Viaxes O Lóstregho


Furancho Oficial de Cabañas & Catoira Travels
A partir deste santo día de Nadal do ano 2006 este vai ser o Furancho Oficial da xa célebre axencia de viaxes perralleiros Cabañas & Catoira Travels. Este e-zulo está especialmente deseñado para todos aqueles infelices ós que xa non lles carbura ben o 4 Latas, que xa están cansos de viaxar con AirZambia ou que levan toda a vida facendo auto-stop en carromato. Chegamos a un punto onde a xente moderna quere viaxes modernas, opinións modernas e visións modernas. Pois ben, para estes últimos non é esta páxina. Estes deben ir á páxina da COPE. Neste "fotolog" haberá fotos das nosas viaxes, comentando diferentes aspectos e anécdotas vividas. Recomendaremos lugares e esperamos que todo o mundo o pase ben e teña ganas de repetir a visita.

O meu perfil
 CATEGORÍAS
 FOTOBLOGOTECA
 RECOMENDADOS
 BUSCADOR
 BUSCAR BLOGS GALEGOS
 ARQUIVO
 ANTERIORES

091 Policía á fala
O outro día vin unha película española do ano 60 que lembraba ter visto cando era pequeno, e que naquel momento me gustara bastante. Titúlase "091 Policía á fala", foi dirixida por José María Forqué e, aínda que hai moitos actores coñecidos e é unha película coral, o principal protagonismo era de Adolfo Marsillach.

Por comezar por algún sitio, dicir que Marsillach, actor que tivo un prestixio fantástico, sobre todo nos últimos anos da súa vida, e sobre todo no teatro, non me gustou demasiado nesta película (está claro que no primeiro visionado o percibín doutro xeito). Certo é que facía un papel moi dramático, pero non me transmitiu demasiado as sensacións precisas, así que xa levei a primeira decepción por aí.

Por outra banda, intentan facer unha mestura de drama e comedia, que sae máis ou menos regular. A película está feita para lucimento da policía, no medio do franquismo, e no seu momento debeu ser un bombazo, pero vista agora, cheira bastante chunga. Por sen non chegara con todo iso, supura moita moralina.

Saúdos.


Comentarios (0) - Categoría: Xeral - Publicado o 28-06-2017 12:57
# Ligazón permanente a este artigo
Gangs of New York
Onte pola noite estiven vendo a película "Gangs of New York". Foi dirixida por Martin Scorsese no ano 2002, e protagonizada por Daniel Day Lewis, Leonardo di Caprio, Cameron Diaz e Liam Neeson (ao que matan aos 5 minutos, pero ten moita relevancia na historia).

Así, en xeral, trata sobre os disturbios entre pandillas na cidade de Nova York a mediados do século XIX, nunha cidade que naquela altura xa tiña case 1 millón de habitantes. Tiña escoitado que a cinta tiña un nivel de violencia e brutalidade bastante considerable, e non se pode negar, a verdade.

Pois, efectivamente, a vida na Nova York desa época era un disturbio continuo. Ademais das moitas bandas de atracadores, había unha grande corrupción política. A película é tremendamente violenta e, polo que parece, cargaron a man algo de máis nese aspecto, pero dende logo, non debía ser nada plácida a vida nese lugar.

O curioso é que un dos conflitos principais era entre os que se consideraban "nativos" (que realmente eran de orixe británica pero que xa naceran nos Estados Unidos) e os novos inmigrantes, sobre todo irlandeses (que estaban chegando a grande oleadas debido á hambruna do seu país), polacos e alemáns. Ou sexa, nun país tan novo como ese, discutían os recén chegados cos que chegaran uns anos antes.

Outro conflito tivo que ver co reclutamento para a Guerra de Secesión, que supostamente era por sorteo, pero parecía trucado para que lle tocara ir principalmente aos novos inmigrantes. Ademais, os "nativos" tamén eran racistas, e estaban en contra das ideas de Lincoln de liberar aos escravos negros. Así que, como vedes, eran unha xente moi agradables eses rapaces que levaban alí un cuarto de hora pero xa se reivindicaban como oriundos do lugar.

Estiven mirando e semella que a ambientación da película é bastante boa. Aínda que os personaxes principais non existiron, están baseados nalgúns que si o fixeron, aínda que se magnificaron as súas fazañas, para darlle maior tensión dramática.

Pero si quero chamar a atención sobre o feito do tremendo salvaxismo que invadiu ese país dende o seu mesmo nacemento. Debeu xuntarse o factor de que a calaña dos emigrantes europeos que recalaron nos novos Estados Unidos era bastante violenta, e de que se atoparon un novo e inmenso país onde creron que podían facer o que quixeran. Pero o caso é que iso pasaba hai só século e medio, e agora, coa súa hiperviolencia e prepotencia, dominan o mundo. Así nos vai.

Saúdos.


Comentarios (0) - Categoría: Xeral - Publicado o 26-06-2017 09:02
# Ligazón permanente a este artigo
Legend
Oíra falar moitas veces desta película. Que se dirixía Ridley Scott, que se era unha das primeiras películas de Tom Cruise, que se non era tan mal actor... O caso é que o outro día vin "Legend", do ano 1985, e da que xa acabo de dar algúns datos técnicos relevantes.

Non me chamou a atención. Eminentemente dirixida a un público infantil, a típica historia de fantasía con unicornios, trasgos, o Demo que intenta acabar coa bondade e a inocencia do mundo...

Saúdos.


Comentarios (0) - Categoría: Xeral - Publicado o 20-06-2017 18:20
# Ligazón permanente a este artigo
Os amigos dos músicos
Hai uns meses recibiron o premio ao mellor grupo de pop galego nos premios Martín Códax. E dende iso, o seu nome aparece en case todos os festivais galegos deste verán. O grupo chámase Os amigos dos músicos.

Oíra falar deles moito nos últimos tempos, e dixen que habería que facer un esforzo se pasaban por Coruña. E fixérono, viñeron o outro día ao Mardi Gras, grazas á marca de Vermú Petroni.

Escoitei o disco, vinos actuar, e non me desagradan, pero tampouco me apaixoan. En xeral son un grupo de estilo folk americano, tirando a suave, con melodías sinxelas, aínda que nalgunhas cancións tiran de distorsión, pero non é moito.

Como comentaba cun colega á saída do concerto, a parte de distorsión non me namora, e gústame moito máis cando se poñen en plan "folki". O problema é que de folk en Galiza sabemos un lote, e facer folk americano, que me parece dos máis pobres que hai, tampouco semella unha gran idea.

Déixovos cun vídeo da canción máis chula que lles escoitei. E non debo ser o único, porque o clímax do concerto foi cando tocaron esta. Titúlase "A banda", e coido que está baseada nun poema de Manuel María que fora musicado por Suso Vaamonde.

Por certo, non poucos dos integrantes deste grupo estiveron anteriormente en Niño y Pistola, en diferentes etapas.

Saúdos.


Comentarios (0) - Categoría: Xeral - Publicado o 20-06-2017 18:16
# Ligazón permanente a este artigo
Paredes soñadas, de Urbano Lugrís
A finais de marzo inaugurouse na Coruña a que, supoño que para min, será a exposición do ano nesta cidade (ou pode que máis). Titúlase "Paredes soñadas" e trata das obras de Urbano Lugrís que foron murais, portas e obras similares. Estará ata comezos de setembro.

Para min Urbano Lugrís é o pintor que máis me gusta. Así que non teño que dicirvos o que estou disfrutando ao ver esta exposición.

Hai paneis comentados e pode visitarse o mural "Vista de A Coruña 1669", que estivo durante anos no Café Vecchio (ese edificio albergara anteriormente a sede do Banco Hispano-Suizo), que foi restaurado e levado á sede central de Abanca (que está na mazá do lado, a uns 50 metros de distancia).

E tamén hai outras obras como a xenial "Anticuario do porto" e as súas excepcionais mariñas surrealistas.

Aínda estades a tempo, non o perdades.

Saúdos.


Comentarios (0) - Categoría: Xeral - Publicado o 20-06-2017 18:08
# Ligazón permanente a este artigo
Romanorum Vita
Durante case un mes, na explanada do Pazo dos Deportes de Riazor estará visible a exposición (se é que pode chamarse así) "Romanorum Vita", organizada por La Caixa (agora creo que se chama CaixaBank).

Como xa máis ou menos insinuaba, non é unha exposición, senón máis ben unha recreación dunhas rúas dunha cidade romana e do interior dunha casa romana (ou "villae").

Comézase cun breve vídeo introdutorio, que debe durar uns 2-3 minutos. A continuación, érguese a pantalla de proxección e entramos na rúa, que ten forma de L. Na primeira parte da rúa, máis curta, hai varios establecementos e paneis que nos permiten entender algunhas facetas da vida naquelas cidades.

A continuación, xiramos pola mesma rúa, e chegamos ás gradas do que sería o acceso ao templo, no foro. Alí sentamos, e na longa parede que queda en fronte, proxéctase un segundo vídeo, xa algo máis longo (7-8 minutos supoño), que explica novos aspectos da vida alí.

Ao rematar, ábrense as portas dun dos edificios, e podemos entrar no interior da "villae" reconstruída. Principalmente accedemos ao patio central, chamado algo así como "impluvium", xa que parte do teito está aberto e permite entrar e almacenar a auga na casa. Dende alí tamén se poden ver uns cuartos de durmir, a cociña, o salón cos triclinium e o despacho do cabeza de familia.

Nas dúas partes nas que non hai vídeo hai unha persoa que fai de guía e dá explicacións sobre o que estamos vendo. Como o tempo está algo tasado, as preguntas teñen que facerse ao final de cada unha destas dúas partes.

Chegado o momento, ábrese a porta exterior e saímos pola mesma zona pola que entramos. Nese intervalo, xa entrou outro grupo. Poden entrar un máximo de 25 persoas en cada grupo, e o tempo que se consume é duns 20-25 minutos.

Estará na Coruña ata o venres 30 de xuño, así que, se estades pola zona, pode ser unha idea interesante. Obviamente, a entrada é de balde.

Saúdos.


Comentarios (0) - Categoría: Xeral - Publicado o 20-06-2017 18:01
# Ligazón permanente a este artigo
Martes de Carnaval
O 1 de xaneiro de 2017 é o día que deixaban de ter vigor os dereitos de autor sobre a obra de Ramón María del Valle-Inclán, morto en 1936. Por esa razón, a absurda prohibición da familia de traducir e representar obras en galego xa non ten efecto, e por esa razón uns cantos grupos galegos estanse lanzando este ano con este autor.

Hai varios meses falamos aquí da magnífica "A cabeza do dragón" de Producións Excéntricas, e agora foi a quenda do errático Centro Dramático Galego (que como siga así, vai pechar), que representa xuntas dúas obras de Valle-Inclán.

A ver se o dou explicado. Como sabedes, era bastante habitual que Valle-Inclán organizara as súas obras de teatro en triloxías. Unha desas triloxías titúlase "Martes de Carnaval", e está formada polas obras "As galas do difunto", "A filla do capitán" e "Os cornos de Don Frioleira". Por algunha estraña razón, o CDG decidiu representar dúas desas tres obras (por que non unha, ou mellor, as tres?). Foron as dúas primeiras, que xa así dan a unha función de máis de 2 horas e media, con descanso entre as dúas obras.

A promoción e xira do espectáculo está sendo bastante mala, polo que din, cunha das xiras máis curtas que se recordan polo país. Ou sexa, que a compañía institucional tampouco está facendo moito por celebrar que xa se pode representar a Valle en galego. Pero iso xa é o habitual na nefasta política cultural da Xunta.

Outra cousa aparte é o tipo de teatro que se escolleu. A directora elixida para estas obras é Marta Pazos, que tamén é a directora da compañía Voadora, unha das compañías de moda en Galicia, pero moi controvertida, porque fai un tipo de teatro experimental e alternativo, que levanta paixóns (boas ou malas, pero non deixa indiferente).

Polo tanto, veremos bailes, cancións, coreografías de música tecno, marcadores electrónicos, e os amantes do teatro tradicional e puro non entenderán nada. Iso é o que pasa cando se ve a Voadora, e neste caso tamén. A historia, máis ou menos, a contan, e entéraste. Iso si, a forma de contala e as constanstes digresións non permiten as medias tintas. Digamos que non se recitan os diálogos ao pé da letra, nin moito menos.

"As galas do difunto" trata dun ex-combatiente da guerra de Cuba que está intentando seducir a unha prostituta. Está acollido de hóspede nunha casa, e o seu caseiro resulta ser o pai desa prostituta, pero el non o sabe. O pai morre ao saber do destino da filla, á que había anos que non veía, e o ex-combatente abre a tumba do morto, e ponse as súas roupas. Volve outra vez intentar seducir á prostituta, pero acaba descubríndose a relación familiar entre pai e filla.

"A filla do capitán" é aínda máis esperpéntica. Un capitán do exército ten unha filla moi guapa, e el consinte que a súa filla seduza a un Xeneral, para que a carreira profesional do capitán poida medrar. Outros integrantes do exército tamén están namorados da filla do capitán, e intentan matar ao Xeneral, pero hai un erro, e matan a outro soldado. Alguén consegue información comprometedora para o Xeneral, ameaza con revelala á prensa, e este declara unha Dictudura. Para ser unha obra do ano 1927 (España estaba nunha Dictadura), hai que recoñecer que o tema era bastante audaz.

Saúdos.


Comentarios (0) - Categoría: Xeral - Publicado o 10-06-2017 19:54
# Ligazón permanente a este artigo
O cartógrafo
Xa hai moitos anos que lle teño bastante devoción ao autor e director teatral Juan Mayorga. Lembro ter visto en primeiro lugar "Últimas palabras de Copito de Nieve", que me deslumbrou. Sei que tamén vin "O rapaz da última ringleira" e "Reikiavik". E creo que algunha máis. Así que cando vén a Coruña unha obra del, raramento falto. E esta vez viña "O cartógrafo".

Protagonizada por Blanca Portillo e José Luis García-Pérez, a obra está centrada en Varsovia, en diferentes épocas e circunstancias (nalgures lin que representan non sei cantos personaxes diferentes).

Pero vaia, a idea xira en torno á lenda de que no gueto de Varsovia creado polos nazis, houbo un cartógrafo vello que estaba impedido, que elaborou un mapa do gueto axudándose das indicacións dunha nena (a súa neta) que tiña liberdade de movementos naquel lugar.

Algúns dos personaxes son eses, pero outros son unha cartógrafa polaca que, nalgún momento se cre que podía ser aquela nena xa de maior, pero ao final confirma que non o era, e que esa lenda non pode ser certa, porque ninguén podía moverse con esa liberdade naquel sórdido lugar, e moito menos unha nena.

Ou unha muller española que é cartógrafa e que está casada cun funcionario da embaixada española, e que está obsesionada con esa historia.

Esto que acabo de contar é un pequeno rasguño na superficie da complexidade desta obra, que nalgúns casos se fai algo pesada, sobre todo porque cambia con frecuencia de historia e de personaxes (sempre feitos polos dous actores, obviamente), pero que en xeral compón un fresco riquísimo, como é habitual no autor, e sempre sobre historias moi sorprendentes e peculiares.

Saúdos.


Comentarios (0) - Categoría: Xeral - Publicado o 10-06-2017 19:33
# Ligazón permanente a este artigo
Fausto
Na Coruña todos os anos celébranse un par de festivais de cine "algo peculiares" que teñen unha certa traxectoria. Un deles é o Freakmacine, que ten lugar normalmente sobre o outono, e o outro é o S8, que comezou sendo un festival de cine en formato "super oito", pero que en xeral proxecta cine experimental moi variado. Este normalmente é en primavera, e habitualmente ten unha inauguración bastante espectacular que se diferencia moito do resto do festival.

Eu creo que xa levan varios anos facendo pases de clásicos do cine mudo con música en directo nalgún dos grandes auditorios da cidade. Nesta ocasión foi no Pazo da Ópera, onde proxectaron "Fausto" de Murnau (do ano 1926) con música da Orquestra Sinfónica de Galicia.

Coma case sempre nos clásicos mudos en blanco e negro, e non digamos no expresionismo alemán dos anos 20, un grande espectáculo. Certo é que a película dura case 2 horas, e ten algún tramo que se me fixo algo lento, pero en xeral pasouse moi ben.

Está baseada na obra teatral de Goethe. Fausto é un filósofo e científico que decide vender a súa alma ao Demo durante un día, porque a súa vila está asolada pola peste, e el vese incapaz de axudalos. Pero como o Demo lle ofrece o poder do mal durante ese día como proba, decídese a aceptar a oferta. A fórmula funciona, e consegue curar a algúns veciños, pero axiña é rexeitado, porque descubren que non pode actuar cando hai unha cruz diante.

De novo decide pactar co Demo porque cre factible namorar unha fermosa muller que acaba de coñecer, el que xa é vello e está enfermo. Recobra entón a xuventude e a beleza, e a maior parte da historia transcorre no cortexo da muller, pero a trama retórcese moito (non a imos contar aquí para alimentar o voso interese), e ao final perde a súa xuventude eterna e xúntanse de novo na morte.

Saúdos.


Comentarios (0) - Categoría: Xeral - Publicado o 10-06-2017 19:21
# Ligazón permanente a este artigo
Banda Municipal da Coruña
Como levo xa unhas semanas bastante relaxadas, pois resulta que en catro días asistín a dous concertos da Banda Municipal da Coruña, na que incluso teño algún coñecido, e que había anos que non veía actuar.

Estes dous foron os concertos:

- Un luns actuou na Pazo da Ópera, con programa baseado na zarzuela, que non é o que máis me gusta precisamente (pero precisaba tanto descansar...). Tocaron pezas de Chapí, Sorozabal, Serrano, Giménez, Alonso e a famosa "Leyenda del beso" do galego Soutullo e o valenciano Vert.

- O xoves actuaron no Teatro Rosalía, con programa de música galega, que obviamente me encheu máis o ollo. Tocaron pezas de Chané, Soutullo, Conde Carro, Del Río, Couceiro e Andrés Gaos.

Saúdos.


Comentarios (0) - Categoría: Xeral - Publicado o 10-06-2017 19:03
# Ligazón permanente a este artigo
1 [2]
© by Abertal