Viaxes O Lóstregho


Furancho Oficial de Cabañas & Catoira Travels
A partir deste santo día de Nadal do ano 2006 este vai ser o Furancho Oficial da xa célebre axencia de viaxes perralleiros Cabañas & Catoira Travels. Este e-zulo está especialmente deseñado para todos aqueles infelices ós que xa non lles carbura ben o 4 Latas, que xa están cansos de viaxar con AirZambia ou que levan toda a vida facendo auto-stop en carromato. Chegamos a un punto onde a xente moderna quere viaxes modernas, opinións modernas e visións modernas. Pois ben, para estes últimos non é esta páxina. Estes deben ir á páxina da COPE. Neste "fotolog" haberá fotos das nosas viaxes, comentando diferentes aspectos e anécdotas vividas. Recomendaremos lugares e esperamos que todo o mundo o pase ben e teña ganas de repetir a visita.

O meu perfil
 CATEGORÍAS
 FOTOBLOGOTECA
 RECOMENDADOS
 BUSCADOR
 BUSCAR BLOGS GALEGOS
 ARQUIVO
 ANTERIORES

A conxura dos necios
Acabo de rematar a (re)lectura dun gran libro. É "A conxura dos necios", de John Kennedy Toole. Lino hai uns 15 ou 20 anos, en castelán. Hai uns anos víralle ao magnífico grupo de teatro galego Sarabela unha versión teatral, e acabo de ler a traducción ao galego de Eva Almazán para a Factoría K (división novelística de Kalandraka).

Impresionante. Lembraba cousas da primeira lectura, outras da obra de teatro, pero neste terceiro encontronazo pareceume aínda mellor do que lembraba. Se boa é a novela (pero antes non me parecía tan boa), dende logo o seu protagonista principal Ignatius J. Reilly, é unha creación única, inesquecible.

Para os que non o saibades, o autor só escribiu esta obra e outra na adolescencia titulada "A Biblia de Neón" (non ten moita fama, por algo será). El pensaba que esta era unha obra mestra (bastante pouco modesto pola súa parte, pero razón non lle faltaba), e parece que, entre outras cousas, a frustración porque ninguén lla quería publicar levoulle á depresión que desembocou no seu suicidio cando tiña pouco máis de 30 anos.

Uns anos máis tarde, a súa nai levoulle o manuscrito ao escritor Walker Percy, que pensou que sería simplemente unha señora pesada, e cando leu a novela non daba crédito á súa calidade. Dende que foi publicada no ano 1980 (11 anos despois do suicidio do autor) non obtivo máis que éxitos e admiración en todo o mundo.

Fixéronse algunhas versións teatrais en diferentes idiomas da obra, pero aínda non foi posible facer unha película.

Como resumo moi rápido, diremos que a novela conta a vida de Ignatius J. Reilly, durante varias semanas, e de todos os estraños personaxes que xiran ao seu redor neses días. Dende logo, o máis salientable é a inigualable personalidade deste personaxe, verdadeiramente inclasificable, un "sabio" medieval sobrevivindo no medio do frenesí capitalista da fin do século XX.

Transcurre todo a novela na cidade de Nova Orleans e na foto aparece unha estatua representativa do personaxe no lugar onde estaban os grandes almacéns nos que sucede a primeira escena da novela. Polo que se conta da vida do seu autor, semella que extraíu non poucas anécdotas da súa vida para contar esta historia.

Saúdos.
Comentarios (1) - Categoría: Xeral - Publicado o 23-04-2011 17:14
# Ligazón permanente a este artigo
Cabanas para pensar e Arquitectura escrita
Onte estiven visitando dúas curiosas exposicións que están ata comezos de xullo na Fundación Luís Seoane. Creo que xa teño dito aquí que é un dos espazos que máis me gustan para ver exposicións.

A primeira delas titúlase "Cabanas para pensar", e consiste nunha análise das cabanas ou casas sinxelas que utilizaron diferentes artistas e intelectuais para inspirarse e crear as súas obras. Segundo información sacada do seu catálogo, "A exposición plantexa un estudo da relación existente entre a intimidade escollida conscientemente e o proceso creativo por parte dos filósofos Ludwig Wittgenstein e Martin Heidegger, os compositores Edvard Grieg e Gustav Mahler, o dramaturgo August Strindberg, os escritores Knut Hamsun, George Bernard Shaw e Virginia Woolf, o poeta Dylan Thomas, o cineasta Derek Jarman, e, por último, o explorador e escritor Thomas Edward Lawrence, máis coñecido como Lawrence de Arabia."

Resultan curiosas as manías que tiñan algúns deles con respecto a se outras persoas podían ir ou non a elas, as ubicacións das mesmas (en non poucos casos, espectaculares) e outras circunstancias da súa construcción e ocupación. Aparte, de cada unha delas vese unha sinxela maqueta. Na foto vedes a de Virginia Woolf.

A outra mostra chámase "Arquitectura escrita" e consiste nunha serie de sinxelas maquetas nas que estudantes de arquitectura de Munich e Granada expresan o que lles transmiten unha serie de obras literarias, e como serían as casas ou escenarios principais desas obras. Unha das que máis me chamou a atención sería a descrición da villa na que viviu Plinio o Xoven. Porque ademais da maqueta, ao seu lado estase reproducindo un video de realidade virtual onde se percorre todo o extenso edificio.

Saúdos.
Comentarios (1) - Categoría: Xeral - Publicado o 22-04-2011 16:45
# Ligazón permanente a este artigo
Cumbres borrascosas
Acabo de rematar a lectura da novela "Cumbres borrascosas" de Emily Brontë, en traducción de Carmen Martín Gaite. Teño moitas cousas que dicir sobre esta obra, así que irei despregando o meu argumentario.

Xa sei que algúns amigos meus que consideran que esta é a mellor obra da literatura mundial deixarán de falarme, pero non teño máis remedio que discrepar. Decepcionoume moito e xa cando ía polo medio tiña unha idea bastante aproximada do que ía suceder e xa supoñía o futuro sopor, pero estas cousas pasan.

Por que non me gustou? Lembroume demasiado ás novelas victorianas inglesas decimonónicas do estilo de Jane Austen (tamén lin algunha e me aburriu bastante). Eu xa sabía que a época viña sendo parecida, o ambiente similar, as tramas parecidas, pero tiña tan boa fama e prestixio esta obra, que pensei que as melloraría en moitos aspectos, pero non me transmitíu esa sensación.

Tampouco me gustou que as 400 páxinas de novela transcurriran entre dúas casas, uns 30 anos, e pouco máis de 7 ou 8 personaxes. Claro, como algúns ían morrendo, nunca había máis de 4 ou 5 activos. Así que a cousa ía facéndose moi repetitiva, moi endogámica, sempre as mesmas persoas falando dos mesmos temas, dándolle voltas, e voltas, e máis voltas sempre ao mesmo.

Outra cousa que me enerva deste tipo de novelas, bastante románticas (demasiado para o meu gusto), é que os personaxes son fisicamente moi febles e calquera molladura (nestas novelas case nunca para de chover) lles causa un catarro que lles dura seis meses, e grazas se non morren dun deles. Non sei como era o avance da medicina nese intre (parece que non demasiado) pero preocúpame que neste tipo de novelas tan "emotivas" todo o que lles pasa, incluso as inclemencias meteorolóxicas, lles afecta de forma tan grave somaticamente. A min dame que máis ben era a sensibilidade dos autores (principalmente autoras) a que creaba esa tendencia, pero a verdade é que cansa bastante. A persoa de saúde máis recia pode caer nas portas da morte polo disgusto máis simple ou polo accidente máis estúpido. Non parece nada crible.

O deseño dos personaxes, sendo algo mellor que noutras similares, tampouco me chamou demasiado a atención. Basicamente, case todos eles eran uns chalados, fanáticos, fillos de puta, caprichosos, ricos repipis, con moito egoísmo e moi pouco sentido común. E os que non eran así, rodeados desa fauna, como é lóxico, pouco duraban e o pasaban fatal. E se ademais, fas que toda esa fauna estea xunta toda a puta vida con múltiples mesturas consanguíneas entre as dúas familias protagonistas durante varias décadas, nada bo pode saír de aí, obviamente.

Para os que non coñezades a historia, resúmoa rapidamente.

Nunha zona rural e apartada do norte de Inglaterra, hai dúas mansións moi cercanas entre sí. Unha delas é "Cumbres borrascosas", onde vive a familia dos Earnshaw. O pai ten dous fillos que son Hindley e Catherine. E un día chega cun rapaz que recolleu nas rúas de Liverpool chamado Heathcliff, que é o personaxe arredor do cal xira toda a historia.

Na mansión cercana, a Granxa dos Tordos, vive a familia do maxistrado Linton (un pouco máis arriba na escala social), cos seus fillos Edgar e Isabella.

Pois ben, comezan as vodas entre eles, liortas entre irmáns, cuñados, sobriños, etc., a pesar da certa rivalidade e mala relación entre as familias, e xa vos podedes imaxinar o petate que se arma durante trinta anos, en que parece que case non teñen contacto con ningún outro ser humando doutro lugar.

Un gran amigo meu tenme falado moito desta novela, e unha das cousas que máis me chamou a atención foron as anécdotas que contou sobre o título. O orixinal é "Wuthering heights". Vén sendo un dialectalismo local que significa algo así como "os outeiros onde zoa o vento". Así que o de "Cumbres borrascosas" non se axeita moito ao orixinal. En primeiro lugar, non son cumios senón outeiros, simples colinas. E por outra banda, destacan porque zoa o vento, non polas treboadas. Segundo el, hai unha edición portuguesa titulada "O monte dos vendavais", que non sendo moi correcta, parece achegarse máis ao significado real.

Por outra banda, a música. Nas últimas décadas, varias cantantes de pop-rock, fixeron unha canción titulada "Wuthering heights" en homenaxe a esta obra. A primeira foi Kate Bush, e despois Pat Benatar fixo outra versión da canción da primeira.

Déixovos cun fragmento dunha versión cinematográfica de 1992 e tamén coa canción de Kate Bush.

Saúdos.







Comentarios (1) - Categoría: Xeral - Publicado o 19-04-2011 16:33
# Ligazón permanente a este artigo
Almorzo con diamantes
Esta noite tiven a oportunidade de ver unha película bastante famosa que non vira nunca: "Almorzo con diamantes".

Xa sabedes que a dirixiu Blake Edwards, que os actores principais foron Audrey Hepburn (que está colosal) e George Peppard (que na miña opinión non o está tanto), que a alucinante canción "Moonriver" foi composta por Henry Mancini, que sae José Luis de Vilallonga facendo de ricachón brasileño (tristísimo) e que incluso sae Mickey Rooney facendo de veciño xaponés bastante maniático.

Está baseada nunha novela de Truman Capote, pero creo que é unha versión bastante libre. Eu xuraría que lin algunha vez que o título viña porque unha criada de Truman Capote que non tiña moitas luces un día dixo, por equivocación, que viña de almorzar na mítica xoiería Tiffany's de New York.

É unha comedia moi agradable, pero Audrey ten a capacidade para eclipsar case todo o que se achega a ela.

Saúdos.


Comentarios (0) - Categoría: Xeral - Publicado o 18-04-2011 23:41
# Ligazón permanente a este artigo
Soul Kitchen, de Fatih Akin
O outro día, por estrañas razóns que tampouco hai por que comentar, acabei no Fórum Metropolitano vendo unha película que non entraba nos meus plans de ocio nin por asomo. Foi a película "Soul kitchen" do director alemán de ascendencia turca Fatih Akin.

Deste director xa vira hai uns anos, tamén un pouco de casualidade, a película documental "Crossing the bridge: the sound of Istanbul", na que o baixista dun grupo alemán de rock industrial que non lembro, ía presentándonos os grupos máis interesantes da nova escena musical de Estambul.

Pois a comedia esta, "Soul kitchen", resulta bastante amena. Por resumir un pouco, porque o guión é bastante caótico e frenético e hai unha grande cantidade de personaxes, diríamos que un xoven ten un local que converte nun restaurante de certo éxito. Ao comezo daba comida de batalla, hamburguesas, etc. Pero chega ao local un excéntrico cociñeiro despedido doutro restaurante moito máis luxoso e polo local van pasando riadas de xente debidas a moitos factores, grupos de música que tocan no local, todo tipo de festas e saraos que organizan, etc.

Un irmán do propietario, que sae en liberdade condicional do cárcere ten que "simular" que traballa se non quere volver para dentro, e está por alí botando unha man, e namorándose da camareira. O propietario quere vender o local, ou deixarllo ao seu irmán, e marchar para Shanghai, onde está a súa moza.

En definitiva, todo un lío considerable, pero bastante divertido.

Saúdos.


Comentarios (1) - Categoría: Xeral - Publicado o 18-04-2011 23:26
# Ligazón permanente a este artigo
Memorias dun neno labrego, de Cándido Pazó
Está Cándido Pazó viaxando o país representando un monólogo baseado en "Memorias dun neno labrego" de Xosé Neira Vilas. E o outro día veu representalo ao Teatro Colón da Coruña.

Está de máis dicir que o éxito foi apoteósico. Cumpríndose 50 anos da publicación da obra, e caendo a representación en mans tan expertas, non había lugar para a posible decepción.

Se tedes posibilidade de vela, non a perdades.

Saúdos.


Comentarios (1) - Categoría: Xeral - Publicado o 18-04-2011 23:11
# Ligazón permanente a este artigo
Pressing catch, de Berrobambán
Hai poucos días fun ver no Fórum Metropolitano da Coruña unha obra da que ouvira falar nos últimos meses. Foi "Pressing catch" da compañía compostelana Berrobambán, que coido que habitualmente fai teatro infantil, aínda que esta obra non o é en absoluto.

Oín falar dela porque, polo visto, convocaron un concurso a nivel galego, de grupos e cancións que tiveran que ver coa violencia, e coas cancións gañadoras dese concurso, fixeron un disco que sería a banda sonora desta obra. E ese disco foi o que chegou ás miñas mans hai algún tempo. Porén, durante a obra apenas se escoita nada dese disco, agás ao principio.

A obra consiste basicamente nunha parodia onde pretenden facer unha certa analise da violencia presente na sociedade. Resulta bastante simpática.

Saúdos.


Comentarios (0) - Categoría: Xeral - Publicado o 18-04-2011 23:05
# Ligazón permanente a este artigo
O incerto señor Don Hamlet, príncipe de Dinamarca
O outro día veu á Coruña o excepcional grupo de teatro ourensán Sarabela para representar "O incerto señor Don Hamlet, príncipe de Dinamarca".

Se non lembro mal, é a única obra de teatro de Cunqueiro, do cal a finais de ano cumpriranse 100 anos do seu nacememento. E se tampouco me engana a memoria, o fantástico actor principal de Sarabela, Fernando Dacosta, debutou hai uns 20 anos no Centro Dramático Galego con esta obra.

É un texto críptico, e moi enrevesado. Xa o de Shakespeare o era dabondo, non digamos xa pasado pola peneira de Cunqueiro. Pero como sempre, a interpretación de Sarabela foi magnífica. Son tan bos que algunhas das súas últimas obras, que non me gustaron demasiado, salvábanse porque teñen un elenco de actores e actrices excepcionais.

Ademais da historia propia de Shakespeare, esta obra conta cun coro como o das traxedias gregas (elemento moi habitual en Sarabela) e algo de "commedia dell' arte" italiana (non lembro se non Hamlet orixinal o había, probablemente si), así que moitas das mellores cousas do teatro universal están presentes na obra.

Saúdos.


Comentarios (0) - Categoría: Xeral - Publicado o 18-04-2011 22:56
# Ligazón permanente a este artigo
Recendo na Real Academia Galega
Hai unhas semanas, o programa de radio "Recendo", que a A.C. Alexandre Bóveda emite todos os martes de 19 a 20 horas en CUAC FM, no 103.4 na comarca da Coruña, tivo unha edición especial.

Nese caso, o programa durou o dobre, de 19 a 21 horas, e fixémolo dende a Casa-Museo Emilia Pardo Bazán, no edificio onde se atopa a Real Academia Galega.

Basicamente tivo catro bloques:
- Unha entrevista a Xosé Luís Méndez Ferrín, presidente da Real Academia Galega.
- Unha pequena tertulia entre Xosé Ramón Freixeiro e Iria Taibo, da Mesa pola NL, sobre a situación actual da lingua galega.
- Outra pequena tertulia entre Xulia Santiso e Dores Tembrás sobre a presenza da muller na literatura galega.
- E unha última tertulia entre Miguel Mato e Miguel Anxo Fernán-Vello sobre a figura de Lois Pereiro, homenaxeado este ano nas Letras Galegas.

Tamén houbo unha breve sección sobre Alexandre Bóveda, outra sobre os 15 anos de CUAC FM e sobre a Rede Estatal de Medios Comunitarios, e tamén coñecemos os primeiros capítulos de "Isto é galego", un divertido espazo para aprender galego que están facendo os compañeiros de CUAC FM.

Obviamente, nada disto sería posible sen a pericia técnica da xente de CUAC FM, como Mariano, Alex e David de Crossover, Iverson, etc.

Saúdos. Os Mártires da Caeira.
Comentarios (0) - Categoría: Os Mártires da Caeira - Publicado o 18-04-2011 11:00
# Ligazón permanente a este artigo
Achegarte 2011
Este ano 2011 volveu celebrarse a Feira Cultural Achegarte na Coruña, que está comezando a coller moito peso, e na miña humilde opinión está bastante mellor e ten máis repercusión que o Culturgal.

A A.C. Alexandre Bóveda volveu ter presenza na mesma, non cun stand, como na edición anterior, senón simplemente cunha mesa-expositor, pero penso que aproveitamos ben a oportunidade para facernos visibles.

Tamén tivemos un taller onde sacabamos fotografías á xente, un obradoiro de xadrez e a presentación do libro de Miguel Mato sobre a obra poética de Manuel María.

Se volve celebrarse, alí estaremos, coma sempre.

Saúdos. Os Mártires da Caeira.
Comentarios (0) - Categoría: Os Mártires da Caeira - Publicado o 18-04-2011 10:47
# Ligazón permanente a este artigo
1 [2]
© by Abertal