Viaxes O Lóstregho


Furancho Oficial de Cabañas & Catoira Travels
A partir deste santo día de Nadal do ano 2006 este vai ser o Furancho Oficial da xa célebre axencia de viaxes perralleiros Cabañas & Catoira Travels. Este e-zulo está especialmente deseñado para todos aqueles infelices ós que xa non lles carbura ben o 4 Latas, que xa están cansos de viaxar con AirZambia ou que levan toda a vida facendo auto-stop en carromato. Chegamos a un punto onde a xente moderna quere viaxes modernas, opinións modernas e visións modernas. Pois ben, para estes últimos non é esta páxina. Estes deben ir á páxina da COPE. Neste "fotolog" haberá fotos das nosas viaxes, comentando diferentes aspectos e anécdotas vividas. Recomendaremos lugares e esperamos que todo o mundo o pase ben e teña ganas de repetir a visita.

O meu perfil
 CATEGORÍAS
 FOTOBLOGOTECA
 RECOMENDADOS
 BUSCADOR
 BUSCAR BLOGS GALEGOS
 ARQUIVO
 ANTERIORES

Loaira
O outro día fun por primeira vez a un novo (pero non tanto) local para ver actuacións na Coruña. Chámase Bâbâ Bar, e está no mesmo lugar que outro local antes chamado Adega Jazz As Vides.

E casualmente estreei o local vendo a un grupo galego do que oíra falar pero ao que tampouco vira nunca. Chámase Loaira e está máis ou menos publicitado como folk, aínda que penso que non estaría ben encasillalos tanto, se cadra tocan algo de jazz ou estilos similares.

Está formado por tres músicos: Clara Pino (voz e arpa, moita máis voz que arpa), Rubén Abel (guitarra) e Roi Adrio (percusión). Varios deles estiveron noutros grupos galegos, un exemplo pode ser claro, que era unha das dúas compoñentes de Setesaias.

Non estivo mal, pero recoñezo que ía atraído polo máxico son da arpa, que por desgraza non se pode escoitar demasiado. Pero Clara non a toca en moitas ocasións e dedícase máis a cantar, que non o fai nada mal. E tamén é certo que teñen certo toque jazzístico (esa impresión me deu), que a min sempre me deixa algo frío.

Viñan presentar dous discos que sacaron case simultáneos. Un chámase "Loaira" e outro é a música da novela "Un dedo manchado de tinta" de Manuel Portas.

Déixovos co vídeo dunha das pezas deste segundo disco, titulado "Alborada de Malulú", que semella ser o seu maior éxito (foi o único bis).

Saúdos.


Comentarios (0) - Categoría: Xeral - Publicado o 26-06-2012 23:45
# Ligazón permanente a este artigo
Combo Dinamo na Normal
Onte fomos a un acto cultural ben curioso. Na Normal, o novo espazo de intervención cultural da Universidade da Coruña, na Cidade Escolar, hai unha curiosa exposición chamada "Poñer cousas en orde".

No entorno dela (da que despois falarei) onte había un concerto do grupo coruñés Combo Dinamo, do que teño oído falar moi ben. E alá fomos, déixovos un "video" (por chamarlle dalgún xeito) de Youtube cunha das cancións que máis me gustou: "Todo te da igual".

Pero o máis alucinante é a decoración da exposición, que tamén afecta ao espazo de concertos (porque vai haber máis durante a mesma).

O concerto é nunha sala rectangular ou case cadrada, eu que sei, de 10x12 metros. Unha boa parte da zona central desa sala estaba formada por un círculo ou case elipse feita con puntais. Deses puntais penduraban uns "stores" que estaban iluminados por luces de neón vermellas. Movendo lixeiramente eses "stores" podía entrarse nese círculo, e cerca da metade del estaba ocupado polo grupo. O público estaba dentro do círculo, ou fóra pero dentro da sala (como era o noso caso). Unha situación moi curiosa pero agradable.

En canto á exposición, aínda non me parei moito a vela, pero a ambientación é chulísima. Está máis ou menos rodeada por un círculo de paneis de plástico con burbullas, poñamos de 1 metro de ancho de 3 ou máis de alto, que penduran do teito. De novo, pode entrarse na exposición colándose entre dous dos paneis. E teñen outro círculo exterior similar, que dá lugar a un agradable corredor (entre o círculo interior e o exterior).

Ademais recibíante cunha piruleta e un cóctel. Ou sexa, todo moi alternativo pero moi suxerente tamén.

Saúdos.




Comentarios (0) - Categoría: Xeral - Publicado o 22-06-2012 17:18
# Ligazón permanente a este artigo
Marrocos

O outro día, na A.C. Alexandre Bóveda, o noso amigo e colega Manolo Graña fixo outra das súas fantásticas proxeccións de fotografías de viaxes.

Neste caso foi da viaxe na Semana Santa deste ano a Marrocos. O seu periplo foi por Rabat, Casablanca, Fez, Marrakech, Meknes e algunhas vilas bereber do Atlas.

Déixovos unha foto aérea da máis grande cidade do país, Casablanca, con 6 millóns e medio de habitantes, e a impoñente mezquita que construíron hai pouco.

Saúdos. Os Mártires da Caeira.
Comentarios (0) - Categoría: Os Mártires da Caeira - Publicado o 15-06-2012 15:22
# Ligazón permanente a este artigo
Silencios na memoria
Onte fomos, representando á Agrupación Cultural Alexandre Bóveda, a un fermoso acto á vila pontevedresa d'A Estrada.

Primeiro había a proxección dun video homenaxeando ao alcalde republicano e aos seus compañeiros fusilados na Guerra Civil.

Despois presentouse o noso libro de artigos sobre Bóveda, presentado a comezos deste ano 2012. Tamén se presentaron as actas do Congreso sobre a guerrilla organizado en 2009 pola Comisión pola Recuperación da Memoria Histórica d'A Coruña.

Todo rematou da forma idónea, cun concerto do grupo A Quenlla, moi comprometido coa memoria histórica. Déixovos coa música de "Silencios na memoria", unha das súas moitas cancións míticas sobre esta temática.

Saúdos. Os Mártires da Caeira.


Comentarios (0) - Categoría: Os Mártires da Caeira - Publicado o 10-06-2012 12:19
# Ligazón permanente a este artigo
A cada canto
Hai uns días asistín ao marabilloso espectáculo da presentación do disco "A Cada Canto", editado por Músicas de Salitre co grupo formado por Guadi Galego, Xabier Díaz, Guillerme Fernández e Xosé Lois Romero.

Como sempre que están estes magníficos catro músicos involucrados nalgún proxecto, o resultado é espectacular. Moi poético, iso si, os que non teñan esa sensibilidade xa poden absterse, xa que isto non é para eles.

Saúdos.


Comentarios (0) - Categoría: Xeral - Publicado o 10-06-2012 12:13
# Ligazón permanente a este artigo
Oeste solitario
O outro día fomos ver a obra de teatro "Oeste solitario" a cargo do magnífico grupo galego Producións Excéntricas.

Dirixidos por Quico Cadaval, volven facer unha versión do dramaturgo irlandés Martin McDonagh, ao igual que fixeron coa anterior "Un cranio furado". Os actores son Victor Mosqueira e Evaristo Calvo nos papeis principais facendo os papeis dos irmáns Connor, que viven xuntos pero non deixan nunca de discutir, acompañados por Marcos Correa, que fai do párroco da aldea do oeste irlandés onde viven, e María Lado facendo de adolescente que contrabandea coa caña que fabrica o seu pai.

De novo, unha obra divertida pero algo dura xa que a combinación da obra orixinal (non a lin pero vendo como son todas as súas fágome unha idea) e coñecendo aos que fan as adaptacións galegas, acaban transmitindo unha idea da dureza da vida naqueles lugares.

Como sempre, unha opción moi recomendable se tedes a posibilidade.

Saúdos.


Comentarios (0) - Categoría: Xeral - Publicado o 10-06-2012 12:06
# Ligazón permanente a este artigo
A Orquestra Tombalobos
Onte, no Fórum Metropolitano da Coruña, a A.C. Alexandre Bóveda organizou un acto máis, que nesta ocasión foi un concerto dos nosos amigos da Orquestra Tombalobos. Como teloneiros estiveron varios deles xunto con outros amigos formando un grupo chamado Parabéns. Destacaban nesta formación cinco dos irmáns Seixo.

Déixovos un vídeo dunha actuación no Parque de Santa Margarida para que vos fagades idea da boa foliada que monta este grupo de música tradicional.

Saúdos. Os Mártires da Caeira.


Comentarios (0) - Categoría: Os Mártires da Caeira - Publicado o 01-06-2012 15:28
# Ligazón permanente a este artigo
© by Abertal