Viaxes O Lóstregho


Furancho Oficial de Cabañas & Catoira Travels
A partir deste santo día de Nadal do ano 2006 este vai ser o Furancho Oficial da xa célebre axencia de viaxes perralleiros Cabañas & Catoira Travels. Este e-zulo está especialmente deseñado para todos aqueles infelices ós que xa non lles carbura ben o 4 Latas, que xa están cansos de viaxar con AirZambia ou que levan toda a vida facendo auto-stop en carromato. Chegamos a un punto onde a xente moderna quere viaxes modernas, opinións modernas e visións modernas. Pois ben, para estes últimos non é esta páxina. Estes deben ir á páxina da COPE. Neste "fotolog" haberá fotos das nosas viaxes, comentando diferentes aspectos e anécdotas vividas. Recomendaremos lugares e esperamos que todo o mundo o pase ben e teña ganas de repetir a visita.

O meu perfil
 CATEGORÍAS
 FOTOBLOGOTECA
 RECOMENDADOS
 BUSCADOR
 BUSCAR BLOGS GALEGOS
 ARQUIVO
 ANTERIORES

Uvas e granito

Hai uns anos chegou ás miñas mans un libro dun xeito algo estraño. Eran aqueles anos da década anterior na que estaba inmerso na organización de moitas actividades culturais e educativas, e unha editorial mandounos un lote de libros que lle sobraba por algunha razón. Fixemos un reparto entre varias persoas, porque non se nos ocorría nada mellor, e un dos que me tocou a min foi “Uvas e granito”, escrito pola aventureira e etnógrafa británica Nina Epton, e editado por Ir Indo no ano 1993.

Polo que parece, esta muller fixo contacto con algúns dos galeguistas da época, creo que sobre todo con Paco Fernández Del Riego. Deberon convencela para que viñera pasar algún tempo a Galicia, e fíxoo a mediados dos anos 50. Estivo algúns meses por aquí, visitando diferentes lugares de Galicia, e na parte final da súa estancia, estivo acompañada polo seu mozo Robert. Parece que o país era bastante pobre, apenas había coches e había moita precariedade, pero algunhas cousas deberon gustarlle. Sacou fotos e gravou cancións tradicionais.

O libro está dividido en varios capítulos, nos que vai falando das diferentes zonas que foi visitando:
- O primeiro capítulo transcorre en Vigo, a onde chegou o seu barco. Alí intenta contactar con Paco e con Xosé María Álvarez Blázquez, pero xa era verán, e o grupo galeguista de Galaxia xa facía vida no famoso chalet de Coruxo, e semella que tampouco lle fixeron moito caso. Tamén fai unha viaxe en coche a Baiona, A Guarda e Tui.
- O segundo capítulo é por Ourense. Alí contacta co grupo ourensán da Xeración Nós, pero xa case cos seus discípulos, e é atendida sobre todo por Xesús Ferro Couselo, grande arqueólogo. Dedican boa parte do tempo a visitar os grandes mosteiros, como Oseira e San Estebo de Ribas de Sil.
- O terceiro capítulo é nas festas do Apóstolo en Santiago, das que lle falaran moi ben, e alí volve coincidir con galeguistas de Vigo e Ourense, pero tamén coñece a Otero Pedrayo e Castroviejo. Aproveita para visitar a histórica cidade e a súa Catedral.
- O cuarto capítulo é na Costa da Morte. Desbota achegarse á Coruña, na que xa estivera antes e non lle gustara, e vai visitar vilas como Corme, Camariñas, Muxía, Fisterra e Muros.
- O quinto capítulo é polas Rías Baixas, cando xa chegou o seu mozo dende Inglaterra. Aproveitan para visitar a zona de Sanxenxo e Portonovo, e tamén A Lanzada, O Grove e a illa da Toxa.
- O sexto capítulo é moi curto, sobre unha pequena excursión ao Santuario da Franqueira, no interior da provincia de Pontevedra, de moita fama na zona, pero non moito máis alá (eu estiven unha vez, pero descoñecía que tiña tanta sona na comarca).
- O sétimo capítulo e último é o máis longo, sobre a súa desexada excursión aos Ancares. Cruzan Galicia dende Vigo en diagonal para chegar aos Ancares, pasando por Lugo. Alí fálanlles da rapa das bestas de Sabucedo, que lles impresiona, e que tiñan ben cerca de Vigo. Despois de moitos intentos, conseguen chegar ao Piornedo, pasando por Becerreá, pero o último tramo teñen que facelo a pé de noite polas montañas. As condicións do aloxamento son pésimas e acaban durmindo en pallozas, esas construcións neolíticas que os tiñan alucinados, pero descubren que a realidade é máis dura. A mesquindade da poboación, os poucos medios, os case inexistentes transportes, converten a excursión nunha odisea. Parece percibirse que viñeron buscando iso, e cando o atopan, critícano con dureza. Rematan a súa viaxe con outra visita que os tiña engaiolados, o Cáliz Sagro do Cebreiro. O Cáliz e a propia igrexa os decepciona, esperaban algo grandioso, e resulta moi pequeno e mal coidado.

En definitiva, non sei se os etnógrafos e antropólogos son conscientes de como é a vida dos lugares “exóticos” que van visitar, pero neste libro semella que saíron da súa civilizada Inglaterra e esperaban atopar algo semellante, pero obviamente non era así.

Saúdos.
Comentarios (0) - Categoría: Xeral - Publicado o 29-06-2020 08:59
# Ligazón permanente a este artigo
O coleccionista de amantes
Onte pola noite vin a película “O coleccionista de amantes”, dirixida por Gary Fleder en 1997, e protagonizada por Morgan Freeman e Ashley Judd. Unha máis desas películas coas que me crucei moitas veces e que me despertaran certo interese.

Non me chamou demasiado a atención. A trama é moi similar a moitas outras que obsesionan aos estadounidenses, cun asasino, violador ou secuestrador en serie, cousas que pasan principalmente en lugares como ese país de chalados. O caso é que o final se resolve porque ao detective principal lle dá por comparar a sinatura da nota que deixa o asasino cunhas notas que tamén tiña el (non vou dicir quen llas deixara, así non revelo nada). Ou sexa, o “asasino” é un dos protagonistas principais da película e resulta que cando deixa notas como tal, asina exactamente da mesma forma que na vida real. Moi intelixente non parece. Aínda tardaron en pillalo.

En Carolina do Norte estanse producindo unha serie de secuestros de mulleres novas. Unha delas é sobriña dun detective de Washington (Morgan Freeman), polo tanto, decide encargarse do caso. A maioría desas mulleres semellan seguir vivas, só aparecen mortas algunhas delas, e non se sabe o patrón que segue o secuestrador. A última víctima (Ashley Judd) consegue escapar, e únese ao detective para intentar localizar ao secuestrador, xa que é a única persoa que podería identificalo.

As pesquisas lévanos a California, porque alí está un ciruxano plástico que parece ter tamén unha conducta moi sospeitosa. Descubren que efectivamente tamén é un asasino en serie, ou algo similar, pero non o único, senón que traballa coordinadamente co da costa este.

Acaban descubrindo a guarida onde tiña presas ás súas vítimas, libéranas, e só faltan unhas horas para que sexan capaces de localizar ao secuestrador polo ADN. Relaxan o control e a sorpresa final é descubrir quen é realmente o secuestrador, ao que estivemos vendo con regularidade durante toda a película.

Saúdos.



Comentarios (0) - Categoría: Xeral - Publicado o 26-06-2020 08:42
# Ligazón permanente a este artigo
Usar o cerebro
Dende hai décadas, teño moito interese polos libros de divulgación científica. E se tratan de temas como o funcionamento do cerebro, aínda máis. Nos últimos anos lin uns cantos libros sobre ese tema, algúns deles escritos por Eduardo Punset, autor ao que idolatraba hai uns anos (agora non tanto, acaboume cansando un pouco). Pero recoñezo que fun fiel seguidor durante varios anos do seu programa de televisión “Redes”. Os capítulos do mesmo deben seguir en Internet, supoño, e algún día debería volver a eles, que sempre eran unha delicia.

O caso é que hai varios anos chegou ás miñas mans un libro titulado “Usar o cerebro”, escrito por Facundo Manes (este nome destaca máis na portada) e Mateo Niro (este nome en letra máis pequena). O primeiro é neurocientífico e o segundo é escritor. Pero seguramente os seus nomes non vos soarán de nada (a min tampouco). Probablemente sexa porque son dúas estrelas desta temática, pero en Arxentina, e non me consta que a súa fama chegara aquí. Polo visto, tiñan un programa de televisión e máis plataformas similares no seu país. Así que, quen sabe, ao mellor desempeñan alí un papel parecido ao que fixo aquí Eduardo Punset.

O libro gustoume, porque a temática me interesa moito, pero nada máis. Véxolle bastantes eivas. Non hai nin un só debuxo, gráfica, fotografía nin diagrama, e nun tema como este poden ser moi necesarias. Non sei, como os arxentinos teñen fama de enrollarse (falando ou escribindo) sen parar, ao mellor débese a iso. Menciona moitos temas, bastante interesantes en xeral, pero non me dá a sensación de ser nada sistemático nin exhaustivo. Non controlo tanto do tema como para poder dicilo, pero creo que deixa cousas sen tratar, porque parece ser unha recompilación de centos de notas sobre esta interesante temática, pero sen unha estrutura moi consolidada. Ou esa impresión me dá a min, vaia.

Contén catro grandes capítulos:
- Neurociencias
- Memoria
- O cerebro social e emocional
- A mente en forma

Insisto, o libro non está mal, pero eu esperaba máis, e creo que o tema dá moito máis de sí. Polo menos serviume para lembrar que teño por aí medio escondido un libro flipante que editou a FECYT hai anos titulado “Viaxe ao universo neuronal”, que teño pendente de ler dende hai moito tempo, e que por fin chegouse o seu turno.

Saúdos.


Comentarios (0) - Categoría: Xeral - Publicado o 17-06-2020 11:21
# Ligazón permanente a este artigo
Eu, robot
A min gústame moito a ciencia-ficción, xa o escribín aquí unhas cantas veces. Por esa razón, de cando en vez, aparecen libros ou películas dese xénero dos que disfrutei. Hai pouco, botaron na televisión a película “Eu, robot”, aparentemente baseada na obra de Isaac Asimov. Así que fixen un esforzo.

A película foi dirixida por Alex Proyas en 2004. O problema é que está protagonizada por Will Smith, ao que non soporto. Son consciente que a moita xente si lle agrada, pero eu non podo nin velo diante. Pero aínda así, intenteino. Agora acabo de enterarme que, a pesar de ter un título que evoca á obra de Isaac Asimov, apenas colle un par de detalles da mesma, como o nome dunha das protagonistas principais, pero o guión sae doutra historia diferentes, que creo que nin sequera escribiu Asimov. Conclusión: a historia é tragable, os efectos dixitais están moi ben, pero o actor que asulaga a pantalla a todas horas é moi mediocre. O resultado final é tamén bastante mediocre.

A historia trata sobre un científico experto en robótica que aparece asasinado, aínda que todo apunta a un suicidio, aínda que non resulta doado de entender. Resulta que ese científico tiña certo trato e amizade co policía protagonizado polo actor que é mellor non mencionar. El e a mellor axudante do científico van investigar que é o que pode estar pasando. Unha das sospeitas é que unha nova serie de robots que se están vendendo sexa defectuosa e incumpra as tres leis da robótica que deseñou Isaac Asimov para as súas novelas desta temática. E iso convertiría aos robots nunha seria ameaza para a especie humana.

Saúdos.


Comentarios (0) - Categoría: Xeral - Publicado o 17-06-2020 11:20
# Ligazón permanente a este artigo
Parásitos
Nos últimos tempos, unha das películas máis de moda no mundo é “Parásitos”, do director coreano Bong Joon-ho. Ganou non sei cantos premios en festivais, e tamén varios Óscars, entre eles o de mellor película. Se non entendín mal, foi a primeira vez que unha película en lingua non inglesa ganaba o premio máis importante. Unha querida amiga que a ten gravada e xa a viu unhas cantas veces, convidoume a vela na súa casa, e aproveitei a oportunidade.

A verdade é que a película está moi ben. Non sei se é para tanto, pero como probablemente o resto de películas este ano (e os outros debe pasar algo parecido) serían bastante mediocres, pois esta destaca bastante. Reconforta ver que as boas historias, veñan de onde veñan, son sempre apreciadas en todas partes, incluso en Hollywood, onde hai tempo que non teñen moitas luces.

Por se non a vistes (que se recomenda), basicamente trata de dúas familias, unha rica e unha pobre (pero coidado, tamén hai unha terceira familia que aparece no medio da historia, e que lle dá moita salsa ao argumento). A familia pobre está formada por un matrimonio dunha certa idade (deben ter uns 50 anos), e dous filllos (home e muller) que deben ter uns 20. A familia rica son un matrimonio (deben rondar os 40 anos), unha filla duns 15-16, e un neno que debe ter 7-8 anos.

O fillo da familia pobre ten un amigo que ten que marchar ao estranxeiro, e que lle daba clases particulares de Inglés á filla da familia rica. Insta ao seu colega a que colla o seu posto como profesor particular, e recoméndallo á familia. A familia, que ten moita confianza no antigo profesor particular, acepta a proposta, e cando ve traballar ao seu novo preceptor, quedan encantadísimos, aínda que inicialmente tiñan algún recelo.

Como o rapaz comeza a ter moito ascendente sobre a familia rica, comeza a insinuar posibles cambios ou melloras na marcha da casa e da familia, que desembocan en que a súa irmá e os seus pais acaban tamén traballando ao servizo desa casa, como profesora do fillo pequeno, chófer e ama de chaves, respectivamente. Iso si, a familia rica non sabe que todos os seus novos serventes son familiares entre sí.

E creo que ata aí podo ou debo contar sen desvelar nada máis, tendo en conta que a película é moi recente. Como vedes, o plantexamento inicial é moi intelixente, e pode dar moito de si. Xa simplemente o feito de como fai a familia pobre fai para copar os cargos de servizo da familia rica é moi interesante. Nalgúns casos hai que substituír a persoas que xa estaban desempeñando eses cargos, e o estaban facendo ben, e noutros casos inventáronse novas ocupacións, pero como a familia rica está podre de pasta, tampouco hai problema. Pero os xiros da historia son ben curiosos.

Saúdos.


Comentarios (0) - Categoría: Xeral - Publicado o 17-06-2020 11:19
# Ligazón permanente a este artigo
O pecado de Cluny Brown
Vin unhas cantas películas do director alemán Ernst Lubitsch na miña vida. Cando o descubrín, alucinei. Que capacidade tiña para facer unhas tramas divertidísimas a través duns diálogos moi ricos e uns personaxes moi curiosos. Hai anos, vira a última película que el dirixira por completo (morreu na seguinte rodaxe). Titulábase “O pecado de Cluny Brown”. Casualmente, o outro día botábana na televisión, e decidín repetir. Estivo ben, pero creo que me gustara máis a primeira vez, seguramente pola sorpresa que me produciu.

Cluny Brown é unha moza moi fresca e alegre que entra a servir nunha distinguida casa. Non lle resulta doado facelo, porque nesa casa, o simple feito de que unha criada sente na mesma mesa que os señores é unha herexía. Por algunha estraña razón, a Cluny gústalle moito a fontanería, e en máis dunha ocasión resolve un problema serio nalgunha casa ao poñerse a desatascar cañerías (supostamente era unha referencia sexual do director para evitar a censura). Nun determinado momento, faise moza do farmacéutico da aldea, que é un home moi chapado á antiga, cunha nai vella que nunca fala, só carraspea. Pero xa se ve que a parella non ten ningún futuro. Ela está protagonizada por Jennifer Jones. Nalgún sitio lin que esta actriz era bastante mediocre, pero que conseguía moitos papeis ao ser a muller do famoso produtor David O. Selznick.

O outro gran personaxe está protagonizado por Charles Boyer. É un exiliado checo que chega a Estados Unidos, fuxindo do nazismo, e por esa razón, é idolatrado por algunhas persoas, que ven nel a un gran político e ideólogo. Porén, na película dá a sensación de ser un vividor e carota, que non a hinca, e que ten unha gran labia que lle permite vivir de prestado en casa dos demais, ser sempre convidado e aproveitarse da confusión que xera a súa persoa.

Xa digo, este segundo visionado non me agradou tanto como o primeiro (hai 25 anos, facilmente), pero sempre é agradable ver unha película de Lubitsch. Pero si, non sei se é que tiña a cabeza noutro sitio, ou que foi, pero lembro pouco de que ía a película, e vina hai só un par de semanas.

Saúdos.



Comentarios (0) - Categoría: Xeral - Publicado o 15-06-2020 11:41
# Ligazón permanente a este artigo
O graduado
Unha película ben famosa pero que eu aínda non conseguira ver, por algunha razón, era “O graduado”, éxito de 1967 con Dustin Hoffman e Anne Bancroft nos principais papeis. Case toda a banda sonora, que ten certa importancia, é de Simon & Garfunkel, grupo de moda naquela época. Todas as cancións eran coñecidas, agás “Mrs Robinson”, que se compuxo para a película, xa que a muller protagonizada por Anne Bancroft chámase a Señora Robinson.

Benjamin Braddock (Dustin Hoffman), volve graduado dunha universidade, con 21 anos, e aínda que el ten ganas de descansar, e non sabe que facer coa súa vida, a súa familia celebra festas para xuntar aos amigos. Ao final dunha delas, unha das mellores amigas dos seus pais, a Señora Robinson, que vive nun matrimonio ben insulso, decide seducilo (a Dustin Hoffman non lle vexo eu demasiado atractivo, pero...). E, en principio, rexéitaa, pero despois séntese atraído por ela e comezan unha relación.

Pouco despois chega a filla da señora, que fora amiga de Benjamin cando eran nenos, pero agora xa levan tempo sen verse. Quedan un día, e despois dun encontronazo ben frío ao comezo, despois tamén se atraen, aínda que semella que iso podería vir de moito tempo atrás. A filla acaba descubrindo o que pasaba entre o seu amigo e a súa nai, e volve á universidade en California. Decide casar cun compañeiro de facultade, pero Benjamin consegue evitalo no último momento. A última escena dá a entender que Benjamin e a filla (Elaine) marchan xuntos para casar ou algo parecido.

A verdade é que a película me aburriu bastante. As historias de amor non me chaman demasiado a atención (e aquí hai varias, en torno ás cales xira a historia). Pero pareceume máis ben que era a historia das dúbidas existenciais duns “pijos” californianos, que en xeral aínda me interesa menos. A banda sonora tampouco me convenceu demasiado. Si, as cancións de Simon & Garfunkel están moi ben (non necesitaba ver a película para convencerme), pero algunhas están metidas con calzador, simplemente para aproveitarse do seu éxito previo.

Aínda que acabo de descubrir que, se cadra, raramente, algunha ten máis sentido do que parecía. Hai unhas escenas nas que Benjamin vai a Berkeley intentando atoparse de novo con Elaine. E nese momento soa “Scarborough Fair”, que é unha canción tradicional inglesa da Idade Media. Acabo de ler que a letra fai referencia a un xoven que foi abandonada pola súa moza, e está intentando recuperala. Se cadra ten sentido por ese lado, non sei.

Saúdos.



Comentarios (0) - Categoría: Xeral - Publicado o 15-06-2020 11:40
# Ligazón permanente a este artigo
Ollos de auga
Xa había tempo que tiña ganas de, por fin, ler unha das novelas de Domingo Villar, do que me falaran ben, e que é un dos superventas da literatura galega. E decidín comezar coa súa primeira novela, “Ollos de auga”, que presentou no 2006. Tamén podo presumir de que na solapa onde presentan ao autor, o primeiro premio literario que se menciona é o Frei Martín Sarmiento, que un servidor puxo en marcha no ano 2004 coa axuda doutros queridos compañeiros e amigos.

A novela resulta moi doada de ler. Aparte de ser breve (non chega ás 250 páxinas), o tema e a intriga fan que teña unha lectura moi áxil, cousa que sempre se agradece. Este autor creo que só publicou tres libros, e o último deles foi recentemente, “O último barco”, no 2019. Seguramente iso provocou que se reeditaran os libros anteriores, e aproveitei para facerme co primeiro. O segundo, “A praia dos afogados”, vina en formato cinematográfico non hai moito. Por certo, non me soa que haxa película de “Ollos de auga”. Parece que houbo un proxecto de facer unha película para TV, pero non teño noticias de que chegara a porto.

As novelas de Domingo Villar sempre están ambientadas en Vigo e a súa comarca, que é a terra natal do autor, que traballa como xornalista en Madrid. O detective principal é Leo Caldas, e o seu axudante é Rafael Estévez, un aragonés que vai sendo trasladado de servizo en servizo debido a súa brusquedade e brutalidade.

Neste caso, un saxofonista chamado Lois Reigosa aparece morto dunha forma bastante bestia e peculiar no seu apartamento, que é esta torre feísima que está na Illa de Toralla, algo máis alá da praia de Samil. Comezan a pescudar e descubren que era homosexual e que alternaba coa comunidade gai de Vigo, entre os que se atopan algunhas persoas de prestixio, das que obviamente non se sabe a súa condición. Como é unha novela negra que aínda ten moito percorrido, non vou desvelar nada máis, pero a intriga está ben levada.

Saúdos.


Comentarios (0) - Categoría: Xeral - Publicado o 15-06-2020 11:39
# Ligazón permanente a este artigo
O Cid
Eu creo que xa a vira algunha vez, pero cando vin que botaban de novo “O Cid” decidín vela. Foi unha película dirixida en 1961 por Anthony Mann e protagonizada, como todos saberedes, por Charlton Heston.

Acabo de saber que era unha produción italo-estadounidense que foi rodada principalmente en España. Parece que aínda daquela, polo menos ás veces, o peso do produtor era moi grande, e neste caso Samuel Bronston, que sempre facía películas moi épicas e grandiosas, o tivo. O director estaba casado daquela con Sara Montiel, e a quería para o papel de Jimena, a muller do Cid. Pero o produtor prefería a Carmen Sevilla, que xa traballara nalgunha película súa. Pero ao final, “ni pa ti ni pa mí”, o papel foi para Sophia Loren, tendo en conta que os italianos tamén tiñan moito peso na produción.

O curioso é como se trampeou a historia do Cid. Polo que parece, este tipo foi un señor castelán da segunda metade do século XI. Era poderoso militar, tiña bastante criterio, e non tragaba coa autoridade real así como así, e tivo problemas con varios dos reis da zona e época. Pero na película o venden –e seguro que algúns se emocionarán co tema- como un caudillo ESPAÑOL, que loitaba pola unidade cristiá e da nación española, cando ese concepto non existía en absoluto nesa época. Parece que foi máis un mercenario que negociou con caudillos cristiáns e mouros sen complexos. Nos anos finais da súa vida fíxose forte en Valencia (na película rodaron como se estivera en Peñíscola, marabilloso lugar). A lenda tamén di que ganou a súa última batalla cando xa estaba morto sobre o seu cabalo. Polo que lin, morreu de causas naturais en Valencia. Pois nada, un tipo que parece bastante interesante, pero que os malditos propagandistas dese lugar chamado España se queren apropiar.

Saúdos.



Comentarios (0) - Categoría: Xeral - Publicado o 01-06-2020 11:33
# Ligazón permanente a este artigo
Os anos felices
No Nadal do ano 2014 agasalláronme cun libro titulado “Os anos felices” dun tal Gonzalo López Alba. Non oíra falar nunca nin da obra nin do autor, así que fiquei algo escéptico co agasallo. Obviamente, quen o facía, sabía que me gustaba moito ler, e con toda a boa intención probou sorte. Cinco anos e medio despois, no medio deste longo confinamento, boteille peito, e a verdade é que me gustou o libro.

O autor naceu no ano 59 no Bierzo, e foi xornalista, sobre todo político e parlamentario. Digo “foi” porque acabo de enterarme que morreu repentinamente no ano 2018. Na entrada do libro, o autor di que os personaxes non están inspirados en ninguén concreto, pero as situacións e anécdotas si. Non coñezo moito a vida deste tipo, pero teño a sensación de que el e o personaxe principal da novela se parecen algo, se cadra bastante.

O fío da novela é sinxelo. Conta a vida de tres amigos, Fausto, Ovidio e Erasmo, que nacen en torno ao ano 60 nun poboado mineiro do noroeste de León (coincide algo coa vida do autor, non si?). Acabo de caer en que a elección dos nomes dos protagonistas tampouco estivo mal. Cando teñen uns 20 anos e comeza a Transición marchan do pobo e desenvolven vidas moi diferentes entre sí. Os capítulos teñen entre 15-25 páxinas, e normalmente a maior parte de cada un deles conta os avatares de Fausto Aretino, e dedican algo menos de espazo (normalmente cara ao final de cada capítulo) a contar as andanzas de Ovidio Mendía e de Erasmo Buenaventura. A lectura resulta moi áxil, non debía escribir mal o tipo.

Fausto Aretino sae do seu pobo e marcha a estudar Xornalismo a Madrid. Despois vai traballando en diferentes xornais, con desigual sorte, algúns en papel e outros dixitais, e grazas a algún deles, durante algún tempo, pégase a gran vida, porque está untado por uns determinados políticos para os que traballa. Debido a iso e a outras cousas, chega a consumir bastante alcohol, drogas e prostitutas, cun tren de vida moi elevado. Arruinado pola crise do 2008, comeza a ver algunha luz de esperanza na época actual, tan gris.

Ovidio Mendía casou de penalti coa filla rebelde dun magnate do pobo, que lles pagou a casa en Bruxelas, para non avergoñar máis á familia no pobo. Despois marchan a Londres. Alí el vai entrando no mundo da informática, e a súa muller se lía cunha veciña. Así que el decide marchar a Estados Unidos, e instálase en Silicon Valley, entra de cheo no mundo da informática, e ten outra filla cunha muller polaca, que acaba escapando para o seu país sen avisar. Volve a España e instálase en Barcelona. A súa experiencia informática fai que consiga traballo e ascenda moi rapidamente na delegación española dunha multinacional informática. Volve casar, ten máis fillos, e tamén ten un tren de vida moi elevado. Ata que ese tren descarrila porque unha investigación policial por un tema colateral descubre o desfalco que levaba a cabo para levar ese tren de vida, e pagar todas as mulleres e fillos que tiña polo mundo.

Erasmo Buenaventura era homosexual. El xa o sospeitaba, pero ata que o violaron nas duchas na mili non o confirmou. Intenta estudar na universidade, pero dedícase máis a vivir a vida, para enfado do seu pai, un comerciante cunha tenda de roupa no pobo. A Erasmo ese negocio non se lle dá nada mal, pero non soporta ao seu pai. Fai un novo intento universitario en Barcelona, vivindo en casa duns tíos, e a súa tía tamén quere montar unha tenda de roupa, e ve que o seu sobriño controla moito do tema. Montan xuntos unha tenda e teñen moito éxito. Algún tempo despois, o sobriño decide voar só e abre no L’Eixample, que segundo algúns era un barrio dexenerado, unha tenda de roupa para homosexuais. E o éxito é aínda moito maior. Estaba casado cunha muller e tiña unha filla, pero máis que nada por cubrir as apariencias. Chega un momento no que aclara a situación coa súa muller e vaise a vivir co seu amante, pero a relación segue sendo boa. Esta muller acabará sendo a muller de Ovidio Mendía uns anos máis tarde. Despois da morte repentina do seu amante, déixao todo e ingresa nun convento.

Como vedes, parecía que non ía pasar nada, pero pasan moitas cousas, e insisto, moi ben narradas polo escritor. Acabo de descubrir que tristemente morreu o autor, así que non poderá seguir deleitándonos coa súa escritura. Só escribiu tres novelas, así que haberá que seguilo.

Saúdos.



Comentarios (0) - Categoría: Xeral - Publicado o 01-06-2020 11:33
# Ligazón permanente a este artigo
1 [2]
© by Abertal