Viaxes O Lóstregho


Furancho Oficial de Cabañas & Catoira Travels
A partir deste santo día de Nadal do ano 2006 este vai ser o Furancho Oficial da xa célebre axencia de viaxes perralleiros Cabañas & Catoira Travels. Este e-zulo está especialmente deseñado para todos aqueles infelices ós que xa non lles carbura ben o 4 Latas, que xa están cansos de viaxar con AirZambia ou que levan toda a vida facendo auto-stop en carromato. Chegamos a un punto onde a xente moderna quere viaxes modernas, opinións modernas e visións modernas. Pois ben, para estes últimos non é esta páxina. Estes deben ir á páxina da COPE. Neste "fotolog" haberá fotos das nosas viaxes, comentando diferentes aspectos e anécdotas vividas. Recomendaremos lugares e esperamos que todo o mundo o pase ben e teña ganas de repetir a visita.

O meu perfil
 CATEGORÍAS
 FOTOBLOGOTECA
 RECOMENDADOS
 BUSCADOR
 BUSCAR BLOGS GALEGOS
 ARQUIVO
 ANTERIORES

Sede de mal
Onte fun ao Fórum Metropolitano da Coruña para ver un espectáculo titulado "Sede de mal", protagonizado polos actores galegos Luís Iglesia e Xabier Deibe.

É un espectáculo non moi doado de describir nin clasificar. Dous actores, facendo máis ou menos deles mesmos, con cadansúa guitarra eléctrica, coa que interpretan 3 ou 4 cancións, fan unha especie de monólogo humorístico, pero a dúas voces, claro.

Sería un pouco longo de explicar de que trata. En xeral, podería dicirse que é unha certa reivindicación do mal, pero moi amable, no sentido de quitarlle ferro, e de chegar a conclusión de que as cousas non son nin moi boas nin moi malas.

E ademais fálase da raza dos "suíñas", que vén sendo como a raza ancestral que poboou sempre estas terras, que está caracterizada, por exemplo, polo pensamento circular, que fai que sempre esteamos dándolle voltas ás mesmas cousas, sen dar resolto nada.

Eu non son moi de monólogos (nin sós nin en dúo), pero como en todos os casos, hai que recoñecer que algúns chistes teñen moita gracia (hora e pico soltando sen parar, xa sería unha milagre o contrario...).

Na miña humilde opinión Luís Iglesia supera a Xabier Deibe en todo: voz, gracia, conexión co público, etc.

Saúdos.


Comentarios (0) - Categoría: Xeral - Publicado o 03-05-2015 23:03
# Ligazón permanente a este artigo
Proxecto Nomes e Voces
Onte trouxemos ao eminente historiador galego Emilio Grandío á Agrupación Cultural Alexandre Bóveda para falar do Proxecto Nomes e Voces, que foi clausurado hai pouco porque ao actual goberno galego non lle interesa o máis mínimo colaborar co proceso da Memoria Histórica.

Contounos moitas cousas moi interesantes, xa o esperabamos, pero houbo unhas cantas que nos sorprenderon moito.

Por exemplo, a revelación de que na zona noroeste da península avanzamos na memoria histórica moito máis que nas outras partes do Estado porque o Arquivo Militar de Ferrol se abriu por completo e colaboraron de forma moi nobre no esclarecemento de todos os casos nos que houbera interese, cousa que nas outras partes non pasou.

Por outra banda, a eles sorprendeulles moi positivamente a fantástica acollida que tivo o proxecto entre a sociedade afectada. Debían estar moi recelosos da iniciativa, e cando viron que o propio goberno galego era o que animaba a todos a participar e colaborar, sufriron unha avalancha que era imposible de atender da forma correcta. Obviamente, co goberno actual sucede exactamente o contrario.

Tamén nos dixo que, dende hai uns anos, non só neste país, senón a nivel planetario, se están pechando ou dificultando o acceso a moitos arquivos, o que é un claro síntoma de pérdida de democracia. Moi mal indicio.

Saúdos.
Comentarios (0) - Categoría: Xeral - Publicado o 01-05-2015 13:13
# Ligazón permanente a este artigo
© by Abertal