Viaxes O Lóstregho


Furancho Oficial de Cabañas & Catoira Travels
A partir deste santo día de Nadal do ano 2006 este vai ser o Furancho Oficial da xa célebre axencia de viaxes perralleiros Cabañas & Catoira Travels. Este e-zulo está especialmente deseñado para todos aqueles infelices ós que xa non lles carbura ben o 4 Latas, que xa están cansos de viaxar con AirZambia ou que levan toda a vida facendo auto-stop en carromato. Chegamos a un punto onde a xente moderna quere viaxes modernas, opinións modernas e visións modernas. Pois ben, para estes últimos non é esta páxina. Estes deben ir á páxina da COPE. Neste "fotolog" haberá fotos das nosas viaxes, comentando diferentes aspectos e anécdotas vividas. Recomendaremos lugares e esperamos que todo o mundo o pase ben e teña ganas de repetir a visita.

O meu perfil
 CATEGORÍAS
 FOTOBLOGOTECA
 RECOMENDADOS
 BUSCADOR
 BUSCAR BLOGS GALEGOS
 ARQUIVO
 ANTERIORES

EntrElas
Na Coruña (creo que son de aquí) hai un grupo vocal formado por unhas dez mulleres que se chama EntrElas. Oín falar delas hai tempo e tiña ganas de velas actuar.

E o outro día conseguino porque actuaban no Baba Bar, onde había un bo abarrote para escoitalas. Creo que son 10 (polo que vin nalgún cartel) e no concerto ao que fun eu estaban só 8, e no vídeo que vos deixo están 7. Así que supoño que será o típico grupo que ten varias voces similares para cada tono, e que se falta algunha pola razón que sexa, máis ou menos poden saír adiante e actuar igual, cousa moi interesante para este tipo de formacións.

Xa vedes que cantan "a capella" e fano bastante ben. No concerto que vin eu cantaron todas as galegas ao comezo, despois comezaron en español, e cara ao final xa alternaron inglés, brasileiro, un pouquiño de todo...

Saúdos.


Comentarios (0) - Categoría: Xeral - Publicado o 03-04-2018 00:43
# Ligazón permanente a este artigo
Leandro Carré: un século de cultura e compromiso
Metinlle o dente tamén estes días a outro libraco ao que lle tiña ganas dende hai tempo. Titúlase "Leandro Carré: un século de cultura e compromiso" e foi a tese doutoral do profesor Xosé Manuel Maceira.

Tiña moitas ganas de coñecer máis en detalle a este persoeiro da cultura galega, do que tanto oíra falar, para ben e para mal.

Naceu na Coruña en 1888 e morreu en 1976. Quitando tres anos na década dos 10, nos que viviu en Porto, sempre viviu aquí. Dende ese breve paso por Portugal, tivo unha moi boa relación co mundo da intelectualidade portuguesa, e sempre foi máis aprezado alí que aquí (seguro que coñecedes máis casos).

Oíra falar del, sobre todo, porque na época das Irmandades e nos convulsos anos 20, os novos valores da cultura galega, moi vangardistas, burlábanse da súa obra e sobre todo das obras de teatro populares que lembraban ao pasado.

Despois de ler o libro, quedáronme varias sensacións:
- Este señor currou durante toda a súa longa vida pola cultura galega o que non está escrito, con acertos e erros, pero sempre con moita dignidade e compromiso
- Polo que parece, el tamén quería innovar en teatro e novela, pero a sociedade non era capaz de seguir os seus pasos, e lle pechaba esas portas. Por exemplo, os principais representadores das obras de teatro que el creaba eran os Coros (agora xa históricos, os que perviven), que non só cantabas, tamén tiñas cadros de teatro, pero sempre reclamaban obras de tipo clásico e non querían innovar o máis mínimo. Non existía ningunha compañía de teatro como tal que permitira dar ese paso, e as que intentaron crear morreron ao pouco tempo (que galego é isto!!!)
- E como habitualmente, moitos dos que lle criticaban, dá a impresión de que falaban moito pero facían pouco. Todos ou moitos deses que lle reclamaban un teatro máis moderno, non escribiron unha obra de teatro na súa vida. Ou sexa, o de sempre....

Destacou bastante polo teatro, pero tamén sabía moito de gramática e fixo un bo diccionario, aínda que el era filólogo autodidacta. Tamén sabía de etnografía e lendas. En xeral, un tipo moi traballador que fixo moitas cousas, e non as fixo demasiado mal. Ai, se tivéramos máis destes e menos mesías!!!

Saúdos.


Comentarios (0) - Categoría: Xeral - Publicado o 03-04-2018 00:38
# Ligazón permanente a este artigo
Regreso ao futuro
Nesta Semana Santa vin "Os Goonies" por primeira vez, como contei nun dos artigos anteriores, e tamén vin por primeira vez completa "Regreso ao futuro".

Pareceume bastante divertida e, sendo da mesma época que "Os Goonies", deume a impresión de que se conservaba bastante mellor e que envellecera mellor. Pero pode que fora remasterizada ou algo parecido.

En calquera caso, o tema dá de sí e poden facerse tramas moi chulas con iso. Creo que hai 3 partes como mínimo. Tamén é certo que aproveitei para vela no canal SyFy, que podía verse en aberto este mes, e había días que botaban as tres partes seguidas, así que non sei canto tardarei en ver a segunda parte, pero se intentará.

Saúdos.


Comentarios (0) - Categoría: Xeral - Publicado o 03-04-2018 00:27
# Ligazón permanente a este artigo
O Século do Individualismo (The Century of the Self)
Como sempre, o CGAI non deixa de sorprenderme positivamente. Descubro alí cousas moi flipantes. Por exemplo, agora están facendo un ciclo sobre un documentalista inglés chamado Adam Curtis. Ten uns 60 anos e as súas mellores obras fíxoas xa no século XXI, así que non é ningunha reliquia. Parece que fai sobre todo mini-series de documentais sobre temas concretos, normalmente polémicos e controvertidos.

Hai uns días botaban os catro capítulos (cada un dura 1 hora) dunha mini-serie titulada "The Century of the Self" (traducido como O Século do Individualismo), que obviamente se refire ao século XX.

Na sesión á que eu asistín botaron os dous primeiros. Na seguinte sesión botaban os dous últimos, eu tiña unha reunión, e para o coñazo que foi, ben podía ter disfrutado disto, que mágoa!!

A ver se o dou explicado. Os dous ían na mesma liña. Basicamente falaba de que a psicoanálise utilizouse en diferentes lugares e épocas, e en moitos casos por familiares de Sigmund Freud, e sobre todo en Estados Unidos, para manipular as masas e conseguir éxitos comerciais. Bastante flipante, cheira a conspiranoico, pero está bastante ben explicado.

Os dous personaxes dos que máis se fala e que teñen peor pinta son o sobriño Edward Bernays e a súa filla Anna Freud.

Por poñer exemplos do que se conta alí, creo recordar que os que vou dicir saen en diferentes capítulos da mini-serie, un no primeiro e o outro no segundo.

O primeiro exemplo que lembro é que Edward Bernays forrouse porque as tabaqueiras lle pediron nos anos 20 (creo, ou os 30, xa non o lembro ben) a ver se podía conseguir que as mulleres comezaran a fumar, porque ata aquel momento era un tabú social. Deseñou unha campaña de prensa na que varias mulleres moi arroutadas se puxeron a fumar en público de forma moi ostentosa nun evento moi relevante, e a partir de aí disparáronse as ventas de tabaco a mulleres.

O outro exemplo era sobre unhas tortiñas que tiñan unhas vendas aceptables, pero nada doutro mundo. Parecía que estaban moi ricas, que o produto resultaba atractivo, pero as amas de casa non o mercaban, ou facíano moi pouco. Edward Bernays inventouse naquel momento o que agora se chama un "focus group" (conversa aparentemente informal) na que participaban usuarios, comerciais e psicólogos, para ver por que non triunfa un determinado producto ou proxecto. E desa conversa informal chegaron á conclusión de que as amas de casa non mercaban ese produto porque non requería NINGUNHA intervención pola súa parte, e facíalles sentir mal. A recomendación dos psicólogos á marca é que lle engadiran algún pequeno proceso sinxelo que tirara esa barreira. E decidiron engadir un ovo que as amas de casa só tiñan que batir para mesturalo co resto do produto. E só con iso, as ventas disparáronse.

Na miña opinión, é unha serie moi interesante. Polo que parece, está completa en Youtube, así que intentarei vela en canto teña ocasión. Déixovos o capítulo 1.

Saúdos.


Comentarios (0) - Categoría: Xeral - Publicado o 03-04-2018 00:21
# Ligazón permanente a este artigo
Antonio Damasio
Acabo de tragarme un libraco de divulgación científica que pasou por min practicamente sen deixar pouso, porque o seu nivel superaba con moito o que alcanzo eu. Éche o que hai, ás veces pasa iso. Así que non vou dedicar máis tempo a comentar o contido, pero si o farei sobre como cheguei a ese libro, e por que decidín mercalo no seu día.

Hai 8-10 anos, máis ou menos, eu era bastante fiel seguidor do mítico programa "Redes" que fixo durante bastantes anos Eduardo Punset na 2 (creo que era os domingos pola noite). Levaba moitos anos en antena, oíra falar bastante ben del, un día deume por velo, e moloume mogollón. Xa digo, fun moi fiel nos seus últimos anos de emisión.

E alí facía entrevistas aos mellores científicos do mundo, e daba a impresión de que eran capaces de facer chegar os seus amplísimos coñecementos a ignorantes coma min. E nun daqueles programas saín un tal Antonio Damasio, neurocientífico (xa o seu tema é moi interesante de por si).

No ano 2010 publicouse en español "Y el cerebro creó al hombre", inicialmente editada por Destino e despois no Círculo de Lectores, que foi como chegou a min. E daquela lanceime, a ver se había auga. Oito anos despois acabo de descubrir que moita auga non había, porque non me enterei de case nada.

Tamén conflitivo é o título, porque co xiro feminista que (por fin) semella que comeza a dar o mundo, parece que non estiveron moi afortunados. Pero é que tampouco é nada fácil traducir o orixinal inglés, que é "Self come to Mind".

O libro trata basicamente sobre a "conciencia", o "si mesmo" (en inglés "self"), ou podería ser a "conciencia de si mesmo" que temos algunhas especies, e que nos diferenza doutras. Se cadra poderían traducilo como "E a Conciencia converteuse na Mente" ou algo así, pero fagas como fagas, queda tan pretencioso e elevado, que xa asusta demasiado.

Saúdos.


Comentarios (0) - Categoría: Xeral - Publicado o 03-04-2018 00:06
# Ligazón permanente a este artigo
Columbus
A ver como o explico. Estaba eu o outro día relaxado, en Semana Santa, sen nada moi importante nin urxente que facer, e decidín mirar que botaban no CGAI, que habitualmente é unha referencia fiable.

Mirei no folleto, e quedei máis ou menos como estaba. Proxectaban unha película de 2017 titulada "Columbus", dirixida por un (ou unha) tal Kogonada. Como non tiña nin idea de que ía o tema, investiguei, e o que atopei tiña boa pinta. Fun vela, e confirmouse que o CGAI é unha boa referencia en moitas ocasións.

Vaiamos por partes. Kogonada debe ser o nome artístico dun novo director de cine americano, de orixe coreana, que ata agora só fixera documentais sobre figuras do cine, pero que tiñan moi boa fama. Esta é a primeira longametraxe á que se lanza, e polo que se ve, sabe de que vai este oficio.

Podemos ir agora co título: "Columbus". Non sei eu demasiado de xeografía estadounidense, pero a min soábame que Columbus era o nome dunha cidade do estado de Ohio. Efectivamente, o é, pero esta Columbus refírese a unha máis pequena (só ten uns 45.000 habitantes), no estado de Indiana. É a cidade na que está ambientada a película, e é unha chulada. Polo visto, esta considerada a meca do modernismo arquitectónico americano (nada que ver co modernismo de aquí). Xera algo de tráfico turístico para ver os seus innovadores edificios de mediados do século XX (por momentos, algún edificio lembra algo a Brasilia).

E agora vai a historia, que é bastante simple e se apoia en poucas personaxes. Entre principais e secundarios con presenza, eu contei cinco persoas. Despois hai máis secundarios pero case testimoniais. Acaba de ocorrérseme que, sendo tan poucos, podo facer a análise un por un:

- Jin: é un coreano, o seu pai é un arquitecto famoso que desencadena toda a historia, xa que se desmaia e entra en coma cando estaba visitando a cidade. As relacións co seu pai son moi malas e levaban tempo sen falarse, pero vén cando o seu pai entra en coma, aínda que apenas vai a visitalo.

- Casey: é unha rapaza de 19 anos, americana, de Columbus. Rematou o colexio, gústalle moito a arquitectura, por iso está moi a gusto na súa cidade, e aínda que todo o mundo da súa idade lle di que se marche de alí e vaia á universidade, a ela non lle apetece marchar e ademais está coidando e acompañando á súa nai, que foi adicta ás drogas no pasado e semella algo (pero non moito) inestable. Traballa nunha biblioteca.

- Eleanor: é unha profesora de arquitectura (ou algo así) que lle estaba ensinando a cidade ao pai de Jin cando se desmaiou. No pasado ela e Jin foron amantes, polo que parece. Tamén coñeceu a Casey, casualmente no pasado, e animouna a estudiar Arquitectura.

- Maria: é a nai de Casey. Foi adicta á metaanfetamina (creo que a iso) no pasado e agora parece rehabilitada, pero Casey non quere marchar en parte para vixiar que todo vaia ben. Parece que tamén ten unha certa tendencia ás relacións sentimentais algo nocivas para ela.

- Gabriel: Compañeiro de Casey na biblioteca, parece que son bos amigos, pero nada máis. En calquera caso, cara ao final vese que a el lle gustaría que a súa relación fora máis íntima, aínda que o di con moito coidado e sensibilidade.

A historia consiste en que Casey e Jin se coñecen cando el vén visitar ao seu pai que está en coma. Van coñecéndose e intercambiando puntos de vista, e o resto de personaxes vai xirando ao redor. A trama é simple pero moi humana, e as conversas son moi intelixentes.

Saúdos.


Comentarios (0) - Categoría: Xeral - Publicado o 01-04-2018 23:08
# Ligazón permanente a este artigo
Os Goonies
O outro día vin por primeira vez a mítica película de "Os goonies", que é de 1985, dirixida por Richard Donner e producida por Spielberg.

Diredes que non tiven infancia, e se cadra é certo, pero o caso é que non a vira (como veredes, estou recuperando películas que non vin na súa época).

O caso é que debe ser unha película amena e divertida, pero está claro que na súa época debía parecelo máis. Daquela non había os medios que hai agora e deume a impresión de que non envelleceu demasiado ben, pero seguramente isto que digo debe ser algo inxusto.

Tamén me chamou a atención que tiña entendido que moitos dos rapaces que actuaban se converteran despois en actores e actrices famosos, e non me dá a min esa impresión en absoluto. Case ningún destacou demasiado posteriormente.

Saúdos.


Comentarios (0) - Categoría: Xeral - Publicado o 01-04-2018 22:36
# Ligazón permanente a este artigo
© by Abertal