o sufrimento final.

Foi auxiliar de cátedra en Santiago e catedrático en Madrid. Escribiu un manual de "Patoloxía xeral" que foi esencial na medicina de lingua hispana durante moitas décadas.

Se moitos persoeiros importantes desta terra foron, máis ou menos esquecidos, que podemos dicir dos homes de ciencia. Cómpre reivindicar estas figuras.

Saúdos.
Comentarios (0) - Categoría: Xeral - Publicado o 13-07-2009 22:19
# Ligazón permanente a este artigo
Exposición de María Braxe
A miña queridísima amiga María Braxe tivo durante o mes de xuño unha nova exposición no hotel Tryp María Pita (agora creo que xa non se chama así).

Esta vez a temática xiraba en torno á música principalmente. Con figuras humanas e instrumentos facía curiosas composicións, como a da foto.

Saúdos.
Comentarios (0) - Categoría: Xeral - Publicado o 13-07-2009 00:16
# Ligazón permanente a este artigo
Excursión a Muros, Carnota e o Ézaro

Un grupo de xente fomos de excursión a finais de xuño pola zona que está entre Cee e Muros.

Fomos de A Coruña a Muros pasando por Santa Comba. Como o día tiña chuvia e brétema non puidemos aprezar as espectaculares vistas de Carnota dende as alturas.

Chegando e baixando a Muros desaparecía a brétema, mais non a chuvia. Estaba previsto pasar a mañá na zona de Louro, pero o clima non o permitiu.

Quedamos entón en Muros e andivemos por alí de tascas ata a hora de xantar en "A esmorga". Unhas boas ameixas, un rape en salsa, e un docísimo postre local chamado a "tortilla romana" (se cadra empalagoso de máis), bañado en albariño, deixounos ben mantidos.

Á volta paramos no hórreo de Carnota e subimos no autobus ao mirador do Ézaro. Pero hai que ter en conta que, dos tres accesos por estrada que hai, só se pode chegar en autobus dende Dumbría. Dende Ézaro e Paxareiras non é posible en vehículo grande.

Pena do tempo, pero aínda así pasámolo ben.

Saúdos.
Comentarios (0) - Categoría: Xeral - Publicado o 13-07-2009 00:14
# Ligazón permanente a este artigo
Os mortos van á présa
Lin nos últimos días o guión de "Os mortos van á présa" de Ángel de la Cruz. Foi publicado en Biblos.

Non sei se sabedes da azarosa vida desta película. Ía ser a primeira produción en carne e óso de Dygra, que xa triunfou coas animacións de "O bosque animado" e "A noite de San Xoán".

Hai un ano ou dous cando xa estaban rodando, houbo enfrontamentos e problemas económicos entre Manolo Gómez e Ángel de la Cruz, os dous principais compoñentes de Dygra, e parouse a rodaxe.

Ademais, a rodaxe era nunha aldea mariñeira chulísima que está cerca de Ribadeo, que se chama Rinlo. Incluso pintaran algunhas casas do pobo, co compromiso que as volverían deixar como estaban orixinalmente. Claro, os veciños, cando viron que a rodaxe paraba, fliparon.

Un ano máis tarde, Ángel de la Cruz en solitario conseguiu reanudar a rodaxe e o resultado está aí. Estreouse hai poucos meses e non puiden ir vela. A miña intención era vela en galego, e aínda non desesperei dese intento.

Só puiden atopar o trailer e fragmentos da película en español, merda.

Saúdos.

Comentarios (0) - Categoría: Xeral - Publicado o 13-07-2009 00:01
# Ligazón permanente a este artigo
Consumir menos, vivir mejor

Nas últimas semanas, e por fragmentos (menos mal que este libro o permitía), fun lendo "Consumir menos, vivir mejor", de Toni Lodeiro.

Toni Lodeiro é un activista que, se non lembro mal, naceu na Coruña pero vive en Euskadi, que se dedica principalmente a divulgar a idea dun menos consumo, máis consciente, para ter unha vida máis saudable e ecolóxica.

O libro ten moitos capítulos e centos de referencias de películas, páxinas web, publicacións... que son interesantes para informarse sobre este importante tema. Trata todos os temas imaxinables da nosa vida. A verdade é que che fai pensar moitas cousas o que les neste libro, incluso das accións máis rutinarias da vida.

Este libro presentouse hai tempo na A. C. Alexandre Bóveda, pero non puiden asistir á presentación. Só puiden ver a Toni e á xente que convocara o acto ao final, e aproveitei para mercalo, e ata agora non puidera lelo.

Saúdos.
Comentarios (0) - Categoría: Xeral - Publicado o 12-07-2009 23:48
# Ligazón permanente a este artigo
Obras sobre Ramón Piñeiro
Na segunda quincena de xuño presentamos na A. C. Alexandre Bóveda varios libros sobre a controvertida figura de Ramón Piñeiro, o homenaxeado das Letras Galegas deste ano.

E digo controvertida figura precisamente porque os dous libros que presentamos eses días non o poñían nos altares, como outros si fan.

O primeiro foi escrito polo noso historiador amigo Xoán Carlos Garrido "Piñeiro contra Castelao. Castelao contra Piñeiro". Fala da correspondencia entre estas dúas figuras e outros persoeiros adxacentes que permite coñecer mellor a ruptura en dúas faccións do nacionalismo galego nos anos 40.

O segundo foi escrito pola profesora e tamén amiga Mercedes Queixas, e títulase "Ramón Piñeiro, a expresión cultural dunha estratexia política". Viña contando que o que pretendía agocharse como alternativa cultural no galeguismo de posguerra e transición, viña sendo realmente unha opción política moito máis moderada que pretendía eclipsar á outra.

Dous interesantes libros máis para seguir o ronsel do nacionalismo galego.

Saúdos. Os Mártires da Caeira.
Comentarios (0) - Categoría: Os Mártires da Caeira - Publicado o 12-07-2009 23:27
# Ligazón permanente a este artigo
O impacto da obra de Charles Darwin en Galiza
Como este ano se celebra o 200 aniversario do nacemento de Darwin e o 150 aniversario da publicación da súa principal obra, hai que celebralo.

E na A.C. Alexandre Bóveda decidimos facelo chamando a Xosé Antonio Fraga, o noso principal colaborador en temas científicos, e que agora temos a sorte de disfrutalo todos os coruñeses como director dos Museos Científicos da cidade (Casa das Ciencias, Domus e Acuario).

Pedímoslle que viñera para falar de unha das súas especialidades, o impacto da obra de Darwin en Galiza. É dicir, que recepción tivo a obra, onde se mercou primeiro, incidencia no traballo científico do país, etc.

Chama a atención que as primeiras institucións que mercaron a obra foron os institutos de Pontevedra e A Coruña, pero que a USC tardou moito en facelo, e ao principio criticaba moito a obra e o autor. Era aínda unha ciencia demasiado dominada pola relixión.

Agora merquei a obra en galego, nunha tradución que fixeron na USC. A ver cando me atrevo con ela.

Saúdos. Os Mártires da Caeira.
Comentarios (0) - Categoría: Os Mártires da Caeira - Publicado o 12-07-2009 23:08
# Ligazón permanente a este artigo
Fotos da Polinesia

Na A.C. Alexandre Bóveda, de cando en vez, dicímoslle aos socios que van de vacacións a sitios interesantes que, se o teñen a ben, poden proxectar as fotos desas viaxes para poñernos os dentes longos.

E un dos máis activos é o noso socio Ernesto Gómez. Xa nos ten posto fotos de China, A Habana, Vietnam... E a última vez deixounos pampos coas fotos da Polinesia.

Principalmente estiveron na Polinesia Francesa. Os nomes que máis recordo eran Tahití, as Illas Marquesas e Bora Bora.

Nada, uns sitios feísimos, que non animan a ir en absoluto.

Saúdos. Os Mártires da Caeira.
Comentarios (0) - Categoría: Os Mártires da Caeira - Publicado o 12-07-2009 23:01
# Ligazón permanente a este artigo
[1] 2 [3] [4]
© by Abertal