Viaxes O Lóstregho


Furancho Oficial de Cabañas & Catoira Travels
A partir deste santo día de Nadal do ano 2006 este vai ser o Furancho Oficial da xa célebre axencia de viaxes perralleiros Cabañas & Catoira Travels. Este e-zulo está especialmente deseñado para todos aqueles infelices ós que xa non lles carbura ben o 4 Latas, que xa están cansos de viaxar con AirZambia ou que levan toda a vida facendo auto-stop en carromato. Chegamos a un punto onde a xente moderna quere viaxes modernas, opinións modernas e visións modernas. Pois ben, para estes últimos non é esta páxina. Estes deben ir á páxina da COPE. Neste "fotolog" haberá fotos das nosas viaxes, comentando diferentes aspectos e anécdotas vividas. Recomendaremos lugares e esperamos que todo o mundo o pase ben e teña ganas de repetir a visita.

O meu perfil
 CATEGORÍAS
 FOTOBLOGOTECA
 RECOMENDADOS
 BUSCADOR
 BUSCAR BLOGS GALEGOS
 ARQUIVO
 ANTERIORES

Libro do estilo urxente da Axencia EFE
Hai xa uns anos merquei este libro editado polo Círculo de Lectores, porque estaba introducíndome no mundo da comunicación, e pensei que me resultaría útil nese ámbito.

Por circunstancias que non veñen ao caso, pasaron 4 ou 5 anos ata que conseguín lelo, e aportoume algunhas ideas interesantes, e aprendín cousas que non sabía sobre o mundo da comunicación e o xornalismo.

Tamén é certo que está pensado para clasificar, editar e transmitir mellor a información da axencia aos seus clientes, que normalmente son medios de comunicación, pero algo sempre se aprende.

En calquera caso, coa precariedade de medios que hai agora no xornalismo e na comunicación, sospeito que unha parte importante de moitos xornais e servizos de información, collen o bruto que lle mandan estas axencias e o publican como tal, sen ningún retoque. E despois presumirán do seu xornalismo de calidade e investigación.

Saúdos.
Comentarios (0) - Categoría: Xeral - Publicado o 27-06-2016 00:13
# Ligazón permanente a este artigo
A Banda Municipal da Coruña homenaxea ao rock
Onte fun ao Ágora para asistir a un curioso espectáculo. A Banda Municipal da Coruña, dirixida polo seu actual director, o valenciano Andrés Valero-Castells, tocaba unhas versións "sinfónicas" de éxitos do rock.

Polo que se ve, este director ten certas tendencias roqueiras, porque foi el mesmo o que compuxo algunhas desas versións e parece ter moi boas conexións con algunhas estrelas do rock español, como o grupo Barón Rojo.

Nalgún caso as pezas estaban baseadas nunha canción concreta, e noutros eran "medleys" de éxitos dun mesmo grupo.

Tocaron pezas dos Beatles, Guns 'n Roses, Linkin Park, Sherpa (baixista e cantante de Barón Rojo), Deep Purple, AC/DC. E a última peza, titulada "Bassmonsters", non conseguín recoñecela como éxito do rock (aínda que se cadra o era), foi composta por Simón García, un dos contrabaixistas da Banda.

Obviamente, a cousa estivo ben. Pero sempre que vexo estas cousas, quedo cunha dúbida. Os integrantes da banda parecían estar pasándoo moi ben con estas cancións, incluso nalgún caso cantaban algúns estribillos. A música que tocan habitualmente é bastante diferente, chámalles tanto a atención como esta? Por outra banda, algunhas adaptacións semellan moi forzadas, e resulta paradóxico que frenéticos "riffs" de guitarra eléctrica os fagan entre as frautas, os clarinetes, os saxos, etc. Eu non entendo de música, pero a min resúltame algo estraño, déixame unha rara sensación. É como se quixeran lexitimar a música popular tocándoa con instrumentos máis "cultos"....

O vídeo que vos deixo non é rock, pero tampouco esta mal.

Saúdos.


Comentarios (0) - Categoría: Xeral - Publicado o 26-06-2016 13:14
# Ligazón permanente a este artigo
La ritournelle
Tamén estes días fun ao Fórum Metropolitano da Coruña para ver outra película, neste caso francesa, titulada "La ritournelle" (aínda que nalgunha fonte parece que lle chaman, en español, "Luces de París", outra flipante tradución).

É unha película de 2014, protagonizada polo magnífica actriz francesa Isabelle Huppert e por Jean-Pierre Darroussin. O director é Marc Fitoussi.

Forman un matrimonio que xestiona unha exitosa granxa de vacas en Normandía. Ela ten un eccema no peito que lle dá algo a lata, pero non atopa cura para el. Este feito podería parecer secundario, pero é esencial na película. Polo demais, a súa vida é bastante feliz, aparentemente.

Pero a ela parece que lle faltan emocións, e un día decide achegarse a París para ver se funciona o tratamento dun dermatólogo que lle recomendaron.

Cando está alí, o marido descubre, casualmente, que ese dermatólogo xa está xubilado e que, polo tanto, a escusa da súa muller esconde unha mentira que non lle agrada en absoluto.

Achégase a París e ve á súa muller con outro home. Pero non arma ningunha escea, senón que marcha sen que o vexan, deprimido. Volve á súa granxa decepcionado, aínda que en París tamén lle pasan algunhas cousas interesantes, como que ve actuar ao seu fillo acróbata, e emociónase ao ver o nivel de perfección que acadou no seu oficio, que non lle convencía demasiado.

Aos poucos días, volve a súa muller e di que o dermatólogo lle recomendou ir ao Mar Morto para curar o seu problema de pel. O consello é verdadeiro pero, obviamente, non llo deu o dermatólogo retirado, senón o seu "amante" daquela moi fugaz aventura.

E dun xeito bastante curioso, hai unha reconciliación inmediata na parella, e o marido regálalle unha viaxe de vacacións a Israel, para que poida bañarse no Mar Morte. Xusto antes de marchar, ela descubre que el tamén estivo en París nos mesmos días que ela.

É unha película tranquila, pero moi emotiva e sensible, como é habitual no cine francés, moi recomendable.

Saúdos.


Comentarios (0) - Categoría: Xeral - Publicado o 26-06-2016 12:56
# Ligazón permanente a este artigo
Staircase
O outro día fun ver ao Fórum Metropolitano da Coruña unha película que parecía ter un certo atractivo. O título orixinal é "Staircase" (en canto ao traducido ao español, non teño moi claro se era "A escaleira" ou "Whoops!", flipante).

É unha película inglesa do ano 1969. Está ambientada nun barrio pobre de Londres, suponse que nesa mesma época. E trata de dous homes homosexuais, interpretados por Richard Burton e Rex Harrison, que rexentan unha peluquería dende hai uns 30 anos, e que están fondamente preocupados porque sobre o segundo planea a ameaza dunha denuncia por escándalo público, xa que no seu día (non queda moi claro, pero semella que foi hai bastante tempo), vestiuse de muller en público, aínda que parece que era nunha festa, ou algo similar.

Había tempo que non veía unha película tan aburrida. Había varios temas na película que parecían apuntar en que habería xiros do guión moi interesantes. Un deles era a ameaza do xuízo por escándalo público. A ameaza cúmprese pero a película remata xusto cando van camiño do xulgado. Outro tema era a posible visita da filla do denunciado, á que había 20 anos que non veía. Pero finalmente a visita non se chega a producir.

Así que ao final, a película, son as conversas e discusións sobre a súa relación de parella, e tamén sobre o feito de que o non denunciado é o propietario da casa na que viven, tamén da peluquería e coida á súa nai anciá, e o outro desenténdese de todo iso e das labores do fogar. Pero aparte diso, que a min non me chamou especialmente a atención, non pasa moito máis. Ah, si, o propietario da peluquería, vai sempre cunhas vendas na cabeza, porque quedou totalmente calvo, e iso non dá boa imaxe para unha peluquería.

Obviamente, esta é unha opinión como outra calquera. Pero chama a atención que en Youtube, hai moi poucos comentarios sobre este corte, e a metade deles fan referencia a que a película é bastante mala, que os actores (de recoñecido prestixio) non están nada convincentes, e nalgún caso alguén deixa caer que actúan como se non tiveran coñecido nunca a ningún homosexual. Así que parece que a miña percepción a comparte máis xente.

Saúdos.


Comentarios (0) - Categoría: Xeral - Publicado o 26-06-2016 12:35
# Ligazón permanente a este artigo
Saúde e Terra, irmá(n)s

Durante este mes de xuño, na Fundación Barrié da Coruña, pódese ver a exposición "Saúde e Terra, irmá(n)s", que fala sobre as Irmandades da Fala, que foron fundadas nesta cidade en 1916.

Está moi chusquiña, está formada por dez cabinas que están agrupadas por parellas. Aparte de textos e fotografías, hai moitos materiais da época e outras vitrinas con obxectos de moito interese.

Entre eles, o violín de Manuel Quiroga, magnífico violinista galego que triunfaba en todo o mundo a comezos do século XX. Na foto, vedes a Cibrán Seixo tocándoo na inauguración da exposición.

Nos vindeiros meses estará nas outras grandes cidades galegas, un mes en cada unha, ata completar este ano natural. Así que poderedes disfrutar da exposición, non moi lonxe das vosas casas.

Saúdos.
Comentarios (0) - Categoría: Xeral - Publicado o 23-06-2016 00:14
# Ligazón permanente a este artigo
Saír do armario
Onte fomos ao Fórum para ver unha comedia francesa de hai uns 15 anos, que resultou francamente divertida.

Un soso pero esforzado traballador dunha fábrica de preservativos, vai ser despedido, e acaba enterándose dunha forma bastante peculiar. Tamén de casualidade, coñece a un novo veciño seu, que ao saber desa circunstancia, recoméndalle que se faga pasar por homosexual, xa que así seguro que non o despedirán, por medo a ser tachados de homófobos. E a táctica funciona, pero os efectos secundarios derivados da mesma son bastante simpáticos.

Pásase un bo rato, é unha comedia sen demasiadas pretensións, pero que mete o dedo nun debate social moi revirado.

Saúdos.


Comentarios (0) - Categoría: Xeral - Publicado o 19-06-2016 13:47
# Ligazón permanente a este artigo
Menú da noite
Onte fun ao Teatro Colón da Coruña, para ver o espectáculo "Menú da noite", do humorista Carlos Blanco e o debuxante Luis Davila, que se supón que é a continuación de "Menú do día", no que se xuntaron hai varios anos.

A receta vén sendo a mesma de sempre, pero ten bastante gancho. Xa hai anos que a Carlos Blanco o vexo máis seco de ideas do que era habitual nel, pero soubo reinventarse e aliarse con Luis Davila, que é un auténtico xenio, e os dous traballando xuntos dan lugar a unha cousa moi dixerible.

O principal do que contou Carlos onte segue sendo inxenio sacado de Internet, que se nomes de grupos de Facebook, comentarios doutro tipo, e ademais eles agora convocan aos seus moitos seguidores, para que digan frases sobre temas concretos. Boa parte deste espectáculo xira sobre "frases das avoas", que despois Luis ilustra con debuxos. E deben ter moitas, porque ningunha das que sae neste vídeo que vos puxen as amosaron onte en Coruña. Así que para este espectáculo deben ir variando o repertorio.

Si, claramente o valor engadido deste espectáculo o pon Luis Davila debuxando en directo na pantalla xigante. Tamén cantan e bailan os dous, cos sachos na man (que supostamente é o obxecto fetiche do espectáculo, pero apenas o usan), pero o que realmente gusta é o outro.

Saúdos.


Comentarios (2) - Categoría: Xeral - Publicado o 18-06-2016 11:38
# Ligazón permanente a este artigo
Bird on a wire
O outro día, no CGAI da Coruña, aproveitando que se celebraba a Semana da Música, estiveron varios días botando documentais desta temática.

Por cuestións de interese e horario, cadroume ir ver un documental titulado "Bird on a wire", que trata sobre a xira que fixo Leonard Cohen co seu grupo en 1972.

Polo visto, aquela xira foi moi desastrosa. Tivo todo tipo de problemas técnicos, cos representantes, eles parece que tampouco estaban no seu mellor momento anímico, semella que ían separarse e que non ían volver tocar en directo durante bastante tempo, ou polo menos iso dicían en directo con frecuencia.

O documental é bastante simple, fragmentos de actuacións moi centrados nel (obviamente), e entrevistas nos camerinos, onde amosa a súa profundísima persoalidade, que me parece o máis salvable da obra. Pero acaba resultando moi cansina e monótona. Hai que ser moi fan do artista para soportala, e incluso cabe a posibilidade de que canse e deixe de idolatrarse despois de velo.

Saúdos.


Comentarios (2) - Categoría: Xeral - Publicado o 18-06-2016 11:23
# Ligazón permanente a este artigo
Magical girl
Por fin conseguín ver a que está considerada como unha das mellores películas españolas dos últimos anos, "Magical girl". Puiden vela na 2, sen anuncios, e co interesante coloquio posterior.

Non resulta nada doado explicar de que trata, e aí reside parte do seu encanto. Todo xira en torno á desgraciada vida de Bárbara (interpretada pola magnífica actriz hispano-arxentina Bárbara Lennie), que fai arrastrar a problemas a todos os que xiran ao seu redor, como o seu marido psiquiatra, un señor que a coñece casualmente e que ten á súa filla con leucemia, e sobre todo a un antigo profesor seu magníficamente interpretado por Pepe Sacristán.

En xeral, poderíamos dicir que é unha estraña e obsesiva historia na que comprobamos que toda persoa pode chegar a realizar auténticas atrocidades para saciar os seus desexos e necesidades.

Saúdos.


Comentarios (0) - Categoría: Xeral - Publicado o 13-06-2016 00:23
# Ligazón permanente a este artigo
A filla de Woody Allen

Onte fomos ao Teatro Colón ver a obra "A filla de Woody Allen", de Ibuprofeno Teatro, interpretada unicamente por Marián Bañobre, a actriz principal da compañía.

Os espectáculos que está facendo esta compañía nos últimos tempos están tendo moito éxito e cada día me gusta máis: "Pequenos actos pseudorevolucionarios", "O furancho", "Raclette" (a última que lles vin, que me pareceu fantástica)...

Pero "A filla de Woody Allen" decepcionoume por completo. Parece que trata dunha rapaza que recibe regalos do seu pai, ao que non coñece. E viaxa nun barco polo océano, durante 12 días, para ir coñecelo a Nova Iork. Iso é máis ou menos o que se sabe.

E non son capaz, en absoluto, de explicarvos o que pasa na obra porque me resultou por completo incomprensible. Captábanse esceas soltas, pero aparentemente non tiñan nada que ver co que vos puxen anteriormente.

Hai veces nas que non entendes nada ou case nada dunha obra. Non é o máis desexable, pero ás veces sucede, e a obra funciona igual, nalgún caso de marabilla. Lembro agora as obras da compañía Voadora (que son todas así, pero o pasas en grande), ou "Perplexo" de Il Maquinario. Pero neste caso non conectei nada coa obra, así que marchei baleiro. En calquera caso, esta compañía me fixo disfrutar tanto nos últimos anos, que aínda lles queda moito crédito, e irei ver as seguintes obras que fagan, aínda que esta non me gustou.

Saúdos.
Comentarios (0) - Categoría: Xeral - Publicado o 12-06-2016 13:14
# Ligazón permanente a este artigo
1 [2]
© by Abertal