Viaxes O Lóstregho


Furancho Oficial de Cabañas & Catoira Travels
A partir deste santo día de Nadal do ano 2006 este vai ser o Furancho Oficial da xa célebre axencia de viaxes perralleiros Cabañas & Catoira Travels. Este e-zulo está especialmente deseñado para todos aqueles infelices ós que xa non lles carbura ben o 4 Latas, que xa están cansos de viaxar con AirZambia ou que levan toda a vida facendo auto-stop en carromato. Chegamos a un punto onde a xente moderna quere viaxes modernas, opinións modernas e visións modernas. Pois ben, para estes últimos non é esta páxina. Estes deben ir á páxina da COPE. Neste "fotolog" haberá fotos das nosas viaxes, comentando diferentes aspectos e anécdotas vividas. Recomendaremos lugares e esperamos que todo o mundo o pase ben e teña ganas de repetir a visita.

O meu perfil
 CATEGORÍAS
 FOTOBLOGOTECA
 RECOMENDADOS
 BUSCADOR
 BUSCAR BLOGS GALEGOS
 ARQUIVO
 ANTERIORES

Xunta de Accionistas de Sermos Galiza
Como non lembro eu que fora nunca accionista de nada, pero si teño 1 acción do novo semanario galego Sermos Galiza, o outro día fun a Santiago de Compostela, concretamente á nova e espectacular Nave de Vidán, para asistir á Xunta de Accionistas da sociedade, para ver como era unha cousa desas.

Explicáronos como estaba sendo a cousa, o difícil que é comezar cun novo medio de comunicación, pero semella que estanse facendo pequenas (ou non tanto) cousas que están comezando a enderezar a nave.

O xornal (recoñezo que eu miro a edición en papel pero case nada a dixital) ten aínda que moito que mellorar, pero vaino facendo aos poucos, e é moi útil para as persoas coma min que queren estar moi atentas e enteradas do que pasa na Galiza, xente que está poñendo en marcha proxectos interesantes de todo tipo, etc.

Saúdos.
Comentarios (0) - Categoría: Xeral - Publicado o 24-06-2013 21:03
# Ligazón permanente a este artigo
Musical Grease
Como ultimamente, por razóns que non veñen ao caso, estou asistindo a musicais (un xénero que non me agrada demasiado, en principio) con máis frecuencia da normal, aproveitamos que viña o musical "Grease" á Coruña para achegarnos, xa que é unha película que se deixa ver e algunhas das cancións dela parécenme bastante interesantes (está claro que hai 35 anos os compositores musicais eran bastante máis competentes que agora).

Pois ben, vista esta montaxe, quedei algo (como minimo) decepcionado. Non lembro canto duraba a película, e cantas cancións interesantes tiña, pero este musical (neste xénero é normal que as obras duren bastante) duraba dúas horas e media e tiña bastantes cancións novas que estaban moi lonxe do nivel das cancións orixinais. Ademais fun cunha persoa que ten a película e o disco da banda sonora e que identificaba as cancións clásicas e as novas en cuestión de milisegundos (a min pasábame algo similar).

Ademais, non se apoiaron demasiado na música e nas cancións clásicas (que era o que tiraba da miña nostalxia) e fixérono moito máis coas coreografías, que a min non me interesan demasiado (por non dicir nada). Así que o resultado final foi decepcionante. Na sesión na que estivemos nós non actuaron as figuras titulares, pero non sei es estaban tamén na cidade e actuaban nas sesións de noite (aquel día e algúns máis facían dúas sesións), ou simplemente non viñeron a "provincias". A traducción a español tampouco teño moi claro que lle quede moi ben, pero vaia, eu creo que o "fracaso" non viña por aí.

Saúdos.


Comentarios (0) - Categoría: Xeral - Publicado o 24-06-2013 20:58
# Ligazón permanente a este artigo
Remando ao vento
O outro día, no CGAI da Coruña, volvín ver unha película de hai 25 anos que xa me gustara cando a vin por primeira vez (non lembro cando foi pero non fun ao cine, aínda así xa pasaron moitos anos daquel visionado). A película é "Remando ao vento", produción bastante internacional (hai uns poucos actores españois, pero fan papeis secundarios, e gravaron en inglés, porque eu recoñecín as súas voces na versión orixinal) dirixida por Gonzalo Suárez.

A película trata da relación entre Mary W. Shelley, o poeta que foi primeiro amante (porque xa estaba casado antes) e despois marido Percy Byshe Shelley, a súa media irmá Claire, e o poeta Lord Byron, que tiña a Claire como unha das súas amantes preferidas (supostamente) pero que non lle facía demasiado caso a ningunha muller en particular.

En 1817, estas catro persoas pasaron xuntas un chuvioso verán no lago Xenebra e Mary escribiu a obra "Frankenstein ou o moderno Prometeo". Na película aparece tamén como personaxe o monstruo e úsase a súa metáfora para explicar algunhas das moitas desgrazas que tiveron na súa vida, como a morte de varios dos seus fillos en idade prematura e tamén dalgúns dos seus amigos.

Da familia de Mary xa se podería dicir moito. O seu pai era o filósofo e político William Godwin, e a súa nai (que morreu ao dala a luz) foi Mary Wollstonecraft, unha moi coñecida feminista. O seu pai casou despois con outra muller coa que tivo a Claire, a medio irmá antes mencionada.

Percy Byshe Shelley era un poeta con certa fama que durante algún tempo mantivo á familia Godwin Wollstonecraft. Parece que a súa obra máis coñecida foi "Non espertedes á serpe".

E Lord Byron semella que era un personaxe moi particular. Parece que era rico, e que viviu en moitos lugares de Europa, pero que loitaba en causas sociais e en varias revolucións, entre elas a de Grecia, na que morreu. Na película caracterízano coxo e é representando por un xoven Hugh Grant que fai un papel excepcional. Din que era un personaxe cun grande magnetismo e bastante excéntrico. Parte da película é na súa mansión en Venecia, na que tiña unha xirafa no vestíbulo. Ademais a súa filla Ada foi a primeira programadora informática da historia (non muller, senón a primeira persoa que fixo ese labor).

En canto aos actores españois na película, fai un bo labor, coma sempre, José Luís Gómez, no papel de William Polidori, escritor de pouco éxito e médico persoal de Lord Byron. Tamén aparecen por alí José María Pou e Aitana Sánchez Gijón, pero lembrade que pasaron xa 25 anos da película.

Saúdos.


Comentarios (0) - Categoría: Xeral - Publicado o 24-06-2013 20:49
# Ligazón permanente a este artigo
Novo micro-teatro en La Tuerka 27
Un mes máis fomos ver micro-teatro á Tuerka 27. Dase a casualidade (que non me agradou demasiado) de que as catro obras desta quenda foron en castelán. Por orde de visionado foron:

- Mirando ao mar: Dúas mulleres están discutindo na praia sobre as súas vidas e sobre os seus plans de futuro. Pero ao final descúbrese que non pinta tan ben como parecía. Moi divertida e seguramente a mellor das catro obras.

- O refuxio: Nun refuxio para protexerse dun ataque aéreo (probablemente nuclear) atópanse un home pesimista que xa non ten demasiadas esperanzas e un físico que decidiu dedicarse á física para facer felices ás persoas.

- No país de Nonmelembro: Unha irmá con algún típo de deficiencia ou eiva que está internada nalgún hospital ou institución é visitada pola súa outra irmá, que lle lembra como foi a traxedia da súa familia.

- No tixolo de cristal: Obra tremendamente poética que resulta algo difícil seguir xa que o nivel das metáforas é bastante elevado, fala sobre o paso do tempo, etc.

Saúdos.
Comentarios (0) - Categoría: Xeral - Publicado o 16-06-2013 23:30
# Ligazón permanente a este artigo
Amesmalúa
E un par de días máis tarde, no mesmo Teatro Colón, asistimos a un espectáculo totalmente diferente.

Visitábanos un grupo (supoño que) andaluz, pero que a maior parte das súas cancións ten a letra en galego, debido principalmente a que o pai da cantante é orixinario de aquí. Así que podedes asistir (como podedes ver no vídeo) a unha curiosa fusión entre flamenco, se cadra jazz e letras galegas.

Na actuación de aquí só estaba a cantante principal (creo que lles oín comentar algo de que a cantante mulata que sae neste video era colombiana, e que voltara para o seu país). Por outra banda estaban dous guitarristas, un baixista, outro que tocaba instrumentos de vento (clarinete, saxofóns, frautas, etc.) e dous percusionistas.

Só había unhas 30 persoas, pero facilmente venderon 10 discos entre as persoas que estabamos alí, e todo o público saíu moi contento da actuación.

Saúdos.


Comentarios (0) - Categoría: Xeral - Publicado o 13-06-2013 16:24
# Ligazón permanente a este artigo
George Méliès
Hai uns días fomos ao Teatro Colón da Coruña para ver un espectáculo dificilmente repetible.

Durante hora e media estivemos vendo unhas cantas películas rodadas e dirixidas por George Méliès en torno ao ano 1900, entre elas a famosísima "Viaxe á lúa" (que podedes ver completa no video, dura menos de 13 minutos). Serían en total unhas 10 ou 12, as máis longas entre 10-15 minutos, como a mencionada, outras semellaban meros divertimentos de 1 ou 2 minutos.

A súa visneta, francesa e que falaba un español aceptable, facía de narradora das pezas, e o fillo dela, pianista, poñía música á banda sonora muda das películas.

Resultou unha experiencia fantástica, sobre todo para os máis ignorantes, coma min, que non sabíamos que este señor, hai xa máis de 100 anos, coloreaba películas e facía efectos especiais conseguindo que o mesmo actor aparecera na película ata 6 ou 7 veces simultáneamente....

Saúdos.


Comentarios (0) - Categoría: Xeral - Publicado o 13-06-2013 16:15
# Ligazón permanente a este artigo
Charla de Xosé Vicente Ferreirós
O outro día veu á Agrupación Cultural Alexandre Bóveda Xosé Vicente Ferreirós, un dos gaiteiros de Milladoiro, para contarnos algunhas cousas sobre a formación e a historia deste mítico grupo.

Como algúns veríades no blog, poucos días antes fora ver a estrea dun magnífico documental que falaba sobre a fundación do grupo, así que tiña o tema fresco e moi vido.

Saúdos.


Comentarios (0) - Categoría: Xeral - Publicado o 02-06-2013 23:11
# Ligazón permanente a este artigo
© by Abertal