Viaxes O Lóstregho


Furancho Oficial de Cabañas & Catoira Travels
A partir deste santo día de Nadal do ano 2006 este vai ser o Furancho Oficial da xa célebre axencia de viaxes perralleiros Cabañas & Catoira Travels. Este e-zulo está especialmente deseñado para todos aqueles infelices ós que xa non lles carbura ben o 4 Latas, que xa están cansos de viaxar con AirZambia ou que levan toda a vida facendo auto-stop en carromato. Chegamos a un punto onde a xente moderna quere viaxes modernas, opinións modernas e visións modernas. Pois ben, para estes últimos non é esta páxina. Estes deben ir á páxina da COPE. Neste "fotolog" haberá fotos das nosas viaxes, comentando diferentes aspectos e anécdotas vividas. Recomendaremos lugares e esperamos que todo o mundo o pase ben e teña ganas de repetir a visita.

O meu perfil
 CATEGORÍAS
 FOTOBLOGOTECA
 RECOMENDADOS
 BUSCADOR
 BUSCAR BLOGS GALEGOS
 ARQUIVO
 ANTERIORES

A medición do mundo: Humboldt vs. Gauss
Esta última fin de semana puiden dedicar unhas horas a un dos meus grandes vicios: ler. Por desgraza xa non teño demasiado tempo para facelo.

E púxenme cunha novela á que lle tiña ganas dende había algún tempo. Chámase "A medición do mundo" e o autor é o alemán Daniel Kehlmann. Foi un dos éxitos de vendas no seu país no ano 2006.

É unha biografía algo novelada e en paralelo de dous dos maiores científicos alemáns da Historia: Alexander von Humboldt e Carl Friedrich Gauss. Facendo fincapé en que buscaban o mesmo (medir o mundo) pero de xeitos moi opostos: Humboldt viaxaba sen parar e medía "fisicamente" todo o medible e Gauss non se movía da súa casa, odiaba viaxar e deducíao todo coa forza do seu intelecto.

En todo caso, a novela é moi asequible, non representa dificultade de comprensión para ninguén, coido.

Saúdos.
Comentarios (5) - Categoría: Xeral - Publicado o 19-06-2007 19:49
# Ligazón permanente a este artigo
El coruñés opina
Últimamente na miña vida pasan moitas cousas que se saen un pouco do normal.

O outro día fun convidado como presidente da Agrupación Cultural Alexandre Bóveda ao programa de Radio Coruña SER "El coruñés opina", dirixido por Isabel Bravo.

Estaba tamén o presidente da Federación de Asociacións de Veciños, José Antonio Folgueira, o presidente dos hosteleiros, Héctor Cañete, e o presidente dos comerciantes, Miguel Agromayor. En teoría estabamos alí para falar de como veíamos a cidade coa nova corporación municipal.

A primeira hora era para falar diso, das nosas reivindicacións e esperanzas ante o novo panorama, da situación nos concellos da comarca.... Na segunda dase paso ás chamadas da xente, que en teoría debían versar sobre o que falamos na hora anterior, pero...

Que queredes que vos diga!!!! O tema que monopolizou case todo o tempo foi o do botellón, despois xente que chamaba alí reclamando todo tipo de cousas que non tiñan que ver co que falabamos alí, outros que chamaban para poñer podre a algúns dos que participaban (eu libreime, de momento, será que son pouco coñecido aínda).

Era a segunda vez que ía á radio (a primeira fora hai tres anos ao programa de Xurxo Souto para falar da festa do Samaín na Coruña) e deixoume bastante frío. A xente non parece ter moita capacidade para centrarse nun tema de conversación e divaga en todas direccións.

Saúdos. Os Mártires da Caeira.
Comentarios (0) - Categoría: Os Mártires da Caeira - Publicado o 18-06-2007 19:48
# Ligazón permanente a este artigo
Tango
Tamén estes días -que estresantes- asistín a un tipo de música que non chama demasiado a miña atención: tango.

Un trío formado por un violinista arxentino (fillo de ucraíno e galega), un bandoneonista arxentino (que saibamos non é máis internacional que iso) e unha pianista rusa (ou será ucraína??) chamado Buenos Aires Cuatro tocou no Fórum Metropolitano da Coruña.

Non é que me cambiara a vida pero a experiencia foi ben interesante. Poño un vídeo da última peza que tocaron o outro día ("Adios Nonino"), aínda que o concerto que se ve foi en Santiago.

Saúdos. Os Mártires da Caeira.


www.Tu.tv
Comentarios (2) - Categoría: Os Mártires da Caeira - Publicado o 18-06-2007 19:39
# Ligazón permanente a este artigo
O canto do muecín
Lois DiéguezHai pouco asistín á espectacular presentación do último libro dese mago da palabra que é Lois Diéguez.

Tristemente, e debido ás miñas moitas ocupacións, cheguei bastante tarde, pero teño entendido que este libro fala da súa experiencia nunha viaxe a Siria acompañado dalgúns amigos.

Como xa poderedes supoñer, e como el mesmo di, non ía de "turista" senón de "viaxeiro", que é unha cousa ben distinta.

Alí estaban Felipe Senén, Isidro Novo, Lino Braxe, Flor Maceiras. Arte e poesía en estado puro.

Tamén é certo que a miña relación coa poesía é moi complicada. Son moi reacio a ela, non a entendo. Pero escoito en moitas ocasións o programa de Radio 3 "La estación azul", onde se presentan libros de poesía. Fágoo sobre todo pola paz que me transmite. Os domingos ás 12 da noite só hai música e fútbol.

Saúdos. Os Mártires da Caeira.
Comentarios (2) - Categoría: Os Mártires da Caeira - Publicado o 18-06-2007 19:32
# Ligazón permanente a este artigo
David Clark
David ClarkO outro día por fin puiden coñecer e asistir a unha charla ofrecida polo profesor David Clark, que versou sobre "A literatura de tradición popular escocesa".

Como escocés moi ben integrado na Galiza e profesor de literatura anglosaxona na Facultade de Filoloxía Inglesa da Universidade da Coruña, soubo contarnos cousas interesantes e atraer a nosa atención con historias lendarias. Falouse de Nessie (o monstro do lago Ness), Robert Burns (o mítico poeta escocés) e moitas outras cousas.

E despois fomos tomar algo nesta orde: primeiro máis comida que bebida, despois ao revés. O día seguinte no traballo a primeira hora algo non funcionaba na miña cabeza.

Saúdos. Os Mártires da Caeira.
Comentarios (0) - Categoría: Os Mártires da Caeira - Publicado o 18-06-2007 19:09
# Ligazón permanente a este artigo
Lecer en Cambre
Esta fin de semana boa parte do meu lecer vai ser no concello de Cambre. Un concello ao que, a pesar de estar a poucos quilómetros do meu fogar, sempre tiven moi esquecido. A ver se corrixo ese erro.

O sábado pola tarde irei de novo á Fundación Wenceslao Fernández Flórez, en Cecebre. Celebran o VI Aniversario da inauguración da sede, en Villa Florentina (xa vos teño falado do lugar). Haberá moita xente interesante, seguro.

O domingo imos facer unha ruta de sendeirismo que deseñou o concello. Parte e remata no Museo Arqueolóxico, diante da igrexa románica que vedes na foto, son só 9 quilómetros, case chans, e leva unhas tres horas. Iso será pola mañá.

Despois xantaremos nalgún dos interesantes mesóns ou restaurantes que hai na vila.

E pola tarde iremos de novo (eu por segunda vez en dous días) á FWFF a unha tertulia sobre Otero Pedrayo.

E o pronóstico meteorolóxico é óptimo. Vaime vir ben tanto descanso e agradable compaña.

Como vedes, totalmente oposto ao ocio actual de fútbol, cubatas e centro comercial.

Saúdos. Cabañas & Catoira Travels.
Comentarios (0) - Categoría: Xeral - Publicado o 02-06-2007 18:15
# Ligazón permanente a este artigo
© by Abertal