Viaxes O Lóstregho


Furancho Oficial de Cabañas & Catoira Travels
A partir deste santo día de Nadal do ano 2006 este vai ser o Furancho Oficial da xa célebre axencia de viaxes perralleiros Cabañas & Catoira Travels. Este e-zulo está especialmente deseñado para todos aqueles infelices ós que xa non lles carbura ben o 4 Latas, que xa están cansos de viaxar con AirZambia ou que levan toda a vida facendo auto-stop en carromato. Chegamos a un punto onde a xente moderna quere viaxes modernas, opinións modernas e visións modernas. Pois ben, para estes últimos non é esta páxina. Estes deben ir á páxina da COPE. Neste "fotolog" haberá fotos das nosas viaxes, comentando diferentes aspectos e anécdotas vividas. Recomendaremos lugares e esperamos que todo o mundo o pase ben e teña ganas de repetir a visita.

O meu perfil
 CATEGORÍAS
 FOTOBLOGOTECA
 RECOMENDADOS
 BUSCADOR
 BUSCAR BLOGS GALEGOS
 ARQUIVO
 ANTERIORES

Fuga de Alcatraz
E no descanso destes días, cruceime cunha película dos anos 70 que xa vira no seu momento, pero que tiña certo interese en ver outra vez.

Foi "Fuga de Alcatraz", dirixida por Don Siegel e protagonizada por Clint Eastwood.

Está ben porque eles mesmos desmitifican a súa propia aura de que fixeran unha prisión inexpugnable e da que ninguén podería nunca escapar. E semella estar baseada na vida real, porque parece que houbo alí un cárcere durante uns cantos anos (non moitos, varias décadas nada máis), alguén deu escapado, e decidiron pechala, supoño que por derrubar o mito da invulnerabilidade.

Saúdos.


Comentarios (0) - Categoría: Xeral - Publicado o 18-04-2014 20:38
# Ligazón permanente a este artigo
Poetas Di(n)Versos: Iolanda Zúñiga e María Eloy-García

Hai pouco, estrañamente, puiden ir a unha das edicións de Poetas Dinversos, o ciclo de recitais poéticos por parellas que organiza Yolanda Castaño no Ágora da Coruña. Estrañamente, porque sempre son os luns, e normalmente non podo ir, pero o último luns si podía facelo.

Sempre convinan un poeta ou poetisa galego con outro de fóra. E esta vez a combinación era curiosa: a viguesa Iolanda Zúñiga e a andaluza María Eloy-García.

Iolanda Zúñiga apenas ten obra publicada, e só un dos seus libros é poesía. A súa vida xira en torno á música (toca en varios grupos, incluso un de música case infantil), e parece que agora está ganándose a vida como camareira nun restaurante vexetariano. En calquera caso, parece unha autora moi interesante cunha visión das cousas moi particular.

Parece que María Eloy-García ten xa algo máis de obra, pero en calquera caso non semella nada convencional. Aparte do feito de que neste ciclo case sempre veñen poetas do estranxeiro, sorprendeu bastante con poemas sobre sopeitas, neveiras, onomatopeias, e excentricidades varias.

Saúdos.
Comentarios (0) - Categoría: Xeral - Publicado o 18-04-2014 20:32
# Ligazón permanente a este artigo
Encontro da Rede Estatal de Medios Comunitarios

Hai uns días celebrouse na Coruña un épico encontro de medios comunitarios, é dicir, medios de comunicación privados sen ánimo de lucro.

Xuntáronse algo máis de 100 persoas, porque ademais das 50 que viñan doutras partes do Estado español, había unhas 35 doutros países de Europa que traballan no mesmo sector e participan en diferentes proxectos europeos, e ademais había unhas 25-30 de CUAC FM, a emisora de radio comunitaria da Coruña, que organizaba todo o evento, que durou aproximadamente tres días.

Foi unha experiencia fantástica, e os que participamos nela, saímos coas pilas ben cargadas para seguir traballando en rede con toda esta xente que nos visitou.

Saúdos.
Comentarios (0) - Categoría: Xeral - Publicado o 18-04-2014 20:26
# Ligazón permanente a este artigo
40 anos da Sociedade Galega de Historia Natural
Onte veu Serafín González, o presidente dende hai case 20 anos da Sociedade Galega de Historia Natural, á Agrupación Cultural Alexandre Bóveda para falar dos 40 primeiros anos deste importante entidade.

Unha hora apoiándose nun powerpoint no que se veían documentos, fotografías e outros elementos da súa impresionante labor ao longo destes anos. O seu último éxito foi o apoio científico que deron para parar a mina de Corcoesto. Hai que apoiar a este tipo de entidades.

Saúdos.
Comentarios (0) - Categoría: Xeral - Publicado o 11-04-2014 14:09
# Ligazón permanente a este artigo
Pequenos actos pseudorevolucionarios

O outro día veu a compañía Ibuprofeno Teatro ao Fórum Metropolitano da Coruña para representar a obra "Pequenos actos pseudorevolucionarios", que levou uns cantos premios nos María Casares do ano 2013.

Fala dunha parella que se plantexa ideas (ela máis que el) para intentar opoñerse ao estado de cousas actual. Basicamente xira en torno aos seguintes eixes:

- As charlas e discusións desa parella sobre ese tema.

- Cunha cámara de vídeo van amosando en directo escenas protagonizados por "clics" de Famobil, nas que falan da sociedade actual.

- Ás veces, eles mesmos fan pezas mudas nas que se moven como se foran eses bonecos.

- Unha cinta automática destas para facer "footing" ou "step" sen saír da casa úsase para todo tipo de cousas, como amosar galerías de fotos, como mostrador cun ordenador no que introducir datos....

- Un par de encapuchados "raptou" un letreiro luminoso de Papá Noel coa idea de facer reflexionar á xente (co obvio fracaso, claro).

Os magníficos actores son Santiago Cortegoso e Marián Bañobre.

Saúdos.
Comentarios (0) - Categoría: Xeral - Publicado o 10-04-2014 16:25
# Ligazón permanente a este artigo
Novo micro-teatro en La Tuerka 27
A semana pasada, unha vez máis, vimos catro obras de micro-teatro na Tuerka 27. Casualmente, eu xa vira unha delas, pero non me importou repetir. Foron estas, en orde de visionado:

- Branca como a neve: en castelán, Marita Martínez, vestida de época, fai un monólogo no que conta a súa relación cunha nena filla do rei na corte na que ela estaba, e a súa tirante relación con ela.

- Luvas de mago: en galego, Xoán Carlos Mejuto e María Verdía recrean a estraña relación entre un tío e a súa sobriña. Estraños saltos no tempo, unha relación complexa e uns personaxe moi retorcidos.

- Bye bye Lucky: en castelán, por Robert Ramos. Este actor sudamericano ao que xa vimos actuar aquí, cunhas cualidades superlativas, desconcértanos unha vez máis pero nesta ocasión non conseguín nin enterarme de que trataba a obra. É unha mágoa porque vese que ten unha impresionante madeira de actor.

- Macareno: en castelán, con Daniel Currás (o terceiro monólogo desta quenda). Fala de "A incrible historia de Macareno e a puta milagrosa", protagonizado polo proxeneta Macareno e a prostituta Sara, que é capaz de facer cousas marabillosas cando se dan unha serie de condicións.

Esta última obra estaba substituíndo a "Os dous de Teixeiro", protagonizada por Pedro Picos e Xosé Bonome (ou sexa, Teatro Bucanero), que non puideron representar a obra a semana que fomos por lumbago dun deles. Mágoa.

Saúdos.
Comentarios (0) - Categoría: Xeral - Publicado o 10-04-2014 16:18
# Ligazón permanente a este artigo
© by Abertal