Viaxes O Lóstregho


Furancho Oficial de Cabañas & Catoira Travels
A partir deste santo día de Nadal do ano 2006 este vai ser o Furancho Oficial da xa célebre axencia de viaxes perralleiros Cabañas & Catoira Travels. Este e-zulo está especialmente deseñado para todos aqueles infelices ós que xa non lles carbura ben o 4 Latas, que xa están cansos de viaxar con AirZambia ou que levan toda a vida facendo auto-stop en carromato. Chegamos a un punto onde a xente moderna quere viaxes modernas, opinións modernas e visións modernas. Pois ben, para estes últimos non é esta páxina. Estes deben ir á páxina da COPE. Neste "fotolog" haberá fotos das nosas viaxes, comentando diferentes aspectos e anécdotas vividas. Recomendaremos lugares e esperamos que todo o mundo o pase ben e teña ganas de repetir a visita.

O meu perfil
 CATEGORÍAS
 FOTOBLOGOTECA
 RECOMENDADOS
 BUSCADOR
 BUSCAR BLOGS GALEGOS
 ARQUIVO
 ANTERIORES

2001: Unha odisea espacial
Hai uns días, supoño que por cumprirse 50 anos da súa presentación, proxectaron no CGAI da Coruña a fantástica película "2001: Unha odisea espacial".

Dirixida por Stanley Kubrick en 1968, é un fito no cine de ciencia-ficción, a pesar de non parecerse case nada ao cine dese estilo que se fixo despois. Está película ten un rigor científico que diverxe totalmente da pirotecnia na que se converteu a ciencia-ficción pouco despois.

E como supoño que sabedes, a historia transcorre de forma moi lenta e bastante enigmática, case filosófica por momentos. O outro día entereime, porque non o lembraba, que o único Óscar que levou unha película de Kubrick foi esta polos efectos especiais.

Non vou dicir nada máis da película. Se alguén non a viu aínda, que pode ser, pois nada, recoméndolle que a vexa. Pero que sexa consciente de que é moi moi lenta, que non hai disparos nin ruídos, que pasan poucas cousas porque pasan lentamente. A película dura máis de 2 horas, e ao ritmo que se fan as películas deste tipo agora, sería unha curtametraxe de 10-15 minutos. Iso si, a beleza das imaxes é absolutamente flipante. E o cine tamén trataba diso, creo.

Déixovos un vídeo que debe ser bastante divertido, porque pretende explicar que pasa nalgunhas partes da película que non son nada doadas de comprender, como o enigmático final.

Saúdos.




Comentarios (0) - Categoría: Xeral - Publicado o 24-06-2018 15:06
# Ligazón permanente a este artigo
Citizenfour + Snowden
Si, máis ou menos como todo o mundo, entereime hai uns anos que un tal Edward Snowden, que traballaba na CIA (ou algo así) decidiu desvelar parte do traballo que estaban facendo, para que o mundo soubese o sucio que estaba xogando o goberno americano coa seguridade e a privacidade da información en Internet.

Sendo unha historia moi interesante, recoñezo que tampouco lle prestei maior atención. Supoño que a razón principal é que non me sorprendeu demasiado. Non quero irme de listo, pero entre que era previsible, e que ese país me parece o cancro máis importante que hai no planeta, tampouco me puxen a chorar da decepción, simplemente confirmou o que xa sospeitaba.

Pero mira ti por onde, que hai unhas semanas, na mesma fin de semana, vin un documental e unha película que trataban sobre ese tema. E decidín velos, para enterarme mellor da cousa, porque claramente a historia ten moita chicha. O sábado pola tarde vin o documental no Fórum Metropolitano da Coruña e o domingo pola noite botaron a película na televisión. Conxunción astral.

Primeiro foi o documental "Citizenfour", dirixido por Laura Poitras. Conta como se pon en contacto (de forma moi discreta, claro) Edward Snowden con esta directora de documentais, para comentarlle o que quere desvelar. Aparecen por alí varios xornalistas ingleses que colaboran no protocolo para revelar esta información, que acaban publicando The Guardian e The Washington Post.

Todo o documental é moi interesante. Pero chamáronme a atención varias cousas que pasaron no hotel de Hong Kong onde se coñeceron. Snowden é unha persoa obsesionada coa súa privacidade e discreción, como é obvio. Pois nos días que estivo alí, e nos que foron desvelando cousas, gradualmente, pasaron "cousas estrañas" no hotel. Como que soou a alarma de evacuación de incendios varias veces, e resulta que estaban facendo probas. Ou que recibía estrañas chamadas na habitación. Ou sexa, que todo soaba a paranoia.

A película "Snowden" conta basicamente o mesmo, pero con actores e actrices, obviamente. Agás que ao final sae a imaxe real de Snowden dende Rusia, a onde se exiiliou despois de escapar de Hong Kong. Pero amplía algo máis o foco, e aí vese que el intentou formar parte do exército, pero era máis feble fisicamente e decatouse que podía axudar ao seu país dende outros postos máis e mellor adaptados ás súas capacidades.

Todo isto está moi ben, pero a min hai algo que non me cheira demasiado ben. Tanto no documental como na película déixase caer a idea de que Snowden (e algunhas das persoas que traballaban con el, tamén xente nova) se sorprenderon que o país máis espiado nas redes de vixilancia das que eles formaban parte eran os Estados Unidos. Empezaron a rascar, e viron que, a pesar do que se dicía, a espionaxe era indiscriminada e a todo o mundo, tanto dentro como fóra dos Estados Unidos, pero especialmente dentro do seu país. E parece que iso foi o que lle indignou. Que se espiara moito aos outros países ou aos estranxeiros que vivían en Estados Unidos non lle indignaba o máis mínimo. Pero el era moi patriota e non lle parecía nada ben espiar aos seus compatriotas sen razón. Buf, a min isto non me cheira nada ben tampouco.

Saúdos.





Comentarios (0) - Categoría: Xeral - Publicado o 24-06-2018 14:55
# Ligazón permanente a este artigo
Banda Crebinsky
Tamén no Bababar puiden ver actuar, por fin, á Banda Crebinsky, que xa tiña ganas dende hai algún tempo. Entereime de casualidade, porque actuaron ao día seguinte de Aldaolado, así que estiveron a piques de escapar outra vez.

Pero esta vez conseguino. E non foi pouca proeza meter é banda no pequeno escenario do Bababar. Como vedes, son oito, e tiveron que apretarse bastante, sobre todo tendo conta que o cantante, Sergio Zearreta, non para quieto en ningún instante.

Pois si, como vedes, fan unha música bastante movida, así que o pasamos ben coas súas cancións e ritmo, non houbo queixa. Tocan música con certo aire balcánico, e din que teñen moitas influencias de Emir Kusturica e o seu grupo, por se vos serve de rerefencia.

A banda é moi potente, e ten moitos músicos de nivel. Ademais de Sergio Zearreta na voz, están entre outros, o bielorruso Vadim Yuknevich ao acordeón, Miguel Queixas á batería, Pablo Pérez ao baixo, Fernando Abreu nos clarinetes, etc. Non é ningunha coña.

Saúdos.


Comentarios (0) - Categoría: Xeral - Publicado o 24-06-2018 13:57
# Ligazón permanente a este artigo
Máis conferencias sobre Maio do 68

Dame a impresión que o ciclo de conferencias sobre os 50 anos das "revolucións" do Maio do 68 que estaba facendo a Agrupación Cultural Alexandre Bóveda xa rematou. Non podo aseguralo porque a maioría das charlas foron anunciadas con poucos días de antelación, pero non creo que prosiga xa a estas alturas.

Rematou o ciclo con dúas charlas máis, pero que falaron pouco sobre o sucedido hai 50 anos, senón que se centraron nos conceptos de revolución dende varias perspectivas. A conclusión final é que, das catro charlas programadas, só unha tratou exclusivamente sobre aquela época, e concretamente sobre o que pasou na Universidade de Santiago en marzo do 68.

A penúltima charla deuna Antón Losada, e tratou sobre se no mundo actual segue habendo revolucións, sobre todo no primeiro mundo. Como é un magnífico comunicador, transmitiu moi ben a idea de que agora xa non hai case nada diso, porque está todo moi controladdo.

Pero tamén dixo que nos últimos tempos houbo neste país (neste caso, España) varias pequenas revolucións que supuxeron cambios sociais (ou están en camiño diso) bastante fortes con respecto á estabilidade habitual nestes casos.

Os tres exemplos que puxo foron o 15-M, o feminismo e os pensionistas. Dixo que Internet foi clave para esas pequenas (ou non tanto) revolucións, e que por moito que digan agora moitos analistas, ninguén as veu vir e sorprenderon a boa parte da sociedade.

A min gustoume moito a forma de expoñelo e convenceume bastante, pero seguro que precisaría unha exposición e documentación máis longa para convencerme máis. Pero houbo algunha persoa no público que non parecía tan convencida. Paréceme a min que, sobre todo, non lles parecía que o 15-M producira un revolcón político tan considerable, que era a tese que Antón Losada defendía. E sospeito que era porque esas persoas falaban dende a ideoloxía do nacionalismo galego, que en xeral é bastante escéptica e contraria ás novas forzas políticas que emerxeron nos últimos tempos, dicindo que non son ningunha "nova política", e que recordan moito á "vella política".

Uns días máis tarde deu unha charla a catedrática de filosofía María Xosé Agra, que falou sobre revolución e feminismo. Non se pode negar que as ideas que pretendía transmitir eran moi interesantes, pero está claro que non comunica tan ben como Antón Losada (o referente máis cercano que tiñamos no ciclo), e por esa razón, a charla resultou bastante máis insulsa.

Saúdos.
Comentarios (0) - Categoría: Xeral - Publicado o 24-06-2018 13:49
# Ligazón permanente a este artigo
Aldaolado
Hai unhas semanas celebrouse na Coruña e comarca, auspiciado pola Deputación, un festival que pretendía reivindicar o papel da muller galega na arte, e que por esa razón, recibía o nome de "Elas son artistas".

Foi unha semana moi intensa de actividades e eventos culturais, que tivo a ben comezar cun novo recital-concerto de Aldaolado no Bababar da Coruña. Ou sexa, María Lado e Lucía Aldao facendo as marabillas habituais.

O local estaba ata os topes, como é habitual nas súas actuacións, e non fixeron nada especial nin moi diferente ao que fan sempre, pero é que non o necesitan, porque os seus recitais son, ao mesmo tempo, sempre iguais e diferentes. Sabemos ao que imos, e sempre nos sorprenden con algo novo, así que non faltaremos nunca, sempre que sexa posible.

Déixovos o vídeo da súa famosa actuación no Luar, que elas reivindican constantemente.

Saúdos.


Comentarios (0) - Categoría: Xeral - Publicado o 24-06-2018 13:34
# Ligazón permanente a este artigo
© by Abertal