Viaxes O Lóstregho


Furancho Oficial de Cabañas & Catoira Travels
A partir deste santo día de Nadal do ano 2006 este vai ser o Furancho Oficial da xa célebre axencia de viaxes perralleiros Cabañas & Catoira Travels. Este e-zulo está especialmente deseñado para todos aqueles infelices ós que xa non lles carbura ben o 4 Latas, que xa están cansos de viaxar con AirZambia ou que levan toda a vida facendo auto-stop en carromato. Chegamos a un punto onde a xente moderna quere viaxes modernas, opinións modernas e visións modernas. Pois ben, para estes últimos non é esta páxina. Estes deben ir á páxina da COPE. Neste "fotolog" haberá fotos das nosas viaxes, comentando diferentes aspectos e anécdotas vividas. Recomendaremos lugares e esperamos que todo o mundo o pase ben e teña ganas de repetir a visita.

O meu perfil
 CATEGORÍAS
 FOTOBLOGOTECA
 RECOMENDADOS
 BUSCADOR
 BUSCAR BLOGS GALEGOS
 ARQUIVO
 ANTERIORES

Kepa Junkera na Coruña
Non sabedes o que vos perdestes. Os que xa o coñecedes, si o saberedes, e os demais deberíades saber que este bilbaíno é un dos maiores virtuosos do mundo do acordeón diatónico (en éuscaro, trikitixa).

Se ao ler a palabra "acordeón" pensastes automáticamente en María Jesús e "El Baile de los Pajaritos" nin o intentedes: estades totalmente imposibilitados intelectualmente para aprezar o virtuosismo desta máquina e correríades risco de sufrir un derrame cerebral nun dos seus concertos.

Impresionante espectáculo. Aínda que claro, eu non son obxectivo. Eu son un dos seus fanáticos.

Incrible un grupo de seis músicos no que a mitade da xente toca a percusión. A batería normal da música moderna non sorprende. Pero os dous xenios que tocan a txalaparta (conxunto de tablóns e pedras golpeados perpendicularmente con cilindros de madeira) son para flipar.

Se tedes un mínimo de interese xa sabedes: ides a Youtube e poñedes "Kepa Junkera". Xa hai bastantes videoclips e fragmentos de concertos. Que o disfrutedes.



Saúdos.
Comentarios (2) - Categoría: Xeral - Publicado o 26-05-2007 18:35
# Ligazón permanente a este artigo
Dous escritores portugalaicos
Hai uns días tivemos na sede da Agrupación Cultural Alexandre Bóveda unha gratísima visita. O noso local foi o elixido (e para nós foi unha honra) pola delegación da Consellería de Cultura para a charla dun escritor-xornalista do Alto Douro: José Braga-Amaral.

Veu falar de dous escritores xa falecidos, que vivían no Alto Douro, en torno ás cidades de Vila-Real e Peso da Rêgua, e que tiñan un certo contacto e inmenso aprezo por Galiza: Miguel Torga e Joao Araujo-Correia. Segundo el, dous dos mellores escritores portugueses do século XX, poeta un e autor de contos o outro.

Curiosamente, os dous eran médicos. De caracter difícil, porén tiñan actitudes moi diferentes na súa dualidade medicina-literatura. Mentres Miguel Torga era capaz de deixar plantados aos seus pacientes na consulta se lle chegaba a inspiración, Joao Araujo-Correia escribía nos ratos libres que lle deixaba o seu traballo, xa que ademais atendía a domicilio e andaba moito por aí fóra da casa.

A ver se esta charla serve para ese achegamento co norte de Portugal tan necesario.

Saúdos. Os Mártires da Caeira.
Agrupación Cultural Alexandre Bóveda
Comentarios (0) - Categoría: Os Mártires da Caeira - Publicado o 26-05-2007 18:18
# Ligazón permanente a este artigo
A emigración galega en Venezuela (ou en toda Sudamérica)
Hai pouco coñecín a alguén moi moi interesante.

No colexio no que traballo estabamos desenvolvendo actividades en torno á emigración. E decidimos que para os máis maiores o máis interesante sería traer a algún emigrante-inmigrante, por exemplo un galego retornado.

E chegounos o contacto dun responsable de CIG-Migración chamado Xurxo Martínez Crespo. Veu ao noso colexio e contoulles unhas cantas cousas aos alumnos de 4º ESO e 1º Bacharelato.

E ademais agasallounos cun exemplar do libro e do video coa investigación que estivera realizando nos últimos anos. O libro fala, en forma de biografías, da emigración galega en Venezuela, Nicaragua, Dominicana e Panamá. E o video céntrase no país venezolano.

Non sabedes vós que cousas tan interesantes se contan alí. Por exemplo, que varios miles de traballadores galegos, con moi bo prestixio por construír a rede de ferrocarril en Cuba, foron levados dende alí para facer o Canal de Panamá.

E algunha das anécdotas que contou sobre a emigración foi ben curiosa. Como a de aquel matrimonio de uruguaios xa maiores que decidiron vir á Coruña, cidade na que non coñecían a ninguén, porque nunha consulta do Hospital do Centro Galego de Montevideo viron un cartel que poñía "La Coruña, ciudad en la que nadie es forastero".

Saúdos.
Comentarios (0) - Categoría: Xeral - Publicado o 26-05-2007 17:42
# Ligazón permanente a este artigo
© by Abertal