Viaxes O Lóstregho


Furancho Oficial de Cabañas & Catoira Travels
A partir deste santo día de Nadal do ano 2006 este vai ser o Furancho Oficial da xa célebre axencia de viaxes perralleiros Cabañas & Catoira Travels. Este e-zulo está especialmente deseñado para todos aqueles infelices ós que xa non lles carbura ben o 4 Latas, que xa están cansos de viaxar con AirZambia ou que levan toda a vida facendo auto-stop en carromato. Chegamos a un punto onde a xente moderna quere viaxes modernas, opinións modernas e visións modernas. Pois ben, para estes últimos non é esta páxina. Estes deben ir á páxina da COPE. Neste "fotolog" haberá fotos das nosas viaxes, comentando diferentes aspectos e anécdotas vividas. Recomendaremos lugares e esperamos que todo o mundo o pase ben e teña ganas de repetir a visita.

O meu perfil
 CATEGORÍAS
 FOTOBLOGOTECA
 RECOMENDADOS
 BUSCADOR
 BUSCAR BLOGS GALEGOS
 ARQUIVO
 ANTERIORES

Valentín Paz Andrade, empresario galego
Onte tivemos a sorte, os que asistimos á Agrupación Cultural Alexandre Bóveda, de escoitar ao eminente profesor da USC Xoán Carmona falando sobre Valentín Paz-Andrade.

Falou del sobre todo como empresario, asesor xurídico e de comunicación dos empresarios vigueses.

Resultou tremendamente interesante a súa conferencia e comentou cousas que non sabíamos e que moita xente non sabe. Porque el sabe moitas e porque estuda unha disciplina que non ten moitos seguidores, como a historia económica e industrial.

Saúdos. Os Mártires da Caeira.
Comentarios (0) - Categoría: Os Mártires da Caeira - Publicado o 24-05-2012 17:35
# Ligazón permanente a este artigo
Eva
O outro día fun ao CGAI a ver a magnífica película "Eva", ópera prima do director catalán Kike Maíllo, que levou varios Goyas e varios Gaudís (os premios do cine catalán).

É unha coprodución onde hai moitas empresas e entidades involucradas, e o primeiro que aparece é o logo da Paramount, así que cartos e interese debe haber polo medio, e non me estraña. Pero semella que a idea inicial e parte importante da produción foi feita en Catalunya, cousa que é moi de destacar.

Por sinalar algunhas cousas, a produción é moi boa, os efectos visuais dalgunhas escenas son de primeiro nivel mundial, nada que envexar a ninguén.

E a historia tamén é moi chula. Trata dun especialista en robots que volve ao centro de investigación que abandonou hai 10 anos, para intentar construír o primeiro neno robot con sentimentos e emocións. Precisamente el está considerado un dos mellores expertos neste área. Con todo iso mestúranse varias historias de amizade e amor moi ben tratadas na trama, que dan lugar a unha historia moi fluída.

As interpretacións están moi ben, poderíamos case destacar á nena Claudia Vega (a que fai o papel de Eva), cunha expresividade e profesionalidade alucinantes, e tamén chama moito a atención o papel secundario do fantástico Lluís Homar no papel dun maiordomo robot moi eficiente.

Saúdos.


Comentarios (0) - Categoría: Xeral - Publicado o 20-05-2012 12:30
# Ligazón permanente a este artigo
A Galicia do Galicia

Está visible actualmente na Fundación Barrié da Coruña unha exposición moi interesante. Titúlase "A Galicia do Galicia (1922-1926)" e fala sobre o magnífico xornal que puxo en marcha en Vigo Valentín Paz-Andrade, e que foi un modelo progresista e vangardista de prensa, do que terían moito que aprender os medios tan mediocres e vendidos que sufrimos actualmente.

Durou catro anos nada máis, entre outras cousas pola terrible presión á que era sometido pola dictadura do Xeneral Primo de Rivera, cuxo réxime non podía ver con bos ollos un xornal onde se denunciaban as moitas inxustizas sociais da época.

En definitiva, moi recomendable pasarse a vela, non é moi grande, por desgraza. Polo que vexo no folleto, estará ata o 1 de xullo de 2012.

O outro día escoitei na radio a Pedro Feijoo, gran novelista galego que está triunfando agora coa súa obra "Os fillos do mar", pero que é un grande estudoso deste xornal, e dixo que, por exemplo, o tratamento que lle daba na época á violencia de xénero sería vangardista incluso agora.

Saúdos.
Comentarios (0) - Categoría: Xeral - Publicado o 20-05-2012 12:23
# Ligazón permanente a este artigo
Chamada desde o máis alá
Onte fomos ao Fórum Metropolitano da Coruña ver unha obra titulada "Chamada desde o máis alá", a cargo da compañía Vilano Producións.

Xa dende que a vin anunciada, estrañoume que non me soara absolutamente nada o nome desa compañía. Buscando na rede vin que nacera en 2004, e aínda me estrañou máis que en 8 anos nunca oira falar deles. E non me tranquilizaba máis ver que non me soaba o nome de ningunha das actrices (eran clara maioría ante un único nome masculino). Tiña eu unha sensación algo estraña.

A obra decepcionoume. A verdade é que a idea inicial non estaba nada mal, pero sacáronlle moi pouco partido. Trataba dunha viúva que enterraba ao seu marido cun móbil aceso no peto, para ver se podía comunicarse con el no Alén. Pero despois desenvolvíase a trama por moitos lugares comúns e sen sacarlle moita punta á estraña e retorcida situación. Ademais diso, a obra foi bastante curta, non chegou a unha hora (non ten por que ser malo).

A escenografía era bastante estraña. Había varias estruturas de madeira onde ían encaixados un bo feixe de paraugas cadrados con lemas e mensaxes, que nalgúns momentos se ían sacando do seu lugar (non se sabe moi ben nin por que estaban nin por que se sacaban). Case todas as cousas máis visibles do escenario e do atrezzo se facían con eses paraugas cadrados.

As interpretacións non foron malas, pero coido que eran bastante mellorables.

En definitiva, creo que esta compañía ten aínda moitas cousas que pulir, e se cadra todos estes factores xuntos son os que poden explicar por que eu nunca oíra falar antes dela.

Saúdos.


Comentarios (0) - Categoría: Xeral - Publicado o 12-05-2012 15:40
# Ligazón permanente a este artigo
A historia do cine na Galiza
Onte veu José Manuel Sande, programador do CGAI, a falar á A.C. Alexandre Bóveda sobre "A historia do cine na Galiza".

Moita xente non houbo, pero os que estivemos aprendemos moito e ben gracias á erudición do poñente a aos documentos que trouxo, como os fragmentos de "Miss Ledya" (1916) de de José Gil e "Un viaje por Galicia" (1929) de Luis R. Alonso.

Estas eran mudas, pero despois tamén vimos os oito minutos sonoros que se conservan de "Galicia", de Carlos Velo. Desta dixo que hai pouco atoparon en Moscú vinte minutos, pero sen son nin créditos, que estaban feitos por Castelao.

Saúdos. Os Mártires da Caeira.
Comentarios (0) - Categoría: Os Mártires da Caeira - Publicado o 09-05-2012 16:23
# Ligazón permanente a este artigo
Vilamor
Uns días máis tarde de que o director e os actores principais da película "Vilamor" viñeran á A.C. Alexandre Bóveda para falarnos da mesma e animarnos a vela, fomos vela.

E temos que dicir que nos gustou moito. A historia é moi chula, o ritmo é moi fluído, a banda sonora tamén é unha marabilla.

Está máis que claro que o cine galego ten unha clara vía de saída seguindo o ronsel que está marcando esta fantástica produtora Vía Láctea, á que lle agoiramos moitos éxitos.

Cónstanos que na sesión inaugural da película na Coruña o cheo foi total. Esperemos que se manteña varias semanas en cartel, meréceo. Recoméndovos vivamente ir vela.

Por se non o sabedes, trata sobre a comuna hippy do Foxo, que estaba no concello de Negueira de Muñiz, en Lugo, que se instalou a finais dos 70. Vivían nunha aldea á que só se podía chegar cruzando un encoro en barca.

Para que vexades que a música está moi ben, póñovos un vídeo da canción fantástica coa que se abre a película, composta por Zeltia Montes.

Saúdos.


Comentarios (0) - Categoría: Xeral - Publicado o 08-05-2012 00:55
# Ligazón permanente a este artigo
Esta si que é muiñada, de Treixadura
Hai un par de días tiven a fortuna de ver en directo de novo ao grupo de música tradicional Treixadura en concerto na Coruña.

Se o grupo en sí xa é unha marabilla, o orfeón formado por dez homes coas súas enormes voces xa fai que a experiencia sexa magnífica.

Déixovos o vídeo dunha actuación cunha das súas cancións máis coñecidas e celebradas: "Se chove".

Saúdos.


Comentarios (0) - Categoría: Xeral - Publicado o 08-05-2012 00:50
# Ligazón permanente a este artigo
O espírito das Trincadeiras
Onte fun ao CGAI a ver tres obras moi diferentes dunha nova e pequena produtora audiovisual galega chamada Fílmika Galaika.

Son nada máis tres socios, dos que onte estaban presentes dous, Seném Outeiro e Roi Carballido. Presentaron tres obras moi diferentes: "24" unha curta algo ou bastante experimental, "O espírito das Trincadeiras" da que falarei a continuación, e unha peza de video arte moi breve chamada "Ophiusa".

"24" é unha pequena paranoia bastante simpática na que un director de cine lle propón a unha produtora unha idea moi peculiar para facer unha curta. A propia curta contén parte do "making-of" e ao final o proxecto experimental. A idea vén sendo vir á Coruña e rodar, en diferentes lugares da cidade, os 24 primeiros segundos do minuto 24 de cada unha das 24 horas dun determinado día. Como 24 x 24 é 576, esa parte, que á final da curta, dura cerca de 10 minutos. Todo o anterior é a negociación e preparación para levar a cabo o proxecto.

"Ophiusa" é unha pequena peza de video-arte que lles encargaron, con dúas condicións: ten que falar de música e natureza, e tiña que durar menos de 2 minutos e medio. O resultado tamén podedes velo no vídeo, alí está completa.

A máis longa das súas obras é "O espírito das Trincadeiras" que non ten ningún parecido coas anteriores. Dura cerca dunha hora, e foi un encargo dunha comisión de veciños de Goián (Tomiño) para celebrar os 20 anos dunha grande mobilización cidadá que se deu alí, un caso ben curioso, a verdade.

A comezos dos 90 estábase facendo a autopista entre Vigo e Tui, e unha construtora necesitaba grandes cantidades de grava para facer a base desa autopista. Entón, pola zona sur da provincia de Pontevedra foron esquilmando diferentes zonas para sacar esa grava, e nun determinado intre comezaron a contactar coa comunidade de montes que xestionaba unha carballeira moi fermosa que se atopa á beira do Miño chamadas As Trincadeiras.

Ao enterarse os veciños das intencións desa construtora, mobilizáronse, organizáronse moi ben, puxeron turnos de vixianza na zona e, en pouco tempo, uns tres meses, conseguiron que a empresa desistira da súa intención. Todo parece indicar que facían iso con frecuencia, normalmente a xente pasaba bastante de todo, e recuaron en canto viron que a xente estaba concienciada. E así salvaron unha magnífica carballeira onde agora celebran unha festa anual polas datas nas que souberon que a empresa renunciara a sacar a grava de alí.

E hai un ano, para celebrar os 20 anos do feito, encargáronlle a esta produtora facer un documental sobre o tema, e quedoulles moi chulo. Aí tedes un breve trailer.

Saúdos.





Comentarios (0) - Categoría: Xeral - Publicado o 06-05-2012 13:26
# Ligazón permanente a este artigo
Quadrophenia
Onte, no Ágora da Coruña, e en relación coa exposición "Arde a rúa", con fotografías de tribus urbanas de diferentes épocas e lugares do planeta, proxectouse a película "Quadrophenia".

É unha moi interesante película de 1979, con excepcional música baseada na ópera rock do mesmo título editada polo grupo The Who en 1973.

Narra o ambiente de desenfreno na xuventude inglesa dos 60, con moitas festas e consumo de drogas, e sobre todo céntrase na rivalidade entre mods e rockers, que na película (non sei se na realidade pasaba) protagonizan unha salvaxe pelexa nas rúas e na praia de Brighton.

Curiosamente, a pesar de ser unha película bastante boa, e estar bastante ben considerada no cine inglés, o actor principal (Phil Daniels) e o director (Frank Roddam) tiveron unha longa carreira no cine pero ningún éxito máis. Acabo de mirar na Internet Movie Database (imdb.com) e as outras películas ou series nas que participaron non me soan absolutamente de nada.

Déixovos con varios fragmentos nos que está a película completa (en inglés, iso si).

Saúdos.





Comentarios (0) - Categoría: Xeral - Publicado o 05-05-2012 11:36
# Ligazón permanente a este artigo
Os Mártires de Carral e a Cova Céltica

O outro día o profesor Anxo Gómez Sánchez veu á A.C. Alexandre Bóveda a falar da relación entre o monumento dos Mártires de Carral e a Cova Céltica.

Como sen dúbida saberedes, en 1846 comezou unha revolución liberal (unha máis) en Lugo comandada polo coronel Miguel Solís, en contra da ditadura do Xeneral Narváez, con tintes claramente galeguistas (a revolución, refírome).

Foi severamente reprendida na batalla de Cacheiras (concello de Teo) debido á amplísima superioridade en efectivos das forzas do goberno ditatorial. Para que non tiveran moitos apoios, en troques de ser xulgados en Compostela ou A Coruña, foron xulgados e fusilados en Carral, en total 12 militares. Era o 26 de abril de 1846.

Poucos anos máis tarde, a raíña Isabel II xa destinou un xeneroso orzamento para facerlles o monumento conmemorativo pero, como tantas outras veces, non se levou a cabo. Case 60 anos despois, en 1904, grazas ao impulso da xente da Cova Céltica, tertulia galeguista que se reunía na librería de Uxío Carré Aldao, na rúa Rego da Auga da Coruña, púidose finalmente levantar o monumento.

Déixovos unha emotiva foto que, se non entendín mal o outro día, é de cando se inaugurou o monumento. O home que sae no centro é Manuel Lugrís, homenaxeado nas Letras Galegas de hai uns anos (creo que no 2006, por iso a Real Academia Galega, que daquela cumpría 100 anos, editou esta magnífica fotografía). E tamén creo que o discurso que deu alí aquel día foi o primeiro discurso en galego da historia.

Saúdos. Os Mártires da Caeira (e de Carral).
Comentarios (0) - Categoría: Os Mártires da Caeira - Publicado o 05-05-2012 11:23
# Ligazón permanente a este artigo
1 [2]
© by Abertal