Viaxes O Lóstregho


Furancho Oficial de Cabañas & Catoira Travels
A partir deste santo día de Nadal do ano 2006 este vai ser o Furancho Oficial da xa célebre axencia de viaxes perralleiros Cabañas & Catoira Travels. Este e-zulo está especialmente deseñado para todos aqueles infelices ós que xa non lles carbura ben o 4 Latas, que xa están cansos de viaxar con AirZambia ou que levan toda a vida facendo auto-stop en carromato. Chegamos a un punto onde a xente moderna quere viaxes modernas, opinións modernas e visións modernas. Pois ben, para estes últimos non é esta páxina. Estes deben ir á páxina da COPE. Neste "fotolog" haberá fotos das nosas viaxes, comentando diferentes aspectos e anécdotas vividas. Recomendaremos lugares e esperamos que todo o mundo o pase ben e teña ganas de repetir a visita.

O meu perfil
 CATEGORÍAS
 FOTOBLOGOTECA
 RECOMENDADOS
 BUSCADOR
 BUSCAR BLOGS GALEGOS
 ARQUIVO
 ANTERIORES

Varias proxeccións no CGAI
Case pechando tempada no CGAI, ese magnífico lugar que visitei moi pouco pero do que me estou facendo moi seguidor, onte fun ver alí dúas proxeccións moi diferentes, que levaron premios na última edición dos Premios Mestre Mateo.

A primeira delas foi "Radiografía dun autor de tebeos" de Marcos Nine, que fala sobre o proceso de creación de cómics do debuxante David Rubín. Déixovos o trailer do documental, que non é moi longo e dura uns 20 minutos (o documental, non o trailer).





A outra foi unha película infantil titulada "A tropa de trapo" coproducida entre galegos e cataláns, penso que moi digna e interesante para esas idades.





Saúdos.
Comentarios (0) - Categoría: Xeral - Publicado o 26-06-2011 18:13
# Ligazón permanente a este artigo
Uxío Breogán Diéguez e a cuestión estatutaria en Alexandre Bóveda
Para rematar o ciclo de tres conferencias en homenaxe a Bóveda no 75 aniversario da súa morte, tivemos a Uxío Breogán Diéguez, presidente da Asociación Galega de Historiadores, falándonos de Bóveda e a cuestión estatutaria.

Como todos os historiadores, elaborou un discurso moi ben enlazado, onde cada dato e feito estaba perfectamente contextualizado e secuenciado, que causou gran sensación no público. É grande amigo da casa, e seguramente, despois dos familiares, o mellor coñecedor da figura de Bóveda.

Saúdos. Os Mártires da Caeira.
Comentarios (0) - Categoría: Os Mártires da Caeira - Publicado o 23-06-2011 16:29
# Ligazón permanente a este artigo
Subida a Santa Tegra

Dentro duns días vou ter que facer de "guía" dun grupo de xente que imos pasar un día de excursión na punta sudoeste de Galicia. E para preparar ben esa expedición fomos parte de Viaxes O Lóstregho onte á vila da Guarda para explorar ben o monte de Santa Tegra e arredores.

Xa todos sabedes que o lugar é unha marabilla, así que non hai moito que descubrirlle a ninguén. Pero aínda así, coñecemos algunhas cousas moi interesantes do lugar.

Sobre todo porque case todo o mundo coñece a subida ao monte en coche ou, no mellor dos casos, o camiño moi ben acondicionado que vai case en paralelo coa pista asfaltada (cobran por entrar en vehículo, paréceme bárbaro). Pero para acceder ao monte hai varios camiños máis e pistas que se cruzan con eles en múltiples direccións.

Despois das probas que fixemos onte, decidimos que o grupo vai subir por un dos lados menos coñecidos, pero que ofrece unhas vistas moi espectaculares. Subiremos dende a vila de Camposancos, que está na desembocadura do Miño (é dicir, o lado contrario de onde está A Guarda). A subida a un ritmo normal pode levar, como moito, unha hora. Ten unhas rampas duras ao comezo, pero despois diso faise bastante levadeira. A baixada será por unhas pistas forestais da beira contraria, que nos conducen case directamente ao fermoso porto da Guarda.

Iremos dando un paseo pola vila e o opíparo xantar será nun moi interesante restaurante que se atopa na praia de Area Grande, unha pequena cala na esquina oposta da vila, pero á que se pode chegar camiñando sen dificultade.

Se nos acompaña minimamente o tempo, será unha festiva xornada moi proveitosa para todos.

Déixovos unha foto da desembocadura do Miño dende o Outeiro do Lobo, un dos miradores que hai na subida que fixemos onte. Por certo, esa illa cun forte militar que está na desembocadura é portuguesa e chámase illa e forte da Ínsua.

Saúdos. Viaxes O Lóstregho.
Comentarios (2) - Categoría: Xeral - Publicado o 21-06-2011 00:08
# Ligazón permanente a este artigo
Le Concert
Onte pola noite fun ao Fórum Metropolitano da Coruña a ver unha divertida película francesa titulada "Le Concert" e dirixida polo cineasta Radu Mihaileanu.

Dura dúas horas pero cada segundo de película é moi denso. Déixovos con boa parte da última escena, o apoteósico final da película, aínda que pouco se entende dela se non vos conto algo máis. Intentarei facelo da forma máis concisa, pero é complicado porque hai moitas historias por detrás:

Un limpador do teatro Bolshoi de Moscú, que hai 30 anos era un director de orquesta de moito prestixio e que foi apartado do seu posto na época comunista por ter músicos xudeus no seu grupo, intercepta un fax onde o Theatre du Chatelet de Paris invita á orquesta do Bolshoi a dar un concerto en substitución da orquesta sinfónica de Los Angeles, que non pode acudir.

Ao ver esa utópica oportunidade, decide reunir aos músicos que o acompañaban hai 30 anos, que agora xa non se dedican profesionalmente á música, e pasa varias semanas buscándoos para dar o concerto de Tchaikovsky que estaban interpretando no teatro Bolshoi o día que foron humillados en público polo xefe da KGB, que nesta ocasión vai ser o seu representante.

Ademais pide como solista a unha das violinistas máis importantes do mundo, á que non coñece de nada, e incriblemente ela acepta, aínda que ao longo da película veremos que realmente si había relación entre eles.

Pois a película trata de todos os avatares que suceden ata que ten lugar o concerto, e a verdade é que é moi divertida, porque levaría moito tempo contar todas as peripecias polas que pasan, xa vos digo, cada segundo de película é un mundo.

Se queredes unha pequena selección, diremos que para o concerto final, que é o que vedes no fragmento que vos puxen, o día anterior case todos os músicos estaban borrachos, non ensaiaron nunca xuntos, e unhas horas antes estaban todos facendo todo tipo de negocios por París (un vendendo caviar ruso, outros facendo mudanzas, outro alugou un coche e púxolle un cartel a man que dicía "TAXI"...) porque para eles o de tocar o concerto era o menos importante. A violinista decidiu aceptar tocar con eles o mesmo día do concerto, porque o día anterior pensou en declinar a invitación. E só vos estou contando unha pequena parte da historia, porque hai moitas máis e máis divertidas.

Saúdos.


Comentarios (0) - Categoría: Xeral - Publicado o 18-06-2011 12:31
# Ligazón permanente a este artigo
Francisco Rodríguez e a figura de Alexandre Bóveda
Seguindo co ciclo de homenaxe a Bóveda que comezou a semana anterior Xosé Antonio Pena Beiroa, veu falar Francisco Rodríguez da vixencia da figura de Bóveda na actualidade.

Para non variar, como sempre que vén el, a sala estivo ateigada de público.

Saúdos. Os Mártires da Caeira.

Comentarios (0) - Categoría: Os Mártires da Caeira - Publicado o 18-06-2011 12:10
# Ligazón permanente a este artigo
Ordem e progresso, de Carlos Blanco
O outro día veu o excelente monologuista Carlos Blanco a presentar á Coruña o seu novo espectáculo "Ordem e progresso", no que vai acompañado dos tres magníficos músicos do Sergio Tannus Trío.

O espectáculo dura máis de dúas horas e nin te enteras de que pasa o tempo. Pero quedei cunha sensación parecida á do anterior espectáculo con Manecas Costa, que podería resumir do seguinte xeito:

- A música lusófona gústame, pero non me apaixoa.

- Gústame moito máis o humor de Carlos Blanco, pero ao compartir escenario con músicos, para min o nivel do espectáculo baixa. Aos que lles guste a música brasileira ou lusófona opinarán exactamente o contrario, que lle imos facer!!

- Dame a impresión que está xa comezando a repetirse algo. Por exemplo, nesta "obra" volveu ler a sección de contactos de diferentes xornais (galegos e brasileiros), eu xuraría que xa llo vin facer en máis ocasións.

- E tamén me dá a impresión, pero é moi lexítimo pola súa parte, que esta combinación humor-música é moi resultona, e que lle abre as portas de centos de millóns de espectadores no mundo, así que debe estarse forrando, cousa da que me alegro moito, por certo.

- Pero a min gustábanme máis os espectáculos de Carlos Blanco nos que só intervía el e non parabas de rir dende o principio ao final.

En calquera caso, recoméndase ir, nos teatros de todo o mundo págase máis por cousas que son bastante peores que este espectáculo, así que non o perdades se tedes ocasión de velo.

Saúdos.


Comentarios (2) - Categoría: Xeral - Publicado o 18-06-2011 12:06
# Ligazón permanente a este artigo
O segredo da Frouxeira
Hai uns días estivo o antigo cárcere ocupado con interesantes actividades de todo tipo. E un deles encheuse con actividades relacionadas coa Memoria Histórica.

E o colofón dese día de actividades foi a proxección de "O segredo da Frouxeira", de Xosé Abad, que estivera connosco unha semana antes na emisora CUAC FM no especial sobre a Memoria Histórica.

Conta a historia dun antigo alcalde de Serantes (un barrio de Ferrol) na República, que rematou coa morte del e doutros tres amigos que o acolleron cando estaba fuxido. E foron paseados na praia da Frouxeira de Valdoviño, pero os seus corpos nunca foron atopados.

Déixovos o trailer do documental.

Saúdos.


Comentarios (0) - Categoría: Xeral - Publicado o 18-06-2011 11:55
# Ligazón permanente a este artigo
Xosé Antonio Pena Beiroa e a obra fiscal e económica de Alexandre Bóveda
Comezamos na A. C. Alexandre Bóveda un ciclo de conferencias sobre o persoeiro que nos dá nome, e a primeira delas foi sobre economía.

Sendo un persoeiro galeguista de moito renome e moito prestixio político, semella que moitos esqueceron que se dedicaba profesionalmente á economía. E que foi moi valorado o seu estudio sobre a cuestión fiscal no Estatuto de Galicia do 36.

E diso veu falarnos o economista Xosé Antonio Pena Beiroa, un namorado da figura de Bóveda que de cando en vez escribe artigos no Xornal de Galicia, e que en non poucas ocasións menciona a Bóveda como unha das súas referencias.

Saúdos. Os Mártires da Caeira.
Comentarios (1) - Categoría: Os Mártires da Caeira - Publicado o 18-06-2011 11:50
# Ligazón permanente a este artigo
Programa especial de radio sobre Alexandre Bóveda e a memoria histórica
O sábado 4 de xuño (día no que naceu Alexandre Bóveda) fíxose un programa especial na emisora de radio comunitaria CUAC FM da Coruña, que xirou en torno á figura de Bóveda e a Memoria Histórica.

Este espazo estivo dividido en dúas partes. Na primeira hora realizáronse unhas entrevistas a familiares de represaliados ou perseguidos na época da Guerra Civil. No estudio 1 da Radio Comunitaria da Coruña estiveron Pedro Galán (descendente de Pedro Galán Calvete) e Valentín García Bóveda. Tamén foi posible conversar telefonicamente con Mariquiña Villaverde (filla de José Villaverde) e con Xosé Luís Bóveda. Acompañounos durante todo o tempo de emisión Rubén Afonso, membro da Comisión pola Recuperación da Memoria Histórica da Coruña.

Na segunda parte, e máis centrados noutros aspectos da memoria histórica, Rubén Afonso, o historiador Emilio Grandío e o realizador e fotógrafo Xosé Abad mostraron varias ideas e opinións diante dos nosos micrófonos. O programa completouse cuns audios gravados en CUAC FM acerca da vida, paixón e morte de Alexandre Bóveda, para rematar cunha cita de Castelao.

Na web da emisora (www.cuacfm.org) e no podcast do noso programa de radio "Recendo" (recendo.podcast.es) podedes escoitar ou descargar o programa enteiro, que dura dúas horas.

Saúdos. Os Mártires da Caeira.
Comentarios (1) - Categoría: Os Mártires da Caeira - Publicado o 18-06-2011 11:43
# Ligazón permanente a este artigo
Doentes
Unha persoa á que quero moito, propúxome hai pouco, con toda a súa boa fe, ir ao cine (cousa que non fago moito, a verdade, e por algo será) a ver unha película galega titulada "Doentes", que tiña boa pinta.

Trata do momento dos anos 50 en que o Hostal dos Reis Católicos de Santiago de Compostela deixa de ser hospital de pobres e peregrinos, para pasar a ser hotel de luxo. Entón varios dos seus internos comezan a vagar pola cidade para intentar levar a cabo diferentes e escuros propósitos.

A película está baseada nunha obra do mesmo título do gran dramaturgo galego tristemente desaparecido Roberto Vidal Bolaño. Non tiven a sorte de vela en teatro, pero sospeito que non estaría nada mal, porque era un grande autor e director, e traballaban con el os mellores actores galegos, e iso sempre é unha garantía.

Boa parte do teatro galego aparece na película, con Xosé Manuel Olveira "Pico" e Antonio Durán "Morris" á cabeza.

Pero a verdade é que a película non me gustou demasiado. A historia non estaba mal pero penso que o problema principal foi de ritmo, resultaba pesada e por momentos moi lenta, cando a historia non o pedía así.

Se non me engano, fomos á última sesión que se proxectou na Coruña e só asistimos catro persoas, así que moi bo indicio non é, que digamos.

Saúdos.


Comentarios (1) - Categoría: Xeral - Publicado o 18-06-2011 11:36
# Ligazón permanente a este artigo
1 [2]
© by Abertal