Viaxes O Lóstregho


Furancho Oficial de Cabañas & Catoira Travels
A partir deste santo día de Nadal do ano 2006 este vai ser o Furancho Oficial da xa célebre axencia de viaxes perralleiros Cabañas & Catoira Travels. Este e-zulo está especialmente deseñado para todos aqueles infelices ós que xa non lles carbura ben o 4 Latas, que xa están cansos de viaxar con AirZambia ou que levan toda a vida facendo auto-stop en carromato. Chegamos a un punto onde a xente moderna quere viaxes modernas, opinións modernas e visións modernas. Pois ben, para estes últimos non é esta páxina. Estes deben ir á páxina da COPE. Neste "fotolog" haberá fotos das nosas viaxes, comentando diferentes aspectos e anécdotas vividas. Recomendaremos lugares e esperamos que todo o mundo o pase ben e teña ganas de repetir a visita.

O meu perfil
 CATEGORÍAS
 FOTOBLOGOTECA
 RECOMENDADOS
 BUSCADOR
 BUSCAR BLOGS GALEGOS
 ARQUIVO
 ANTERIORES

Snatch, cerdos e diamantes
Hai xa algún tempo escoitei algunha moi boa referencia da película "Snatch, cerdos e diamantes", dirixida por Guy Ritchie.

Xa sabía que este director tiña un estilo moi moderno e relacionado coa estética dos videoclips, e eu non son moi desa liña, pero deille hoxe unha oportunidade.

Non me desagradou, aínda que recoñezo que me costou seguir a trama, o mogollón de personaxes, os xiros da historia protagonizada por todo tipo de matóns, xitanos, camorristas, apostadores, e persoas que fan estraños negocios.

Saúdos.


Comentarios (0) - Categoría: Xeral - Publicado o 30-05-2016 00:47
# Ligazón permanente a este artigo
In memoriam
Onte fun ao Fórum Metropolitano da Coruña para ver algo "estraño". A compañía O retrete de Dorian Gray representaba unha obra titulada "In memoriam". Había tempo que tiña ganas de ver algo desta compañía, pero nunca o conseguía. E a sinopse da obra era tremendamente ambigua, e non deixaba nada claro de que podía tratar.

Pois fun, e flipei moito. Oíra falar deste tema, aínda que son moi poucas as compañías que se dedican a iso (de feito, esta compañía tamén fai teatro "convencional"), pero nunca vira un espectáculo deste tipo. Esta obra usa a técnica de MANIPULACIÓN PARA ADULTOS. Ou sexa, algo parecido ao guiñol ou os títeres, pero con máis riqueza de materiais e efectos. E tramas non infantís, obviamente.

O escenario era como un gran teatro de guiñol, cun burato polo que podíamos ver aos dous manipuladores, Marcos PTT Carballido e Ezra Moreno Escudero. No exterior había fotografías, de persoas, paisaxes, etc., das que nalgún momento extraían figuras dende o interior. E diante da boca dese guiñol, había como unha mesa que lles permitía saír do burato e representar algunhas cousas uns centímetros máis adiante.

Recoñezo que non me enterei demasiado de que trataba a obra. Era algo así como un señor do século XIX que morría, e veíamos algúns fragmentos da súa vida, eran como os seus recordos. Había un momento no que se veía algo así como se fora unha rivalidade entre Londres e Nova Iork (porque se veían unhas figuras que eran edificios emblemáticos desas cidades naquela época), aparecían as figuras de Darwin e outras eminencias da época, pero non fun quen de comprender moi ben de que se falaba alí. Supoño que as referencias que daban me resultaban moi lonxanas, e eu tampouco me movo nada ben nese entorno.

Pero non me importou demasiado. En calquera caso, estaba eu tan flipado coa manipulación dos obxectos, todo o que pasaba e o montón de efectos que eran capaces de facer simplemente movendo cousas nese pequeno burato, que o pasei en grande. Por momentos, polo escasa iluminación, parecía "teatro negro". A obra é muda. Á saída, alguén foi falar con eles, e polo visto, con este tipo de teatro apenas xiran por Galicia, fano moito máis polo exterior. Lóxicamente, esta obra poden levala a calquera lugar do mundo, sen maior problema.

Pois nada, se tedes a oportunidade de vela, coido que o pasaredes moi ben, pero está claro que non é un espectáculo para grandes multitudes. Onte estabamos unhas 15 persoas nada máis. Déixovos un vídeo promocional que vos pode dar unha idea do que falamos.

Saúdos.



IN MEMORIAM trailer from elretretededoriangray on Vimeo.

Comentarios (2) - Categoría: Xeral - Publicado o 28-05-2016 12:40
# Ligazón permanente a este artigo
Eroski Paraíso

Onte puiden ver a nova obra de Chévere que, como era previsible, non decepcionou. Titúlase "Eroski Paraíso" e trata sobre o paso do tempo e como cambian as cousas.

A historia vén sendo que á saída de Muros había unha sala de festas chamada Paraíso, hai uns 20-30 anos. Pechou, e no seu lugar abriu un supermercado Eroski. E o grupo reflexiona sobre as historias que puideron nacer no primeiro local, como as dos protagonistas da obra.

A obra consiste, supostamente, nunha rapaza de 25 anos que está rodando unha película sobre esa historia. Os seus pais coñecéronse alí unha noite, e supostamente esa mesma noite concibírona a ela no camposanto (polo visto, non foi a única daquela época nin daquela noite).

Están rodando planos nos que os seus pais, separados e que hai anos que non se ven, van contando a historia do que pasou aquela noite. Por momentos resulta absolutamente hilarante, pero é que a compañía é moi boa, é aposta segura.

Os papeis estelares son para Miguel de Lira, Patricia de Lorenzo e Cristina Iglesias (actriz moi nova da que tiven a fortuna de ser profesor e titor), que o fan fantásticamente. Despois tamén aparece outro señor que non di absolutamente nada na obra (representa a un avó con alzheimer) e un suposto técnico de son da película que se está rodando.

Saúdos.

Comentarios (0) - Categoría: Xeral - Publicado o 21-05-2016 15:12
# Ligazón permanente a este artigo
Unha estrela por guía
No Día das Letras Galegas de 2016, e organizado polo Consello da Cultura Galega, actuou Milladoiro no Teatro Rosalía da Coruña tomando como eixe principal o seu disco "Unha estrela por guía", editado no ano 2006 e con poemas de Manuel María como base.

A verdade é que hai algún tempo que teño este disco, e escoiteino algunha vez, pero non me chamou especialmente a atención. E no concerto do outro día, tamén é certo que só tocaron catro ou cinco pezas dese disco. E nin sequera reparara en que había máis pezas cantadas das habituais neste magnífico grupo, e que esas letras eran de Manuel María. En definitiva, que moita atención non lle debín prestar.

O concerto estivo moi ben, como sucede sempre con Milladoiro, que comezou a súa andaina en directo hai 37 anos no Teatro dos Salesianos desta mesma cidade.

Pero durante o concerto tiven o "pálpito" de que a vida deste grupo está apagándose. Non sei, dame a impresión que cando cheguen aos 40 anos de existencia, ou algo así, baixarán a persiana.

Dos seis membros fundadores (non contamos ao violín, que sempre foi o instrumento no que tiveron máis problemas para estabilizar ao instrumentista), só quedan tres no grupo, e obviamente xa deben andar polos 60 anos ou máis.

Os instrumentistas que os acompañan son de moito nivel, pero supoño que cando os fundadores o deixen, a cousa rematará. Harry C. agora é o encargado de cantar, e non o fai mal. Foi unha das eivas principais do grupo na súa traxectoria. Manú Conde na guitarra e bouzouki é moi solvente, e o mesmo pode dicirse do último chegado, Manu Riveiro, que supliu a Antón Seoane e encárgase do acordeón e dos teclados.

Saúdos.


Comentarios (0) - Categoría: Xeral - Publicado o 21-05-2016 14:57
# Ligazón permanente a este artigo
Lúas de outubro e agosto
Onte puiden ver un dos mellores espectáculos musicais galegos dos últimos tempos: o concerto de Guadi Galego presentando o seu último disco, titulado "Lúas de outubro e agosto".

Xa hai ano e medio que se editou o disco, pero por unha cousa ou por outra, non puidera escoitar estas cancións en directo.

Onte actuou no Ágora da Coruña, co auditorio ateigado e entregado. Estaba acompañada por Guillerme Fernández na guitarra, Isaac Palacín na batería, Paco Charlín ao baixo e un grupo de seis coristas.

Tamén saíu cantar en varias ocasións unha nena chamada Icía, que apunta moi boas maneiras, aínda que toda a súa familia se dedica á música.

Se tedes a posibilidade de asistir ao seu concerto ou, polo menos, mercar o disco, non o esquezades, é do mellor que se viu por esta zona nos últimos anos.

Saúdos.


Comentarios (0) - Categoría: Xeral - Publicado o 15-05-2016 19:44
# Ligazón permanente a este artigo
Como na casa nin falar
Unha vez máis, Faemino e Cansado viñeron ao Teatro Colón da Coruña. Xa o fixeron máis veces. Eu fun algunha vez, e mal non o pasei, obviamente, pero tampouco é unha cousa que me atraia moitísimo.

Pero por algunha conxunción astral que descoñezo (pero intúo) esta vez decidín ir de novo para o seu "novo" espectáculo "Como na casa nin falar".

Pois nada, foi máis ou menos o de sempre. Eles dous nos micros coas súas chaquetas horteras, camisas negras e tirantes, dicindo as sandeces de sempre (vaia, serían outras, pero na mesma liña habitual neles), sen ningún tipo de escenario nin atrezzo (para o que fan, chégalles dabondo).

Creo que con estes comentarios xa expresei a miña opinión con certa claridade. Espero lembrar non ir a vindeira vez que veñan. Agora mesmo non consigo lembrar nada deste espectáculo. E tampouco é que estivera mal, pero era exactamente o mesmo de sempre.

Saúdos.


Comentarios (0) - Categoría: Xeral - Publicado o 12-05-2016 20:37
# Ligazón permanente a este artigo
Charla de Xosé Mexuto
Hai unhas semanas tivo lugar a segunda charla do ciclo que decidimos chamar "Observatorio da Comunicación". Son charlas organizadas por CUAC FM no local da A.C. Alexandre Bóveda.

Despois da primeira, na que falou David Lombao, o director de Praza Pública, esta vez era a quenda de Xosé Mexuto, director de Sermos Galiza.

Non eramos moitos, pero si de moita calidade, e a charla estivo moi ben, aclarounos moitas cousas interesantes e, como sempre nestes casos, o coloquio deu moito de sí.

Saúdos.
Comentarios (0) - Categoría: Xeral - Publicado o 12-05-2016 20:29
# Ligazón permanente a este artigo
Bicos con Lingua e Pelos na Lingua
As dúas obras cuxo título dá comezo a este artigo foron creadas pola magnífica compañía Talía Teatro hai xa tempo, como 10 anos ou máis.

Falan sobre a situación da lingua galega, e aínda que os seus propósitos poden ser moi amplos, foron levadas a moitos centros de ensino no país, para animar á xuventude a usar a lingua galega e a superar os prexuízos en torno a ela.

Eu levaba tempo intentando velas, pero agora xa se representan moi pouco, así que non tiña demasiadas esperanzas. Pero mira ti que no mes pasado se representaron as dúas no Teatro Colón da Coruña, nalgunhas sesións para público xeral e noutras para centros de ensino (polas mañás).

Vin primeiro "Bicos con lingua". Está protagonizada por Artur Trillo e Toño Casais. Debo dicir que non me gustou demasiado. Será porque xa oín cousas como esas moitas veces, pero non me chamou demasiado a atención, nin me pareceu especialmente graciosa ou inxeniosa.

Unha semana máis tarde vin "Pelos na lingua". Está protagonizada por eses dous actores xunto coa actriz María Ordóñez, os tres son clásicos en Talía Teatro. Gustoume moitísimo máis, pareceume unha obra moito máis áxil e inxeniosa, e presentaba as situación dun xeito moito máis atractivo, segundo o meu punto de vista.

Non sei que puido pasar. Artur e Toño son magníficos actores, non necesitan a María para brilar, porén na segunda obra os tres chegan moito máis alto e combinan de marabilla.

Pero en calquera caso, a posibilidade de ver as dúas obras, que xa cría que non podería ver, foi un grande agasallo.

Saúdos.
Comentarios (0) - Categoría: Xeral - Publicado o 12-05-2016 20:24
# Ligazón permanente a este artigo
Presidente
Hai unhas semanas veu á Coruña unha obra que leva algún tempo xirando á que lle tiña bastantes ganas. Teatro do Morcego representou "Presidente", con Celso Parada á cabeza.

Pouco tempo antes xa vimos outra obra desta compañía, o "Misterio cómico" de Darío Fo. Queixámonos do nulo escenario, atrezzo e vestiario. Celso Parada é un gran actor (aínda que eu coido que xa pasou por mellores épocas) pero xa non para todos os golpes.

Nesta obra xa aparece acompañado por outros catro magníficos actores e actrices, xa algo hai de escenario e a cousa non parece tan pobre, nin moito menos. Ademais de resultar tan actual neste país ao ter tantas eleccións nestes tempos.

A cousa é ben simple. O presidente dun país pretende repetir no seu cargo, e a el e aos seus asesores ocórreselles que ir ás casas dos votantes para pedir o voto e preguntarlles que problemas teñen pode ser unha boa estratexia.

Obviamente, as situacións que se producen son totalmente surrealistas, e permiten rirse e reflexionar sobre todas as mentiras e contradicións da política actual.

Saúdos.
Comentarios (0) - Categoría: Xeral - Publicado o 12-05-2016 18:36
# Ligazón permanente a este artigo
Silvio Rodríguez
Hai non moitos anos (8-10) escoitei a música de Silvio Rodríguez. Refírome a que me pasaron uns discos e comecei a flipar bastante. Antes xa debera escoitar algunha canción, como "Unicornio", pero non lle prestaba maior atención.

Digo eu que debeu pasar ese tempo dende que o coñecín máis en detalle, porque hai un mes estivo na Coruña, e alí dixo que había nove anos que non actuaba aquí. Supoño que se o coñecera daquela e o admirara como fago agora, iría a aquel concerto de cabeza, pero nin sequera o lembro.

Pois o caso é que fun por primeira vez a un concerto seu. É o único cantautor que me gusta. Pablo Milanés tamén me gusta, pero non tanto, e xa o vin na Coruña dúas veces nos últimos anos. Como a súa compañeira actual é galega, é posible que o vexamos algunhas veces máis. Hai algún cantautor español, como Serrat, Sabina ou Aute que teñen algunha canción que me interesa, pero en xeral é un xénero musical do que paso bastante.

O concerto decepcionoume un pouco, pero non porque estivera mal, nin moito menos. Foi un problema de momentos vitais. Silvio xa vai maior (anda cerca dos 70), viña a presentar o seu último disco (que a min non me interesaba demasiado), e eu quería un concerto de grandes éxitos, para recuperar o tempo perdido (por culpa miña). Pero non o fixo, só o fixo a medias, así que o concerto estivo moi ben, pero a min sóubome a pouco.

Polo visto, houbo épocas en que Silvio era el, a súa magnífica voz (que conserva aínda moi ben, incrible á súa idade) e a súa guitarra. Agora non. Faise acompañar dun grupo moi bo (estilo jazz máis ben) e bastante numeroso por momentos. Ían entrando e saíndo, pero creo que cando estaban todos eran nove.

E para rematar, chámame a atención a súa curiosa estética actual. Case non se lle ve a cara. Vai bastante abrigado, con gorra, gafas, barba, e pon uns cascos moi aparatosos. Non teño nin a máis mínima idea a que se debe, pero sospeito que debe estar totalmente calvo, e que quere ocultalo, pero é unha auténtica especulación pola miña parte.

Déixovos un video bastante actual no que podedes ver o tipo de espectáculo que fai agora.

Saúdos.


Comentarios (0) - Categoría: Xeral - Publicado o 12-05-2016 18:30
# Ligazón permanente a este artigo
1 [2]
© by Abertal