Viaxes O Lóstregho


Furancho Oficial de Cabañas & Catoira Travels
A partir deste santo día de Nadal do ano 2006 este vai ser o Furancho Oficial da xa célebre axencia de viaxes perralleiros Cabañas & Catoira Travels. Este e-zulo está especialmente deseñado para todos aqueles infelices ós que xa non lles carbura ben o 4 Latas, que xa están cansos de viaxar con AirZambia ou que levan toda a vida facendo auto-stop en carromato. Chegamos a un punto onde a xente moderna quere viaxes modernas, opinións modernas e visións modernas. Pois ben, para estes últimos non é esta páxina. Estes deben ir á páxina da COPE. Neste "fotolog" haberá fotos das nosas viaxes, comentando diferentes aspectos e anécdotas vividas. Recomendaremos lugares e esperamos que todo o mundo o pase ben e teña ganas de repetir a visita.

O meu perfil
 CATEGORÍAS
 FOTOBLOGOTECA
 RECOMENDADOS
 BUSCADOR
 BUSCAR BLOGS GALEGOS
 ARQUIVO
 ANTERIORES

Gonzalo Rubalcaba Trío & Joao Bosco Quinteto
Onte pola noite asistín na Coruña ao primeiro dos concertos do Ciclo de Jazz da Fundación Barrié deste ano. O anxiño que tanto se preocupa por min e a miña formación cultural intentou unha vez máis que eu abrira as portas da miña alma a ese estilo musical que tan pouco me atrae.

Houbo momentos vibrantes, principalmente cando ao final os dous grupos tocaron xuntos personificando a simbiose cubano-brasileira. Pero as sensacións xerais que tiven foron as mesmas de sempre cando vou a concertos de jazz. Entón, por se alguén quere abrir un debate (estéril, no meu caso) agora explicarei por qué NON ME GUSTA O JAZZ:

- Recoñezo o gran virtuosismo de todos os músicos de jazz, é o único que me "une" a ese estilo. Non hai discusión sobre ese tema.

- Pero ese virtuosismo está (na miña opinión) desaproveitado dun xeito que a min me deixa frío. Nos grupos de jazz que teño visto ou ouvido en concertos, discos, videos, etc. (fixen os meus intentos dende hai anos, non pensedes que é unha opinión despois de ir a un concerto só) sempre noto o mesmo: tócase pouco en conxunto e moito para lucirse persoalmente e para deixar claro o bo que é cada un individualmente. Síntoo, pero a min ese concepto musical non me agrada. Se cada un deles é moi bo no seu correspondente instrumento, que fagan concertos en solitario e que deixen coa boca aberta ao seu público, pero que non se xunten con outros que están no mesmo caso que eles, xa que cando están xuntos o que fan é pisarse mutuamente o talento. Para min, os grupos de jazz son calquera cousa menos GRUPOS ou conxuntos. Cada un vai ao seu sen case preocuparse do que fan os outros. Un indicio claro diso é que o jazz é claramente (que eu saiba) o estilo musical onde máis se aplaude polo medio das cancións, ao final dos correspondentes solos. Paréceme moi ben toda a xente que lle gusta iso. A min non me gusta, non hai moito que facerlle.

- Outra cousa que teño detectado é que algúns dos instrumentos que máis abondan no jazz ou algunhas combinacións deles non me gustan demasiado. Exemplos:
* O piano: gústame escoitar o piano en música clásica (por poñer un exemplo), pero as formas habituais de tocar o piano en jazz non me atraen. Insisto, o seu virtuosismo está fóra de toda dúbida, non lle quito o seu grande mérito e talento. Pero se non me gusta o que tocan, non hai acordo posible. Sería como se un pintor tivera unha excepcional técnica pero os cadros que lle vexo non me transmiten nada.
* Trompetas, saxofóns: son instrumentos que non me chaman demasiado a atención, sobre todo como se tocan no jazz. Nalgún outro estilo téñenme atraído máis, pero neste non. Podería cambiar algún día. Por exemplo, eu tampouco consideraba demasiado ben ao acordeón, ata que coñecín a Kepa Junkera, e fíxome cambiar totalmente de opinión.

Pois iso, longa vida a todos os que amades o jazz, porque vos auguro unha existencia moi feliz, pero nese punto sospeito que nunca imos coincidir. Supoño que especialmente para vós déixovos este video de Gonzalo Rubalcaba que atopei en Youtube. Non sei dicirvos se é a súa mellor peza, é a primeira que atopei nese portal.

Saúdos.

Comentarios (0) - Categoría: Xeral - Publicado o 19-04-2009 12:20
# Ligazón permanente a este artigo
Introterra, de Pepe Vaamonde
Estou abraiado co actualizado que teño o blog estes días. Acabo de chegar do concerto de presentación do terceiro disco do Pepe Vaamonde Grupo, titulado "Introterra".

Foi un grande concerto, como todos os deste grupo, cun nivel de virtuosismo na execución, principalmente do gaiteiro que dá nome ao conxunto, moi por enriba do normal.

Non había demasiado xente, mágoa dunha proposta cultural máis que fica asulagada entre a desidia xeral.

Saúdos.
Comentarios (2) - Categoría: Xeral - Publicado o 17-04-2009 23:47
# Ligazón permanente a este artigo
O teatro radiofónico da CRTVG
Dende hai varios anos teñen en marcha unha iniciativa ben interesante na Radio Galega. Un certame de Teatro Radiofónico.

Polo que me fun enterando, preséntanse textos, hai un xurado que elixe, e os tres textos finalistas encárganselle a un director, que é que contacta cunha serie de actores e actrices para gravar as obras, que son emitidas pola Radio Galega durante unha boa tempada, non sei se chegará a un mes. E poden botar eses fragmentos en case calquera programa da cadea, as obras son breves, entre 10 e 15 minutos.

Este ano ganou a obra "Peter Buckley" de Rubén Ruibal (está acostumándose a ganar premios) e César Candelas. Fala da historia real dun boxeador americano que cría ser o pero de todos os tempos, cunha cifra de combates perdidos descomunal. Despois descubriuse que había outro aínda peor, pero a épica funciona igual.

Conto todo isto porque hai poucos días foi a entrega dos premios no Teatro Rosalía da Coruña e gravouse alí o programa "Diario Cultural" da Radio Galega. Houbo entrevistas e escenificación de fragmentos das tres obras finalistas.

Que mágoa que estea tan esquecida esta amena actividade!!!

Saúdos.
Comentarios (0) - Categoría: Xeral - Publicado o 17-04-2009 20:12
# Ligazón permanente a este artigo
O testamento de Orfeo
O outro día tiña ganas de desconectar e fun ver algo que che fai desconectar por completo.

No Museo de Belas Artes botaron "O testamento de Orfeo" de Jean Cocteau.

Segundo dixo o autor, era onde amosaba a súa sensibilidade poética e onde intentaba explicar como era o seu universo onírico.

Non sei se daría entendido absolutamente nada do que vin. Pero tampouco é unha cousa que me obsesione. Moitas veces, prefiro iso antes que o cine convencional. Imaxes e historias suxerentes, que fagan pensar.

Na foto, os misteriosos homes-cabalo.

Saúdos.
Comentarios (0) - Categoría: Xeral - Publicado o 17-04-2009 20:06
# Ligazón permanente a este artigo
Viaxes O Lóstregho no País Valenciá (1ª parte)
Acabamos de chegar da nosa primeira exitosa incursión no territorio do País Valenciá.

Foron nove días (un de aproximación, outro de retirada e sete de invasión total) moi produtivos.

Establecemos a nosa base en Sagunto. Razóns:
- O noso obxectivo principal era ver a provincia de Castellón e parte da de Valencia (o que dera tempo).
- Sagunto pertence á provincia de Valencia pero está case na fronteira coa de Castellón.
- Está nun interesante nó de estradas, onde se cruzan a AP-7 (autopista que percorre toda a costa mediterránea) e a A-23 (nova autovía, chamada Mudéjar) que une Zaragoza con Valencia-Sagunto (está a uns 25 quilómetros de Valencia).
- Atopamos un hotel con boa relación calidade-prezo que se atopaba xusto no cruce desas dúas vías, o que nos permitía saír todas as mañás axiña en calquera dirección.

Dedicamos tres días a ver a provincia de Castellón. Cales foron os puntos máis salientables??:
- Peñíscola: impresionante o castelo e o casco vello no promontorio. Todo o demais seguramente poderían tiralo. Os que virades a película "O Cid" protagonizada por Charlton Heston, veríades esta marabillosa vila, aínda que alí dicían que era Valencia, QUE NON SE PARECE EN NADA A ESTE LUGAR (xa sabedes do rigor do cine americano).
- Morella: impresionante vila medieval con outro castelo espectacular.
- Está bastante ben o val do río Millars.
- E as covas de Sant Josep, en Vall d'Uixó. Xeolóxicamente non teñen nada do outro mundo, pero son navegables, e a maior parte do traxecto faise en pequenas barcas. Delicioso.
- Aínda que non está en Castellón, aproveitamos que profundizamos moito cara o interior, para visitar un pobo medieval da provincia de Teruel, chamado Mirambel. Marabilloso.

Dedicamos os outros catro días de exploración a ver cousas na provincia de Valencia, pero aínda quedaron algunhas zonas pendentes. Salientable:
- Valencia capital: por dicir algo. Hai uns cantos monumentos ou entornos con encanto na cidade. Como o da Catedral e as dúas prazas que a rodean. E sobre todo a do Mercado Central e a Lonxa (este último edificio é Patrimonio da Humanidade). Algunhas torres monumentais da antiga muralla e non moito máis. Despois tamén sorprende a Cidade das Artes e as Ciencias. Pero para o grande que é a cidade tampouco me parece demasiado.
- Parque Natural das Hoces do Cabriel: Estivemos por alí e decepcionounos algo, se cadra non estivemos na zona máis espectacular. Pero promete.
- Val do río Turia: Algúns paraxes moi atraentes en torno a encoros, cañóns, etc.
- Cortés de Pallás: o río Xúquer (Júcar en español) tamén ofrece algunhas paraxes sorprendentes. Únese ao Cabriel en Cofrentes (onde hai unha central nuclear). Uns quilómetros máis adiante chega á impresionante Muela de Cortes. Alí, aparte dunha reserva de caza hai un encoro de bombeo formado por un embalse inferior que lle envía auga a outro superior, que só se ve dende o aire (mirar Google Maps ou Earth, en Cortés de Pallás). Un pouco máis abaixo está a presa de Tous, que se derrubou a comezos dos 80.

Se non hai contratempo, o ano que vén voltaremos para rematar a invasión. A localidade elixida para instalar o noso campamento base será Alcoi, na provincia de Alicante.

Saúdos. Viaxes O Lóstregho.
Comentarios (0) - Categoría: Xeral - Publicado o 12-04-2009 18:20
# Ligazón permanente a este artigo
Yin & Yang
Hai poucos días inauguramos na Agrupación Cultural Alexandre Bóveda unha exposición do fotógrafo Raúl Lamoso.

Expón imaxes da cidade da Coruña, 10 delas con aspectos "positivos" e vistosos, e outras 10 con aspectos "negativos" ou menos vistosos, sobre todo relacionados coa pobreza ou a marxinación.

O que se recade irá a beneficio da Cociña Económica. Hai moita calidade nas fotografías, a ver se a recadación é abondosa.

Saúdos. Os Mártires da Caeira.
Comentarios (0) - Categoría: Os Mártires da Caeira - Publicado o 12-04-2009 18:00
# Ligazón permanente a este artigo
Ángela Oramas Camero
Hai unhas semanas visitounos a xornalista cubana Ángela Oramas Camero. Estivo na Agrupación Cultural Alexandre Bóveda falando sobre a pegada dos galegos e da cultura galega en Cuba.

Eu lin algún libro dela sobre algún tema similar, por exemplo o titulado "Galegos na Habana" que fala dos moitos galegos que tiveron alí a súa influencia, como o famoso "Cabaleiro de París".

Non puiden asistir a toda a conferencia, pero o que vin foi moi interesante. Agora que se tenderon máis pontes entre a cultura galega e a cubana, haberá que aproveitalas.

Saúdos. Os Mártires da Caeira.
Comentarios (0) - Categoría: Os Mártires da Caeira - Publicado o 12-04-2009 17:45
# Ligazón permanente a este artigo
A Costa de Dexo
Hai poucas semanas, Viaxes O Lóstrehgo máis un grupo de amigos fomos facer unha ruta de sendeirismo (das homologadas) que se atopa a poucos quilómetros da nosa casa (polo menos da casa de algúns). Refírome á Costa de Dexo, paraxe natural protexido no concello de Oleiros.

Son uns 25 quilómetros, dos que a maior parte transcorren pola recortada e sorprendente costa do concello de Oleiros, entre Mera e Lorbé. Péchase a ruta circular volvendo polo interior, por Maianca.

Constatamos unha vez máis que no noso entorno máis cercano hai auténticas marabillas que moitos non coñecemos.

Por salientar algunhas das zonas máis chulas e descoñecidas que atopamos, falaríamos da Ínsua de Monte Meán, o porto de Dexo (onde xantamos) e a escarpadísima costa entre a Punta Roza e a Punta Torrella.

Saúdos.
Comentarios (0) - Categoría: Xeral - Publicado o 12-04-2009 17:35
# Ligazón permanente a este artigo
Les Luthiers na Coruña
Ao día seguinte de ver a Yllana no Teatro Rosalía da Coruña fun ver a Les Luthiers ao Coliseo. Non foi unha semana aburrida, dende logo.

Era a primeira vez que os veía en directo, despois de ver varios videos e escoitar bastantes discos.

Nunca os vira porque sempre que viñan por aquí, as colas para coller as entradas eran quilométricas e esgotábanse en poucas horas.

Xa nas últimas ocasións actúan no Coliseo, que ten moita capacidade e durante varios días. Esta vez estiveron catro días seguidos nun recinto preparado para unhas tres mil persoas. Polo tanto, era previsible que houbera entradas dispoñibles. E hóuboas, aínda que venderon moitas, coma sempre. Nós collemos as entradas unhas catro horas antes da actuacións, e aínda había uns cantos centos de prazas libres.

Eu ouvira que xa ían maiores e que perderan parte da súa chispa, e que ademais no Coliseo non se ouvía nin veía ben se che tocaba nun curruncho. Nós estabamos nun curruncho e todo foi á perfección. O son e a imaxe con pantallas xigantes estiveron moi ben.

En definitiva, unha gran experiencia e a un prezo asequible, porque entre unhas cousas e outras a entrada custou 21 euros, que para este espectáculo é unha ganga (refírome a que a maioría das entradas son moito máis caras).

A trama do espectáculo era ben simple: a entrega duns premios Les Luthiers, parecido a uns Oscar. Con ese sinxelo argumento, introducían moitas historias e personaxes pintorescos.

Saúdos.
Comentarios (0) - Categoría: Xeral - Publicado o 12-04-2009 17:26
# Ligazón permanente a este artigo
Brokers, de Yllana
Hai unhas semanas fomos ver a obra "Brokers" do grupo madrileño Yllana.

Sempre que vén este grupo, ben á Coruña ou ás veces aos arredores como Carballo (son asiduos visitantes do Festival do Outono) achégome a velos se teño oportunidade. Nunca decepcionan.

Como xa se intúe, trata sobre os tiburóns das finanzas que viven cun altísimo nivel e ritmo de vida.

Como habitualmente sucede nas súas obras, son catro os intérpretes e non din nin unha soa palabra, a non ser exclamacións ou onomatopeias. Pero o humor está garantido e sempre se pasa un rato marabilloso. Esta vez non foi diferente.

Saúdos.
Comentarios (0) - Categoría: Xeral - Publicado o 12-04-2009 17:19
# Ligazón permanente a este artigo
1 [2]
© by Abertal