Viaxes O Lóstregho


Furancho Oficial de Cabañas & Catoira Travels
A partir deste santo día de Nadal do ano 2006 este vai ser o Furancho Oficial da xa célebre axencia de viaxes perralleiros Cabañas & Catoira Travels. Este e-zulo está especialmente deseñado para todos aqueles infelices ós que xa non lles carbura ben o 4 Latas, que xa están cansos de viaxar con AirZambia ou que levan toda a vida facendo auto-stop en carromato. Chegamos a un punto onde a xente moderna quere viaxes modernas, opinións modernas e visións modernas. Pois ben, para estes últimos non é esta páxina. Estes deben ir á páxina da COPE. Neste "fotolog" haberá fotos das nosas viaxes, comentando diferentes aspectos e anécdotas vividas. Recomendaremos lugares e esperamos que todo o mundo o pase ben e teña ganas de repetir a visita.

O meu perfil
 CATEGORÍAS
 FOTOBLOGOTECA
 RECOMENDADOS
 BUSCADOR
 BUSCAR BLOGS GALEGOS
 ARQUIVO
 ANTERIORES

Sendeirismo no Golfo Ártabro

Hai varias semanas, e do xeito máis inesperado, puiden practicar de novo o meu deporte preferido, o sendeirismo, e ademais en compañía de dous bos amigos aos que vexo con menos frecuencia da que me gustaría.

Pero o caso é que nunha fin de semana fantástica fixemos: o primeiro día, camiñar de Sada a Mera, parando a xantar en Lorbé; e o segundo día, o traxecto recentemente estreado da costa de Arteixo, dende a praia de Barrañán ata a de Alba-Sabón, a carón da central térmica que están desmantelando.

Nos dous casos, por diferentes circunstancias, collemos máis asfalto de que nos gustaría, pero non foi mal aperitivo para comezar un verán que espero sexa moi prolífico nestas experiencias.

Saúdos.
Comentarios (0) - Categoría: Xeral - Publicado o 10-06-2017 18:57
# Ligazón permanente a este artigo
Sostiene Pereira
Hai anos xa oíra falar da novela "Sostiene Pereira" e da película do mesmo título. A verdade é que o elenco chama a atención: novela do italiano Antonio Tabucchi e película protagonizada por Marcelo Mastroianni, pero ambientada na Lisboa dos anos 30. E tiña moito interese, claro. Xurdiu a posibilidade de vela no Fórum Metropolitano da Coruña hai unhas semanas, e non a deixei escapar.

Para comezar, resulta curioso ver unha película completamente italiana ambientada nun país de fala portuguesa. E ademais nunha etapa como os 30, comezo dunha ditadura fascista.

Nese entorno, o vello xornalista Pereira, que traballa na folla cultural dun dos principais xornais de Lisboa, deslúmbrase pola calidade das columnas que escribe un novo autor ao que non coñece.

O curioso é que é un rapaz novo, pero escribe de forma moi brillante sobre a morte, cousa que desconcerta a Pereira. Chega a coñecelo, e pídelle que lle vaia escribindo panexíricos e obituarios, algúns de autores que, efectivamente acaban de morrer, e outros sobre persoeiros que aínda están vivos, para ir adiantando traballo. Pero esa ilusión esmorece, xa que non volve a escribir coa brillantez de antes, e sempre lle está pedindo cartos, e semella ter unha vida algo convulsa.

Algún tempo despois descubre algo co que non contaba. O rapaz e a súa moza están loitando contra a ditadura de Salazar, pero el non tiña maior problema para sobrevivir nela, encargado da súa folla cultural. Ao ver a represión sobre os seus amigos, comeza a ser consciente do control social e da censura que el antes ignoraba.

Saúdos.


Comentarios (0) - Categoría: Xeral - Publicado o 10-06-2017 18:51
# Ligazón permanente a este artigo
O tolleito de Inishmaan
Por algunha razón que descoñezo, parte do teatro galego ten unha estraña fascinación por un autor irlandés contemporáneo chamado Martin McDonagh. Que eu recorde, así a bote pronto, Teatro do Atlántico, Il Maquinario, Producións Excéntricas e Contraproducións fixeron obras del.

Neste caso, Contraproducións representa a obra "O tolleito de Inishmaan". Teño entendido que iso se debe a que Irlanda ten unha cultura, paisaxes e situacións semellantes ás galegas, e o teatro de situacións deste autor gusta moito aquí porque parece teatro sobre tema local.

Contraproducións é unha produtora que non me soa de nada, ao mellor estase creando, ou fíxose para esta ocasión, pero dende logo promete. Dirixe Cándido Pazó, que sempre é unha garantía, e actúan nesta obra Susana Dans, Ana Santos, Evaristo Calvo, Santi Romay, María Roja (na función que vin eu susbtituída por Melania Cruz), Marcos Pereiro, Luís Iglesia e Ricardo de Barreiro (nesta función substituído por Pepo Suevos). Como vedes, o elenco é do mellorciño do país.

Imos á historia, é relativamente simple. Nunha pequena illa irlandesa, nos anos 30, viven unha serie de personaxes, e a historia céntrase nun rapaz eivado, cunha misteriosa historia persoal e familiar, que é moi boíño, e a quen todo o mundo quere moito. Todos téñenlle moita compaixón pero non esperan que chegue nunca a nada, mentres que el é máis optimista e agarda grandes cousas da vida.

Entón chega á illa do lado unha produtora americana coa intención de rodar unha película sobre a vida naquel apartado lugar. Creo que a película que se referencia é "Man of Aran", película inglesa documental de 1934 sobre a vida na illa de Aran, na costa oeste de Irlanda.

Varias persoas da illa intentan chegar ata a rodaxe, para ver se teñen a sorte de saír na película, que seguramente será a experiencia da súa vida. E cun pequeno engano, o rapaz tolleito tamén consegue ir, ilusionándose moito coa experiencia aínda que todos din que a súa historia non lle vai interesar a ninguén.

O caso é que aos americanos si lles interesa e lévano varios meses a Estados Unidos para facerlle un casting, e ver se contan con el para máis traballos. Pero ao final descártano e ten que volver para a súa terra, pero é o que el quería, porque xa estaba comezando a ter morriña da súa terra. En calquera caso, xa estivera en América e vivira unha experiencia coa que nin soñara.

A obra é fantástica, pásase de marabilla e resulta moi agradable de ver. Se tedes a posibilidade de disfrutala, non a deixedes pasar.

Saúdos.


Comentarios (0) - Categoría: Xeral - Publicado o 10-06-2017 18:38
# Ligazón permanente a este artigo
[1] 2
© by Abertal