Viaxes O Lóstregho


Furancho Oficial de Cabañas & Catoira Travels
A partir deste santo día de Nadal do ano 2006 este vai ser o Furancho Oficial da xa célebre axencia de viaxes perralleiros Cabañas & Catoira Travels. Este e-zulo está especialmente deseñado para todos aqueles infelices ós que xa non lles carbura ben o 4 Latas, que xa están cansos de viaxar con AirZambia ou que levan toda a vida facendo auto-stop en carromato. Chegamos a un punto onde a xente moderna quere viaxes modernas, opinións modernas e visións modernas. Pois ben, para estes últimos non é esta páxina. Estes deben ir á páxina da COPE. Neste "fotolog" haberá fotos das nosas viaxes, comentando diferentes aspectos e anécdotas vividas. Recomendaremos lugares e esperamos que todo o mundo o pase ben e teña ganas de repetir a visita.

O meu perfil
 CATEGORÍAS
 FOTOBLOGOTECA
 RECOMENDADOS
 BUSCADOR
 BUSCAR BLOGS GALEGOS
 ARQUIVO
 ANTERIORES

Sendeirismo: De Triacastela a Sarria polo río Oribio

Para empezar, aclarar que este río que nace na aba do monte Oribio (un dos máis altos do norte do Courel e xa "escalado" por este grupo de expedicionarios) tamén recibe o nome de río Sarria, sobre todo cando se achega a esta populosa e industriosa vila. Xa sabedes que aos galegos gústanos bastante que a mesma cousa teña, como mínimo, dous nomes. Máis que nada, para propiciar o debate.

Pois ben, o outro día, a proposta de "aoutraparte" desta axencia de viaxes perralleira fomos andando de Triacastela a Sarria seguindo case sempre o curso deste sinouso río.

Primeiro hai bastante que contar sobre as formas de chegar dunha vila a outra. As dúas están no Camiño de Santiago. E debe ser un dos poucos tramos que ten dúas variantes (lembrades o que dixen antes dos dous nomes de cada cousa?).

Pódese ir por un traxecto máis recto e curto (pero non sei se máis empinado porque non nos cruzamos con el) pasando, por exemplo, por unha aldea chamada Sanxil. Sospeito que esa variante non debe ser moi seguida porque fuxe dalgunha atracción importante. A única virtude debe ser que é máis curta.

A outra variante é pasando por Samos, bastante máis sinuosa pero sospeito que bastante máis bonita. Algo máis longa polo tanto.

Xa sabedes que Viaxes O Lóstregho é calquera cousa menos convencional. Polo tanto, non fixemos ningunha das dúas variantes. Como dixemos, fixemos unha que ía seguindo case sempre o curso do río, coincidía nalgúns puntos coa segunda das variantes pero en xeral ía por outros sitios.

O primeiro tramo, o que fixemos antes de xantar en Samos, é espectacular, como intuiredes nalgunha foto. O que fixemos pola tarde ten algúns anacos moi interesantes, pero chama menos a atención, nótase máis a man humana.

Iso si, a ruta, non sendo moi dura, xa vai sendo algo esixente. Aínda que se cadra tamén se debeu aos erros de cálculo na lonxitude e o tempo (non sei se intencionados ou non).

Cando lle preguntei ao meu compañeiro cantos quilómetros ían ser, dixo, así, sen darse importancia, "uns vinte". Resulta que os vinte quilómetros entre esas dúas vilas xa os hai por estrada. E obviamente nós pola estrada pouco andivemos e demos uns rodeos da ostia.

Por diferentes referencias, como paneis informativos da ruta, GPS que levabamos, tempo que estivemos andando (7 horas e media), a nosa velocidade media habitual, e outras cousas, cremos que debimos andar entre 30 e 35 quilómetros. Eu cheguei cunha lixeira molestia no xeonllo esquerdo, probablemente unha tendinite.

Remato cunha pequena referencia técnica que me ten un pouco sorprendido. A miña cámara almacena as fotos habitualmente en formato JPG e o tamaño medio de cada unha xira en torno aos 2 megas. Por algunha razón que descoñezo (pero intúo) houbo dúas fotos (unha delas a que vos poño aquí) que ocuparon 7 megas. É de supoñer que a razón diso é a grandísima variabilidade nos matices de cor desta foto.

Como vedes, neste primeiro tramo do río, preto de Triacastela, parece unha selva, e coido que se percibe unha lixeira brétema pousada sobre o río.

Saúdos. Viaxes O Lóstregho.
Comentarios (0) - Categoría: Xeral - Publicado o 29-06-2010 00:15
# Ligazón permanente a este artigo
Xosé Larrosa e o cambio climático
Hoxe rematou o ciclo de conferencias sobre o "Cambio Climático" que tivemos na A. C. Alexandre Bóveda.

Falounos o meteorólogo Xosé Larrosa, que traballou en Barcelona e na Coruña en predicción meteorolóxica, e é directivo da agrupación, sobre "O clima na Galiza".

Como se fan as medicións meteorolóxicas (hai moito voluntarismo aínda, polo que dixo, nalgunhas das estacións medidoras), a importancia dos rexistros da Coruña, polo lugar privilexiado que ocupa, e moitas outras cousas interesantes.

Xa saen evidencias de cambio climático e acción antropoxénica, como por exemplo que nos últimos 50 anos a temperatura media na cidade subiu aproximadamente un grao e medio, que é unha barbaridade.

Déixovos cun novo video sobre cambio climático relacionado con estudios feitos no mar galego.

Saúdos.


Comentarios (0) - Categoría: Os Mártires da Caeira - Publicado o 25-06-2010 00:21
# Ligazón permanente a este artigo
From I to J: Isabel Coixet e John Berger
No Antigo Cárcere Provincial da Coruña, ao carón da Torre de Hércules, estará ata mediados de xullo unha exposición moi especial.

Titúlase "From I to J". De onde vén ese estraño título?

O poeta inglés John Berger escribiu unha obra titulada "From A to X" que consistía nunha serie de cartas que lle escribía unha muller chamada Aida a un home chamado Xabier, que estaba nun cárcere.

Pois ben, Isabel Coixet (comeza con I) quixo facerlle unha homenaxe a John Berger (comeza con J) e montou unha exposición baseada nesa obra. Xa estivo en Barcelona e Madrid, pero aquí na Coruña foi o único lugar onde puideron montala nun cárcere de verdade, xa que este leva algún tempo abandonado, e xa se propuxeron moitos usos diferentes para el, case todos de tipo cultural.

Sobrecolle moito pasear por aqueles corredores e entrar nas celas. A exposición consiste en entrar en oito celas que teñen un sistema de son que comeza a emitir a lectura dalgunhas das cartas desa obra en canto detecta a entrada dun visitante. Tamén hai ao final da galería un salón de actos onde se está emitindo continuamente un documental no que John Berger fala sobre a creación desta obra.

Saúdos.
Comentarios (0) - Categoría: Xeral - Publicado o 25-06-2010 00:16
# Ligazón permanente a este artigo
Camiño de Santiago: Palas de Rei - Melide
O outro día un grupo de amigos fomos facer un pequeno treito do Camiño de Santiago. Concretamente, os quince quilómetros que unen Palas de Rei e Melide.

Algúns dos expedicionarios non somos nada seguidores do Camiño de Santiago nin de experiencias "iniciáticas" parecidas, pero como eu quería coñecer o terreo xa que algún tempo despois ía pasar por alí con outro grupo, pois podíase facer necesario para asesorar aos futuros "peregrinos".

Como puntos destacados deste breve treito están os bosques, carballeiras e corredoiras da primeira parte do tramo (aínda na provincia de Lugo), a aldea de Leboreiro (na foto) e a de San Xoán de Furelos.

Saúdos.
Comentarios (0) - Categoría: Xeral - Publicado o 25-06-2010 00:08
# Ligazón permanente a este artigo
Verónica Campos e o cambio climático
Na segunda conferencia do ciclo sobre o cambio climático que organizamos na A. C. Alexandre Bóveda, veu falar Verónica Campos (do CEIDA ubicado no castelo de Santa Cruz).

Incidiu sobre todo nos aspectos divulgativos do fenómeno, chegando á conclusión de que a xente está bastante informada sobre o mesmo, pero xa hai unha certa saturación. Aínda que a xente sabe o grave que é a situación, non actúa porque non parece estar convencida de que pode ter influencia na solución.

A verdade é que o tema deprime bastante.

Saúdos. Os Mártires da Caeira.


Comentarios (0) - Categoría: Os Mártires da Caeira - Publicado o 18-06-2010 15:58
# Ligazón permanente a este artigo
Salvador Fojón e o cambio climático
Tamén na A.C. Alexandre Bóveda, uns días máis tarde, o médico e biólogo Salvador Fojón veu falarnos sobre os aspectos xerais do cambio climático. Fíxoo de xeito maxistral e cunha capacidade didáctica e estruturación do discurso excepcional.

Tristemente, a mensaxe que nos transmitiu foi de total alarma. Está claro que o proceso de quecemento acelerouse hai uns dous séculos, cando comezou a Revolución Industrial, e debido ao estilo de vida no que estamos inmersos e os cambios que habería que facer para deter o problema, case pode dicirse que o proceso é imparable, irreversible e que moi pronto notaremos consecuencias moi graves.

Comezou ben forte, dicindo que se collemos a progresión na poboación humana e a capacidade de rexeneración da biomasa, todo indica que, como moito, en dúas xeracións (uns 50 ou 60 anos) producirase un colapso total da vida humana na Terra. Obviamente, moitos antes diso xa notaremos anomalías moi importantes que nos farán a vida moi difícil.

Dos moitos procesos químicos implicados na vida, o ciclo do carbono, que é un dos máis importantes e coñecidos, xira en torno ao CO2. E os dous recursos naturais que podían deferdernos da súa acumulación e, polo tanto, do "Efecto Invernadoiro" están degradándose e desaparecendo a unha velocidade inusitada. Son os bosques primarios (como a Amazonia) e os arrecifes de coral.

Comentou cantidade de consecuencias catastróficas que van producirse, ou xa comezaron, como desprazamento de especies animais (xa hai mosquitos da malaria en altitudes maiores, insectos que saíron do Ecuador e chegaron a Europa), maior virulencia en catástrofes climatolóxicas, como chuvias, secas, furacáns, etc. Maior desertización, dixo, por exemplo, que hai 50 anos a única zona catalogada como deserto en España era unha pequena comarca de Almería chamada o Deserto de Tabernas, e que agora esa zona xa chega a Ciudad Real, e que avanza 30 km. ao norte cada ano.

Unha das cousas que máis me chamou a atención foi o da tundra e a taiga. Son ecosistemas moi extensos que ocupan Siberia e Canadá. Antes eran árbores sobre xeo. Baixo as árbores había materia orgánica conxelada, pero non en putrefacción. Como se está derretindo ese xeo, as árbores están caendo e a materia orgánica ten dous camiños: ou podrecer ou converterse en metano, que é un gas aproveitable como combustible PERO que provoca un efecto invernadeiro 20 veces máis forte que o C02.

Pois nada, para botarse a tremer.

Saúdos. Os Mártires da Caeira.


Comentarios (0) - Categoría: Os Mártires da Caeira - Publicado o 11-06-2010 20:35
# Ligazón permanente a este artigo
Antonio García Allut e o movemento Slow
O outro día trouxemos á A. C. Alexandre Bóveda a Antonio García Allut, filósofo, antropólogo e emprendedor social, para que nos falara do Movemento Slow, xa que el é un dos principais representantes en Galicia.

O movemento Slow pretende reducir o ritmo de vida actual, acompasalo e facelo máis respectuoso coa natureza. Unha das súas principais polas é a Slow Food, tendencia que fala de facer comidas lentas, de preparado laborioso, con longas sobremesas de tertulia, para acadar unha maior calidade de vida.

O movemento está organizado en pequenos grupos chamados "convivium", que teñen que ensalzar, protexer e fomentar a defensa e revalorización de sementes, especies animais ou agrícolas que foran tradicionais do lugar e que estean desaparecendo. O único que existe en Galicia podería chamarse "Convivium Galicia" ou "Convivium Costa da Morte" e defende a centola de Lira e o porco celta, entre outros produtos. E están conseguindo avances para os seus produtores, de forma que xa se están recuperando.

Pero sorprendeunos moito que unha charla en principio gastronómica derivou a argumentos filosóficos, económicos e sociais moi profundos.

Antonio García Allut destaca tamén como emprendedor social. Unha das súas iniciativas máis coñecidas é Lonxanet, unha plataforma que vende por Internet peixe e marisco galego de calidade, sen intermediarios. Xa son socios dela varios centos de pescadores galegos que están obtendo máis beneficios do seu traballo debido a que se lles paga máis xustamente o que pescan.

Aquí tedes un video onde falan da fundación Lonxanet.

Saúdos. Os Mártires da Caeira.


Comentarios (0) - Categoría: Os Mártires da Caeira - Publicado o 11-06-2010 20:20
# Ligazón permanente a este artigo
O ilustrador e gravador Castro Gil
Hoxe pola tarde fun de novo, despois de moitos meses de ausencia, a unha máis das tertulias da Fundación Wenceslao Fernández Flórez, na Villa Florentina de Cecebre.

Cada primeiro domingo de mes fanse sobre un persoeiro determinado. E esta vez tocaba sobre alguén totalmente descoñecido para min: o ilustrador e gravador Manuel Castro Gil.

É coñecido, entre outras obras, por facer a primeira portada de "El bosque animado", que vedes na foto.

Saúdos.
Comentarios (0) - Categoría: Xeral - Publicado o 06-06-2010 23:16
# Ligazón permanente a este artigo
A miña estrea no Túnel do Coliseo
Onte pola noite fun por primeira vez a esas novas instalacións musicais que habilitaron baixo as gradas do Coliseo da Coruña, coñecidas como "O Túnel".

Había unha grande ocasión, xa que tocaban Loretta Martin, Fracasados de antemano e Ruxe-ruxe, grupos que ou ben xa coñecía ou quería coñecer.

Loretta Martin gustoume moito, coñecía algunhas das cancións pero nunca os vira en directo, e son moi bos músicos.



Fracasados de antemano, pois algo parecido, coñecía varias cancións pero gustáronme moito, se cadra foron os que máis me sorprenderon



E de Ruxe-ruxe tamén coñecía varias cancións pero non os vira en directo, pero son os máis coñecidos e xa teñen sacado nada máis e nada menos que sete discos (están presentando o último).



Saúdos.
Comentarios (0) - Categoría: Xeral - Publicado o 06-06-2010 23:09
# Ligazón permanente a este artigo
Uxío Novoneyra e a Letanía de Galicia
O outro día asistín a un breve recital poético-musical a cargo de Lino Braxe, Rebeca Montero e Rómulo Sanjurjo. Este último, ademais do seu habitual acordeón, tocou unha pequena guitarra e unha caixa de música que ía dentro dela.

O obxecto do recital era a poesía de Uxío Novoneyra, homenaxeado nas Letras Galegas de 2010.

Rematamos todos xuntos en pé (como se fora un himno) recitando a "Letanía de Galicia" do mesmo xeito que se ve neste video, con algunhas variacións, como:

- A voz de Uxío no video foi substituída no acto pola de Rebeca Montero.
- As voces do coro no video (recoñezo a Lino Braxe e Flor Maceiras, non sei se haberá algún coñecido máis por aí detrás) foron substituídas polas de todo o público.

Saúdos.

Comentarios (0) - Categoría: Xeral - Publicado o 06-06-2010 22:51
# Ligazón permanente a este artigo
1 [2]
© by Abertal