Viaxes O Lóstregho


Furancho Oficial de Cabañas & Catoira Travels
A partir deste santo día de Nadal do ano 2006 este vai ser o Furancho Oficial da xa célebre axencia de viaxes perralleiros Cabañas & Catoira Travels. Este e-zulo está especialmente deseñado para todos aqueles infelices ós que xa non lles carbura ben o 4 Latas, que xa están cansos de viaxar con AirZambia ou que levan toda a vida facendo auto-stop en carromato. Chegamos a un punto onde a xente moderna quere viaxes modernas, opinións modernas e visións modernas. Pois ben, para estes últimos non é esta páxina. Estes deben ir á páxina da COPE. Neste "fotolog" haberá fotos das nosas viaxes, comentando diferentes aspectos e anécdotas vividas. Recomendaremos lugares e esperamos que todo o mundo o pase ben e teña ganas de repetir a visita.

O meu perfil
 CATEGORÍAS
 FOTOBLOGOTECA
 RECOMENDADOS
 BUSCADOR
 BUSCAR BLOGS GALEGOS
 ARQUIVO
 ANTERIORES

Roma, cittá aperta
Ola xente.

Viaxes O Lóstregho comeza mañá a terceira fase da súa invasión internacional.

Despois de Londres (2005) e París (2006), e tendo en conta que Portugal é como a nosa segunda casa, mañá mércores 18 de xullo de 2007 comezamos o proceso que nos depositará en Roma durante unha semana.

Marchamos para Santander, onde pasaremos un día e o xoves, dende o modesto pero moi digno aeroporto de Las Parayas, tomaremos o avión de Ryanair (compañía perralleira, desas que nos gustan) que nos deixará en Ciampino, segundo aeroporto de Roma (e porque non ten máis que dous, que se non....).

Estaremos de volta a noite do xoves 26 de xullo.

Esta vez iremos acompañados por un terceiro tripulante. Acompañóunos na nosa primeira viaxe a Portugal. Xa pasaron nove anos diso. Chamarémoslle o señor Pérez.

Todo irá ben. Xa veredes. Saúdos.

PD: Á volta pode que comecemos a colgar unha nova galería de fotos: "Extremadura Semana Santa 2002".
Comentarios (0) - Categoría: Xeral - Publicado o 17-07-2007 21:15
# Ligazón permanente a este artigo
Sesenta galegos ilustres
E seguimos coa xeira.

Agora estou cun libro que recolle os artigos escritos por Francisco Fernández del Riego no xornal "Vida Gallega" entre 1956 e 1962.

Debía ser un número mensual e a última páxina conformábaa unha sección chamada "Perfiles Gallegos" que era sempre escrita por el baixo o pseudónimo de Cosme Barreiros.

Titúlase "Sesenta gallegos ilustres", está case todo en castelán e a edición de Alvarellos é primorosa.

Gran labor a de Don Paco, moi calada pero importante naqueles duros momentos.

Acabo de ler unha cousa nalgures que me sorprendeu: os pseudónimos de Paco del Riego. Sabía o de Salvador Lorenzana (como naceu en Vilanova de Lourenzá era previsible), o de Cosme Barreiros descubrino lendo este libro, e polo visto tamén debeu utilizar algunha vez o de Adrián Solovio. Este último seguro que merece unha investigación da súa relación con Otero Pedrayo.

Saúdos.
Comentarios (0) - Categoría: Xeral - Publicado o 16-07-2007 00:23
# Ligazón permanente a este artigo
Medidas preventivas
Isto é preocupante: estes días estou lendo xa bastante. Non sei se non terei que irme mirar.

Esta tarde algo de teatro: "Medidas preventivas" de Gustavo Pernas Cora, editado por Biblos. Cinco pezas curtas onde se fala, ante todo, desta ansia preventiva das autoridades de non permitirnos facer cousas por medo a que poidamos pensar e expresarnos.

Tamén lin o poemario de Eva Veiga "Desconcerto" pero provocoume iso mesmo. Son un nefasto lector de poesía a pesar dos intentos que fago.

Esta foto que atopei de Gustavo gústame moito.

Saúdos.
Comentarios (2) - Categoría: Xeral - Publicado o 16-07-2007 00:16
# Ligazón permanente a este artigo
Cara a Times Square
Lin estes días unha novela que ten certa sona na literatura galega do século XX, ten fama como de ser "novela de culto". É "Cara a Times Square" de Camilo Gonsar.

Intrigante, curiosa. Sorprendente que enganche tanto cando aparentemente non conta nada en especial, cando parece narrar algo circunstancialmente mentres fai tempo para coller o suposto fío principal da historia, que ao final nunca aparece.

Tampouco é que me apaixoara pero hai que recoñecer que para o ano 80 na Galiza debeu ser algo totalmente rachador.

Saúdos.
Comentarios (0) - Categoría: Xeral - Publicado o 14-07-2007 16:53
# Ligazón permanente a este artigo
As viaxes con Heródoto
Onte rematei de ler outro libro, últimamente estou que me saio, xa ía sendo hora.

O libro en cuestión é "Viajes con Heródoto" de Ryszard Kapuscinski. É o segundo libro que leo del, despois de "Ébano". Obviamente, os libros sobre viaxes escritos por un corresponsal que se pateou Asia, África e Latinoamérica sempre gustan nesta casa.

Pero deixoume unha impresión como o primeiro: fíxoseme algo longo, comezou moi ben, engaiolante, pero segundo avanzaba ía perdendo interese, non moito, pero algo si.

O plantexamento da obra é curioso. Lembra algúns dos traballos que tivo que facer polo mundo adiante tendo en conta que cando comezou lle regalaron a "Historia" de Heródoto. Levábaa a moitas viaxes para ler nas horas mortas. Ademais de contar interesantísimas anécdotas sobre o seu propio traballo (pero menos das que me gustaría a min) compárao con fragmentos da obra de Heródoto sobre os gregos, persas, exipcios... Analiza o método de traballo do primeiro historiador coñecido e as súas motivacións.

O dito: ben pero podía estar mellor. De Kapuscinski sempre se agarda o mellor. Tivo unha vida desas que é un pracer escoitar.

Saúdos.
Comentarios (1) - Categoría: Xeral - Publicado o 08-07-2007 12:44
# Ligazón permanente a este artigo
Taramundi e Tapia de Casariego
O outro día un grupiño de xente fomos de pequena excursión a Taramundi e Tapia de Casariego. Se esto é guerra, nunca paz no mundo haxa, como dixo alguén.

En Taramundi xa estivera varias veces, pero en Tapia estreeime un par de veces nestes días. Moi pero que moi interesante lugar. Para os que non o coñezades, recoméndovolo.

Saúdos.
Comentarios (4) - Categoría: Xeral - Publicado o 02-07-2007 21:29
# Ligazón permanente a este artigo
Reganosa
O outro día viñeron falarnos do que está sucedendo con Reganosa. Unha das visións, claro.

Eu penso que moi ben situada non está. Se os barcos só poden entrar cando hai marea alta diurna, hai algo que cheira moi mal na historia.

Tamén habería que saber os intereses económicos que hai detrás. Se hai multinacionais gaseiras intentando que esta se veña abaixo para montar outra alternativa.

Todo é bastante escuro. Hai moitas cousas que aclarar sobre o tema aínda.

Saúdos.
Comentarios (0) - Categoría: Os Mártires da Caeira - Publicado o 02-07-2007 21:26
# Ligazón permanente a este artigo
A vida en Diagonal
Hai pouco "descubrín" unha publicación ben interesante, moi alternativa.

Veu ao local da A. C. Alexandre Bóveda unha persoa a falar das experiencias das ecoaldeas, e trouxo exemplares do xornal (en papel e con versión web) Diagonal. Web: http://www.diagonalperiodico.net/

Ademais a xente que estaba por alí deunos referencias moi interesantes sobre temas como a mobilidade (canto se tarda en chegar nunha cidade dun sitio a outro usando diferentes medios de transporte), banca ética (bancos que dan microcréditos para poñer negocios en marcha, si, tamén no primeiro mundo).

Hai outros mundos pero están neste. Saúdos.
Comentarios (0) - Categoría: Os Mártires da Caeira - Publicado o 02-07-2007 21:22
# Ligazón permanente a este artigo
© by Abertal