Viaxes O Lóstregho


Furancho Oficial de Cabañas & Catoira Travels
A partir deste santo día de Nadal do ano 2006 este vai ser o Furancho Oficial da xa célebre axencia de viaxes perralleiros Cabañas & Catoira Travels. Este e-zulo está especialmente deseñado para todos aqueles infelices ós que xa non lles carbura ben o 4 Latas, que xa están cansos de viaxar con AirZambia ou que levan toda a vida facendo auto-stop en carromato. Chegamos a un punto onde a xente moderna quere viaxes modernas, opinións modernas e visións modernas. Pois ben, para estes últimos non é esta páxina. Estes deben ir á páxina da COPE. Neste "fotolog" haberá fotos das nosas viaxes, comentando diferentes aspectos e anécdotas vividas. Recomendaremos lugares e esperamos que todo o mundo o pase ben e teña ganas de repetir a visita.

O meu perfil
 CATEGORÍAS
 FOTOBLOGOTECA
 RECOMENDADOS
 BUSCADOR
 BUSCAR BLOGS GALEGOS
 ARQUIVO
 ANTERIORES

Ciclo das Letras Galegas
No pasado mes de maio, como todos os anos, a Comisión de Lingua e Literatura da Agrupación Cultural Alexandre Bóveda organizou un Ciclo das Letras Galegas. Os actos deste ano foron os seguintes:
- Conferencia sobre "Álvarez Blázquez no seu canle segredo" a cargo de Henrique Rabuñal, na foto.
- Conferencia sobre os prexuízos lingüísticos a cargo de Xosé Ramón Freixeiro Mato.
- Conferencia e audiovisual sobre "O Decálogo que a lingua galega precisa" a cargo de Pilar García Negro.

Como poderedes supoñer, todos moi interesantes e suxerentes.

Saúdos. Os Mártires da Caeira.
Agrupación Cultural Alexandre Bóveda
Comentarios (0) - Categoría: Os Mártires da Caeira - Publicado o 28-06-2008 11:27
# Ligazón permanente a este artigo
A ponte de maio no Morrazo
E xusto despois da Festa da Lingua en Vilagarcía, Viaxes O Lóstregho decidiu pasar a ponte de maio (catro días moi ben acaídos) no Morrazo.

Instalamos o campo base en Cangas, concretamente no Hotel Hollywood, grazas a un bo amigo que temos por alí.

E estivemos dándolle unha boa volta á comarca, que non coñecíamos todo o que nos gustaría. Dous dos días dedicámolos principalmente a facer sendeirismo pola Costa da Vela e pola zona de Aldán e Cabo Udra.

Supuxo a volta de Viaxes O Lóstregho, que levaba algún tempo de inactividade, sobre todo no referente a sendeirismo (coido que máis dun ano xa pasara dende a última vez). Agardemos que volva a continuidade de novo.

Saúdos. Viaxes O Lóstregho.
Comentarios (0) - Categoría: Xeral - Publicado o 08-06-2008 00:30
# Ligazón permanente a este artigo
Festa da Lingua 2008 en Vilagarcía
O mércores 30 de abril organizamos un gran evento en Vilagarcía, concretamente no recinto feiral de FEXDEGA.

Foi a Festa da Lingua 2008, a festa de entrega dos galardóns da IV Edición do Premio Literario Frei Martín Sarmiento, que consiste en que alumnos dos centros de FEREGA-CECA lean libros en galego xa publicados e decidan cal é o que máis lles gusta.

Na edición celebrada durante este curso xa participaron máis de 5.000 alumnos. Á Festa de Vilagarcía viñeron uns 1.300 deles, máis ou menos a cuarta parte.

Pola mañá foron os actos literarios e pola tarde os lúdicos, entre eles as actuacións dos contacontos Oswaldo Digón e Cándido Pazó.

Saúdos.
Comentarios (0) - Categoría: Os Devotos de Santa Clara - Publicado o 08-06-2008 00:16
# Ligazón permanente a este artigo
Pan: catro propostas arredor da malla
Tamén a finais de abril fun ver unha obra moi interesante: "Pan: Catro propostas arredor da malla", a cargo de Voltaedalle, un grupo de teatro galego do que ouvira falar pero que non tivera a sorte de ver actuar.

O título pode dar algo de medo, pero a obra é moi boa. Resulta tremendamente áxil, as catro historias son totalmente diferentes e moi variadas. Quen pense que unicamente vai tratar dunha reivindicación da cultura tradicional, equivócase. Diso tamén se fala, pero de moitas outras cousas tamén.

Aparte da música en directo de Mini e Mero, os actores e actrices son excepcionais, como por exemplo Pepe Penabade, Luís Iglesia e a fermosísima Comba Campoy, que aparece na foto.

Saúdos.
Volta e Dalle Teatro
Comentarios (0) - Categoría: Xeral - Publicado o 07-06-2008 23:46
# Ligazón permanente a este artigo
Feira Solidaria

A finais de abril deste ano houbo, unha vez máis, a Feira Solidaria no colexio onde traballo.

Un sábado de festa onde moitos profesores e alumnos (entre os que non estou eu) mátanse a traballar para recadar a maior cantidade de cartos para proxectos solidarios.

Os resultados foron moi bos e creo que a xente quedou moi contenta. Veu tamén unha xente dunha granxa-escola de Salamanca, dirixida por Jesús Garrote, que é un auténtico "crack" en integración de rapaces marxinais.

Saúdos.
Comentarios (0) - Categoría: Os Devotos de Santa Clara - Publicado o 07-06-2008 23:32
# Ligazón permanente a este artigo
Xeados de nitróxeno
A finais de abril viñeron ao colexio onde eu traballo dous representantes dunha asociación da que xa vos teño falado. É unha asociación para a divulgación científica que se chama "A Caixa de Maxwell".

Está formada por varios xoves titulados en física e química da Universidade de Santiago. Van a colexios, asociacións e outros lugares a facer experimentos científicos, para fomentar o coñecemento desta importante área. Participan asiduamente na Semana da Ciencia.

No meu colexio fixeron xeados de nitróxeno. Estiveron un bo rato facendo experimentos de todo tipo con nitróxeno. E, ao final, fixeron uns xeados normais. O que sucede é que normalmente hai que telos un día enteiro na xeadeira. Co nitróxeno a case 200 graos baixo cero é cuestión de segundos.

Saúdos.
A Caixa de Maxwell
Comentarios (0) - Categoría: Os Devotos de Santa Clara - Publicado o 07-06-2008 23:21
# Ligazón permanente a este artigo
Ubu Rei
Hai xa algún tempo fun ao Fórum Metropolitano da Coruña ver unha obra de teatro detrás da que levaba moito tempo: "Ubu Rei" de Alfred Jarry.

Un clásico do teatro francés de finais do século XIX, tremendamente polémico que só chegou a representarse dúas veces en vida do autor.

Trata dun ditador absolutamente grotesco e malvado e todo o absurdo que sucede na súa corte. Supoño que pretende denunciar a ese tipo de persoas que, supostamente, polo ben do pobo, fan o que lle dá a gana con el. É unha obra bastante surrealista, pero dá moitas pistas e ideas interesantes.

Representouna a Aula de Teatro da Universidade da Coruña. E tiven o pracer de ver como actor a un ex-alumno meu ao que lle dei clase hai 8 ou 10 anos. Non sabía eu tiña tan boas cualidades para o tema.

Saúdos.
Comentarios (0) - Categoría: Xeral - Publicado o 07-06-2008 23:13
# Ligazón permanente a este artigo
© by Abertal