Viaxes O Lóstregho


Furancho Oficial de Cabañas & Catoira Travels
A partir deste santo día de Nadal do ano 2006 este vai ser o Furancho Oficial da xa célebre axencia de viaxes perralleiros Cabañas & Catoira Travels. Este e-zulo está especialmente deseñado para todos aqueles infelices ós que xa non lles carbura ben o 4 Latas, que xa están cansos de viaxar con AirZambia ou que levan toda a vida facendo auto-stop en carromato. Chegamos a un punto onde a xente moderna quere viaxes modernas, opinións modernas e visións modernas. Pois ben, para estes últimos non é esta páxina. Estes deben ir á páxina da COPE. Neste "fotolog" haberá fotos das nosas viaxes, comentando diferentes aspectos e anécdotas vividas. Recomendaremos lugares e esperamos que todo o mundo o pase ben e teña ganas de repetir a visita.

O meu perfil
 CATEGORÍAS
 FOTOBLOGOTECA
 RECOMENDADOS
 BUSCADOR
 BUSCAR BLOGS GALEGOS
 ARQUIVO
 ANTERIORES

Amancio Prada e Rosalía de Castro
Cúmprense este ano 40 anos dende que Amancio Prada sacou o disco musicando os poemas de Rosalía de Castro. Foi o segundo disco da súa longa carreira, editado en 1975.

Veu hai unhas semanas ao Teatro Colón da Coruña para celebrar a efeméride, e o teatro estaba case cheo, e como era previsible, o éxito foi total. Sabíamos a que íamos e Amancio non decepcionou.

Saúdos.


Comentarios (0) - Categoría: Xeral - Publicado o 07-06-2015 16:31
# Ligazón permanente a este artigo
Bobas & Galegas
Hai unhas semanas fomos ao Teatro Rosalía para ver a última obra de Producións Excéntricas (Mofa e Befa e Quico Cadaval), titulada "Bobas & Galegas".

O vídeo que vedes está todo en español (só o é parte da obra nese idioma, non toda), porque é a actuación no Festival de Teatro Clásico de Almagro.

Non é moi doado explicar de que trataba. Eran fragmentos de obras clásicas do teatro español no que se falaba dos galegos e da súa actitude, vistos cunha actitude moi crítica por parte do grupo, xa que case sempre nos tomaban por parvos.

A obra tiña altibaixos, comezaba de forma espectacular, pero ás veces perdía algo de forza, pero con Víctor e Evaristo, normalmente sempre vale a pena facer o esforzo de achegarse ao teatro.

Creo que a obra estivo nominada aos premios Max ao mellor deseño do espazo escénico, construído por Baltasar Patiño a base de almofadas.

Saúdos.


Comentarios (0) - Categoría: Xeral - Publicado o 07-06-2015 16:25
# Ligazón permanente a este artigo
Letras Galegas 2015 no Ágora

O activísimo tecido veciñal da Agra do Orzán organizou este ano no Ágora un fermoso acto das Letras Galegas.

Primeiro actuou o colectivo "Polo gusto de cantar", que se xuntan todos os venres no local da asociación de veciños para ensaiar.

Despois actuou o colectivo "Gosto de che ler un poema". Son, máis ou menos, o mesmo colectivo anterior, aínda que máis reducido, e recitan poesía, non o fan nada mal.

E por último, actuou o grupo "Parabéns", que presentaba o seu primeiro CD, titulado "Facendo país". O nivel de interpretación destes xa é moito máis elevado.

Saúdos.
Comentarios (0) - Categoría: Xeral - Publicado o 07-06-2015 16:15
# Ligazón permanente a este artigo
O crime da rúa Bordadores
Hai unhas semanas, nunha noite na que non debía ter moitas ganas de nada, vin que ían botar na 2 unha película española da que falaban moi ben, aínda que a min o título non me soaba de nada.

Titulábase "O crime da rúa Bordadores", e foi dirixida por Edgar Neville nos anos 50. Antes da película, aproveitaron para glosar a figura, tanto como director como persoa de Neville, do que xa tiña oído falar ben.

Dende logo, as referencias que daban da película eran magníficas, pero despois de vela, eu tampouco lle vexo tanta magnificencia.

Se non lembro mal (porque xa pasaron varias semanas dende o visionado, e porque tampouco me pareceu gran cousa), a trama estaba ambientada no Madrid chulapón, creo que a finais do século XIX ou comezos do XX. E a conmoción que causaba o asasinato dunha señora de cartos, que non se sabía se fóra asasinada pola súa chacha ou polo seu amante, un rateiro de baixa estofa que estaba metido en moitos líos.

Está ben que as películas sexan costumistas, pero neste caso pareceume excesivo, e algunhas interpretacións e diálogos non me agradaron.

Así que se pasou un ratiño, pero a película non me chamou demasiado a atención. Creo que aos amantes do flamenco (como era Neville), lles chama a atención porque había varias actuacións metidas polo medio, nalgún caso sen demasiada explicación aparente.

Saúdos.


Comentarios (0) - Categoría: Xeral - Publicado o 06-06-2015 13:34
# Ligazón permanente a este artigo
Asemblea da ReMC en Gasteiz

Pois xa hai un tempiño que nos desprazamos nunha fin de semana intensa dende A Coruña ata Gasteiz para representar a CUAC FM na Asemblea anual da ReMC (Rede Estatal de Medios Comunitarios).

Como vedes na foto, non eramos moita xente (non é raro que nestas xuntanzas haxa en torno ás 40-50 persoas), pero o traballo estivo ben, reforzamos vínculos, démonos ánimo mutuamente e pensamos en novas ideas e proxectos.

A mágoa é que apenas puidemos desfrutar da fermosa cidade de Gasteiz, porque estivemos moi ocupados traballando e gozando da compañía.

Saúdos.
Comentarios (0) - Categoría: Xeral - Publicado o 06-06-2015 13:23
# Ligazón permanente a este artigo
[1] 2
© by Abertal