Viaxes O Lóstregho


Furancho Oficial de Cabañas & Catoira Travels
A partir deste santo día de Nadal do ano 2006 este vai ser o Furancho Oficial da xa célebre axencia de viaxes perralleiros Cabañas & Catoira Travels. Este e-zulo está especialmente deseñado para todos aqueles infelices ós que xa non lles carbura ben o 4 Latas, que xa están cansos de viaxar con AirZambia ou que levan toda a vida facendo auto-stop en carromato. Chegamos a un punto onde a xente moderna quere viaxes modernas, opinións modernas e visións modernas. Pois ben, para estes últimos non é esta páxina. Estes deben ir á páxina da COPE. Neste "fotolog" haberá fotos das nosas viaxes, comentando diferentes aspectos e anécdotas vividas. Recomendaremos lugares e esperamos que todo o mundo o pase ben e teña ganas de repetir a visita.

O meu perfil
 CATEGORÍAS
 FOTOBLOGOTECA
 RECOMENDADOS
 BUSCADOR
 BUSCAR BLOGS GALEGOS
 ARQUIVO
 ANTERIORES

Manuel Gallego Jorreto
Rematou hai uns días unha magnífica exposición máis de arquitectura na Fundación Barrié da Coruña. Como saberedes, esta fundación está moi relacionada co mundo da arquitectura en Galicia, porque por exemplo foi quen construíu a Escola de Arquitectura da Universidade da Coruña, que creo que segue sendo a única de Galicia.

Pois iso, que de cando en vez sácanse algunhas exposicións de arquitectos auténticamente marabillosas, e hai pouco rematou unha, que estivo durante varios meses, como habitualmente.

Neste caso era unha retrospectiva do arquitecto galego Manuel Gallego Jorreto, con módulos nos que se ían vendo análises das súas principais obras, supoño. Chamoume a atención o importante detalle de que todas as obras que se veían son en Galicia. A verdade é que este arquitecto ten moito e boa obra en Galicia, pero descoñezo se tamén a ten fóra.

Había un total de 22 módulos con diferentes obras, das cales eu coñecía máis das que pensaba. Destacaban as casas da cultura de Valdoviño e Chantada, os museos de Arte Sacro e de Belas Artes da Coruña, varias facultades da UDC e da USC, o complexo presidencial da Xunta de Galicia, o Museo das Peregrinacións, a lonxa de Carnota, etc.

Saúdos.
Comentarios (0) - Categoría: Xeral - Publicado o 16-04-2016 13:48
# Ligazón permanente a este artigo
A bestia humana
Hai que recoñecer que últimamente non vou demasiado ao CGAI. Pero hai pouco atopei un oco e paseime por alí.

Botaban "A bestia humana", unha película francesa do ano 1938 dirixida polo mítico Jean Renoir e protagonizado por Jean Gabin. Quixen saber de onde viña a fama do director, o actor e a película.

E non me quedou excesivamente claro, pero é que os case 80 que pasaron cambiaron moito o mundo, e as visión e perspectivas do mesmo deberon mudar diametralmente.

O protagonista é o maquinista principal dun tren que fai regularmente a ruta entre París e Le Havre. Nunha das viaxes a máquina ten unha pequena avaría, e teñen que descansar uns días en Le Havre.

Aí descúbrense varias cousas. Por unha banda, este maquinista é descendente dunha familia na que todos eran alcohólicos. El non o é, pero semella que derivado diso, ten un "mal" que lle fai ser tremendamente violento nalgunhas ocasións, nas que perde o sentido e non é capaz de parar os seus instintos.

Por outra banda, o xefe de estación de Le Havre, que ten unha muller moi fermosa e desexada por moitos homes, métese nun pequeno lío, e para librarse, fai uso da súa muller para que mova os seus fíos case familiares cun alto cargo do ministerio de Transportes. Pero a relación entre este alto cargo e a muller do xefe de estación tamén parece bastante turbia.

Por avatares do destino, o maquinista acaba coñecendo e namorando da muller do xefe de estación, que lle corresponde. E xa podedes imaxinar que o lío está montado.

Pero todo resulta algo raro. Na película hai dúas mortes, e só unha ten que ver coa "bestia humana" do título, que puido protagonizar varias máis na película, pero non o fixo. A min non me parece tanta "bestia". Unha versión actual desta historia mataría á primeira víctima no primeiro minuto, senón a productora seguro que era denunciada.

Saúdos.


Comentarios (0) - Categoría: Xeral - Publicado o 16-04-2016 13:40
# Ligazón permanente a este artigo
Reikiavik
Hai xa semanas tamén fun ao Teatro Rosalía ver unha obra que tiña pintaza. Titulábase "Reikiavik" e era dun autor que me atrae bastante, chamado Juan Mayorga, que sempre escolle unhas temáticas bastante singulares.

E esta vez non o foi menos. Penso que vin nos últimos anos algunha obra deste autor que me resultou insulsa, pero esta vez volveu gustarme moito, así que me reforzará a sensacións para as seguintes.

A obra trata, entre outras cousas pero principalmente, da final do campionato mundial de xadrez que tivo lugar no ano 72 entre Bobby Fischer e Boris Spassky en Reikiavik, que está considerada como unha das partidas máis importantes da historia do xadrez.

Polo que parece, Bobby Fischer, que nese momento non chegaba nin aos 30 anos, xa tiña un claro desequilibrio mental que lle facía pedir condicións dificilmente aceptables para xogar os campionatos. Nalgún caso, as autoridades organizadoras, e incluso os rivais, como Spassky, aceptaban algunhas das súas excentricidades porque estaban posuidas pola xenialidade do xogador.

O caso é que Bobby Fischer gañou aquel campionato, e non volver xogar ningunha competición oficial de xadrez. Foi unha grande decepción e o resto da súa vida foi un grande misterio, e as poucas veces que aparecía era rodeado de escándalos. Casualmente morreu en Islandia a comezos do século XXI, xa que foi un dos poucos países que aceptou acollelo.

Pois cuns personaxes así (especialmente Fischer, claro) está claro que pode saír unha obra ben chula, e así foi neste caso, para non variar.

Saúdos.


Comentarios (0) - Categoría: Xeral - Publicado o 16-04-2016 13:29
# Ligazón permanente a este artigo
A forma das cousas

Hai xa unhas semanas fun ao Teatro Colón para ver unha obra que tiña boa pinta, titulada "A forma das cousas".

Trataba dunha excéntrica estudiante de Belas Artes que quería facer un experimento coa vida das persoas (ou algo así), e decide seducir a un miñaxoia con moi pouco atractivo, para gravar en vídeo as súas reaccións e actividades conxuntas.

Os amigos deste rapaz rapidamente notan que está cambiando de forma moi considerable, e supoñen que esa nova compañía feminina terá moito que ver na mudanza, pero eles tamén se verán afectados pola arrolladora personalidade da estudiante.

A obra resultoume aburrida. Entendín o que pretendían contar, e non me parecía mala idea, pero a forma de facelo non me convenceu demasiado.

Ademais diso, resúltame algo estraño que a obra fora producida por La Yogurtera, que xuraría que se dedica máis ao ámbito audiovisual. Non me soa demasiado que se dedique ao teatro, e moito menos ao teatro galego, pero benvidos todos a esta nobre causa.

Saúdos.
Comentarios (0) - Categoría: Xeral - Publicado o 16-04-2016 13:15
# Ligazón permanente a este artigo
Foucellas
Hai xa unhas semanas pasou polo Teatro Rosalía da Coruña o magnífico grupo Talía Teatro presentando a súa nova obra "Foucellas".

En Galicia sabemos o que signfica ese nome, que incluso como adxectivo fai referencia aos maquis que durante a posguerra estiveron polos montes opoñéndose ao réxime franquista.

Nesta obra, en ningún momento deixan claro se o personaxe principal, que interpreta Toño Casais, é o mítico Foucellas ou se é outro que tivo unha vida similar.

Pero tampouco creo que teña maior importancia. Fálase dun sucedido concreto que lle sucedeu a este maquis e ao seu compañeiro de andanzas.

Eles dous están escondidos nunha cova e preparan un asalto a unha casa dunha aldea na que lles dixeron que hai cartos e saben onde están escondidos.

Baixan esa noite e atópanse con certa resistencia por parte do matrimonio que vive na casa. El fora seminarista e ten moita labia e ela fora veciña e amiga do compañeiro do "foucellas", aínda que tarda en recoñecelo.

Na obra hai pouca violencia e máis ben trata dos debates entre os dous "bandos" poñendo e quitando razóns sobre o que fan, as razóns para esa vida, a política, etc. Ata o final, que non vou desvelar aquí.

Non estivo mal, pero teño que recoñecer que Talía é un grupo polo que teño certa veneración, e non lles vin o "nervio" doutras veces, a obra non me chamou especialmente a atención.

Saúdos.
Comentarios (0) - Categoría: Xeral - Publicado o 16-04-2016 13:05
# Ligazón permanente a este artigo
© by Abertal