Viaxes O Lóstregho


Furancho Oficial de Cabañas & Catoira Travels
A partir deste santo día de Nadal do ano 2006 este vai ser o Furancho Oficial da xa célebre axencia de viaxes perralleiros Cabañas & Catoira Travels. Este e-zulo está especialmente deseñado para todos aqueles infelices ós que xa non lles carbura ben o 4 Latas, que xa están cansos de viaxar con AirZambia ou que levan toda a vida facendo auto-stop en carromato. Chegamos a un punto onde a xente moderna quere viaxes modernas, opinións modernas e visións modernas. Pois ben, para estes últimos non é esta páxina. Estes deben ir á páxina da COPE. Neste "fotolog" haberá fotos das nosas viaxes, comentando diferentes aspectos e anécdotas vividas. Recomendaremos lugares e esperamos que todo o mundo o pase ben e teña ganas de repetir a visita.

O meu perfil
 CATEGORÍAS
 FOTOBLOGOTECA
 RECOMENDADOS
 BUSCADOR
 BUSCAR BLOGS GALEGOS
 ARQUIVO
 ANTERIORES

Catalunya Nord

Xente, Viaxes O Lóstregho volve á actividade.

Despois de volver coller o ritmo de competición cun pequeno adestramento polo Morraso a comezos de maio, Viaxes O Lóstregho emprende unha das súas novas expedicións peninsulares. Esta vez tócalle ás provincias de Lleida e Girona, que verán saqueada toda a súa intimidade.

Como gran noticia tamén diremos que esta vez debuta unha terceira expedicionaria. De momento manteremos o seu anonimato, pero estamos seguros que renderá a un grande nivel.

Para que se vos poñan os dentes como tranvías, faremos un lixeiro repaso dalgúns lugares polos que temos previsto pasar: o Val d'Arán, Baqueira-Beret (quero ser Borbóooooooooonnnnnnn........), Vielha, o Parque Natural de Aigüestortes i Estany de Sant Maurici (na foto, puro pirineo), o vall de Boí, con Taüll, Sort (haberá que mercar un décimo de lotería), La Seu d'Urgell, Andorra (por dicir que estivemos, máis ben), Balaguer, Lleida, o mosteiro de Sant Pere de Rodes, Cap de Creus, Cadaqués, Roses, as ruínas greco-romanas de Empúries, o Parque Natural de Aigüamolls l'Empordá, as illas Medes, o poboado ibérico de Ullastret, Pals, Tossa de Mar, Llívia, Puigcerdá, o vall de Núria, Ripoll, Sant Joan de les Abadesses, Olot, o Parque Natural da Zona Volcánica da Garrotxa, Castelfollit de la Roca, Figueres, Peralada, Banyoles, Girona.... iso para empezar.

Xa, xa sei o que estarán dicindo algúns, que nin de coña imos estar en todos eses sitios. Hai que recoñecer que é un programa ambicioso, pero na inmensa maioría deses sitios imos estar. Nalgúns máis tempo e noutros menos. Pero imos estar. E imos impregnarnos da súa esencia, na medida das nosas modestas posibilidades.

O que non o crea é que nunca viu en acción a Viaxes O Lóstregho.

Haberá quen o crea pero opine con displicencia -pero moi respectable, por suposto-: "bah, están cinco minutos en cada sitio pero non se enteran de nada".

Iso normalmente o di a xente que está toda unha semana nunha vila, pasa todo o día na praia e pola noite na discoteca, érguese ás 12 da mañá e volve dicindo que coñece Torremolinos "de pe a pa".

Para esa xente NON ESTÁ RECOMENDADO Viaxes O Lóstregho. Nas nosas viaxes só pode vir xente que xa estea vacinada contra o Síndrome de Stendhal.

Vémonos a finais de xullo. Saúdos. Viaxes O Lóstregho.
Comentarios (2) - Categoría: Xeral - Publicado o 16-07-2008 19:10
# Ligazón permanente a este artigo
Virxilio Vieitez in memoriam

Foi hai 3 ou 4 anos, penso, se cadra algo máis. Eu e máis o amigo Miguel fomos á Terra de Montes a preparar e planificar un safari fotográfico máis dos que organizabamos na Agrupación Cultural Alexandre Bóveda, que agora teño a honra de presidir. Xa daquela non había moita afluencia de xente e algúns dos que propoñíamos non se realizaban por pouca demanda.

Nota explicativa: un safari fotográfico era simplemente o nome co que alí denominabamos ás excursións de 1 ou 2 días por Galicia e arredores que argallamos dende comezos da década dos 90.

Pensamos en facer un pola Terra de Montes, porque había xa tempo que non pasabamos por alí. E tivemos o asesoramento de Xosé Manuel Martínez Oca, gran escritor orixinario da zona e que vive na Coruña.

Alá fomos nós un sábado ou un domingo a patear a zona, facer algunha rota de sendeirismo, contactar con entidades da zona para saber cales eran os puntos máis interesantes para visitar.

A zona reducíase aos concellos da Estrada (un dos máis grandes de Galicia), Forcarei e Cerdedo. A verdade é que a zona é moi chula e a cantidade de opcións era amplísima. Vou poñer as que lembro axiña:
- Aínda que non pertencía a ningún deses concellos, pero estaba a un paso, pensamos en visitar o Pazo de Santa Cruz de Rivadulla, que ten uns xardíns moi chulos. É propiedade dalgún dos militares golpistas do 81 (penso que Armada) pero pode visitarse. Isto aínda está na provincia da Coruña, e cerca de Ponte Ulla, debe ser no concello de Boqueixón ou no de Vedra.
- Mosteiro de Acibeiro. Agora rehabilitado como casa rural de luxo ou parador. Non lembro se xa daquela estaba así, penso que non.
- No entorno do mosteiro fixemos unha ruta de sendeirismo nas fontes do Lérez, bastante chula, e había outras por alí máis longas.
- En Cerdedo hai varias vilas cunhas agrupacións de hórreos ben chulas.

Estou esquecendo moitos máis puntos de interese que había por alí. Pero.....por que conto todo isto se o título fala de Virxilio Vieitez???

Cando paramos no concello de Forcarei para consultar as visitas máis interesantes, déronos o contacto da filla de Virxilio Vieitez, penso que é a Keta da que falan os xornais hoxe. Dixéronos que vivían en Soutelo de Montes (histórica vila por moitas cousas) e que Keta era a presidenta da Asociación "Verbo Xido", que se encargaba, entre outras cousas, de preservar o "verbo dos arxinas", a mítica lingua dos canteiros pontevedreses.

Alá fomos nós falar con ela a ver que caía dese interesante contacto. Atopámola, falamos con ela, moi agradable xente, e tamén nos dixo que se nos interesaba a fotografía podíamos intentar falar co seu pai. Pero que iso ía ser complicado.

Xa ía maior, a xente da cidade causáballe moita desconfianza, e xa estaba cheo de xente da fotografía que pasara del e que non valorara o seu traballo. E, casualmente, apareceu uns minutos máis tarde. Presentounos, estivemos falando con el un bo rato e xa o tiñamos convencido para que aceptara recibir á excursión cando viñera 2 ou 3 semanas máis tarde. Keta díxonos que debemos caerlle ben, porque raramente falaba con ninguén descoñecido máis de 5 minutos.

Chegamos á Coruña, e publicitamos a excursión con moita ilusión deixando claro que íamos ser recibidos en Soutelo de Montes nada máis e nada menos que por Virxilio Vieitez.

Resultado: a excursión non puido facerse porque non se xuntaron nin 15 persoas. País.

Agora que morreu Virxilio Vieitez, algúns sorprendéranse que ese excepcional artista fora aquel velliño que nós coñecemos en Soutelo de Montes, que pasaba o día paseando e parando nos bares a charlar. Se o virades, pensaríades en calquera cousa menos no artista que fixo fotografías excepcionais como esta, a súa obra máis coñecida. País.

Saúdos.
Comentarios (3) - Categoría: Xeral - Publicado o 16-07-2008 18:48
# Ligazón permanente a este artigo
Redes e Eduard Punset
Agora que teño algo de tempo, volvín "engancharme" ao programa "Redes", dirixido por Eduardo Punset. E pode que a partir de agora me resulte máis doado seguilo porque agora colgan os capítulos na rede ao pouco tempo de botalos.

Levan 10 programas desta nova serie, onde cada un dura só uns 25 minutos, e consta principalmente da típica entrevista ao científico famoso. Pero seguen sendo unha delicia.

Xa vin todos os desta serie e creo que na televisión só gravei un ou dous. Recoméndovos que lles botedes unha ollada. O último especialmente, sobre o futuro, é impresionante.

Quen queira velos ten aí abaixo a web do programa.

Saúdos.
Páxina do programa Redes
Comentarios (0) - Categoría: Xeral - Publicado o 14-07-2008 00:23
# Ligazón permanente a este artigo
A Galicia Celta
Nas dúas últimas tardes merendeime un libro de 300 páxinas sobre "A Galicia celta" escrito por Antonio Balboa Salgado e publicado por Edicións Lóstrego (con ese nome a editorial ten o éxito asegurado).

Un ensaio bastante documentado no que se fala sobre o concepto de celtismo, a sociedade, a relixión, a guerra, a lingua e, en menor medida, a arte e o folklore.

E intenta respostar á famosa pregunta de se aquí houbo celtas ou se queda pegada celta. Como era previsible, a resposta é que si hai pegada celta, indubidable, pero é difícil saber o grao ou peso que tivo nas diferentes sociedades que aquí houbo ao longo da historia. Parece claro que houbo pobos celtas, pero non se sabe se o seu número era grande con respecto aos outros, que non necesariamente tiñan por que selo.

Ou sexa, que intentando respostar a preguntas, faino parcialmente e formula moitas outras que saen a partir dos dados achados nas investigacións.

Moi recomendable a súa lectura.

Saúdos.
Comentarios (0) - Categoría: Xeral - Publicado o 13-07-2008 21:46
# Ligazón permanente a este artigo
MatrixVox (tomas falsas)
Como anunciaba o outro día, na dobraxe de escenas de Matrix ao galego chocalleiro, tivemos que deixar parte do traballo fóra do video final por falta de espazo.

Aquí poñemos a escena que quedaba. En todo caso, intentaremos subir unha versión algo mellor porque:
- O encuadre está mal
- Eu xuraría que falta o son orixinal da película. Non lembro exactamente como era, pero algo había nesta escena.

Esperamos que vos guste tamén. Saúdos.

Comentarios (0) - Categoría: Xeral - Publicado o 11-07-2008 13:16
# Ligazón permanente a este artigo
Bernard Cassen en Oleiros
Onte estivo Bernard Cassen dando unha conferencia en Oleiros como parte do Foro Revela.

Bernard Cassen era, ata hai pouco, o director xeral de Le Monde Diplomatique, supoño que substituíndo ao seu gran amigo Ignacio Ramonet.

Foi o creador do Foro Social Mundial de Porto Alegre, e dende o seu excepcional xornal mensual é un dos gurús da antiglobalización e da loita contra o neoliberalismo.

Dixo cousas marabillosas que, máis ou menos, xa sabíamos, pero que como el leva anos dedicándose ao estudio deses fenómenos, ten máis capacidade para transmitilas e convencer ao auditorio.

O mundo vai cara ao colapso económico e enerxético por un estilo de vida absolutamente insostible e por deixar case todo o poder en mans das multinacionais (el chámaas transnacionais), que pasan por enriba dos gobernos e representantes elixidos pola poboación.

É un pronóstico pesimista pero, éche o que hai, o xénero humano non dá para máis actualmente. Polo visto, ata que nos demos a gran hostia non imos aprender.

Saúdos.
Le Monde Diplomatique
Comentarios (0) - Categoría: Xeral - Publicado o 11-07-2008 13:13
# Ligazón permanente a este artigo
MatrixVox
Un ano máis, na cerimonia de graduación dos alumnos de 2º de Bacharelato do colexio onde traballo, un alumno que controla moito de Informática e máis eu fixemos un video onde pretendemos deixar un bo recordo para as familias.

Non se pendurou todo o video en Youtube, pero si as partes referentes a escenas dobradas dalgunha película famosa. Os anos anteriores foron StarWars e O Señor dos Aneis. Este ano tocoulle a Matrix.

Aspectos que aclarar para os que non vivades ou traballedes naquel entorno:
- Alí hai un sistema telemático de información ás familias chamado MentorVox. De aí que o nome da "nosa" película se convertera en MatrixVox.
- O recreo está limitado polo muro dunha fábrica de madeiras chamada Peteiro.
- Os alumnos aos que ía dedicado o video estiveron de excursión en Jaca este ano.

Penso que sabendo estes detalles xa se pode comprender totalmente os diálogos, aínda que sempre podo esquecer algunha cousiña.

Por último, dicir que aínda falta por engadirlle unha escena máis que tiñamos dobrada e que de momento só vimos nós os dous. Espero que axiña vos poña o enlace á versión completa.

Saúdos.

Comentarios (0) - Categoría: Xeral - Publicado o 10-07-2008 15:49
# Ligazón permanente a este artigo
Tertulia sobre Florentino López Cuevillas
Na tertulia mensual sobre persoeiros da cultura galega que ten lugar o primeiro domingo de cada mes en Villa Florentina (Cecebre-Cambre), hoxe falouse de Florentino López Cuevillas.

Moi interesante persoeiro do que non se sabe moito. Estudou para farmacéutico aínda que nunca exerceu (como Castelao coa medicina), era especialista en historia e sobre todo arqueoloxía, funcionario de Facenda...

Un dos poucos membros do cenáculo ourensán con Risco, Otero Pedrayo, Losada Diéguez, Xaquín Lorenzo....

Unhas desas mentes polifacéticas humanistas que tan raramente nacen, e moito menos por aquí. Aí vemos esa foto con Risco nunha visita ao impresionante castro de San Cibrás de Lás.

Saúdos.
Comentarios (0) - Categoría: Xeral - Publicado o 07-07-2008 00:40
# Ligazón permanente a este artigo
Bonovo na escalinata da Domus
Estes días comezaron unhas actuacións interesantes que durarán o mes de xullo. Aparte dos contacontos do Fórum os venres pola noite (Contaquilómetros), haberá concertos gratuítos no castelo de San Antón os venres pola noite e na escalinata da Domus os sábados pola noite.

Este sábado fun ao primeiro destes, concretamente do grupo Bonovo, do que ouvira falar moi ben pero non coñecía.

Está formado por Pulpiño Viascón á batería e voces, Óscar Fernández á zanfona e Roberto Grandal ao acordeón, ordenadores e música pregravada. Gustoume moito a súa música.

Penduro un video deles pero sospeito que os poñerei máis veces por aquí.

Saúdos.

Comentarios (0) - Categoría: Xeral - Publicado o 07-07-2008 00:34
# Ligazón permanente a este artigo
Firmin, de Sam Savage
Onte pola tarde deume outro arrebato lector. Collín un libro que tiña a man que non parecía moi longo (a posibilidade de acabalo axiña fíxolle ganar puntos) e fun por el.

Era "Firmin" de Sam Savage. É bastante simpático e conta a historia da rata Firmin, que vive nunha librería da praza Scollay de Boston, aparentemente a mediados do século XX.

A praza existiu e foi demolida nesa época porque era unha zona algo deprimida, como se conta na novela. Resulta moi levadeira a relación da rata cos libros, co libreiro e finalmente coa "fauna" do barrio.

Saúdos.
Comentarios (0) - Categoría: Xeral - Publicado o 07-07-2008 00:29
# Ligazón permanente a este artigo
1 [2] [3] [4]
© by Abertal