Viaxes O Lóstregho


Furancho Oficial de Cabañas & Catoira Travels
A partir deste santo día de Nadal do ano 2006 este vai ser o Furancho Oficial da xa célebre axencia de viaxes perralleiros Cabañas & Catoira Travels. Este e-zulo está especialmente deseñado para todos aqueles infelices ós que xa non lles carbura ben o 4 Latas, que xa están cansos de viaxar con AirZambia ou que levan toda a vida facendo auto-stop en carromato. Chegamos a un punto onde a xente moderna quere viaxes modernas, opinións modernas e visións modernas. Pois ben, para estes últimos non é esta páxina. Estes deben ir á páxina da COPE. Neste "fotolog" haberá fotos das nosas viaxes, comentando diferentes aspectos e anécdotas vividas. Recomendaremos lugares e esperamos que todo o mundo o pase ben e teña ganas de repetir a visita.

O meu perfil
 CATEGORÍAS
 FOTOBLOGOTECA
 RECOMENDADOS
 BUSCADOR
 BUSCAR BLOGS GALEGOS
 ARQUIVO
 ANTERIORES

Pablo Bicho no Mono Paco
Ben, por razóns bastante difíciles de prever acabei unha noite destas indo a un local coruñés que creo que se chama o "Mono Paco" (coido que non sempre se chamou así) para ver un concerto do cantautor latino (poderíamos chamarlle así??) Pablo Bicho.

É amigo duns amigos comúns e propuxéronme ir e eu, que a estas alturas de ano xa non necesito que me insistan moito para ir a calquera sitio, pois fun.

Antecedentes:
- Pablo Bicho foi famoso a nivel español hai uns 15 anos (falo de memoria, non consultei o dato) cunha música bailable latina. O seu éxito principal foi unha canción chamada "Las cosas llegan".
- A min non me gusta nada ese estilo de música, e cando escoitei aquela canción no seu momento decidín inmediatamente que eu non formaba parte do seu público potencial.

Pero a vida dá moitas voltas. É claro que a el non lle foi moi ben no mundo da música. Non sei as razóns pero é o que lle pasa á maioría da xente, por outra parte. E nos últimos anos parece que está galeguizando bastante a súa música, xa que segue tocando por locais en plan máis amador. Como exemplo, atopei en Youtube este video do seu maior éxito xa interpretado en galego, tamén o cantou o outro día (xa dicía eu que me soaba de algo).

É bo guitarrista, e toca unha cousa a medias entre a rumba, o flamenco e cousas así. E non canta mal, outra cousa é que o estilo que gasta segue sen gustarme. O outro día tocou el e un rapaz moi novo que toca o caixón flamenco. Non estivo mal, teño que recoñecer que esperaba un peor resultado.

Saúdos.

Comentarios (0) - Categoría: Xeral - Publicado o 06-06-2010 22:46
# Ligazón permanente a este artigo
O señor das chairas
Había meses que non tiña tempo para ler. Que agora si o atopara debe ser indicio inequívoco de que xa vai chegando o verán e que van crecer algo as horas de lecer.

Para re-estrearme neste desexado vicio da lectura boteime ás costas unha novela de máis de 600 páxinas. Titúlase "El señor de las llanuras" e foi escrita por Javier Yanes. Pareceume entender que foi a súa primeira novela e hai que recoñecer que a historia está moi ben, a ver se consigo resumila.

Vén tratando da historia da familia do narrador, un xoven xornalista chamado Curro Mencía, oriundo de Torrelodones, e sobre todo intrigado pola vida da súa avoa Uke e do seu avó Hamish, un aventureiro escocés ao que só viu unha vez, no funeral da súa avoa, e que pasou boa parte da súa vida en Kenia.

Poderíamos dicir que a novela ten dúas partes (de feito, as ten). Na primeira, Curro vai descubrindo cousas da súa familia que descoñecía, sobre todo de dúas xeracións atrás, na que pasaron historias algo asombrosas. E na segunda, ambientada a comezos dos 90, Curro vaise a Kenia e pasa unha tempada intentando localizar ao seu avó, ou algún ronsel do seu paso por alí, que non resulta nada doado debido á súa azarosa vida.

Como anécdota, diremos que a obra chámase así debido ao título dun cadro que lle vende Hamish ao pai de Uke, e que permite que se coñezan. Alí vese a un león (o señor das chairas), nun outeiro, contemplando a enorme chaira da sabana. Ese cadro ten bastante importancia na obra tamén en momentos posteriores.

Bastante recomendables, pásanse gratos momentos de lectura con este libro.

Saúdos.
Comentarios (0) - Categoría: Xeral - Publicado o 01-06-2010 17:12
# Ligazón permanente a este artigo
XXV Aniversario da Casa das Ciencias
Hai uns días asistín a uns dos moitos actos cos que se vai celebrar o XXV Aniversario da Casa das Ciencias.

Foron tres seguidos na mesma tarde-noite:
- Concerto de Guadi Galego, Xabier Díaz e Guillermo Fernández, dentro do planetario dixital. Tristemente non puiden entrar xa que non conseguín unha das escasas entradas que o permitían.
- Concerto dos mesmos tres na explanada a carón da Casa das Ciencias. Nunha noite marabillosamente estrelada puidemos escoitar cancións como a que se ve no video, o "Astronauta lírico" do cantautor brasileiro Víctor Ramil.
- Observación das estrelas cos membros da Agrupación Astronómica Ío.

Saúdos.

Comentarios (0) - Categoría: Xeral - Publicado o 01-06-2010 16:56
# Ligazón permanente a este artigo
Asemblea Extraordinaria de CUAC FM
O outro día asistín á miña primeira asemblea de CUAC FM. Era extraordinaria e os puntos principais eran facer uns cambios no regulamento de réxime interior e escoller a nova Xunta Directiva da emisora, que vedes na foto.

Un novo impulso para un proxecto cidadán, libre e comunitario que está crecendo moito e moi ben nos últimos anos.

Saúdos.
Comentarios (0) - Categoría: Xeral - Publicado o 01-06-2010 16:45
# Ligazón permanente a este artigo
Miguel Anxo Murado, gañador do Premio Frei Martín Sarmiento para adultos
Este último venres entregouse no Colexio Nosa Señora do Carme (Atocha) de Betanzos o Premio Frei Martín Sarmiento na categoría de adultos.

Os finalistas nesta edición eran:
- Miguel Anxo Murado, con Fin de século en Palestina.
- Manuel Lourenzo González, con O xardín das pedras flotantes.
- Inma López Silva, con Memoria das cidades sen luz.

Inma non puido asistir ao encontro e entrega de premios, os outros dous finalistas si.

Contáronnos anécdotas moi interesantes sobre o oficio de escritor, sobre todo Miguel Anxo, que coa súa experiencia de vivir seis anos en Palestina deixounos pampos. Aínda que os seus artigos de prensa xa son dun nivel abraiante.

Finalmente o gañador foi Miguel Anxo Murado, aínda que o importante do premio é o fomento da lectura en galego en todas as idades.

Saúdos. Os Devotos de Santa Clara.
Comentarios (0) - Categoría: Os Devotos de Santa Clara - Publicado o 01-06-2010 16:37
# Ligazón permanente a este artigo
Interseccións: Uxío Novoneyra e Emilio Cao
O outro día asistín ao concerto na Coruña da xira de Emilio Cao sobre Uxío Novoneyra, titulado "Interseccións".

Non é Emilio Cao artista que me encha a min moito o ollo nin a orella, pero hai que recoñecer que algunhas das pezas onde demostra o seu virtuosismo e sensibilidade coa arpa son excepcionais.

Como este "Vals do mencer" que tocou no concerto e que atopei en Youtube.


Comentarios (0) - Categoría: Xeral - Publicado o 01-06-2010 16:28
# Ligazón permanente a este artigo
Día Internacional dos Museos 2010
Hai unhas semanas celebrouse o Día Internacional dos Museos. Como xa é habitual dende hai varios anos nos museos coruñeses, dende media tarde ata a media noite, hai todo tipo de actividades gratuitas neles.

Eu fun á Casa Museo Emilia Pardo Bazán, onde se atopa a sede da Real Academia Galega.

Alí vin dúas obras do grupo de teatro da Agrupación Cultural Alexandre Bóveda e a actuación do magnífico contacontos Celso Fernández Sanmartín. Déixovos un video onde sae contando unha pequena das súas historias.

Comentarios (0) - Categoría: Xeral - Publicado o 01-06-2010 16:16
# Ligazón permanente a este artigo
[1] 2
© by Abertal