Viaxes O Lóstregho


Furancho Oficial de Cabañas & Catoira Travels
A partir deste santo día de Nadal do ano 2006 este vai ser o Furancho Oficial da xa célebre axencia de viaxes perralleiros Cabañas & Catoira Travels. Este e-zulo está especialmente deseñado para todos aqueles infelices ós que xa non lles carbura ben o 4 Latas, que xa están cansos de viaxar con AirZambia ou que levan toda a vida facendo auto-stop en carromato. Chegamos a un punto onde a xente moderna quere viaxes modernas, opinións modernas e visións modernas. Pois ben, para estes últimos non é esta páxina. Estes deben ir á páxina da COPE. Neste "fotolog" haberá fotos das nosas viaxes, comentando diferentes aspectos e anécdotas vividas. Recomendaremos lugares e esperamos que todo o mundo o pase ben e teña ganas de repetir a visita.

O meu perfil
 CATEGORÍAS
 FOTOBLOGOTECA
 RECOMENDADOS
 BUSCADOR
 BUSCAR BLOGS GALEGOS
 ARQUIVO
 ANTERIORES

Blue Moon
Onte lin, en poucas horas xa que obra é breve, un novo libro. Foi "Blue Moon" de Xosé Carlos Caneiro, editado por Biblos.

Recoñezo que lle tiña certo recelo a este autor. Teño algún outro libro seu que por múltiples motivos aínda non puiden ler. Refírome a "Ébora", o seu primeiro grande éxito, dos anos 90, que o puxo na primeira liña da literatura galega. Leo de cando en vez os seus artigos en prensa. Escóitoo de cando en vez no "Diario cultural" da Radio Galega. Incluso estiven nalgunha conferencia súa.

Pero ademais tamén ten a súa faceta polemista. Teño entendido que tivo agres discusións cibernéticas con algún crítico literario e que é unha figura controvertida.

Pero comecei a lectura do seu libro neste vacacional agosto sen prexuízos. E recoñezo que non me desagradou en absoluto. Tamén é certo que a novela é breve. Non sei que tería pasado se fose moito máis grosa. Pero pasei un moi bo rato con Bruno T, Clara, Rosa e Luís.

Saúdos.
Comentarios (0) - Categoría: Xeral - Publicado o 31-07-2009 13:09
# Ligazón permanente a este artigo
George Nelson
Onte estiven vendo na Fundación Barrié da Coruña a exposición sobre a obra do deseñador George Nelson.

Destacou sobre todo polo deseño de mobles, principalmente de oficina. Tamén foi arquitecto e fixo algúns proxectos de edificios.

Non me chamou demasiado a atención, sobre todo porque o deseño de mobles non me atrae excesivamente. Hai uns anos descubrín que bastantes arquitectos dedican parte do seu tempo a deseñar mobles, cousa que aínda me segue sorprendendo algo.

O que máis lembro foi o Sofá Marshmallow (na foto) e un deseño dunha casa (para unha finca grande e con algunha superficie con auga, mar, lago, estanque ou similar) dividida en módulos que tiña moi boa pinta. Outra cousa sería pagala, claro.

Saúdos.
Comentarios (0) - Categoría: Xeral - Publicado o 29-07-2009 11:48
# Ligazón permanente a este artigo
Soundchaser
Unha das cousas máis agradables que descubrín no tórrido Sur de Tenerife foi a animación nocturna.

Máis ou menos xa a intuíamos, e eu estou xa bastante retirado desa movida. Pero alí redescubrímola nunha nova variante á que non estabamos afeitos: a música en directo.

Hai bastantes locais nos que podes tomar algo e incluso cear con música en directo, xa a partir das 9 da noite ou por aí (alí os horarios son máis europeos que outra cousa).

O máis habitual é que unha ou dúas persoas con cancións pre-gravadas interpretaran cancións coñecidas nun determinado estilo. Nese caso normalmente non eran tan bos, ademais de que a sospeita do play-back planeaba coa súa longa sombra.

Pero atopamos varios locais onde actuaban grupos de 3 ou 4 membros sen nada gravado, que tamén ofrecían cancións coñecidas. Un deles foi o que nos deixou abraiados.

O grupo chámase Soundchaser. Son tres membros nada máis.

O guitarrista e cantante chámase Marcos Rodríguez. Creo que é canario. Polo que di alguén que entende do tema, o seu nivel de virtuosismo tocando a guitarra eléctrica é excepcional. E a súa voz tamén imita moi ben a moitos cantantes de rock e heavy, todos eles moi diferentes entre si, algún mérito terá. Ademais presenta as cancións e é moi simpático, ás veces fai imitacións de Shakira, Britney Spears, Beyoncé, George Michael, etc., con moita mala ostia.

A baixista responde ao nome artístico de Penny Lane, e nalgún momento presentárona como orixinaria de Caracas. Realmente toca os teclados, pero principalmente con eles "simula" o baixo eléctrico, pero tamén o fai moi ben.

O batería tamén parecía moi bo, e chamábase Gilberto "Fri" Finol. No vídeo que vos puxen aquí o batería é outro, deberon cambialo hai pouco, xa que o vídeo este xa é dun par de anos atrás. Nalgún momento dixeron que viña de NY.

Que música tocan? Rock clásico, rock duro dos 70 e heavy. Son capaces, aparentemente, de tocar calquera éxito dese tipo de grupos cun nivel de virtuosismo similar (ou maior) que os orixinais.

Tocan todas as noites (creo que dende hai varios anos) a partir das 21:30 horas no restaurante "In & Out" na praia de Torviscas, que está en Costa Adeje. Se pasades por alí e vos gusta algo esa música, recoméndovos que vaiades, son un grupo dun nivel fóra do común.

Saúdos.


Comentarios (0) - Categoría: Xeral - Publicado o 27-07-2009 17:22
# Ligazón permanente a este artigo
Xa voltamos de Tenerife

Ola, xente. A metade de Viaxes O Lóstregho que vos escribe xa está de volta da Illa Afortunada (creo que hai máis desas).

Farei unha breve crónica do que pasou nesa semana que estivemos por alá.

Por razóns que non vén ao caso comentar, hospedámonos no caluroso e desértico sur. NUNCA O FAGADES. O calor é insoportable (ás veces tamén no norte), a non ser pola noite. Os hoteis están moi ben pero como nós raramente os pisamos.... Varios da expedición (que non todos), que tiñamos interese en visitar cousas pasámonos horas montados no coche de aluguer de aquí para alá. Cousas que pasan por frecuentar as malas compañías.

Tamén diremos as principais visitas que NON puidemos ou quixemos facer, por diferentes razóns:
- Teleférico do Teide: Non nos cadrou moi ben no organigrama. Ademais, é algo caro, 25 euros (pero se a cousa vale a pena non é escusa). Hai que facer cola de varias horas ao sol, iso xa non me fai demasiada graza. E a única vista garantizada é a da súa propia caldeira (máis ou menos xa a ves dende abaixo) e o cráter do Pico Vello ou Chahorra. O resto das cousas depende da climatoloxía, que non foi moi boa nesa semana, polo menos a efectos de visibilidade. O norte estaba sempre cuberto de nubes, e o sur dunha grande calima e po en suspensión. Direivos que estando na costa sur practicamente non puidemos ver a Gomera, que está a só 30 quilómetros. E dende o sur sempre se veía o pico do Teide con certa bruma e po no aire. Desaconselláronos a subida. Ademais agora é algo complicado acceder ao cráter do Teide, hai que pedir permisos con antelación, etc.
- Paisaxe Lunar: Cerca de Vilaflor, ao sur do Teide, hai unha curiosa paisaxe de pedra pómez que é chamada a "paisaxe lunar". Pero non é un lugar moi grande, e hai que ir 9 km. por unha pista forestal pola que non poden ir turismos, que era do único do que dispoñíamos. Outra vez será, se é que a hai...

Agora vaiamos coas visitas de cada día:
- Domingo 19: Pateamos practicamente toda a zona tomada pola hostelería e o turismo no sur da illa. Estabamos nun hotel na praia de Fañabé e fomos ata o final de Los Cristianos, e volta, claro. Deben ser uns 10 quilómetros TOTALMENTE dedicados ao turismo, que desperdicio......
- Luns 20: Visitamos Icod de los Vinos e o seu famoso Drago Milenario, Garachico co seu Roque e os seus monumentos, Los Realejos, La Orotava e rematamos en Puerto de la Cruz.
- Martes 21: Proseguimos en Puerto de la Cruz, que o día anterior case non víramos nada, a costa de El Sauzal e Tacoronte, Bajamar, Punta del Hidalgo, La Laguna e a Cordilleira de Anaga. Pode que moitas das cousas non vos soen, pero podo asegurarvos que a costa norte de Tenerife é unha pasada.
- Mércores 22: seguramente o mellor día. Pola mañá fomos aos Acantilados dos Xigantes, despois fomos a unha aldea chamada Masca nun lugar de complicado acceso, e despois fomos á punta de Teno (a punta noroeste da illa), dende onde se ven os Gigantes dende o lado contrario, e as paisaxes son unha marabilla. Pola tarde, excursión guiada ao Teide, visitamos os puntos principais pola tarde, con explicacións de técnicos. Despois fomos a un punto cerca do Observatorio Astrofísico de Izaña e puidemos ver o solpor no Teide e no val da Orotava (na foto). Ceamos alí arriba nun restaurante e despois un ameno e cultísimo astrónomo (cun punteiro láser dunha gran potencia) explicounos como distinguir estrelas e constelacións no ceo. Excepcional.
- Xoves 23: un día de certo relax. Pola mañá fomos nunha excursión en catamarán para ver calderóns (tamén chamados baleas piloto), golfiños mulares e baleas máis grandes (desas que bufan auga por un surtidor) e darnos un baño en "altamar" (en realidade debía ser a un quilómetro da costa, como moito). Pola tarde, descanso merecido.
- Venres 24: Fomos visitar as pirámides de Güímar. Foron descubertas hai uns 20 anos por uns labregos cando removían unhas terras. Os noruegos Thor Heyerdahl (explorador e antropólogo) e Fred Olsen (armador propietario dos ferrys máis rápidos das illas) promoveron un parque etnográfico para estudar esas estrañas construcións. Debaixo dunha das pirámides apareceu unha cova con restos da civilización guanche, pero non hai conexión entre unhas cousas e outras. Tamén fomos a Candelaria, coa súa basílica, as estatuas dos nove menceys guanches e as ondas rompendo na costa a poucos metros da praza principal. E rematamos en Santa Cruz que, como xa nos adiantaran, non ten nada de particular, agás a zona do novo Auditorio de Tenerife.

Déixovos esa foto do solpor no Teide.

Saúdos.
Comentarios (0) - Categoría: Xeral - Publicado o 27-07-2009 17:08
# Ligazón permanente a este artigo
A illa de Tenerife

Dentro de poucas horas, a metade que vos escribe de Viaxes O Lóstregho e varios expedicionarios máis de diversos sexos e idades, comezarán unha viaxe de pracer-exploración á illa de Tenerife.

Espérase a volta para o sábado 25 de xullo. Supoño que a partir da semana seguinte podería ir poñendo algunhas das fotos neste blog. Pero é verán, e tampouco quero comprometerme, que hai moito que descansar.

Ata a volta. Saúdos.
Comentarios (1) - Categoría: Xeral - Publicado o 18-07-2009 12:16
# Ligazón permanente a este artigo
Crossing the bridge: the sound of Istanbul
Onte fun ao Fórum Metropolitano da Coruña ver unha nova sesión do programa Cinenterraza, con pantalla grande no seu amplio vestíbulo.

Esta vez tocaba a película "Crossing the bridge: the sound of Istanbul". O director é o turco-alemán Fatih Akin e o condutor do documental é Alexander Hacke, baixista dun grupo alemán chamado Einstürzende Neubauten (polo visto fan ou fixeron música industrial, non os coñezo).

Fai un percorrido pola música actual de Estambul, tanto estilos modernos e con raíz occidental como máis tradicionais. Curioso.

Saúdos.

Comentarios (0) - Categoría: Xeral - Publicado o 16-07-2009 11:38
# Ligazón permanente a este artigo
Daniel e a porta do ceo
Estou lendo como un animal. O que le moito é un león. Pois iso. Acabo de rematar outro. A ver se me dura esta racha.

Esta vez foi "Daniel e porta do ceo" de Xabier Iglesias, publicado por Biblos.

Segundo di o autor, pecha o ciclo de novelas medievais galegas. Que eu saiba, a única outra obra que publicou foi "O soño do falcón" (Toxosoutos), sobre a vida de Pedro Madruga, que tamén a lin e me gustou moito. Mais tamén é certo que é unha época ben interesante.

Esta trata sobre un novizo bieito que vive no mosteiro de Leire (Nafarroa) e que non sabe nada sobre a súa orixe, xa que apareceu na porta do convento ao pouco de nacer. Danlle algunha pista do seu posible nacemento en Compostela. Pretende facer o Camiño de Santiago pero chega ao punto final seguindo unha traxectoria ben retorta (os interesados que lean o libro).

Alí coñece ao mestre Mateu, que está facendo o pórtico da Gloria. Axúdao a rematalo xa que ten moi boas capacidades para o debuxo, aínda que non comprendidas polos retrógrados e conservadores cregos. E polo medio tamén está a persecución aos priscilianistas.

A verdade é que xa estou comezando a sospeitar algo. É a segunda vez, en pouco tempo, que oio falar da figura de Daniel no Pórtico da Gloria. Hai pouco, o discurso de entrada na RAG de John Rutherford tamén versou sobre a mesma figura. Intrigante.

Saúdos.
Comentarios (4) - Categoría: Xeral - Publicado o 15-07-2009 11:51
# Ligazón permanente a este artigo
O bodegón español no Prado

Acabo de chegar da exposición sobre o bodegón español no Prado que hai na Fundación Caixa Galicia da Coruña.

Fun, máis que nada, porque agora teño algo de tempo libre que antes non tiña. Recoñezo que os bodegóns non son a parte da pintura que máis me interesa, nin moito menos.

Pero recoñezo que me sorprendeu ver algúns ingredientes como salmón ou ostras.

Saúdos.
Comentarios (0) - Categoría: Xeral - Publicado o 13-07-2009 23:56
# Ligazón permanente a este artigo
The future is unwritten
O outro día fun ao Fórum Metropolitano a ver a película "The future is unwritten" de Julian Temple, o mesmo que fixo a película sobre The Sex Pistols.

Esta conta a vida de Joe Strummer, o líder de The Clash.

Resulta interesante a visión que proporciona sobre o punk e o rock dos setenta e os oitenta.

O que máis me chamou a atención foi o concepto de "cacharela". Polo visto en grandes cidades como London e New York algunha xente (se cadra non pouca) ten hábito de prender fogueiras e charlar, cantar e quentarse en torno a elas.

O documental consiste, entre outras cousas, en entrevistas a moitos persoeiros da música, amigos del, etc., e case todas son de noite nesas condicións. Non sabía eu dese hábito.

Saúdos.

Comentarios (0) - Categoría: Xeral - Publicado o 13-07-2009 23:52
# Ligazón permanente a este artigo
Biografía de Albert Einstein
Hai uns días rematei a lectura do primeiro libro gordo deste verán, espero que caian bastantes máis, ganas non me faltan.

Foi a biografía de Albert Einstein escrita polo xornalista americano Walter Isaacson.

Que tío máis interesante. Que mente máis privilexiada e que persoalidade tan pouco convencional.

Contarei só unha pequena anécdota para que vexades a súa complexa mente. Máis ou menos en 1915 viñeron Max Planck e outro físico a pedirlle que se unira a eles na Academia Prusiana das Ciencias, en Berlín. Levaba moito tempo desexándoo pero fíxose de rogar. Chegaron coa oferta a primeira hora da mañá. Díxolles que lle deixaran unhas horas para pensalo. Eles dous foron coas súas mulleres a pasar o día ao campo, e ían subir nun funicular a unha montaña. Díxolles que os ía recibir cando volveran no funicular. Se levaba na solapa unha rosa branca, significaba que rexeitaba a oferta, se levaba unha vermella que aceptaba. Obviamente, cando chegaron, víronlle a rosa vermella na solapa.

Déixovos un pequeno video con parte da súa biografía.

Saúdos.

Comentarios (0) - Categoría: Xeral - Publicado o 13-07-2009 23:43
# Ligazón permanente a este artigo
1 [2] [3] [4]
© by Abertal