Viaxes O Lóstregho


Furancho Oficial de Cabañas & Catoira Travels
A partir deste santo día de Nadal do ano 2006 este vai ser o Furancho Oficial da xa célebre axencia de viaxes perralleiros Cabañas & Catoira Travels. Este e-zulo está especialmente deseñado para todos aqueles infelices ós que xa non lles carbura ben o 4 Latas, que xa están cansos de viaxar con AirZambia ou que levan toda a vida facendo auto-stop en carromato. Chegamos a un punto onde a xente moderna quere viaxes modernas, opinións modernas e visións modernas. Pois ben, para estes últimos non é esta páxina. Estes deben ir á páxina da COPE. Neste "fotolog" haberá fotos das nosas viaxes, comentando diferentes aspectos e anécdotas vividas. Recomendaremos lugares e esperamos que todo o mundo o pase ben e teña ganas de repetir a visita.

O meu perfil
 CATEGORÍAS
 FOTOBLOGOTECA
 RECOMENDADOS
 BUSCADOR
 BUSCAR BLOGS GALEGOS
 ARQUIVO
 ANTERIORES

As virxes suicidas
Por unha tremenda conxunción de casualidades, hoxe acabei indo á sede principal da Fundación Nova Galicia Banco na Coruña para ver a película "As virxes suicidas", dirixida por Sofía Coppola en 1999, en versión orixinal subtitulada en castelán.

A historia é moi estraña, baseada na novela do mesmo título de Jeffrey Eugenides, que debutaba con aquela novela uns anos antes, do mesmo xeito que a directora debutaba con esta película.

A película só dura hora e media, a novela non a lin, non semella moi extensa, pero quero pensar que dará algo máis de luz que o filme, porque eu saín con moitas dúbidas e buratos na historia. Se cadra é o que se quería transmitir, porque dende logo non é nada convencional a trama, e precisa de moitas explicacións, que non se dan, así que abre moito campo ás especulacións.

Trata dunha familia algo particular na América dos 70. O pai é profesor de matemáticas e ciencias nun instituto, fanático desas disciplinas e do fútbol americano. A nai é unha muller moi rigorosa e católica, incluso parece que bastante fanática.

E estes dous pais algo raros teñen cinco fillas adolescentes, entre 13 e 17 anos (Opus Dei ou algo así?), con apariencia de anxelicais, loiras americanas típicas.

Pois ben, cando vai 1 minuto de película vemos como a máis pequena intenta suicidarse. Recoméndanlles que lle dean algo de vida social a ela (e ás irmás de paso tamén) e organizar unha festa na casa, bastante patética, por certo. E no transcurso da festa esa mesma rapaza, inténtao de novo e consigue suicidarse con éxito, de forma bastante impactante.

Despois diso, a familia queda algo traumatizada (pero semella que bastante menos do que sería previsible). Incluso alguén fai algún comentario de que as catro irmás maiores son unha delicia, pero que a pequena era moi rara.

Reanúdase a vida das rapazas no instituto, unha das irmás lígase ao rapaz máis admirado do mesmo, e el e os seus colegas conseguen que as catro irmás as acompañen a un baile do instituto. A fanática nai accede porque o pai tamén vai á festa.

Volven todas menos a que ligara con aquel gigoló, que aparece xa de día. As represalias da familia (semella que provocadas sobre todo pola nai) son terribles, pero aínda así as irmás semellan ter ilusións na vida polas novas experiencias que están comezando a vivir. Pero un día, sen razóns aparentes, e dende logo incomprensibles co que sae na película (non sei na novela, pero sospeito que tampouco contan moito para que haxa múltiples interpretacións), suicídanse xuntas as catro irmás de diferentes formas.

Hai que ter en conta que os narradores nesta estraña historia son uns compañeiros de instituto e veciños que estaban namorados delas e que quedaron marcados polos macabros sucesos.

Pois iso, unha historia do máis rara pero que fai pensar en múltiples cousas, pero penso que é algo tramposa porque permite tal cantidade de interpretacións diferentes, e supoño que pretende provocar ese xogo, que se fale moito dela despois de vela, e o consigue, como vedes.

Saúdos.


Comentarios (0) - Categoría: Xeral - Publicado o 01-04-2013 22:21
# Ligazón permanente a este artigo
© by Abertal