Viaxes O Lóstregho


Furancho Oficial de Cabañas & Catoira Travels
A partir deste santo día de Nadal do ano 2006 este vai ser o Furancho Oficial da xa célebre axencia de viaxes perralleiros Cabañas & Catoira Travels. Este e-zulo está especialmente deseñado para todos aqueles infelices ós que xa non lles carbura ben o 4 Latas, que xa están cansos de viaxar con AirZambia ou que levan toda a vida facendo auto-stop en carromato. Chegamos a un punto onde a xente moderna quere viaxes modernas, opinións modernas e visións modernas. Pois ben, para estes últimos non é esta páxina. Estes deben ir á páxina da COPE. Neste "fotolog" haberá fotos das nosas viaxes, comentando diferentes aspectos e anécdotas vividas. Recomendaremos lugares e esperamos que todo o mundo o pase ben e teña ganas de repetir a visita.

O meu perfil
 CATEGORÍAS
 FOTOBLOGOTECA
 RECOMENDADOS
 BUSCADOR
 BUSCAR BLOGS GALEGOS
 ARQUIVO
 ANTERIORES

As veias abertas de toda a humanidade
Tiven a sorte de ver na Casa Tomada a representación que a compañía Teatro Arte Imagen de Porto fixo da obra "As veias abertas de toda a humanidade".

Esta obra está formada por fragmentos da obra do intelectual uruguaio Eduardo Galeano. E ademais de que estes últimos anos estiven aprendendo algo da lingua e da cultura portuguesa, eran demasiados factores para non ir velo.

Saúdos.
Comentarios (0) - Categoría: Xeral - Publicado o 23-06-2014 18:19
# Ligazón permanente a este artigo
As rameiras de Shakespeare
Hai unhas semanas representouse na Coruña unha obra de teatro que apuntaba alto, pero que ao final non resultou tanta cousa.

Resulta que na época de Shakespeare, as mulleres non podían participar nas obras de teatro, e os papeis femininos eran representados por homes afeminados ou disfrazados como tal.

Pois a un millonario daquela, uns anos despois da morte de Shakespeare, éntralle o capricho de ver fragmentos das súas obras representados por mulleres. E as únicas mulleres que aceptan son tres prostitutas.

Non vou desvelar o final, pero resulta que o tal millonario é un persoeiro importante na Inglaterra da época, e que na súa decisión hai, ademais de connotacións artísticas e culturais, incluso políticas.

Pero como dicía ao comezo, estando moi ben a idea, ao final a resolución non resulta tan brillante como nos gustaría.

Saúdos.


Comentarios (0) - Categoría: Xeral - Publicado o 23-06-2014 18:13
# Ligazón permanente a este artigo
CUAC FM no Día da Ciencia na Rúa 2014
Un ano máis (xa van dous e a cousa semella ir para longo), CUAC FM montou o seu estudio móbil no Parque de Santa Margarita, para realizar un programa en directo dende o Día da Ciencia na Rúa do ano 2014.

Como o ano anterior, o programa durou tres horas seguidas, e non houbo un momento de descanso, con moitas entrevistas a xente que tiña moitas cousas interesantes que contar.

Saúdos.
Comentarios (0) - Categoría: Xeral - Publicado o 23-06-2014 18:01
# Ligazón permanente a este artigo
No país do Pato Donald
Hai xa algún tempo, a solvente compañía galega Lagarta lagarta representou no Fórum Metropolitano da Coruña a obra "No país do Pato Donald".

A compañía, dirixida por Ernesto Chao e Rosa Álvarez, como todas as do teatro galego actualmente, ten que facer producións moi pequenas para ter algunha posibilidade de sobrevivir.

E neste caso os dous actores fundadores representan unha fermosa obra na que se fala da vellez, e na que un vello profesor xubilado acepta ir vivir a unha residencia, para non molestar máis na casa do seu fillo, e coméntao coa súa muller, que xa faleceu hai algúns anos. Lembran o pasado con nostalxia e non se amargan polo duro presente ou o futuro, xa case inexistente.

Saúdos.
Comentarios (0) - Categoría: Xeral - Publicado o 23-06-2014 17:50
# Ligazón permanente a este artigo
Véspera de nada

Hai pouco pasou pola Agrupación Cultural Alexandre Bóveda e polo noso programa de radio a asociación Véspera de Nada, que é a xente galega que máis sabe sobre o "pico do petróleo".

Ou sexa, que estuda a disminución na produción de petróleo, que non semella haber alternativa á esta enerxía, e que se todo segue así, haberá que ir pensando en cambiar os nosos hábitos de vida.

Editaron unha "Guía para o descenso enerxético" que podes mercar en papel ou descargar en formato PDF da rede. O nome da asociación vén do refrán galego "días de moito, véspera de nada", que insinúa o que todos xa sabemos, que despois das vacas gordas veñen as vacas fracas.

Saúdos.
Comentarios (0) - Categoría: Xeral - Publicado o 23-06-2014 00:23
# Ligazón permanente a este artigo
Cen anos de soidade
Morreu Gabriel García Márquez, e había que facerlle unha homenaxe.

Hai uns 25 anos, estaba nun momento crucial da miña vida, na que había que tomar decisións importantes, e unha delas era se a literatura ía ser un hobby importante para min ou non.

Había xente no meu entorno que mo recomendaba, pero eu non estaba demasiado convencido. Probaba a ler, tiña moitos libros na casa (non mercados por min), pero non acababa de dedidirme.

Ata que lin "Cen anos de soidade". Lembro que o lin compulsivamente, creo que nun día (pero se cadra foron máis, a memoria engana bastante). E xa intuídes por que lado me decantei.

Volvín relelo hai pouco. Tiña medo de que envellecera mal na miña memoria e non me gustara, pero gustoume. Obviamente, non tanto como a primeira vez, pero volvín gozar coas imaxinativas historias de Macondo.

Saúdos.
Comentarios (0) - Categoría: Xeral - Publicado o 23-06-2014 00:16
# Ligazón permanente a este artigo
Longa viaxe cara a noite
Hai xa algún tempo fomos ver a única función na Coruña da última produción do Centro Dramático Galego (vaia, non creo que sexa un exemplo de produción que só se represente unha vez na segunda cidade galega máis poboada).

O CDG sempre é unha garantía de bo resultado e produción decente, sobre todo nestes terribles tempos de precariedade no teatro e cultura galega en xeral.

A obra é dun dramaturgo americano, Eugene O'Neill, do que oíra falar, pero que nunca vira unha obra súa. Creo que viviu a comezos do século XX, e a obra tamén estaba ambientada nesa época, nalgún lugar de Estados Unidos.

A obra está moi ben feita, e a representación moi boa, pero resulta tremendamente deprimente, porque a historia que conta, e os personaxes, deixan pouco lugar ao optimismo.

Basicamente fala dunha familia que está en descomposición. O pai, que ten un certo éxito profesional, non é moi aprezado na familia porque consideran que é un "agarrado". A nai é unha drogadicta adicta á morfina que empezou a tomar no seu segundo parto, para aliviar a dor, que lle recetou un médico mediocre, segundo os seus fillos porque o pai non quixo pagarlle un médico mellor. O fillo maior é alcohólico, máis ou menos como o pai, e herdouno del en boa medida, e vai malvivindo porque só o contrata o pai nalgunha que outra ocasión para facer algún traballo. E o fillo menor tamén bebe dabondo, pero a obra ten lugar o día que lle diagnostican tuberculose, e de novo a familia acusa ao pai de que o vai meter nun hospital mediocre para non gastar moitos cartos.

Como vedes, unha historia do máis alegre. Como sempre, os actores, Gonzalo Uriarte, Luisa Merelas, Marcos Vieitez e Alberto Rolán, magníficos.

Saúdos.
Comentarios (0) - Categoría: Xeral - Publicado o 23-06-2014 00:01
# Ligazón permanente a este artigo
Sendeiros de gloria
Xa debín dicir aquí varias veces que, para min, o mellor director de cine da historia é Stanley Kubrick. Iso non significa que me gusten todas as súas películas, pero si me gustan case todas, e algunhas gústanme moito.

Unha que me gusta bastante é "Sendeiros de gloria". Xa a vira varias veces, pero xurdiu a posibilidade de vela en versión orixinal no Fórum Metropolitano da Coruña, e non o pensei.

E volvín desfrutar cunha película que, polo menos para min, é tremendamente antimilitarista. Seguro que outras persoas a interpretan doutros xeitos, pero cada vez que a vexo, teño claro que o estamento militar é un dos máis corruptos que poden existir, e que non quero ter nada que ver con el, se é que iso é posible.

Saúdos.


Comentarios (0) - Categoría: Xeral - Publicado o 22-06-2014 23:50
# Ligazón permanente a este artigo
Menú do día

A última xira do humorista Carlos Blanco está sendo co debuxante Luis Davila, que publica viñeta diaria no Faro de Vigo, xornal que non lemos moito por aquí polo norte.

A verdade é que a combinación é bastante novidosa, porque Luís vai debuxando nunha mega-tablet, e vaise vendo en grande ao fondo do escenario, e Carlos vai movéndose sobre ese fondo mentres o outro debuxa.

Nalgún momento intercámbianse os papeis, a idea non está mal pero fracasa bastante, cada un ten que dedicarse ao seu.

Hai pouco lin que Carlos Blanco dicía que ía tomar un certo descanso sabático, porque tiña que renovar repertorio, e estou moi de acordo, xa leva uns anos que se repite moito e que busca recursos en lugares tan anodinos como Facebook e anuncios por palabras, sobre todo de sexo. Semella que o seu manancial creativo está secándose, haberá que revivilo.

Saúdos.
Comentarios (0) - Categoría: Xeral - Publicado o 22-06-2014 23:43
# Ligazón permanente a este artigo
Fotografías do Bierzo

Hai algún tempo inauguramos na Agrupación Cultural Alexandre Bóveda unha magnífica exposición de fotos tiradas por Amalio Fernández García, case todas ambientadas no Bierzo.

Déixovos algunha de mostra, son principalmente dos anos 50 e 60, e se queredes velas, podedes visitar a súa web, que aparece nos enlaces desta páxina.

Saúdos.
Fotografías de Amalio Fernández García
Comentarios (0) - Categoría: Xeral - Publicado o 22-06-2014 23:37
# Ligazón permanente a este artigo
[1] 2 [3]
© by Abertal