Viaxes O Lóstregho


Furancho Oficial de Cabañas & Catoira Travels
A partir deste santo día de Nadal do ano 2006 este vai ser o Furancho Oficial da xa célebre axencia de viaxes perralleiros Cabañas & Catoira Travels. Este e-zulo está especialmente deseñado para todos aqueles infelices ós que xa non lles carbura ben o 4 Latas, que xa están cansos de viaxar con AirZambia ou que levan toda a vida facendo auto-stop en carromato. Chegamos a un punto onde a xente moderna quere viaxes modernas, opinións modernas e visións modernas. Pois ben, para estes últimos non é esta páxina. Estes deben ir á páxina da COPE. Neste "fotolog" haberá fotos das nosas viaxes, comentando diferentes aspectos e anécdotas vividas. Recomendaremos lugares e esperamos que todo o mundo o pase ben e teña ganas de repetir a visita.

O meu perfil
 CATEGORÍAS
 FOTOBLOGOTECA
 RECOMENDADOS
 BUSCADOR
 BUSCAR BLOGS GALEGOS
 ARQUIVO
 ANTERIORES

Bellón e Maceiras
Hai poucos días puiden, por fin, ver actuar en directo a un dos grupos de folk galegos que máis me atraen actualmente, o formado polo gaiteiro Daniel Bellón e o acordeonista Diego Maceiras.

Acaban de sacar o seu terceiro disco, aínda que son xente moi nova, cuns 30 anos, e xa levan unha década tocando xuntos, deben levarse ben. Ao comezo estaban basicamente eles dous, hai algún tempo tiñan un quinteto, no que ademais había guitarra, contrabaixo e percusión. E agora están máis ben en formato trío, quedaron só coa guitarra.

Acompáñaos o guitarrista Juan "Cabe", e nalgunhas cancións da súa xira actual toca a zanfona con eles unha rapaza de 11 anos chamada María López, que sospeito que debe ser alumna da escola de música tradicional que fundaron en Fene.

O seu primeiro disco, "Unión das terras", é de hai uns 10 anos, e contén algunhas perlas como unha magnífica versión do "Libertango" de Astor Piazzolla.

O segundo disco, "Folkfusion", de hai uns 5 anos, tamén ten moitos experimentos curiosos, algunha peza do acordeonista francés Richard Galliano (unha das súas referencias principais), e mesturas curiosos como muiñeiras tradicionais con música de Henry Mancini.

E presentaban o seu último disco, aínda quente, titulado "Ten 10", porque xa levan uns 10 anos de carreira. Máis versións de Galliano, música rusa, brasileira (como a que vos poño no vídeo), galesa, tradicional, todo mesturado de forma moi espectacular.

A verdade é que, principalmente eles dous, transmiten unha sensación de virtuosismo nos seus concertos que apabulla. Daniel Bellón ten un curriculum de ganar concursos de gaita que tira para atrás. E vese que nada lles dá medo, atrévense con todo.

Saúdos.


Comentarios (0) - Categoría: Xeral - Publicado o 12-06-2016 13:05
# Ligazón permanente a este artigo
Xoán Curiel
O outro día puiden ir a un concerto do ciclo "Música contada" que CUAC FM está organizando co gallo do seu XX Aniversario.

Estes concertos están sendo no Baba Bar e consisten en que os intérpretes, ademais de cantar e tocar, boten unhas boas parrafadas entre canción e canción.

O outro día era a quenda do cantautor Xoán Curiel, e como non é precisamente mudo, contou moitas anécdotas moi divertidas sobre a súa vida, os seus concertos, como compón as cancións, os estudios que deixou (axudado pola súa nai, que tamén estaba entre o público, e que participou tamén bastante).

O caso é que deu un moi interesante concerto, que consistía na súa voz e a súa guitarra, fíxonos cantar en varias ocasións, e pasámolo moi ben.

Déixovos cun video da canción que dá nome ao seu último disco (con só 6 cancións) que acaba de editar: "Ecuacións".

Saúdos.


Comentarios (0) - Categoría: Xeral - Publicado o 12-06-2016 12:53
# Ligazón permanente a este artigo
Brigada criminal
Unha vez máis, cadroume ver na 2 unha película española dos anos 50, neste caso de xénero policíaco. Ultimamente estou vendo bastantes películas destas, e estouno pasando moi ben. Como digo sempre para defender o cine antigo en branco e negro, cando non había cor nin efectos dixitais, non tiñan máis remedio que facer bos guións e contar boas historias, e iso é garantía de éxito.

Neste caso foi "Brigada criminal", dirixida por Ignacio Iquino en 1950. Trata dun rapaz moi novo que entra na policía, e que no seu primeiro e modesto traballo, case sen querer, consegue infiltrarse nunha perigosa banda que está protagonizando uns violentos atracos a bancos.

Case toda a película transcorre en Madrid (agás un treito moi breve en Barcelona e na viaxe entre as dúas cidades pola vella Nacional II), e aínda que eu non coñezo a cidade moi en detalle, chaman a atención as imaxes que amosan unha cidade tan diferente á actual.

Saúdos.


Comentarios (0) - Categoría: Xeral - Publicado o 08-06-2016 00:11
# Ligazón permanente a este artigo
Guadalquivir
O outro día botaban na 2 (onde, se non?) unha película documental que tiña toda a pinta da programación que adoitan botar nesta cadea despois de xantar, e que tanta xente di ver, pero só deben facelo para durmir a soneca.

A min este tipo de obras gústanme moito, e por iso, vin con moito gusto esta obra, que narra en imaxes a vida do maxestoso río andaluz de 700 quilómetros, que nace na Serra de Cazorla, pasa por Serra Morena, Córdoba, Sevilla, e acaba desembocando no mar en Sanlúcar de Barrameda. Moi recomendable, se tedes determinado tipo de temperamento. Se non, mellor nin o intentedes.

Saúdos.


Comentarios (0) - Categoría: Xeral - Publicado o 08-06-2016 00:03
# Ligazón permanente a este artigo
Bye bye honey
O outro día fun ao Teatro Rosalía para ver un "musical" que a compañía Obras Públicas representaba alí, de título "Bye bye honey". Poño musical entre aspas porque é unha obra musical, non se pode negar, pero obviamente non ten a parafernalia técnica do tipo de obras escénicas que reciben agora esa denominación.

Non había moito público, e a obra, estando ben, resulta algo dura e turbia, xa que non paraba en barras á hora de falar do lumpen, a prostitución, e outras lacras similares na zona entre Ferrol e A Coruña. Pareceume ver que unhas señoras maiores marchaban no medio da representación, supoño que algo ruborizadas porque algúns dos diálogos e escenas eran bastante pouco elegantes.

Había tres músicos (guitarra, baixo e batería) e os actores-actriz e cantantes eran Iolanda Muíños, César Goldi e Carlos Mosquera "Mos". Déixovos con algún dos números da obra.

Saúdos.


Comentarios (0) - Categoría: Xeral - Publicado o 07-06-2016 23:59
# Ligazón permanente a este artigo
Dous na estrada
Acabo de ver no Fórum Metropolitano da Coruña unha película á que lle tiña moitas ganas dende había tempo, pero que nunca se me cruzaba a tempo. Pois hoxe caeu.

En versión orixinal titulouse "Two for the road", e en español "Dos en la carretera". Trata das viaxes por Francia dunha parella inglesa formada por Audrey Hepburn e Albert Finney (magnífico actor que non acadou demasiada fama, por desgraza).

Funciona a base de múltiples flash-back e flash-forward sobre as viaxes deste matrimonio, en diferentes momentos da súa vida, cando se coñecen, cando teñen unha filla pequena, unha vez que van cuns amigos, cando xa a relación de parella está moi cansa....

Resulta unha película deliciosa sobre as relacións de parella e serve tamén para ver os estragos que fai a idade e o paso do tempo nos plans que se trazan nun momento da vida.

Saúdos.


Comentarios (0) - Categoría: Xeral - Publicado o 03-06-2016 00:30
# Ligazón permanente a este artigo
A familia de Pascual Duarte
Hai 40 anos, na transición, rodouse unha película dunha antiga novela de Camilo José Cela, titulada "A familia de Pascual Duarte".

Botárona o outro día na televisión. Eu creo que xa a vin hai moitos anos, pero tiña ganas de revisitala. Coido que tamén lin a novela hai moito tempo, pero iso xa non sei se me resultará tan doado. O caso é que me entraron ganas de repetir.

Antes da proxección, un crítico comentaba que a película era tremendamente seca, que expoñía os feitos con crudeza, pero sen explicacións. Non lembro a novela, pero espero que explicara algo máis, porque si, a película resulta moi dura en tres ou catro momentos de tensión.

Por iso nos queda a sensación de que o tal Pascual Duarte ou estaba tolo, ou era un psicópata, ou algo similar, porque senón, resulta difícil de crer. Certo é que está ambientada na Extremadura rural ao comezo da II República. Por certo, o actor principal é José Luís Gómez, un magnífico actor español que triunfou no teatro, pero apenas o fixo no cine e televisión, así que case ninguén o lembra.

Hai varias escenas especialmente salvaxes, que supoño que se rodarían "na realidade", pero que agora se farían doutro xeito, por maior respecto aos animais.

A primeira escena realmente salvaxe é cando Pascual para un rato a descansar, mentres está de caza, e sen razón aparente, mata ao can que o acompañaba sempre, e ao que supostamente estaba moi unido. Non se entende a razón en absoluto e non parece que na escena haxa ningún efecto especial (así que deberon matar un can, así de simple).

Algo despois, cando a muller de Pascual morre en circunstancias que, polo menos na película non se explican, nun arranque de rabia, Pascual vaise correndo polos campos uns cantos quilómetros, e mata a coiteladas á burra que usaban para desprazarse. Tamén bastante incomprensible todo.

Na parte final da película mata a varios humanos, aí as razóns parecen algo máis comprensibles (o listón estaba ben baixo), pero nin se oculta nin escapa demasiado.

Así que finalmente é encarcerado e axustizado no garrote vil. A película tamén é famosa porque esta última escena tamén é bastante realista.

En definitiva, que non é unha película apta para nenos nin espíritos impresionables.

Saúdos.


Comentarios (0) - Categoría: Xeral - Publicado o 03-06-2016 00:24
# Ligazón permanente a este artigo
O acorazado Potemkin
Hai uns días puidemos asistir na Coruña a un espectáculo deses que non se ve moitas veces. Foi concretamente no Teatro Rosalía.

Como inauguración da nova edición do Festival de Cinema Periférico S8, proxectaban "O acorazado Potemkin" con música en directo, concretamente do pianista americano afincado en Alemaña Chris Jarrett.

A película é do ano 1925, e conta un feito sucedido 20 anos antes a bordo do acorazado Potemkin e na cidade de Odessa.

Déixovos un vídeo no que podedes ver a película con subtítulos en español.

Saúdos.


Comentarios (0) - Categoría: Xeral - Publicado o 03-06-2016 00:11
# Ligazón permanente a este artigo
[1] 2
© by Abertal