Viaxes O Lóstregho


Furancho Oficial de Cabañas & Catoira Travels
A partir deste santo día de Nadal do ano 2006 este vai ser o Furancho Oficial da xa célebre axencia de viaxes perralleiros Cabañas & Catoira Travels. Este e-zulo está especialmente deseñado para todos aqueles infelices ós que xa non lles carbura ben o 4 Latas, que xa están cansos de viaxar con AirZambia ou que levan toda a vida facendo auto-stop en carromato. Chegamos a un punto onde a xente moderna quere viaxes modernas, opinións modernas e visións modernas. Pois ben, para estes últimos non é esta páxina. Estes deben ir á páxina da COPE. Neste "fotolog" haberá fotos das nosas viaxes, comentando diferentes aspectos e anécdotas vividas. Recomendaremos lugares e esperamos que todo o mundo o pase ben e teña ganas de repetir a visita.

O meu perfil
 CATEGORÍAS
 FOTOBLOGOTECA
 RECOMENDADOS
 BUSCADOR
 BUSCAR BLOGS GALEGOS
 ARQUIVO
 ANTERIORES

Último cowboy
Onte fun ver a última montaxe da magnífica compañia galega Teatro do Noroeste, titulada "Último cowboy".

Nas horas previas á obra, atopeime con varias persoas, ás que lle intentei explicar de que ía a obra (tendo en conta que eu non o sabía e só podía contarlles o que saía nas sinopses da prensa), e non o tiña nada claro, e por suposto non resultaba nada convincente. Eu quería ir porque no equipo da obra había algún coñecido meu que ma recomendara vivamente, pero eu non tiña ningún argumento para convencer a outras persoas.

Pois debe ser que escolleron mal a sinopse para a prensa e os folletos promocionais dos lugares onde pasan, pero a obra é unha auténtica marabilla. O que non conseguín ver son os temas que saían nesa sinopse. Para min, a grandeza da obra reside na humanidade dos personaxes e na fantástica historia crepuscular que contan, que eu intentarei resumir a continuación, sen contarvos cousas importantes da mesma que é mellor non saber, por se ides vela.

Un vello director de banco xa xubilado, recibe con moito malestar a visita dunha inmigrante albanesa (que fora enfermeira no seu país), contratada polos fillos do vello para que vaia poñer un pouco de orde na súa casa varias horas ao día. A principal ocupación do vello é a narración e a gravación sonora (non escrita) de novelas de vaqueiros para un amigo seu cego que coñeceu na súa última estadía nun hospital.

Como vedes, os personaxes son moi particulares, e podo asegurarvos que a historia que vai nacendo a partir deles, ten uns puntos emotivos fortísimos. Como comentaba eu con alguén, a propaganda da obra non lle fai ningunha xustiza á tremenda forza que ten a historia.

Un actor, Miguel Pernas, e unha actriz, Luma Gómez. Fantásticos, como é habitual neles. E dúas horas que pasan voando debido á engaiolante trama.

Póñovos un video con algunhas das escenas da versión en español, que debeu estar xirando por España adiante.

Saúdos.


Comentarios (0) - Categoría: Xeral - Publicado o 30-04-2012 13:26
# Ligazón permanente a este artigo
Boleros coa Banda Municipal da Coruña
Está claro que algunhas veces, pola amizade dalgunhas persoas, facemos cousas que por iniciativa propia non faríamos baixo ningún concepto.

A min pasoume onte. Unha amiga díxome se ía ao Pazo da Ópera a ver á Banda Municipal da Coruña a un concerto de boleros, con coñecidos cantantes coruñeses. Antes moito, e agora moi esporádicamente, vou ver á Banda os domingos pola mañá ao Pazo da Ópera, pero nunca iría a un dos seus concertos se soubera previamente que o tema principal ían ser os boleros. Pero esta vez, nestas condicións, fíxeno.

Para ser boleros, non estivo mal (resumo fugaz). O presentador, coa súa habitual pericia, foi Xurxo Souto, e os cantantes convidados foron Paco Lodeiro, Miguel Ladrón de Guevara e Sito Sedes.

Póñovos a última peza que tocaron, o boleiro galego "Morriña", interpretado por Sito Sedes. Minto, a continuación, fixeron un re-mix de moitos dos éxitos de Antonio Machín, con todos os cantantes no escenario.

Saúdos.


Comentarios (0) - Categoría: Xeral - Publicado o 30-04-2012 13:08
# Ligazón permanente a este artigo
Final do XIV Concurso de Maquetas de CUAC FM
Hai uns días, no Mardigras da Coruña, foi a final do XIV Concurso de Maquetas da emisora de radio comunitaria CUAC FM.

Os dous grupos finalistas foron Somepeople, de Torrelavega (que era a primeira vez que tocaban fóra de Cantabria), e You Dog, de Vigo. Finalmente, o gañador escollido polo xurado foi o grupo cántabro, que dicían que lles podía supor un importante pulo na súa carreira, cando na súa terra viran que a primeira vez que saían fóra volvían con galardóns.

A min persoalmente, ningún dos dous grupos me chamou especialmente a atención, pero gustoume algo máis o grupo de Vigo, especialmente o seu guitarrista, que me pareceu bastante bo.

Saúdos.
Comentarios (0) - Categoría: Xeral - Publicado o 30-04-2012 12:56
# Ligazón permanente a este artigo
Viva a crise, de Fulano, Mengano e Citano
Onte fun ver unha divertida obra de teatro, titulada "Viva a crise", a cargo do grupo Fulano, Mengano e Citano, do que xa había tempo que tiña ganas de ver algún traballo, pois oíra falar ben deles.

Foi no Fórum Metropolitano da Coruña e, efectivamente, sacábanlle punta a toda a situación actual da sociedade, e seguramente tamén a moita picaresca deste país que xa existía antes da crise e existirá despois dela, se é que o país segue existindo.

Saúdos.


Comentarios (0) - Categoría: Xeral - Publicado o 28-04-2012 16:54
# Ligazón permanente a este artigo
O tambor de prata dos Trintas de Trives
O outro día fun á presentación na Coruña do último disco do magnífico trío formado por Suso Vaamonde, Pedro Lamas e Xosé Lois Romero.

Aparte de tocar eles tres, nalgún momento "sincronizaban" a súa música coa deste concerto que fixeron un ano antes coa Banda Municipal da Coruña, da que se veía o video en varias ocasións.

Aparte da súa grande pericia musical, resultou un concerto moi divertido porque son moi divertidos en escena habitualmente.

O disco trata sobre un mítico grupo de hai un século chamado Os Trintas de Trives, que chegou a tocar na coroación de Alfonso XIII.

Saúdos.


Comentarios (0) - Categoría: Xeral - Publicado o 28-04-2012 16:48
# Ligazón permanente a este artigo
Hugin e Munin
Hai uns días presentouse na Agrupación Cultural Alexandre Bóveda unha nova editorial galega, chamada Hugin e Munin.

Este estraño nome vén de dous corvos que eran os que lle trasladaban as novas ao deus nórdico Odín. Aí vedes o logotipo que os lembra.

Funcionan mediante suscricións, e cada trimestre publican dous novos libros. Como este xa é o seu segundo trimestre, teñen catro obras en cartel, que son:

- "Servizo de Correos" de Charles Bukowski

- "O forasteiro misterioso" de Mark Twain

- "Venecias" de Paul Morand

- "Cita con Rama" de Arthur C. Clarke.

Esperamos que teñan moita sorte co seu proxecto.
Comentarios (0) - Categoría: Xeral - Publicado o 14-04-2012 23:22
# Ligazón permanente a este artigo
Viaxes O Lóstregho na metade occidental da provincia de Ourense

Nesta última Semana Santa, Viaxes O Lóstregho, con algunha nova incorporación, explorou a metade occidental da provincia de Ourense.

Facendo base na fermosísima vila de Allariz, percorremos as comarcas de Ourense, o Carballiño, o Ribeiro, Celanova, a Limia, a Baixa Limia e Allariz. Para outra ocasión quedarán a Ribeira Sacra, Manzaneda, O Bolo e Monterrei.

Saúdos.
Comentarios (0) - Categoría: Xeral - Publicado o 14-04-2012 23:11
# Ligazón permanente a este artigo
The Turin horse
Hai unhas semanas vin no CGAI unha desas películas crípticas, estrañas, que tanto se estilan por alí. Para as que hai que ter estómago, pero eu fun quen de telo.

Cóntase que a última vez que Nietzsche pronunciou unha palabra foi en Turín, uns 10 anos antes de morrer. Ía pola rúa, viu que un home lle pegaba ao seu cabalo, opúxose, abrazouse a el, púxose a chorar, e algún tempo despois dixo "Madre, son idiota". Levaba xa algún tempo sen falar, e non volveu facelo no que lle faltaba de vida, quedou a cargo da súa familia dende ese momento.

Pois esta estraña película do realizador húngaro Bela Tarr describe a posible vida do propietario do cabalo (un vello), a súa filla e o propio animal.

Nun auténtico ermo, azotado durante días por un temporal, principalmente de vento, a ritmo exasperantemente lento, vaise contando a rutina desta moi pobre familia, que come todos os días o mesmo, que apenas fai vida social. Un ambiente e unha historia absolutamente deprimente.

Saúdos.


Comentarios (0) - Categoría: Xeral - Publicado o 14-04-2012 23:06
# Ligazón permanente a este artigo
Día Internacional da Poesía
O 21 de marzo a Agrupación Cultural Alexandre Bóveda celebrou o Día Internacional da Poesía cun recital poético no Fórum Metropolitano en homenaxe a Antón Avilés de Taramancos, do que aqueles días se cumprían uns 20 anos da súa morte.

Como vedes no video, noutros lugares, como Noia, a súa terra, tamén se fixo o mesmo.

Saúdos.

Comentarios (0) - Categoría: Os Mártires da Caeira - Publicado o 14-04-2012 22:59
# Ligazón permanente a este artigo
Lutherapia, de Les Luthiers
E que dicir de Les Luthiers? Hai poucas semanas visitaron de novo A Coruña, para presentar o seu novo espectáculo "Lutherapia".

Aínda que xa non é tan novo, porque xa leva case catro anos xirando polo planeta. De feito, se queredes vela enteiro, aí tedes un video que parece contelo.

Levan xa máis de 40 anos na escena, pero seguen cun nivel de talento formidable.

Saúdos.


Comentarios (0) - Categoría: Xeral - Publicado o 14-04-2012 22:55
# Ligazón permanente a este artigo
1 [2]
© by Abertal