Viaxes O Lóstregho


Furancho Oficial de Cabañas & Catoira Travels
A partir deste santo día de Nadal do ano 2006 este vai ser o Furancho Oficial da xa célebre axencia de viaxes perralleiros Cabañas & Catoira Travels. Este e-zulo está especialmente deseñado para todos aqueles infelices ós que xa non lles carbura ben o 4 Latas, que xa están cansos de viaxar con AirZambia ou que levan toda a vida facendo auto-stop en carromato. Chegamos a un punto onde a xente moderna quere viaxes modernas, opinións modernas e visións modernas. Pois ben, para estes últimos non é esta páxina. Estes deben ir á páxina da COPE. Neste "fotolog" haberá fotos das nosas viaxes, comentando diferentes aspectos e anécdotas vividas. Recomendaremos lugares e esperamos que todo o mundo o pase ben e teña ganas de repetir a visita.

O meu perfil
 CATEGORÍAS
 FOTOBLOGOTECA
 RECOMENDADOS
 BUSCADOR
 BUSCAR BLOGS GALEGOS
 ARQUIVO
 ANTERIORES

O libro, a canción e a película de Francisco Cerviño
No último mes, tivemos a visita de Francisco Cerviño no ciclo de "Un libro, unha canción, unha película".

El si foi un dos que conseguíu escoller un elemento en cada categoría. Como libro, escolleu "Memorias de Adriano" de Marguerite Yourcenar, como canción escolleu "All you need is love" dos Beatles, e como película "O gatopardo" de Visconti.

Saúdos. Os Mártires da Caeira.





Comentarios (0) - Categoría: Os Mártires da Caeira - Publicado o 18-04-2011 10:41
# Ligazón permanente a este artigo
Fotos do Entroido en Viana do Bolo
Uns compañeiros da A.C. Alexandre Bóveda que este ano estiveron visitando o entroido en Viana do Bolo fixeron unha proxección das fotografías que alí tomaron.

Non é un dos máis célebres dos moitos que hai na provincia de Ourense, pero tamén son moi vistosos, como case todos os daquela zona.

Hai uns anos, nun dos famosos safaris fotográficos que fixemos a esa festa, paramos en Viana, precisamente para disfrutar da pantagruélica Festa da Androlla. E iso xa nos permitiu coñecer aquel curioso entroido, con moita relación co de Portugal.

As figuras máis habituais son os folións, cos moitos percusionistas con bombos xigantescos, que se escoitan a moitos quilómetros de distancia, e que nalgúns casos fanlles sangrar as mans; e os boteiros, curiosas figuras que levan estruturas sobre a cabeza adornadas con flores de cores, e que executan curiosos bailes.

Saúdos. Os Mártires da Caeira.


Comentarios (0) - Categoría: Os Mártires da Caeira - Publicado o 18-04-2011 10:18
# Ligazón permanente a este artigo
Exposición sobre a granxa agrícola de Monelos

En 1888 inaugurouse na zona onde agora está a 2ª fase do polígono de Elviña, na entrada da Coruña, unha granxa agrícola experimental. Estivo aí ata os anos 60, cando marchou a Bos-Guísamo, e despois a Mabegondo, onde se atopa actualmente.

Xa hai uns anos, cando fixemos en colaboración con Tino Fraga, agora Director dos Museos Científicos Coruñeses, dende a A.C. Alexandre Bóveda, unha exposición sobre a actividade científica na cidade da Coruña na segunda metade do século XIX, ese foi un dos temas estrela, e un dos que máis lle interesaba a el como comisario da mesma.

E hai pouco conseguíu, por fin, montar unha exposición exclusiva sobre o tema, que estivo en Palexco. Agora xa pechou, pero anímovos a informarvos sobre o tema, xa que é un tema tremendamente interesante dende o punto de vista científico, agrícola e social.

Saúdos.
Comentarios (0) - Categoría: Xeral - Publicado o 18-04-2011 10:11
# Ligazón permanente a este artigo
Verbas pola igualdade
A mediados de marzo a A.C. Alexandre Bóveda celebrou unha gala co gallo do Día da Muller Traballadora, titulada "Verbas pola igualdade", que se celebrou no Fórum Metropolitano.

Foi unha cousa sinxela pero moi resultona. Recitaron poemas Olga Patiño, moi amiga da casa, e Gabriela Rodríguez, unha nova poetisa e presidenta da A.C. Eira Vella, de Betanzos, coa que estamos estreitando lazos.

E despois houbo un fragmento da representación da obra "Melmeniñas" a cargo da nova e talentosa actriz galega Lía Pichel.

Déixovos un breve vídeo da AELG no que aparece Olga Patiño recitando un dos seus poemas.

Saúdos.


Comentarios (0) - Categoría: Os Mártires da Caeira - Publicado o 18-04-2011 10:03
# Ligazón permanente a este artigo
"Sensormen" de Yllana
Hai pouco pasou pola Coruña Yllana para presentar unha nova obra. Como raramente decepcionan, fomos velos. Nesta ocasión presentaban a obra "Sensormen" xunto a un grupo de percusionistas chamado Bulbul.

Non me gustou excesivamente. Case todo se baseaba na percusión, e algunha coña interesante podían sacar de aí, pero normalmente imos ver a Yllana para rirnos, non para outra cousa. E esta vez rimos bastante menos do habitual. Non se pode negar que eran todos moi virtuosos na percusión, pero tampouco é para min un atractivo tan grande.

Teño que recoñecer que algún número, como o que se ve moi brevemente no medio deste video, con total escuridade (estilo teatro negro de Praga) onde o único elemento de cor eran uns espellos que levaban nunhas luvas brancas, que facían rebotar cara ao público uns raios laser que saían do chan, foi impresionante, dunha beleza plástica e estética sublime.

Saúdos.


Comentarios (0) - Categoría: Xeral - Publicado o 16-04-2011 20:32
# Ligazón permanente a este artigo
Presentación do novo disco de Mercedes Peón
Hai unhas semanas fun ao concerto de presentación na Coruña do novo disco de Mercedes Peón, titulado "Sós".

Impresionante. Musicalmente, esta muller vai xa no século XXIII. Como sempre, outra cousa é que guste ou non, pero hai que recoñecer que ten un concepto modernísimo da música tradicional galego, de mestizaxe con todo o planeta. Por esa razón este disco seu, como os tres anteriores, arrasa nas listas europeas de "world music".

En canto ao directo, desconcerta un pouco. Como hai cantidade de ritmos pregravados, e o son dalgúns instrumentos está algo tratado e distorsionado, nalgunhas ocasións non queda nada claro se algunhas cousas están soando en directo ou non. E claro, e iso en música folk é moi vangardista. En hip-hop se cadra non, pero neste estilo normalmente os músicos son moi virtuosos, e o público está afeito a velos tocar en directo.

A súa formación actual é rarísima:
- Ela toca a súa caixa de ritmos electrónica con forma de percusión, e aparte unha percusión bastante clásica. Aparte diso canta e toca a gaita, aínda que esta acada un ton bastante raro, como algo electrónico (digo eu que será un efecto de son, non creo que seixa gaita eléctrica).
- Ao seu lado unha cantareira e pandereteira.
- Hai tamén un músico coa guitarra eléctrica, da que non lembro ter escoitado nin un só acorde.
- Un saxofonista e clarinetista, que si se escoita moi ben nalgunhas ocasións (noutras non).
- E atrás de todo, como xefe da festa, un programador co seu ordenador e caixa de ritmos, que é quen goberna case todo.

Como vedes, entre dous fan case todo, os outros son case meras comparsas. Pero o son é unha pasada. O que sucede é que a sensación de directo é pouca, non hai moita diferenza entre o directo e o disco en estudio. Pero a súa música vale moito a pena.

Saúdos.


Comentarios (0) - Categoría: Xeral - Publicado o 16-04-2011 20:23
# Ligazón permanente a este artigo
Viaxes O Lóstregho na costa de Cedeira e Valdoviño
E chegou o Entroido (ostiá, canto tempo levaba sen actualizar o blog) e Viaxes O Lóstregho decidiu desconectar da rutina facendo base na fermosísima vila de Cedeira.

Estivemos catro días pateando a costa dos concellos de Cedeira e Valdoviño:
- O primeiro día saímos de Cedeira, pola costa, en dirección a San Andrés de Teixido. Non chegamos (porque non quixemos, a verdade). Coñecemos unha parte abraiante da costa galega. Vimos ao lonxe os impresionantes acantilados da Herbeira, os máis altos de Europa se exceptuamos algún fiordo noruego e, din, algún outro acantilado de Irlanda. Haberá que investigar.
- O segundo día saímos de Cedeira na dirección contraria, rodeamos a alucinante ría pasando pola marabillosa praia de Vilarrube e chegamos a Punta Chirlateira.
- O terceiro día fomos de Punta Chirlateira (xa no concello de Valdoviño ata a abraiante praia de Valdoviño (que cruzamos case enteira) e lagoa da Frouxeira.
- E no cuarto e último día andivemos pola punta da Frouxeira, onde o moderno faro (que vedes na foto), que é un lugar moito máis amplo e recortado do que parece, ata a praia de Meirás. Pola tarde visitamos a bonita área recreativa do Pedroso, no concello de Narón.

No último día desas breves pero intensas vacacións, fomos visitando lugares da costa de Ferrol que polo menos eu, non coñecía, como Cabo Prior e as maxestosas praias que hai no seu entorno.

Saúdos. Viaxes O Lóstregho.
Comentarios (0) - Categoría: Xeral - Publicado o 16-04-2011 20:11
# Ligazón permanente a este artigo
Lectura de Rosalía
Hai algún tempo celebrouse unha lectura pública de textos de Rosalía, e fun convocado para participar nesa lectura.

Como outra xente, escollín "A xustiza pola man" pero polo visto só podía lelo unha persoa (tivo a sorte de facelo Olga Patiño) e eu tiven que escoller outro poema alternativo.

Así que me puxen a buscar un non moi coñecido para que non pasara o mesmo. E atopei "Cantan os galos pro día", que eu coñecín hai pouco na incrible voz do cantautor de Ferrolterra Fucoxabier.

Tristemente, en Youtube non hai aínda ningún video del cantando esa canción, pero si outras, como esta que vos poño.

Recomendo a lectura dese poema, de toda a obra de Rosalía, obviamente, e do traballo de Fucoxabier. Un artigo ben recomendador saíume hoxe.

Saúdos.


Comentarios (0) - Categoría: Xeral - Publicado o 16-04-2011 13:57
# Ligazón permanente a este artigo
O libro, a canción e a película de Ánxel Vázquez de la Cruz

Hai algún tempo veu o médico e escritor coruñés Ánxel Vázquez de la Cruz ao ciclo organizado pola A.C. Alexandre Bóveda titulado "Un libro, unha canción, unha película" onde cada último xoves de mes un persoeiro nos fala sobre eses obxectos culturais que lle marcaron na súa vida.

En canto a libros, non se decantou por ningún, e falou de moitos preferidos.

En canto á música, escolleu "Sus ojos se cerraron" de Carlos Gardel.



E en canto a cine, escolleu "Moby Dick" e "La strada".

Saúdos. Os Mártires da Caeira.





Comentarios (0) - Categoría: Os Mártires da Caeira - Publicado o 16-04-2011 13:51
# Ligazón permanente a este artigo
[1] 2
© by Abertal

Warning: Unknown: Your script possibly relies on a session side-effect which existed until PHP 4.2.3. Please be advised that the session extension does not consider global variables as a source of data, unless register_globals is enabled. You can disable this functionality and this warning by setting session.bug_compat_42 or session.bug_compat_warn to off, respectively in Unknown on line 0