Viaxes O Lóstregho


Furancho Oficial de Cabañas & Catoira Travels
A partir deste santo día de Nadal do ano 2006 este vai ser o Furancho Oficial da xa célebre axencia de viaxes perralleiros Cabañas & Catoira Travels. Este e-zulo está especialmente deseñado para todos aqueles infelices ós que xa non lles carbura ben o 4 Latas, que xa están cansos de viaxar con AirZambia ou que levan toda a vida facendo auto-stop en carromato. Chegamos a un punto onde a xente moderna quere viaxes modernas, opinións modernas e visións modernas. Pois ben, para estes últimos non é esta páxina. Estes deben ir á páxina da COPE. Neste "fotolog" haberá fotos das nosas viaxes, comentando diferentes aspectos e anécdotas vividas. Recomendaremos lugares e esperamos que todo o mundo o pase ben e teña ganas de repetir a visita.

O meu perfil
 CATEGORÍAS
 FOTOBLOGOTECA
 RECOMENDADOS
 BUSCADOR
 BUSCAR BLOGS GALEGOS
 ARQUIVO
 ANTERIORES

O crédito
Hoxe mesmo fomos ver a última (semella que derradeira) función da obra "O crédito", que parece que estivo tendo moito éxito por Galicia.

Aínda que semella que foi unha produción eusko-galaica. Están as productoras Eme2 e Tantakka Teatroa. O director é Fernando Bernués (creo que é vasco) e o autor é Jordi Galcerán, que se está facendo un bo curriculum.

Está fantasticamente protagonizada por Antonio Durán "Morris" e por Pedro Alonso. O segundo vai pedir un crédito ao banco do primeiro, e como non llo concede, o "ameaza" con algo referente á súa vida persoal e familiar.

Obviamente, non é un texto moi elevado, pero pásase un rato moi divertido, porque ten xiros inesperados e moi simpáticos.

Saúdos.


Comentarios (0) - Categoría: Xeral - Publicado o 27-04-2015 00:58
# Ligazón permanente a este artigo
Samarúas
Non hai moito tempo, naceu na Coruña un novo grupo de folk chamado Samarúas, do que íamos tendo noticias, pero non conseguira velo actuar.

Pero hai uns días conseguimos velo actuar na Biblioteca da Sagrada Familia, as imaxes que vedes pertencen a ese concerto.

Polo que comentaron, moitos dos integrantes son orixinarios da Costa da Morte. A biblioteca estaba chea de xente para velos actuar.

Causáronme moi boa sensación, apuntan boas maneiras. Como curiosidade, podemos dicir que a violinista, Antía Ameixeiras, estivo tres semanas de xira con Carlos Núñez por Estados Unidos, ao ganar unha bolsa que se convocara con ese propósito.

Saúdos.


Comentarios (0) - Categoría: Xeral - Publicado o 27-04-2015 00:51
# Ligazón permanente a este artigo
Sofía Casanova
Despois de varios anos, o outro día volvín por fin a Villa Florentina, a casa de Cecebre (concello de Cambre) na que está a sede da Fundación Wenceslao Fernández Flórez.

Volvimos porque Rosario Martínez, unha profesora xubilada da Coruña que é experta na figura de Sofía Casanova (leva máis de 30 anos investigando sobre ela), ía dar unha charla alí, aproveitando que no club de lectura que teñen alí estaban lendo unha oba súa, creo que se titulaba "O doutor Wolski".

Eu xa oíra falar algo da vida desta coruñesa, que foi a primeira reporteira de guerra, que ao estar casada cun polaco e vivir alá, contou para o ABC as crónicas da 1ª guerra mundial. Pero ten unha vida de película.

Saúdos.
Comentarios (0) - Categoría: Xeral - Publicado o 27-04-2015 00:45
# Ligazón permanente a este artigo
Vendima tarda, de Treixadura
Hai uns días fomos ao Teatro Rosalía da Coruña para ver ao magnífico grupo Treixadura, presentando na Coruña o seu disco en directo "Vendima tarda", que fai un resumo dos 25 anos da formación. Eu merquei o disco e soa exactamente igual que o escoitado no concerto.

Aparte dos cinco magníficos músicos do grupo, os dez impresionantes cantantes do seu orfeón, tamén estiveron acompañados polo coro Cantigas e Agarimos.

O espectáculo foi excepcional e cónstame que algunha persoa que entrou na platea con certo escepticismo saíu totalmente conquistada polo grupo.

Se tedes a oportunidade de ver o espectáculo, nin o dubidedes. Aí vai un video dunha das cancións máis pegadizas, "Se chove".

Saúdos.


Comentarios (0) - Categoría: Xeral - Publicado o 27-04-2015 00:39
# Ligazón permanente a este artigo
Excursión a Madrid
Un ano máis (xa é o terceiro consecutivo e o cuarto na miña vida), tocoume ir como un dos profesores responsables do meu centro cos meus alumnos a Madrid.

É unha excursión que coñecemos moi ben, nun entorno controlado, que podería parecer pouco ambiciosa, pero que normalmente acaba sendo un grande éxito.

Dura cinco días. O primeiro é simplemente de desprazamento. Paramos a xantar e facer unha pequena visita a Ávila. O último día facemos o mesmo na dirección contraria, e o xantar e visita é a Segovia. Especialmente salientable é o xantar en Segovia, na igrexa dun antigo convento, o restaurante chámase "Convento de mínimos", moi cerca da Praza Maior.

O segundo día da excursión, primeiro en Madrid, fixemos pola mañá unha visita panorámica en autobus por Madrid, vendo o máis importante. Xusto despois diso xantamos no Hard Rock Café, e despois fomos visitar o Museo de Cera. O resto da tarde deixamos tempo libre por Madrid.

O terceiro día comezamos visitando o Museo do Prado, e despois marchamos ao Centro Comercial Xanadú, no que xantamos, e pola tarde fomos ás clases de esquí.

O cuarto día fomos ao Parque de Atraccións e a media tarde marchamos para a Gran Vía xa que, como todos os anos, tiñamos entradas para ver o musical "O Rei León".

Saúdos.


Comentarios (0) - Categoría: Xeral - Publicado o 27-04-2015 00:31
# Ligazón permanente a este artigo
A viaxe de Gagarin
Non é que tivera nesta Semana Santa moito tempo para ler novela (ou literatura en xeral), pero por sorte puiden meterlle o dente a unha que tiña agardando na cola dende hai algún tempo.

Lin "A viaxe de Gagarin", de Agustín Fernández Paz. Editada en 2014, parece que está gustando moito e que está vendendo moi ben. Aínda que neste autor non é nada raro, a súa lista de reedicións de todas as súas novelas é abraiante.

Sei que antes escribía principalmente novela máis dirixida ao público xuvenil (ámbito no que é unha estrela a nivel planetario), pero penso que agora escribe obras que poden gustarlle a todos os públicos.

Esta non está nada mal. Conta a infancia e adolescencia dun rapaz na Coruña durante os anos sesenta, parella á carreira espacial entre Estados Unidos e a Unión Soviética. Comeza coa viaxe de Gagarin e remata cos primeiros humanos pisando a lúa.

O protagonista, dende o presente actual, rememora aquela época, que foi das máis importantes da súa vida, e están moi ben unidos os feitos históricos cos da súa propia vida.

Pero deume a impresión de que o autor se aproveitou demasiado da maxia da nostalxia polo pasado. Cando temos xa unha certa idade, emocionámonos con facilidade ao lembrar determinados lugares e épocas, principalmente relacionados con esas tenras idades. Pero non se pode negar que o proceso de documentación sobre a época é moi completo, e está moi ben engarzado coa historia de ficción.

Saúdos.
Comentarios (0) - Categoría: Xeral - Publicado o 06-04-2015 10:09
# Ligazón permanente a este artigo
Ourense, vila termal

Para seguir disfrutando nesta solleira Semana Santa das vilas máis fermosas de Galiza, fomos ata Ourense. Cos trens que hai agora, a viaxe dura pouco máis de unha hora, así que pódese ir e vir no día sen moito problema.

Unha vez chegados alá, cruzamos pola ponte romana, e fomos ao casco histórico. Estivemos dando voltas por alí, vendo máis interesante, e xantamos nunha terraza cerca da Catedral, xa que nesa zona hai moitos locais e de calidade, onde facelo.

Despois collemos o tren das termas (vulgarmente un tren "chu chu"), aínda que había bastante cola para subir. A lentitude e traqueteo era considerable.

Deixa a zona vella e percorre o río dende as termas da Chavasqueira (moi cerca do centro) ata a de Outariz (que vedes na foto), que está uns 5 quilómetros máis adiante.

Saúdos.
Comentarios (0) - Categoría: Xeral - Publicado o 06-04-2015 10:01
# Ligazón permanente a este artigo
Pontevedra, a boa vila

O outro día achegámonos a visitar Pontevedra, que é sempre un pracer.

Chegamos a media mañá á vila en tren. Baixamos polo paseo do río Gafos. Visitamos o barrio da Moureira. Despois fomos á oficina de Turismo, para refrescar a xeografía da cidade.

Despois fomos ao centro neurálxico, onde se atopan as prazas de Méndez Núñez, a Verdura (onde tomamos algo), a Leña (na foto, onde xantamos), a Ferrería e a Pedreira.

Despois de xantar baixamos ao río e paseamos pola Illa das Esculturas. Á volta visitamos un par de exposicións no Museo de Pontevedra. Unha con 100 gravados de Picasso (a suite Vollard) e outra sobre Faustino Santalices (no edificio 5, no que eu nunca estivera).

E cando xa case era noite, voltamos para Coruña. Seguro que voltaremos a esta magnífica cidade.

Saúdos.
Comentarios (0) - Categoría: Xeral - Publicado o 03-04-2015 21:25
# Ligazón permanente a este artigo
Máis micro-teatro na Tuerka 27
Pois hai unhas semanas asistimos a unha nova sesión na que vimos as catro obras de micro-teatro seguidas, e non foi das peores que vimos, nin moito menos.

As obras foron as seguintes:

- Fusticia: Unha muller que substitúe a unha amiga como amante sado-masoquista dun home rico e importante resolve dunha forma moi divertida esta controvertida situación.

- Conversas de ascensor: En galego, por Uxía Vázquez, un nova obra de Alfonso Zurro na que se representar breves conversas que teñen lugar nun ascensor.

- Amor encadeado: Ou algo así, non lembro ben o título. Dúas persoas que están atadas espalda contra espalda nun soto, intentan liberarse e entender como chegaron alí despois do atraco do banco no que traballaban.

- O crack: Un actor é afeitado polo seu barbeiro habitual, falan da actualidade (Nova Iork no ano 29), e o actor desvélalle que vai ser o candidato á presidencia do Partido Republicano. Pero un desafortunado incidente impídeo. en galego, por Xoán Carlos Mejuto e Alberto Da Sinda.

Eses días descubrimos que esta sala pecha as súas portas o 27 de xuño. Haberá que aproveitar o que se poida ata ese día.

Saúdos.
Comentarios (0) - Categoría: Xeral - Publicado o 03-04-2015 21:19
# Ligazón permanente a este artigo
© by Abertal