Viaxes O Lóstregho


Furancho Oficial de Cabañas & Catoira Travels
A partir deste santo día de Nadal do ano 2006 este vai ser o Furancho Oficial da xa célebre axencia de viaxes perralleiros Cabañas & Catoira Travels. Este e-zulo está especialmente deseñado para todos aqueles infelices ós que xa non lles carbura ben o 4 Latas, que xa están cansos de viaxar con AirZambia ou que levan toda a vida facendo auto-stop en carromato. Chegamos a un punto onde a xente moderna quere viaxes modernas, opinións modernas e visións modernas. Pois ben, para estes últimos non é esta páxina. Estes deben ir á páxina da COPE. Neste "fotolog" haberá fotos das nosas viaxes, comentando diferentes aspectos e anécdotas vividas. Recomendaremos lugares e esperamos que todo o mundo o pase ben e teña ganas de repetir a visita.

O meu perfil
 CATEGORÍAS
 FOTOBLOGOTECA
 RECOMENDADOS
 BUSCADOR
 BUSCAR BLOGS GALEGOS
 ARQUIVO
 ANTERIORES

Novo micro-teatro en La Tuerka 27
Xa había algún tempo que non íamos, pero tocaba ver as catro obras de micro-teatro do mes de xuño. Todas teñen algo que ver coa maxia, e foron as seguintes:

- A Vidente: Con Xoán Carlos Mejuto e Adelaida Pittaluga. Un home vai visitar a unha vidente que lle bota as cartas de tarot, e descubre que xa está morto. Simpática. Aparentemente, a maxia está nun truco de cartas que fai que sempre saia a carta da Morte.

- Cada novembro: Con Daniel Currás e Marita Martínez. O Demo fala coa Morte, porque esta decidiu deixar de traballar, pero as consecuencias na humanidade son nefastas. Unha flor manténse no aire ante os espectadores.

- Sen segredos: Con Joshua Bernal (normalmente faina Kiko Pastur, pero nesta semana non estaba). Un arqueólogo atopa unha civilización perdida, e mediante trucos vainos desvelando algúns dos seus secretos.

- Quen é o mago?: Joshua Bernal preparou a obra, pero curiosamente todos os que entramos na sala eramos espectadores. Mediante comunicados, sobres e probas, temos que ir facendo cousas, para descubrir ao compinche do mago. Moi curiosa.

Saúdos.
Comentarios (0) - Categoría: Xeral - Publicado o 25-06-2014 01:03
# Ligazón permanente a este artigo
Berrogüetto: unha luz que non se apaga
E acabouse. Berrogüetto está na súa xira de despedida, e encheu o Teatro Rosalía da Coruña nun dos cinco concertos desa xira. Está de máis dicir que o nivel do concerto foi superlativo, como sempre sucedeu con este grupo.

Pero xa se notaba a emotividade do momento, cando nada máis saír os músicos, houbo unha ovación de 2 ou 3 minutos que non lles deixaba comezar. Eles xa se decataron de que a noite ía ser moi especial.

Houbo bises, trises, as ovacións en pé de todo o auditorio eran continuas ao final, e eu, que estaba nas primeiras ringleiras, vin húmidos os ollos de varios deles ao final. Tocaron algúns dos músicos dos primeiros discos, as rapazas que despois formaron o grupo Anubía, que seguen tendo a voz como hai 20 anos.....

Ata saíron a bailar seis rapaces moi pequenos da Agrupación Folklórica Donaire. Déixovos cun vídeo da canción coa que se despediron: "Bailador".

Foron dúas horas e medio de alto voltaxe, cun nivel musical que non se acadará nunca máis. Fóra, exactamente á mesma hora, a selección española de fútbol debutaba no Mundial de Brasil cunha estrepitosa derrota ante Holanda por 5-1, pero aos que estabamos alí dábanos igual, tiñamos cousas máis interesantes que facer.

Saúdos.


Comentarios (0) - Categoría: Xeral - Publicado o 25-06-2014 00:56
# Ligazón permanente a este artigo
Exeria: Nos límites do mundo

Hai pouco presentamos na Agrupación Cultural Alexandre Bóveda un libro moi fermoso que fala sobre Exeria, un personaxe moi interesante pero case descoñecido.

Para algúns unha monxa, aínda que non semella moi claro, probablemente galega, pero tampouco pode asegurarse, en torno ao século IV da nosa era, percorreu boa parte do mundo coñecido, e contou algunhas das súas experiencias.

O profesor coruñés Arturo Iglesias conta a súa historia neste libro, ilustrado por Xosé Tomás, e editado pola Asociación Socio-Pedagóxica Galega.

Saúdos.
Comentarios (0) - Categoría: Xeral - Publicado o 25-06-2014 00:45
# Ligazón permanente a este artigo
Curuxás

Hai poucos días veu Carlos Parrado á Agrupación Cultural Alexandre Bóveda, para falar sobre un dos temas dos que máis sabe, que é dos guerrilleiros galegos, e dentro deles, ademais de Foucellas, ten moita fama Curuxás, que morreu de vello e nunca foi capturado.

Moveuse pola zona de Melide e A Ulloa, era moi temido na zona (por quen tiña que temerlle, claro), e morreu xa cuns 60 anos. Tiña un grande físico, como pode verse na única foto que se conserva de cando apareceu morto.

Saúdos.
Comentarios (0) - Categoría: Xeral - Publicado o 25-06-2014 00:39
# Ligazón permanente a este artigo
Té con Kant

Esta obra de teatro cruzouse comigo en varias ocasións, e non foi ata a terceira ou a cuarta que conseguín vela. É da compañía Inversa Teatro e está interpretada por María Caparrini e Marta Pérez.

Supostamente estas dúas cultas mulleres viven no século XVIII en Konigsberg con Kant e outras eminencias da filosofía e a ciencia, pero por algún estraño incidente, chegan á nosa época.

E dedícanse entón, con bastante gracia, a explicarnos a vida da súa época, as polémicas científicas e filosóficas e rematan a obra propoñendo unha votación para ver se deben volver ao seu tempo ou quedar neste.

Saúdos.
Comentarios (0) - Categoría: Xeral - Publicado o 25-06-2014 00:34
# Ligazón permanente a este artigo
Pink Tones: banda tributo a Pink Floyd
Como xa teño comentado aquí máis veces, hai anos que non escoito un grupo musical novo que me chame a atención o máis mínimo.

Así que levo anos indo a concertos de grupos que se despiden, ou tamén, asistindo a concertos de bandas tributo aos meus grupos favoritos.

E un dos meus grupos favoritos, con diferenza, é Pink Floyd. Nada indica que poida velos tocar nunca, porque dos catro membros principais (sen contar a Syd Barrett, que se separou axiña), un non quere saber nada dos outros (Roger Waters), e outro morreu hai pouco (Rick Wright).

A diferencia doutros grupos, non parece haber moitas bandas tributo desta, pero unha que hai, e española, pasou pola Coruña hai pouco. Chámase Pink Tones, e viñan na xira One of these days.

Por se a alguén lle interesa, comezan o concerto con esa canción, da súa época psicodélica. E remataron con Comfortably numb. Prácticamente a última hora de concerto é do disco The Wall, para min o mellor da historia do rock.

Como podedes escoitar e ver no vídeo adxunto, gravado no anfiteatro romano de Segóbriga (Cuenca), e que lembra moito ao mítico "Live at Pompeii", o nivel de rigor e calidade do grupo é auténticamente fantástico. Neste vídeo tocan "Atom Heart Mother", outro clásico da súa época psicodélica, pero como vedes perfectamente audible, de longa duración, pero que non tocaron no concerto da Coruña, supoño que por non poder traer á orquesta necesaria para facelo ben.

Porque outra cousa que me chamou a atención é que se atreveron a tocar as versións íntegras de cancións longas. Por exemplo, tocaron enteiras "Dogs" (17 minutos), "Shine on you crazy diamond" (25 minutos) e "Echoes" (23 minutos).

Pois nada, que se vos gusta Pink Floyd e pasan estes por cerca, non o dubidedes, non notaredes a diferenza. O concerto dura tres horas e apenas hai un par de minutos de descanso, no que aínda segue soando a música da canción anterior.

Saúdos.


Comentarios (0) - Categoría: Xeral - Publicado o 25-06-2014 00:28
# Ligazón permanente a este artigo
Beijing bicycle
No Fórum Metropolitano da Coruña proxectan bo cine, entre outras cousas, porque vense alí películas que non é moi doado ver noutros lugares, porque o cine comercial xa non dá moito de sí, segundo a miña opinión.

E, por exemplo, o cine asiático, en moitos casos, non me desagrada, porque me permite ver cousas que nunca vería doutro xeito, e me permite ter perspecticas das cousas que creía inexistentes.

Fun hai pouco ver unha película chinesa do ano 2001 titulada "Beijing bicycle", que levou o Oso de Prata no Festival de Berlín daquel ano.

A historia trata dunha bicicleta, que lle dan a un rapaz que chega do rural e viven en Pekín de xeito case ilegal, e que traballa nunha empresa de reparto. Por un determinado tempo e produtividade no traballo, a bicicleta pasa a ser propiedade do rapaz, pero casualmente róubanlla cando só lle faltaba un día para conseguila.

Quen lla rouba? Pois un adolescente que é o único do seu grupo que non ten a súa propia, que vai a un colexio de pago, e que a precisa para manterse con dignidade no seu grupo de amigos, e para cortexar á compañeira que máis lle gusta.

Despois de varios conflitos, chegan ao acordo de alternarse no seu uso, porque para os dous resulta tremendamente importante, pero cando algo gana tanto peso na vida dunha persoa, a traxedia achégase....

Saúdos.


Comentarios (0) - Categoría: Xeral - Publicado o 25-06-2014 00:12
# Ligazón permanente a este artigo
A caza do Outubro Vermello
Unha noite desas nas que quería descansar algo, vin unha película da que oíra falar, pero que non tivera oportunidade de ver. Titúlase "A caza do Outubro Vermello".

Está baseada nunha novela de Tom Clancy, un tipo con fama de moi facha, que escribiu unha serie de novelas protagonizadas por un axente chamado Jack Ryan.

Neste caso, un comandante soviético dun submarino nuclear ruso, comeza unha estraña manobra que inicialmente se interpreta como un posible ataque para provocar unha guerra, pero Jack Ryan, que é listísimo, decátase de que está desertando.

Un gran duelo interpretativo entre Sean Connery e Alec Baldwin, aínda que domina o primeiro claramente os planos da película.

Saúdos.


Comentarios (0) - Categoría: Xeral - Publicado o 23-06-2014 19:19
# Ligazón permanente a este artigo
Da Vinci tiña razón

Producións Excéntricas, a compañía de teatro que reúne a Quico Cadaval, Mofa e Befa, e os seus colegas, volveron a Coruña para representar a obra "Da Vinci tiña razón".

Oíra algúns comentarios estraños sobre esta obra, e non sabía moi ben que me ía atopar, pero esta compañía resúltame de moita confianza, raramente decepcionan.

E cando comezamos a ver a obra xa entendín de onde viñan os comentarios algo ambiguos. Resulta que o elemento central da obra é a "merda". E debe haber xente que se sinte estraña ante algo tan mundano.

O autor foi Roland Topor, un autor francés famoso polo seu surrealismo, e polo que parece, tamén pola súa escatoloxía.

Saúdos.
Comentarios (0) - Categoría: Xeral - Publicado o 23-06-2014 19:03
# Ligazón permanente a este artigo
Caxade
Oíra falar moi ben do disco editado por Alonso Caxade e o seu novo grupo, titulado "A dança dos moscas". E hai unhas semanas tiven a posibilidade de escoitalo en directo.

Alonso Caxade á voz e acordeón, Manu Espinho ao bombardino, Manu Paino á trompeta e Xosé Tunhas á batería. Para comezar, hai que recoñecer que a combinación de instrumentos é bastante peculiar. Non soa nada mal, pero fáiseme algo monótono, os instrumentos teñen un son moi recoñecible e pouco variado.

Pero vou escoitando o disco, que merquei, e cada vez me agrada máis. Déixovos co vídeo de "Sr. Xorda".

Saúdos.


Comentarios (0) - Categoría: Xeral - Publicado o 23-06-2014 18:32
# Ligazón permanente a este artigo
1 [2] [3]
© by Abertal